Teo - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA UTILIZACIÓN DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS E SOCIOCULTURAIS DE TITULARIDADE MUNICIPAL

Publicación provisional: 23/08/2008 BOP Nº: 193
Publicación definitiva: 16/10/2008 BOP Nº: 239
Aplicable dende: 04/02/2013

Artigo 1.-Réxime Xurídico

De conformidade có disposto no artigo 20.1 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, en relación có artigo 106 da Lei 7/1985, de 2 de abril, o Concello de Teo estabrece a Taxa por utilización de pavillóns deportivos de titularidade municipal, que se regulará pola presente Ordenanza Fiscal, e no seu defecto, polo disposto no Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, que aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, a Lei 58/2003, Xeral Tributaria, Regulamento Xeral de Recadación, RD 939/2005, de 29 de xullo, o RD 520/2005, de 13 de maio.

Artigo 2.º. Feito impoñible.

1.-A taxa regulada nesta Ordenanza Fiscal constitúe unha prestación patrimonial de carácter público que se satisfará polos usuarios que voluntariamente soliciten a utilización das instalacións deportivas e socioculturais municipais que de seguido se detallan:

1.1.-Pavillóns polideportivos de Calo, os Tilos e a Ramallosa e campo municipal da Cañoteira (comprenderá a utilización de vestiarios e duchas).

1.2.-Casas Comúns de Oza, Rarís, Lampai, A Torre-Cacheiras e Os Tilos.

1.3.- Auditorio do Centro Sociocultural da Ramallosa.

1.4. Locais socioculturais de Campos-Teo e Bamonde.

1.5. Salón de Actos de Calo.

1.6. Mediateca do Grilo-Cacheiras.

Artigo 3.º . Suxeitos pasivos.

Están obrigados ó pagamento desta taxa quen solicite a utilización das instalacións deportivas e culturais municipais enumeradas no artigo anterior.
Non obstante o anterior, o Concello mediante acordo de Comisión de Goberno poderá subscribir acordos puntuais de colaboración sempre que isto redunde no interese xeral.

Artigo 4.º . Cota tributaria. Tarifa.

O importe da taxa pola utilización das instalacións deportivas e culturais municipais, cinguirase ás seguintes tarifas:

a) cando o solicitante non cobre entrada, a tarifa será de 10,26€ por hora ou fracción.

b) Cando o solicitante cobre entrada a terceiros, a tarifa será de 20,52€ por hora ou fracción.

c) Cando a utilización sexa para actos extradeportivos e extraculturais a tarifa será de 35,91€ por hora ou fracción.

d) Cando se solicite unha hora fixa semanal, no período comprendido entreo 1 de outubro e o 31 de maio, a tarifa será de 205,20€ .

e) Cando se solicite o uso do pavillón como albergue a tarifa será de 5,13€ por usuario e noite.

Artigo 5.º . Normas de xestión.

1. As solicitudes para a utilización das instalacións deportivas ou culturais propiedade municipal serán realizadas nun escrito dirixido á Alcaldía do Concello de Teo polos interesados, cunha antelación mínima de 3 días hábiles en relación ó momento no que se pretenda a súa utilización, concretando a data, hora, actividade que se desenvolverá e demais circuns-tancias de interese.
2. A obriga do pagamento do da taxa orixinarase no momento no que se autorice a utilización das instalacións deportivas e culturais enumeradas no artigo 4.º.
A autorización corresponderá a Alcaldía do Concello de Teo ou Concellaría delegada de Cultura e Deportes. O encargado das instalacións non permitirá a súa utilización sen a presentación da autorización municipal e do xustificante de ter ingresado o correspondente prezo público.
3. O Concello de Teo, en casos debidamente xustificados, poderá esixir un depósito previo para responder, se é o caso, das indemnizacións polos desperfectos que poidan producirse nas instalacións deportivas e culturais municipais. Este depósito poderá constituírse en metálico, mediante aval bancario ou póliza de seguros. Devolverase o seu importe, previo informe da sección de Deportes ou Cultura en que conste que non se causaron danos ou que estes foron reparados.
4. Os gastos de persoal de servizo discontinuo (billeteiros, porteiros, vixilantes, electricistas...) e os gastos extraordinarios xerados serán por conta dos organizadores do acto.
5.-A liquidación da taxa realizarase mediante modelo de autoliquidación facilitado nas oficinas municipais e o ingreso farase nunha conta a nome do concello de Teo nas oficinas bancarias que se determinen.
6. Cando por causas non imputables ó obrigado ó pagamento da taxa a utilización non teña lugar, procederase á devolución do importe correspondente.
7. No caso de existir varias solicitudes coincidentes darase preferencia, no caso dos particulares, ós empadroados no Concello de Teo e, no caso de entidades, ás que teñan a súa sede social no Concello.

Artigo 6º.-Exencións.

1. Estará exentas de pagamento as actividades organizadas ou patrocinadas polo Concello de Teo.

2. Os colexios públicos ou concertados do Concello de Teo, as asociacións sen animo de lucro inscritas no Rexistro municipal de asociacións e os clubes deportivos con sede social no Concello Teo tamén poderán utilizar as instalacións deportivas ou culturais de propiedade municipal de xeito gratuíto, sempre que se trate de actividades culturais ou deportivas sen ánimo de lucro.

3. Será gratuíta a utilización dos locais socioculturais e deportivos municipais polos veciños de Teo que carezan de local propio para tratar asuntos de interese veciñal sempre que o seu uso non implique a presenza no local de persoal municipal fóra de horario de oficina.

Disposición Derradeira

A presente Ordenanza Fiscal entrará en vigor a partires do día seguinte ó da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, e manterá a súa vixencia indefinidamente en tanto non sexa modificada ou derogada expresamente.
Teo, 3 de outubro de 2008.
O Alcalde,
Martiño Noriega Sánchez.