Vilasantar - ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DA CESIÓN E USO DOS LOCAIS MUNICIPAIS

Publicación provisional: 07/11/2012 BOP Nº: 212
Publicación definitiva: 10/01/2013 BOP Nº: 7
Aplicable dende: 28/01/2013

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Neste municipio cada vez demándase máis o uso de locais municipais ben polas asociacións para ter un lugar como sede social para o exercicio das súas funcións, ou por estas mesmas ou particulares para actuacións puntuais, polo que se considera oportuna a elaboración e aprobación dun regulamento que regule a cesión e uso dos ditos locais en cada suposto.

TÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS

ARTIGO 1. OBXECTO

O obxecto desta ordenanza é a regulación das cesións locais municipais que este Concello poida facer por razóns de interese público ou social e o uso que destes mesmos fagan os cesionarios.

As citadas asociacións serán sen ánimo de lucro e deberán estar inscritas no Rexistro municipal das asociacións do Concello de Vilasantar.

ARTIGO 2. OBXECTIVOS DA CESIÓN

Propiciar o uso de lugares comunitarios e de encontro entre veciñanza, asociacións e demais elementos integrantes da vida do municipio.

Facilitar a posta en marcha de programas e servizos de carácter cultural, informativo, formativo, educativo, deportivo e lúdico.

ARTIGO 3. TIPOS DE CESIÓN

3.1. Puntual: para desenvolver un acto concreto e extraordinario, con data e horario predeterminado.

3.2. Anual: para o funcionamento ordinario das actividades propias da asociación.

TÍTULO 2. ORGANIZACIÓN

ARTIGO 4. ÓRGANOS DECISORIOS

A Alcaldía ou o concelleiro en que delegue xestionará e resolverá as actualización relativas ao outorgamento de autorizacións e demais consideracións sobre o uso dos locais, agás cando se tratar de materias que competan ao Pleno quen resolverá logo do ditame da Comisión informativa correspondente.

TÍTULO 3. CESIÓN DE USO PUNTUAL E/OU ANUAL

ARTIGO 5. CONCEPTO

Trátase da cesión de uso dun local municipal a favor de calquera asociación inscrita no rexistro municipal, realizada con carácter puntual e/ou anual, con carácter gratuíto e a título de precario, sen que en ningún momento poida considerarse que esta constitúa dereito económico ou arrendaticio a favor de calquera das partes.

ARTIGO 6. PERSOAS BENEFICIARIAS

Esta cesión realizarase exclusivamente a favor das asociacións de ámbito municipal sen ánimo de lucro, inscritas no Rexistro municipal de asociacións cuxas finalidades teñan por obxecto o ben común da veciñanza a través das súas diversas manifestacións. Para a realización de actividades puntuais tamén poderán ter acceso os locais colectivos non formais.

ARTIGO 7. FORMALIZACIÓN

A formalización realizarase logo da solicitude por escrito da asociación interesada no Rexistro municipal do Concello e a achega da memoria explicativa onde especifique o espazo e uso que se lle vai dar.

A resolución corresponderá ao órgano decisorio e a formalización documentarase no convenio correspondente.

ARTIGO 8. PRAZO DE DURACIÓN

Cesión puntual. Esta cesión terá unha vixencia en tempo e forma conforme ao desenvolvemento do acto puntual solicitado.

Cesión anual. Esta cesión terá unha vixencia mínima dun ano dende a data de sinatura do convenio. Será renovable tacitamente, salvo por acordo do Concello comunicado nun prazo de tres meses.

Será causa de rescisión do convenio o incumprimento deste nalgunha das súas obrigas. Neste caso o Concello dará audiencia á asociación por un prazo de quince días, para que alegue o que considere conveniente.

ARTIGO 9. DEREITOS DAS ASOCIACIÓNS CESIONADAS

O dereito fundamental das asociación cesionaria será o de utilizar o local de forma gratuíta e permanente como sede social no suposto da cesión anual e para exercicio da finalidade para os que foi creada.

Dereito a solicitar a reparación daquelas obras que veñan ocasionadas polo deterioro natural do inmoble causado polo uso normal e razoable, correspondendo acreditar tal situación aos servizos municipais.

ARTIGO 10. OBRIGAS DAS ASOCIACIÓNS CESIONADAS

Serán obrigas da entidade cesionaria no uso do local concedido as seguintes:

-Corresponde ás asociacións manter en bo estado de hixiene o local cedido e observar a dilixencia debida no uso deste de maneira que non prexudiquen, nin causen molestias aos demais propietarios ou usuarios de vivendas ou locais situados no mesmo inmoble ou proximidades do local cedido.

-Cada grupo cesionario terá o seu calendario de uso dos locais.

-O Concello terá liberdade para entrar nos locais cedidos e disporá de chaves de acceso a estes.

-No caso de locais compartidos, o Concello establece as seguintes normas de uso:

Creación dunha Comisión Coordinadora de uso do local social formada por un integrante de cada asociación entre cuxas competencias estaría: consensuar o calendario de uso, control de mantemento e limpeza. Esta Comisión deberá presentar a acta de creación do Concello.

O calendario do uso dos locais será público e estará visible no exterior do local. Os días que o local este libre, poderá ser cedido pola entidade ou polo Concello a outra entidade para unha actividade puntual

TÍTULO 4. NORMAS XERAIS DE FUNCIONAMENTO

ARTIGO 11. NORMAS XERAIS DE FUNCIONAMENTO

Todas as cesións de locais, permanentes ou eventuais, estarán suxeitas ao cumprimento das seguintes normas:

11.1. O dereito de uso dos locais supón a aceptación das normas que o regulan e o seu cumprimento implica a perda do dito dereito.

11.2. Prohíbese consumir substancias psicotrópicas ou fumar.

11.3. Prohíbese a introdución de animais nos locais, agás os cans guía.

11.4. Prohíbese a almacenaxe de calquera tipo de material non relacionado co uso ou non sexa propiedade da asociación.

11.5. No caso de se realizar algunha actividade que precise dalgún seguro específico polo rango da actividade, deberá ser contratado polo grupo que realice a actividade.

ARTIGO 12. RESOLUCIÓN DA CESIÓN

O órgano que adoptou o acordo de cesión poderá deixar sen efecto a cesión, cando o local non fose destinado para a finalidade prevista ou incumprise as condicións impostas.

ARTIGO 13. PROCEDEMENTO DE RESOLUCIÓN

Emitidos os informes oportunos para a resolución da cesión darase audiencia á asociación afectada para que alegue e presente a documentación que estime pertinente.

DISPOSICIONES

DISPOSICIÓN ADICIONAL PRIMEIRA

A Xunta de Goberno local resolverá as dúbidas que poidan xurdir na aplicación desta ordenanza ou sobre aspecto puntuais non regulados nesta.

DISPOSICIÓN ADICIONAL SEGUNDA

As asociacións que usan locais ou bens municipais deberán regularizar a súa situación e presentar a correspondente petición de cesión no prazo de dous meses, que comezará a contar desde a entrada en vigor da presente ordenanza.

Os locais que se atopen actualmente cedidos en uso, deberán de adaptarse ao establecido neste regulamento no prazo de dous meses.

DISPOSICIÓN ADICIONAL TERCEIRA

As cesións de carácter permanente regularanse mediante o Regulamento de bens das entidades locais.

DISPOSICIÓN FINAL

A presente ordenanza entrará en vigor unha vez publicada integramente o seu texto no Boletín Oficial da Provincia e transcorra o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.