Bergondo - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA REALIZACIÓN DE ACTUACIÓNS ADMINISTRATIVAS CON MOTIVO DA APERTURA DE ESTABLECEMENTOS

Publicación provisional: 03/08/2012 BOP Nº: 147
Publicación definitiva: 20/09/2012 BOP Nº: 180
Aplicable dende: 21/09/2012

Artigo 1.º.-Fundamento e natureza.

En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 71985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19, e 20.4 i) do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais (TRLRFL), este Concello establece a ¿Taxa pola realización de actuacións administrativas con motivo da apertura de establecementos" que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, da que as súas normas atenden ó prevido no artigo 57 do citado TRLRFL.

Artigo 2.º.-Feito impoñible.

1. Nos supostos de declaración responsable ou comunicación previa, constitúe feito impoñible da taxa a actividade municipal, destinada á verificación inicial da documentación achegada polo interesado nos casos de declaración responsable ou comunicación previa, nos termos establecidos na ordenanza municipal reguladora do exercicio de actividades de apertura de establecementos e realización de determinadas obras previas, así como as actividades de comprobación, control e inspección que sexan necesarias e todas as actuacións que impliquen a execución de medidas correctoras para manter as condicións de tranquilidade, seguridade e salubridade e as demais impostas nos títulos habilitantes ou pola lexislación urbanística e sectorial de aplicación.

2. Nos supostos de autorizacións e licenzas, constitúe o feito impoñible da taxa a actividade municipal, tanto técnica como administrativa, tendente a verificar se os establecementos industriais e mercantís reúnen as condicións de tranquilidade, sanidade, salubridade e calquera outras esixidas pola correspondentes ordenanzas e regulamentos municipais ou xerais para o seu normal funcionamento, como presuposto necesario e previo para o outorgamento por este Concello da licenza de apertura.

3. A tal efecto, terá a consideración de apertura:

a) A instalación por vez primeira do establecemento par dar comezo á súas actividades.

b) A variación ou ampliación da actividade desenvolvida no establecemento, aínda que continúe o mesmo titular.

c) Os traspasos e cambios de titularidade dos establecementos por calquera causa, incluídos os cambios de denominación.

d) Calquera outro que implique modificación na actividade ou no local onde se desenvolve.

4. Entenderase por establecemento industrial ou mercantil toda edificación habitable, estea ou non aberta ó público, que non se destine exclusivamente a vivenda, e que:

a) Se dedique ó exercicio de algunha actividade empresarial, fabril, artesá, da construción, comercial ou de servizos.

b) Aquelas outras que sen estar recollidas no apartado anterior, teñan relación con elas en forma que lles proporcionen beneficios ou aproveitamento, como por exemplo, sedes sociais, axencias, delegacións ou sucursais de entidades xurídicas, oficinas ou estudios.

Artigo 3.º.-Suxeito pasivo.

Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas e xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei xeral tributaria, titulares da actividade que se pretende desenvolver, ou no seu caso, se desenvolva en calquera establecemento industrial ou mercantil.

Artigo 4.º.-Responsables.

1. Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas a que ese refiren os artigos 41.1 e 42 da Lei xeral tributaria.

2. Serán responsables subsidiarios as persoas o entidades reguladas e co alcance que sinala o artigo 43 da Lei xeral tributaria.

Artigo 5.º.-Cota tributaria.

1. A cota Tributaria determinarase por unha cantidade fixa sinalada segundo a natureza do expediente a tramitar en función da actividade, da superficie do local, de acordo coa tarifa que contén o artigo seguinte.

2. A cota de tarifa corresponde á tramitación completa do expediente de que se trate, dende o seu inicio ata a súa resolución final, incluída a certificación e notificación ó interesado do acordo recaído.

Artigo 6.º.-Tarifa.

 

1. As cotas tributarias determinaranse de acordo coa seguinte tarifa:

Concepto

Tarifa (en €)

Actividades suxeitas a comunicación previa

250,00

Actividades suxeitas a declaración responsable

450,00

Actividades suxeitas a licenzas de apertura sometidas a avaliación de incidencia ambiental, así como, as incluídas no regulamento xeral de policía de espectáculos públicos e actividades recreativas

1.000,00

Resto de actividades suxeitas a licenzas de apertura

750,00

Cambios de titularidade ou calquera outro suposto de tramitación equivalente

100,00

Ás cotas determinadas no apartado anterior se lles aplicará un coeficiente en función da superficie útil total do local, de acordo coa seguinte escala.

Ata 100 m2

1

De 101 a 300 m2

1,2

De 301 a 1.000 m2

1,5

De 1001 a 2.000 m2

1,7

Máis de 2.000 m2

2

2. Cando nun establecemento se exercesen varias actividades a efectos de cómputo de tarifas de esta ordenanza, terase en conta a cota por esta taxa máis alta das que correspondan.

3. Nas actividades suxeitas a licenza, en caso de desestimento formulado polo solicitante con anterioridade á súa concesión, as cotas a liquidar, sempre que a actividade municipal se iniciase efectivamente, serán:

a) Do 25% das establecidas se o desestimento se produce no prazo dun mes a partires da solicitude.

b) Do 50% se o desestimento se produce posteriormente a dito mes.

4. No caso das actividades tramitadas mediante os procedementos de comunicación previa ou declaración responsable, o desestimento poderá realizarse unicamente nos supostos previstos na Ordenanza municipal reguladora do exercicio de actividades de apertura de establecementos e realización de determinadas obras previas, sendo as cotas a liquidar as seguintes:

a) Do 25% das establecidas se o desestimento se produce no prazo dun mes a partires da solicitude.

b) Do 50% se o desestimento se produce posteriormente a dito mes.

5. No caso establecido nos apartados anteriores procederase a realizar unha regularización da cota xa cobrada coa devolución do importe que proceda.

 

Artigo 7.º.-Exencións e bonificacións.

Non se concederá ningunha exención nin bonificación na exacción da taxa.

Artigo 8.º.-Devengo.

1. Devéngase a taxa e nace a obriga de contribuír, cando se inicie a actividade municipal que constitúe o feito impoñible. A estes efectos, entenderase iniciada dita actividade, nos seguintes supostos:

a) En actividades suxeitas a licenza, na data de presentación da oportuna solicitude da licenza de apertura.

b) No resto de actividades, no momento de presentación da declaración responsable ou comunicación previa de inicio de actividade.

O ingreso da taxa se fará efectivo no mesmo momento, mediante o modelo de autoliquidación facilitado polo Concello e previa declaración da superficie do local sen prexuízo de comprobación posterior e regularización da contía da taxa.

2. Cando a apertura tivera lugar sen obte-la oportuna licenza ou sen realizar a correspondente declaración responsable ou comunicación previa, a taxa devengarase cando se inicie efectivamente a actividade municipal conducente a determinar se o establecemento reúne ou non as condicións esixibles, con independencia da iniciación do expediente administrativo que poida instruírse para autoriza-la apertura do establecemento ou decreta-lo seu peche, se non fora autorizable dita apertura.

3. A obriga de contribuír unha vez nacida, non se verá afectada, en modo algún, pola denegación da licenza solicitada ou pola concesión desta, condicionada á modificación das condicións do establecemento, nin pola renuncia nin desestimento do solicitante unha vez concedida da licenza.

Artigo 9.º.-Procedemento.

1.-Nos supostos de actividades sometidas a réxime de declaración responsable ou comunicación previa, os interesados presentarán solicitude no rexistro coa documentación e requisitos establecidos no capítulo III da ordenanza municipal reguladora do exercicio de actividades de apertura de establecementos e realización de determinadas obras previas.

2. As persoas interesadas na obtención dunha licenza de apertura de establecementos industriais ou mercantís presentará, previamente, no Rexistro Xeral a oportuna solicitude, con especificación da actividade ou actividades a desenvolver no local, acompañando proxecto ou documentos esixidos para cada clase de actividade polas disposicións vixentes.

3. Se despois de formulada a solicitude de licenza de apertura ou declaración responsable ou comunicación previa, se variase ou ampliase a actividade a desenvolver no establecemento, ou se alterase as condicións proxectadas por tal establecemento ou ben se ampliase o local inicialmente previsto, estas modificacións poñeranse en coñecemento da Administración municipal co mesmo detalle ou alcance previstas nos apartados anteriores, achegando unha nova liquidación, no seu caso.

Artigo 10.º.-Infraccións e sancións.

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como nas sancións que ás mesmas corresponden en cada caso, se estará ó disposto nos artigos 178 e seguintes da Lei xeral tributaria.

Disposición final.

A presente ordenanza fiscal derroga a Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola apertura de establecementos, aprobada polo Pleno de data 20 de decembro de 2001. Entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación definitiva no B.O.P., permanecendo vixente ata que se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.