Cee - REGULAMENTO DE UTILIZACIÓN DOS LOCAIS SOCIOCULTURAIS MUNICIPAIS DO CONCELLO DE CEE

Publicación provisional: 22/06/2012 BOP Nº: 118
Publicación definitiva: 10/08/2012 BOP Nº: 152
Aplicable dende: 29/08/2012

DISPOSICIÓNS XERAIS

ARTIGO 1º.

Constitúe o obxecto deste regulamento establecer o uso e funcionamento dos locais socioculturais municipais do Concello de Cee, estando a competencia municipal respecto desta materia recoñecida no artigo 25.2 m) da Lei 7/1985, de 2 de abril, de Bases de Réxime Local.

ARTIGO 2º.

O Concello de Cee persegue na xestión dos locais socioculturais da súa competencia os seguintes obxectivos:

a) Utilizar racional e ordenadamente as instalacións socioculturais municipais, garantindo o seu uso a toda a cidadanía en condicións de igualdade.

b) Aproveitar de xeito integral os recursos dispoñibles, tanto materiais coma humanos.

c) Fomentar a cultura e as relacións sociais entre a veciñanza e procurar o desenvolvemento integral da persoa, independentemente da súa idade, buscando ademais crear hábitos de vida saudable e espazos de convivencia.

d) Coordinar os esforzos e as actividades culturais e sociais que se poidan realizar no Concello, sexan estas promovidas pola institución municipal, polas entidades culturais, sociais, veciñais ou por particulares.

ARTIGO 3º.

1. As instalacións socioculturais municipais son bens de dominio público que se destinan ó servizo da cidadanía.

2. As instalacións afectadas por este regulamento son os seguintes locais socioculturais:

Antigas Escolas de Gures, Ameixenda, Cabaleriza, Estorde e Lires, así como os locais disponibles no antigo Instituto de Bacharelato.

Casas de Cultura de Ameixenda e Brens.

Salón de Actos do Concello de Cee

3. En relación ás instalacións dos apartados a) e b), a súa conservación e mantemento correrá a cargo das AA.VV. ou entidades socioculturais que, rexistradas no concello, soliciten o seu uso, previa solicitude e autorización da Concellería de Cultura, Educación e Deportes, de acordo co establecido na presente ordenanza. A custodia dos medios de apertura e peche dos referidos locais será responsabilidade dunha das persoas da xunta directiva da entidade solicitante, quedando a tal efecto identificada na propia instancia de solicitude.

ARTIGO 4º.

Os locais socioculturais municipais destinaranse á práctica das actividades culturais, sociais e veciñais que se axusten ás características das súas instalacións, previa autorización da alcaldía ou concellaría coas correspondentes competencias delegadas.

COMPETENCIAS

ARTIGO 5º.

Compételle ó Pleno da Corporación o exercicio das seguintes facultades:

1. Aprobación, modificación e revogación deste regulamento.

2. Fixar as taxas pola utilización das instalacións, de ser necesario.

ARTIGO 6º.

Compételle á Alcaldía ou Concellaría competente en materia de Cultura, previa delegación:

1. Dirixir e organizar os servizos dos locais socioculturais municipais.

2. Coordinar a utilización dos locais socioculturais municipais e os programas de actividades que neles se desenvolvan.

3. Ditar, se fose necesario, as normas de utilización específicas de cada unha das instalacións socioculturais municipais consonte cos principios que se recollen no presente regulamento.

4. Outorgar as autorizacións precisas para a utilización dos locais socioculturais municipais.

5. Autorizar a colocación de publicidade nos recintos dos locais socioculturais.

6. Impor as sancións que legal e regulamentariamente correspondan ás infraccións que poidan cometer os usuarios/as.

7. O exercicio das demais facultades que lle sinalen as leis e as que asignadas ó Concello non se atribúan expresamente a outro órgano.

ARTIGO 7º.

Correspóndelle á Concellaría competente en materia de Cultura:

1. A elaboración dos informes que lle soliciten a Alcaldía, a Comisión Informativa, a Comisión de Goberno ou o Pleno da Corporación.

2. O establecemento de directrices de uso e do horario de utilización dos locais socioculturais.

3. O establecemento dos prazos para a realización das solicitudes de uso dos locais.

3. A proposta de convenios coas asociacións e entidades sociais, culturais e veciñais sobre utilización dos locais.

4. A resolución das incidencias ordinarias que xurdan na xestión dos locais.

5. Todas aquelas competencias que se lle asignen por delegación da Alcaldía.

DEREITOS E DEBERES DOS/AS USUARIOS/AS

ARTIGO 8º.

1. Toda a cidadanía de Cee ten dereito a acceder e a usar os locais socioculturais municipais en condicións de igualdade, con suxeición ós principios democráticos de convivencia, ás normas que contén o presente regulamento e ás instrucións que na súa execución diten as autoridades municipais e quen se encargar da xestión do servizo.

2. O dereito de uso tamén se axustará ás condicións da autorización municipal e ós horarios aprobados.

3. Calquera usuario/a ten dereito a formular as reclamacións e suxestións que estime pertinentes perante os encargados municipais das instalacións socioculturais ou, por escrito, perante a Alcaldía.

ARTIGO 9º.

Os/as usuarios/as teñen a obriga de:

1. Colaborar no mantemento en debidas condicións de limpeza e hixiene das instalacións.

2. Respectar as normas sobre o uso axeitado do equipamento e mobiliario das instalacións.

3. Acatar as normas de uso xeral contidas neste regulamento e aquelas específicas que as autoridades municipais diten para as distintas instalacións.

ARTIGO 10º.

As avarías, danos ou perdas que se xeren no material ou nas instalacións como consecuencia dunha desaxeitada ou neglixente utilización darán lugar á responsabilidade por parte do seu autor ou autores, que lles será esixida polo Concello de conformidade co procedemento legal e regulamentariamente establecido. Todo isto sen prexuízo da sanción administrativa que proceda.

As entidades organizadoras da actividade ou, se é o caso, aquelas que efectuasen a reserva de uso das instalacións terán a consideración de responsables subsidiarios dos danos producidos.

ARTIGO 11º.

Os/as responsables das instalacións socioculturais poderanas pechar por razóns climatolóxicas, de seguridade ou cando se dean circunstancias que poidan ocasionar danos ás persoas ou instalacións.

Cando haxa que pechar as instalacións para a realización de obras ou melloras, o peche deberá ser debidamente comunicado ós usuarios/as con autorizacións concedidas previamente, que tamén recibirán unha comunicación sobre a previsión da nova apertura.

USO DOS LOCAIS SOCIOCULTURAIS MUNICIPAIS

ARTIGO 12º.

O uso dos locais socioculturais municipais estará suxeito á autorización expresa emitida pola Alcaldía ou Concellaría que teña a competencia delegada.

ARTIGO 13º.

O uso dos locais socioculturais municipais computarase por módulos de 60 minutos.

ARTIGO 14º.

As actividades que se desenvolvan nos locais socioculturais municipais poden ter carácter anual, mensual ou puntual.

En consideración das actividades extraescolares promovidas polos centros escolares ou polas súas ANPAS, tamén se poden conceder autorizacións para o período de duración do curso escolar.

ARTIGO 15º.

O modelo de solicitude para a utilización das instalacións, que figura como anexo I estará a disposición de calquera potencial usuario/a, solicitarase nas Oficinas Xerais do Concello ou se presentará debidamente cuberto polo solicitante.

ARTIGO 16º.

As actividades organizadas polo Concello de Cee terán prioridade absoluta de ocupación dos módulos horarios dos locais socioculturais municipais. Nos espazos non utilizados polo Concello atenderanse as solicitudes consonte a seguinte prelación:

1. Centros escolares públicos do Concello de Cee, especialmente para aquelas actividades que non se poidan realizar nas súas instalacións.

2. ANPAS dos centros escolares públicos do Concello de Cee, especialmente para aquelas actividades que non se poidan realizar nas instalacións do centro escolar.

3. Entidades ou asociacións sociais, culturais, veciñais e deportivas municipais inscritas no Rexistro de Asociacións do Concello de Cee.

4. Calquera outra entidade ou empresa con sede social no Concello de Cee.

5. Particulares empadroados no Concello de Cee.

6. Calquera outra entidade, empresa, colectivo ou particular.

A prelación aplicarase concedendo módulo a módulo e non o conxunto dos módulos solicitados.

ARTIGO 17º.

O uso das instalacións durante un ou máis períodos temporais non comporta ningún dereito adquirido para os seguintes.

Cando existan solicitudes de uso dos locais socioculturais para actividades de carácter puntual que sexan de interese e de relevancia para a colectividade e as datas sinaladas coincidan con módulos previamente asignados, a autorización municipal non se poderá conceder sen poñer o feito en coñecemento dos usuarios/as, ós/ás que ademais se lles deberá ofrecer outra data para a realización da actividade.

ARTIGO 18º.

Para a recollida e tenza de chaves -tanto exteriores como interiores estabelecerase a norma xeral de recollida na Casa do Concello, no Departamento de Cultura ou en dependencias da Policía municipal.

No caso de colectivos con permiso e/ou persoas con suficiente acreditación ao entender do Concello, nomearán un responsábel da recollida, tenza e/ou devolución da chave. Esta persoa será, para todos os efectos, a responsábel de que a actividade solicitada se leve a cabo nas condicións normais de funcionamento do centro cultural e será tamén responsábel de calquera problema xurdido durante o tempo de realización da actividade ou de tenza da chave.

Para o uso do Salón de Actos do Concello, establécese o seguinte horario:

de luns a venres: desde as 9.00 ata as 21.45 horas

sábados: desde as 9.00 ata as 20.30 horas

domingos: desde as 17.00 ata as 20.30 horas

A apertura e peche do Salón de Actos corresponderá ó persoal de Departamento de Cultura e/ou á Policía Local, segundo a dispoñibilidade.

ARTIGO 19º.

Unha vez obtida a autorización, o non uso reiterado do módulo concedido e reservado dará lugar, unha vez oídos os afectados, á anulación da autorización.

Non se poderán facer actividades de utilidade privada ou con fins de lucro nestes centros. Calquera actividade que signifique contrato económico, pagamento de usuarios ou monitores, etc., deberá ser solicitada ao Departamento de Cultura e aprobada expresamente polo Concello antes de que se realice. Na solicitude constarán todos os detalles organizativos, ingresos, cotas, etc.

ARTIGO 20º.

A asignación de locais no antigo instituto de bacharelato farase por orde de solicitude no rexistro xeral do Concello. Se coincidisen dúas solicitudes ao mesmo tempo, teranse en conta para a adxudicación os seguintes criterios:

- antigüidade da asociación solicitante: 3 puntos

- número de persoas asociadas da entidade: 2 puntos

- actividades realizadas no ano anterior: 1 punto

Ademais, para poder ter acceso a un destes locais ou para poder continuar co seu uso, será preciso presentar un proxecto de actividades anual, na primeira quincena do mes de xaneiro de cada ano.

No momento da aprobación do presente Regulamento están no uso de locais no antigo instituto as seguintes asociacións e clubs:

Asociación de Empresarios de Cee

Asociación de Jubilados e Pensionistas de Cee

Unión Club Cee

Asociación Cultural Terra de Sena

Asociación de Amas de Casa

Club de Baloncesto de Cee

Procederase á revisión do uso por parte destas citadas entidades na primeira quincena do ano 2013.

As restantes dependencias son usadas polo Concello de Cee (aula almacén (2), aula empregada polo programa Preescolar na casa, aula de informática, aula e despacho Mentor, e tres aulas de teoría para cursiños).

NORMAS DE USO E DE SEGURIDADE

ARTIGO 21º.

Establécense as seguintes normas xerais, que perseguen fundamentalmente o fomento de hábitos hixiénicos, a boa convivencia, o respecto ós demais, o coidado e mantemento das instalacións e a prevención de riscos de todo tipo:

1. Todo usuario/a estará obrigado a velar polo bo estado de conservación das instalacións e servizos, e, polo tanto, impedirá ou denunciará todos os actos que deterioren as instalacións ou os servizos e advertirá ós empregados ou responsables municipais cando observe anomalías nas instalacións ou no material destas.

2. As persoas que cheguen ou abandonen as instalacións socioculturais deberán gardar o debido silencio para non interferirán na actividade que nese momento se estea a desenvolver. Evitarase tamén a entrada no lugar de desenvolvemento da actividade antes da hora concedida.

3. Para garantir o correcto aproveitamento das instalacións, deberase abandonar a local con puntualidade para permitir que os seguintes usuarios/as aproveiten ó máximo o seu tempo.

4. Nos módulos adscritos a centros escolares, ANPAS, asociacións ou entidades para o seu uso por menores de 18 anos estes deberán estar acompañados durante o desenvolvemento da actividade por un mestre, un adestrador ou unha persoa adulta responsable.

5. Cando se faga uso de material específico, unha vez rematada a actividade este deberá quedar recollido. É obrigatorio que a instalación quede nas debidas condicións para ser usada no seguinte módulo.

6. Para a comodidade de todos os usuarios/as e para tratar de promover valores ambientais, o tempo de utilización da auga e da luz será o estritamente necesario.

7. Por razóns de salubridade pública usaranse as papeleiras e os colectores para depositar o lixo.

8. Non se poderá acceder ás instalacións socioculturais con animais, agás que estes sexan cans-guía das persoas invidentes, sempre que vaian debidamente identificados.

9. Desaconséllase a realización de xogos e prácticas perigosas e, en xeral, todos aqueles actos que dificulten, obstaculicen ou impidan o desenvolvemento das actividades que se leven a cabo.

10. Todo accidente que se produza na instalación será comunicado antes de abandonala.

ARTIGO 22º.

A autorización de uso dos locais socioculturais municipais levará aparellado o permiso de colocación puntual de publicidade durante a actividade sempre que esta non atente contra os valores básicos da convivencia e dos seres humanos.

ARTIGO 23º.

1. O concello de Cee non se fai responsable dos obxectos subtraídos, extraviados, cambiados ou estragados dentro das instalacións socioculturais municipais.

2. Os obxectos recollidos nos vestiarios ou en calquera outro recuncho da instalación serán custodiados polos empregados municipais durante un prazo máximo de 15 días. Se nese prazo non son reclamados polo seu propietario ou propietaria, serán entregados á policía local ou ós servizos sociais do Concello.

ARTIGO 24º.

O Concello de Cee non se fai responsable das lesións ou accidentes acontecidos ós/ás usuarios/as das instalacións socioculturais municipais que sexan consecuencia da propia actividade desenvolvida.

ARTIGO 25º.

O persoal da instalación, que estará debidamente identificado, será o responsable de facer cumprir os/as usuarios/as as normas de uso desta, e poderá, se é o caso, expulsar do recinto a quen incumpra o contido deste regulamento.

INFRACCIÓNS

ARTIGO 26º.

1. O incumprimento do disposto neste regulamento poderá dar lugar á expulsión do recinto, con posterior perda, se é o caso, da condición de persoa asociada, abonada ou usuaria por un período que irá de un mes a un ano. Todo isto sen prexuízo da esixencia das responsabilidades civís ou doutra natureza que procedan.

2. Para a gradación das sancións terase en conta a gravidade da infracción, a reincidencia e os prexuízos ocasionados ás persoas usuarias e/ou ás instalacións.

3. Con independencia da imposición das sancións que procedan, se algunha infracción levase aparellada unha deterioración, rotura ou estrago dalgún elemento da instalación , o infractor deberá aboar o importe das reparacións ou reposicións de materiais que haxan que realizar.

4. Para todos os efectos, terán a consideración de responsables subsidiarios dos danos producidos as entidades organizadoras da actividade. As reincidencias na comisión de infraccións poderán dar lugar á anulación ou suspensión temporal ou total das reservas que se puidesen conceder a estas entidades.

5. A potestade sancionadora exercerase mediante o procedemento establecido no Real Decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

Primeira.- A interpretación das normas deste regulamento será levada a cabo polo órgano competente do Concello de Cee, órgano que poderá ditar as instrucións necesarias para a súa aplicación.

Segunda.- O presente regulamento entrará en vigor unha vez aprobado definitivamente polo Concello e publicado o texto íntegro e o acordo no Boletín Oficial da Provincia e teña transcorrido o prazo previsto no artigo 70.2 e 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, regulamentadora das bases de réxime local.

ANEXO I

MODELO DE SOLICITUDE PARA UTILIZACIÓN DOS LOCAIS SOCIOCULTURAIS MUNICIPAIS DO CONCELLO DE CEE

NOME E APELIDOS ou RAZÓN SOCIAL

DNI/CIF/NIE

ENDEREZO

LOCALIDADE

PROVINCIA

CÓDIGO POSTAL

TELÉFONO

ASOCIACIÓN A QUE PERTENCE

CARGO NA ASOCIACIÓN

LOCAL QUE SOLICITA

PERSOA RESPONSABLE DE APERTURA E PECHE

 

MOTIVOS POLOS QUE SOLICITA

DURACIÓN

Sinatura do solicitante ou persoa que o representa

CEE, _______ de ___________________ de 20___

Asdo.:___________________________________________________

SRA. ALCALDESA DO CONCELLO DE CEE OU CONCELLEIRA DELEGADA DE CULTURA, EDUCACIÓN E DEPORTES