Carral - ORDENANZA REGULADORA DO REXISTRO DE ASOCIACIÓNS DO TERMO MUNICIPAL DE CARRAL
Exposición de motivos:
O dereito a asociarse aparece determinado na Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación, que desenvolve o dereito fundamental de asociación recoñecido no artigo 22 da Constitución.
No ámbito local é o artigo 236 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais (ROF), aprobado polo Real Decreto 2568/1986, do 28 de novembro, o que prevé a existencia dun Rexistro Municipal de Asociacións Veciñais. Os dereitos recoñecidos ás asociacións para a defensa dos intereses xerais ou sectoriais da veciñanza nos artigos 232, 233, 234 e 235 deste Regulamento só poderán ser exercitados por aquelas que se atopan inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións Veciñais.
Polo tanto, o rexistro ten por obxecto permitir ao Concello coñecer o número de entidades non lucrativas existentes no termo municipal, os seus fins e a súa representatividade, aos efectos de posibilitar unha correcta política municipal de fomento do asociacionismo veciñal, por tanto, é independente do Rexistro Xeral de Asociacións, no que asemade, deben figurar inscritas todas elas.
O Rexistro Municipal de Asociacións Veciñais é independente do Rexistro Xeral de Asociacións e do Autonómico, que supoñen un recoñecemento legal da asociación, mentres que o rexistro municipal serve para poder exercitar as posibilidades de participación e obtención de beneficios expresados nos artigos 232 a 235 do ROF.
Se contan con estatutos, número do Rexistro Xeral de Asociacións, ou do Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, e demais elementos básicos, as asociacións serán legais, independentemente da súa inscrición no Rexistro Municipal, que, insistimos, ten carácter voluntario, e incluso deben cumprir a condición de tratarse de asociación para a defensa dos intereses xerais ou sectoriais da veciñanza, polo que poden existir asociacións que aínda desexando inscribirse no Rexistro Municipal non cumpran este (ou outros) requisito(s); agora ben, só os inscritos gozarán no seu caso dos dereitos recoñecidos.
Mais unha cousa é a voluntariedade da inscrición e outra é a voluntariedade da creación do rexistro. Para que as asociacións poidan inscribirse debe existir este rexistro, porque ao ser un dereito dos particulares a inscrición, é unha obriga das Administracións a creación do mesmo, mais non existe unha formalidade legal para a creación do rexistro, que se levará na Secretaría Xeral da Corporación, e dado que non é unha competencia do Pleno das enumeradas no artigo 22 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local (LRBRL.), poderá realizarse por decreto da Alcaldía baseándose no artigo 21 da mesma norma, atribuíndose como unha competencia residual máis.
Ata agora as entidades non lucrativas de Carral que o solicitaron, inscribíronse nun Rexistro de Asociacións que non contaba con regulación ningunha, o cal imposibilitaba o seu correcto funcionamento e xestión, impedindo desenvolver unha correcta política de fomento do asociacionismo. As carencias demostradas por este rexistro animan ao Concello de Carral a crear o Rexistro Municipal de Asociacións dun xeito regulado e normalizado, aprobando a presente Ordenanza.
Obxecto e Características
Artigo 1.- O Rexistro Municipal de Asociacións ten por obxecto permitir ao Concello coñecer o número de entidades existentes no municipio, os seus fins, representatividade e incidencia, a efectos de posibilitar unha política municipal axeitada que contribúa a fornecer o tecido asociativo local.
Artigo 2.- O Rexistro Municipal de Asociacións é independente do Rexistro Xeral de Asociacións e do Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, polo que a inscrición das entidades ou organizacións en calquera destes últimos non presuporá a inscrición no primeiro.
Artigo 3.- O Rexistro levarase na Secretaría Xeral coa colaboración, para a súa xestión e mantemento,da unidade administrativa encargada dos asuntos referentes á participación cidadá, seguindo as directrices establecidas pola Secretaría xeral.
Artigo 4.- Os datos contidos no Rexistro Municipal de Asociacións serán públicos, exceptuando aqueles que estean especialmente protexidos pola Lei de Protección de Datos (LO 15/99 de 13 de decembro).
Inscrición no Rexistro
Artigo 5.- Poderán obter a inscrición no Rexistro Municipal de Asociacións todas aquelas cuxo obxecto sexa a defensa, o fomento ou a mellora dos intereses xerais ou sectoriais da veciñanza do municipio, e en particular, as asociacións de veciños/as, as de nais e pais de alumnos, os clubs deportivos, as entidades culturais, xuvenís, recreativas, sindicais, empresariais, profesionais e calquera outra semellante, que exerzan as súas actividades dentro do ámbito territorial de Carral.
Artigo 6.- As asociacións interesadas na inscrición deberán achegar mediante orixinal ou fotocopia compulsada a seguinte documentación:
1) Acta fundacional.
2) Estatutos, adaptados á Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación.
3) Resolución/s de inscrición preceptiva/s no/s rexistro/s doutras Administracións Públicas que corresponda/n legalmente.
4) C.I.F.
5) Certificación do/a secretario/a da entidade indicando nome, apelidos, N.I.F., domicilio e teléfono das persoas que ocupan os cargos directivos no momento da inscrición no Rexistro Municipal de Asociacións, así como o domicilio social da entidade e o número de socios/as.
6) Orzamento do ano en curso.
7) Programa de actividades do ano en curso.
As entidades deportivas deberán presentar copia compulsada dos seus estatutos adaptados ao establecido na Lei 11/1997, do 22 de agosto, xeral do Deporte de Galicia.
Artigo 7.- A unidade administrativa encargada da colaboración na xestión do rexistro realizará as comprobacións oportunas para a inscrición da asociación, debendo no prazo de quince (15) días, contado desde a solicitude de rexistro, comunicar á asociación interesada o seu número de inscrición. O transcurso do prazo poderá interromperse en caso de que fose necesario requirir á asociación para que presente a documentación non incluída inicialmente. Se transcorrido o prazo concedido a asociación non achega os datos requiridos, entenderase que renuncia da súa pretensión de inscribirse. No caso de que a asociación solicitante non obtivese resposta á solicitude de inscrición no prazo sinalado de quince (15) días, a inscrición entenderase efectuada, sempre que a asociación tivese achegado a documentación preceptiva.
Artigo 8.- A partires da data de comunicación do número de inscrición, considerarase que a asociación está dada de alta a todos os datos referentes ás asociacións que teñan que figurar nos arquivos desta Administración.
Dereitos
Artigo 9.- 1. Os dereitos recoñecidos nesta ordenanza ás asociacións para a defensa dos intereses xerais ou sectoriais da veciñanza só serán exercitables por aquelas que se atopen inscritas no Rexistro municipal de asociacións veciñais.
2.-As asociacións inscritas, logo da petición por escrito presentada no Rexistro Xeral coa antelación que se estableza polos servizos correspondentes, poderán acceder ao uso de medios públicos municipais, especialmente locais e medios de comunicación.
As autorizacións concederanse atendendo ás actividades programadas, a dispoñibilidade de espazos, persoal e horarios, segundo os criterios que se fixen polas unidades responsables da xestión dos medios solicitados. Asemade, as asociacións inscritas poderán acceder ás accións formativas que impulse o Concello de Carral en fomento do asociacionismo.
Artigo 10. - Logo da solicitude escrita dirixida ao Concello, as asociacións inscritas poderán recibir no seu domicilio social as convocatorias dos órganos colexiados municipais cuxas sesións sexan públicas, cando na orde do día figuren cuestións relacionadas co obxecto social destas.
Artigo 11. - As asociacións inscritas, mediante solicitude escrita dirixida ao Concello, poderán recibir os acordos e resolucións adoptados polos órganos municipais cando o seu contido afecte a temas relacionados co obxecto social da entidade.
Artigo 12. - O Concello, logo de petición expresa das asociacións inscritas interesadas, remitiralles as publicacións que, editadas polo Concello, resulten de interese para aquelas, atendendo ao seu obxecto social.
Artigo 13. - Na medida que o permitan os recursos municipais e logo do procedemento establecido, o Concello poderá subvencionar economicamente ás asociacións, tanto no que se refire aos seus gastos xerais coma ás actividades que realicen.
Artigo 14. - As asociacións xerais ou sectoriais canalizarán a participación da cidadanía nos Consellos Sectoriais, nos órganos colexiados de xestión desconcentrada e nos órganos colexiados de xestión descentralizada de servizos municipais cando tal participación estea prevista nas regulamentacións ou acordos municipais polos que se rexan e, no seu caso, na medida que o permita a lexislación aplicable, e levarase a cabo nos termos e co alcance previstos nestes.
En todo caso, teranse en conta, para os efectos de determinar o grao de participación de cada unha delas, tanto a especialización sectorial do seu obxectivo social coma a súa representatividade. En principio, a participación das asociacións só se admitirá en relación con órganos deliberantes ou consultivos, agás nos casos nos que a Lei autorice a integración dos seus representantes en órganos decisorios.
Artigo 15. - Os distintos departamentos municipais artellarán as relacións de colaboración necesarias a fin de facilitar a tramitación dos asuntos promovidos polas asociacións debidamente inscritas, sendo a unidade administrativa responsable da xestión deste Rexistro Municipal de Asociacións a encargada de subministrar a outras unidades municipais os datos referentes ás asociacións que haxan de obrar nos arquivos desta Administración.
Obrigas.
Artigo 16. - As asociacións están obrigadas a notificar ao Rexistro Municipal de Asociacións todas as modificacións dos datos de inscrición dentro do mes seguinte á data en que se produzan.
Artigo 17. - Anualmente, durante o mes de xaneiro, as asociacións comunicarán, mediante unha breve memoria, o programa anual de actividades e o orzamento previsto para o ano en curso. Comunicarán asemade cantos datos de rexistro actualizados lles sexan solicitados.
Artigo 18. - As asociacións responderán do uso realizado das instalacións municipais e dos danos que nestas puidesen causar pola súa utilización.
Artigo 19. - O incumprimento destas obrigas poderá dar lugar, logo de tramitación do oportuno expediente, á baixa da asociación no Rexistro coa conseguinte perda dos dereitos enumerados na presente ordenanza.
Disposicións Finais
Primeira: No non previsto por esta Ordenanza, o rexistro municipal de asociacións, e as relacións das inscritas nel co Concello rexeranse polo Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais.
Segunda: A presente ordenanza entrará en vigor, logo da súa publicación íntegra no BOP da Coruña, despois de transcorrer o prazo previsto no artigo 70 en relación co 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local.