Rianxo - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA ACTIVIDADE DE CONTROL E VERIFICACIÓN DE ACTUACIÓNS URBANÍSTICAS

Publicación provisional: 16/07/2012 BOP Nº: 134
Publicación definitiva: 19/09/2012 BOP Nº: 179
Aplicable dende: 19/09/2012

Artigo 1º. - Fundamento e natureza

No uso das facultades normativas outorgadas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución Española e artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, sobre potestade normativa en materia de tributos locais, e de conformidade, asemade, co establecido nos artigos 15 e seguintes, así como nos artigos 20 e seguintes, todos eles do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, regulase mediante a presente Ordenanza fiscal a Taxa pola actividade municipal de control e verificación das actuacións urbanísticas, tanto das que precisen licenza como das sometidas ao réxime de comunicación previa ou declaración responsable.

Artigo 2º. - Feito impoñible

1. Constitúe o feito impoñible da taxa a actividade municipal, técnica e administrativa tendente a verificar se os actos de edificación e uso do solo a que se refire o artigo 194 da Lei 9/2002, de 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia , así como a súa normativa de desenvolvemento, e que teñan que realizarse no término municipal, axústanse ás normas urbanísticas, de edificación e policía previstas na citada Lei e no Planeamento e normativa urbanística de este concello.

Artigo 3º. - Suxeito pasivo

1. Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003 de 17 de decembro, Xeral Tributaria:

a) Solicitantes da respectiva licenza ou que presenten a comunicación previa ou declaración responsable nos casos en que proceda.

b) Executantes das instalacións, construccións e obras cando se procedera sen a preceptiva licenza ou sen presentar a comunicación previa ou declaración responsable cando se permita.

2. En todo caso, terán a condición de substitutos do contribuínte, os constructores e contratistas das obras.

Artigo 4º. - Responsables

Responderán solidaria e subsidiariamente da débeda tributaria as persoas ou entidades ás que se refiren os artigos 42 e 43 da Lei Xeral Tributaria deste tributo, de acordo có previsto nos mesmos

Artigo 5º. - Cota tributaria

1. A cota tributaria determinarase por unha cantidade fixa sinalada segundo a natureza do expediente a tramitar, de acordo coa tarifa que contén o artigo seguinte.

2. A cota de tarifa corresponde á tramitación completa do expediente de que se trate, dende a súa iniciación ata a súa resolución final de concesión da licenza ou denegación ou de conformidade ou non da verificación posterior da comunicación previa ou declaración responsable, incluída a súa certificación e notificación ao interesado.

Artigo 6º.- Tarifas

CONCEPTO

COTA

primeira ocupación e modificación do uso

0,105 % sobre P.E.M. da mesma

Parcelacións e segregacións urbanísticas

60€

Actuacións urbanísticas que non requiren proxecto técnico

30€

Actuacións urbanísticas que requiren proxecto técnico

0.31% sobre o P.E.M da mesma

En todo caso, os importes sinalados neste artigo non inclúen o custo de inserción na prensa dos anuncios nos casos previstos na lei.

 

Artigo 7º. - Beneficios fiscais

Non se concederá exención nin bonificación na exacción da taxa, agás aqueles expresamente recollidos nas normas con rango de lei ou os derivados da aplicación de Tratados Internacionais.

Artigo 8º. - Devengo

1. Devengarase a taxa e nace a obriga de contribuír cando se inicie a actividade municipal que constitúe o seu feito impoñible. Para os efectos, entenderase iniciada dita actividade na data de presentación da oportuna solicitude da licenza urbanística ou coa presentación da comunicación previa ou declaración responsable nos casos en que proceda, se o suxeito pasivo formulase expresamente esta.

2. Cando as obras se iniciasen ou executasen sen ter obtido a oportuna licenza ou presentado a comunicación previa ou declaración responsable nos casos en que proceda, a taxa devengarase cando se inicie efectivamente a actividade municipal conducente a determinar se a obra en cuestión é ou non conforme coa normativa aplicable, con independencia da iniciación do expediente administrativo que poida instruírse para tal efecto ou a súa demolición se non foran conformes á normativa aplicable.

3. A obriga de contribuír, unha vez nacida, non se verá afectada en modo algún pola denegación da licenza solicitada, nin pola renuncia ou desistimento do solicitante unha vez concedida a licenza. Igualmente acontecera en caso de desconformidade da comunicación previa ou declaración responsable presentada coa normativa aplicable ou retirada da comunicación previa ou declaración responsable ou por ser incompletas ou inexactas.

Artigo 9º. - Declaración.

1. As persoas interesadas na execución de obras presentarán, previamente, no rexistro xeral a oportuna solicitude de licenza ou presentaran a comunicación previa ou declaración responsable cando proceda, achegando proxecto visado polo Colexio Oficial respectivo, con especificación detallada da natureza da obra e lugar de emprazamento, na que se fará consta-lo importe estimado da obra, medicións e o destino do edificio.

2. Cando se trate de aqueles actos en que non sexa esixible a formulación de proxecto subscrito por técnico competente á solicitude de licenza ou comunicación previa ou declaración responsable achegarase un orzamento das obras a realizar, así como unha descrición detallada da superficie afectada, número de departamentos, materiais a empregar e, en xeral, das características da obra ou acto, os datos da cal permitan comprobar o custo daqueles.

3. Se despois de formulada a solicitude de licenza ou presentada a comunicación previa ou declaración responsable cando proceda, se modificase ou ampliase o proxecto deberá poñerse en coñecemento da Administración Municipal, achegando o novo orzamento ou o reformado e, no seu caso, planos e memorias da modificación ou ampliación.

Artigo 10º. - Réxime de ingreso

De acordo coa potestade recoñecida no artigo 27 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, establécese o réxime de autoliquidación da taxa. Para os efectos, o solicitante presentará a declaración-liquidación da taxa e xustificante de ter ingresado a cota tributaria ao mesmo tempo que solicita o outorgamento da correspondente licenza urbanística ou que presenta a comunicación previa ou declaración responsable.

Artigo 11º. - Infraccións e sancións

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que corresponden en cada caso, estarase ao disposto nos artigos 178 e seguintes da Lei 58/2003 de 17 de decembro, Xeral Tributaria.

DISPOSICIÓN FINAL

A presente ordenanza entrará en vigor o día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.