Laxe - ORDENANZA MUNICIPAL Nº 28, REGULADORA DO CEMITERIO MUNICIPAL DE LAXE

Publicación provisional: 28/11/2012 BOP Nº: 227
Publicación definitiva: 14/02/2013 BOP Nº: 31
Aplicable dende: 04/03/2013

TITULO I: DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1. Fundamento Legal

Este Concello aproba a presente Ordenanza exercendo as facultades que lle confire a Normativa vixente, en particular os artigos 26.1.a) e 25.2.j), da Lei 7/1985, de 2 de abril, exercendo a potestade normativa que regula o artigo 84.1 e exercendo a capacidade de decisión sobre a forma de xestión dos servizos públicos locais. Así mesmo, ten presente a Lei Xeral de Sanidade de data de 25 de abril de 1986 no seu artigo 42.2.e), o Decreto 134/1998, de 23 de abril, sobre policía sanitaria mortuoria de Galicia, e a Lei de Enterramentos en Cemiterios Municipais, aprobada por Lei 49/1978, de 3 de novembro. Do mesmo xeito, ten presente a configuración do Cemiterio como ben de dominio público adscrito á prestación dun servizo público. Por último, ten presente o Real Decreto Lei 7/1996, de 7 de xuño, sobre Medidas Urxentes de Carácter Fiscal e de Fomento e Liberalización da Actividade Económica, polo que se procede á liberalización dos servizos funerarios.

Esta lexislación terá o carácter de supletorio en todo aquilo que non apareza regulado nesta ordenanza.

Artigo 2. Titularidade

O Cemiterio Municipal é propiedade, con carácter demanial, do Concello de Laxe, estando afectado ao servizo público de cemiterio.

Artigo 3. Obxecto

O obxecto da presente Ordenanza é a regulación do Cemiterio Municipal de Laxe, o cal ten a consideración de ben de dominio público adscrito a un servizo público, en cumprimento do deber de control sanitario dos cemiterios e de política sanitaria mortuoria, regulados nos artigos 26 da Lei Reguladora de Bases de Réxime Local e 42 da Lei Xeral de Sanidade e no Decreto 134/1998, de 23 de abril, sobre policía sanitaria mortuoria de Galicia.

Artigo 4. Réxime de Xestión do Cemiterio Municipal

Este Cemiterio xestiónase mediante o sistema de xestión directa sen órgano especial de administración.

Conforme ao dispostos na Lei de Bases de Réxime Local, a dirección do servizo corresponde á Alcaldía sen prexuízo de que a mesma poida delegar a xestión nun Concelleiro.

Artigo 5. Competencias

En virtude da titularidade do servizo, correspóndelle ao Concello de Laxe a súa dirección, administración e conservación conforme ás disposicións legais vixentes, á presente ordenanza e demais disposicións que dite o Concello. En concreto, son competencias do mesmo:

a) o mantemento, limpeza, conservación do cemiterio (exceptuando as unidades de enterramentos e as súas zonas adxacentes).

b) A declaración de caducidade ou prórroga das concesións

c) A percepción das taxas que procedan polas licenzas de obras sobre as actuais edificacións

d) Levar o Rexistro do cemiterio Municipal

e) Outras competencias que lle sexan atribuídas polo Estado ou pola Xunta de Galicia

Artigo 6. Rexistro do Cemiterio Municipal

O Concello, a través dos seus propios servizos administrativos, levará actualizado o Rexistro do Cemiterio Municipal, no que constará:

- as inhumacións

- as exhumacións

- os traslados

- os dereitos de concesións das unidades de enterramentos e praza da concesión.

Artigo 7. Horario

O horario do cemiterio será de apertura ininterrompida.

Artigo 8. Unidades de enterramento

Para os efectos previstos nesta ordenanza enténdese por unidade de enterramento, calquera lugar destinado á inhumación de cadáveres, restos cadavéricos ou cinzas humanas dentro do cemiterio.

Inclúense neste concepto:

a) nichos: cavidades construídas artificialmente que poden ser subterránea ou aéreas, simples ou múltiples (panteóns)

b) columbarios: construción para o depósito das urnas cinerarias.

Artigo 9. Actuacións prohibidas

a) Prohíbese coller flores ou plantas, quitar ou mover os obxectos colocados nas unidades de enterramentos ou feitos análogos

B) Non se tolerará a permanencia de persoas que non garden a debida compostura e respecto ou que, de calquera forma, perturben o recollemento propio do lugar. En concreto, prohíbese o consumo de comida e bebida dentro do recinto.

Artigo 10. Inscricións e obxectos de ornato

As lápidas, cruces, alzados, etc que se coloquen nas unidades de enterramentos, pertencen aos seus concesionarios, sendo da súa conta o arranxo e conservacións dos mesmos, estando obrigados a mantelos no estado de decoro que require o lugar.

Os epitafios e inscricións deberán gardar o debido respecto, sendo responsable o titular polos danos que puideran producir en terceiros.

A subStracción sen a debida autorización dalgún obxecto pertencente á unidade de enterramento ou calquera outro pertencente ao cemiterio, será comunicada á autoridade competente, non sendo responsable o concello das subtraccións que poidan producirse.

Artigo 11. Liberdade de culto

Non existirá discriminación algunha á hora dos enterramentos por razóns de relixión, nin por calquera outras.

Os servizos relixiosos no cemiterio serán prestados en virtude do principio constitucional de liberdade de culto, de acordo cos ritos das confesións existentes, sen máis limitación que o respecto debido ás demais crenzas relixiosas e de mantemento da orde pública.

Os ritos funerarios practicaranse sobre cada unidade de enterramento de conformidade co disposto polo defunto ou co que a familia determine.

TÍTULO II. DEREITO FUNERARIO

CAPÍTULO I: DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 12. Definición

Dado o carácter demanial do cemiterio municipal, o dereito funerario limítase ao uso temporal con carácter privativo das unidades de enterramento segundo a presente ordenanza.

Xorde mediante concesión outorgada polo Concello e o pago da taxa establecida na ordenanza fiscal correspondente e leva consigo o recoñecemento do dereito de enterramento do seu titular, do seu cónxuxe ou da persoa coa que lle una análoga relación de afectividade, dos seus herdeiros ou daquelas persoas que o titular designara expresamente.

O dereito de enterramento exercerase previa solicitude de inhumación no momento do falecemento das ditas persoas.

Artigo 13. Outorgamento da concesión

As concesións outorgaranse previo pago da correspondente taxa, a solicitude do propio titular directamente ou no seu nome mediante representante, familiar ou achegado e respectando a orde de numeración correlativa dentro de cada clase de unidade de enterramento, quedando obrigado o titular a aceptar a unidade que lle sexa asignada.

Artigo 14. Titulares e beneficiarios

O titular é a persoa a nome do cal se outorga a concesión.

Serán titulares ambos cónxuxes, ou persoa que estea unida ao titular por análoga relación de afectividade, se así o solicitan no caso da primeira adxudicación da unidade de enterramento.

Serán beneficiario da concesión quen suceda aos titulares nos seus dereitos por legal título ou aqueles que expresamente designen os titulares.

Será nula de pleno dereito toda transmisión ou aproveitamento pactado ou efectuado entre particulares de calquera instalación ou lugar do Cemiterio Municipal.

Artigo 15. Deberes dos concesionarios

Os titulares da concesión teñen o deber de conservar e manter en adecuadas condicións de seguridade, salubridade e ornato público as unidades de enterramentos da súa titularidade.

Dada a configuración das edificacións do Cemiterio Municipal de Laxe, faise necesario unha actuación conxunta dos titulares das concesións para conservar e manter as adecuadas condicións de seguridade e salubridade das unidades de enterramentos. Serán normalmente, obra de carácter xeral e realizaranse a instancia do Concello.

No prazo dun mes e cada cinco anos dende a entrada en vigor da Ordenanza do Cemiterio Municipal, o Concello emitirá un informe técnico sobre as condicións anteriormente citadas na que se encontren as unidades de enterramentos dos titulares das concesións outorgadas e si se observa incumprimento do deber de conservación e mantemento por parte dos mesmos, o Concello dará audiencia aos interesados e concederalles un prazo suficiente para que leven a cabo as actuacións necesarias. De non levar a cabo os interesados as ditas actuacións, iniciarase expediente contraditorio para a emisión da correspondente orde de execución, cuxo incumprimento pode ocasionar o rescate da concesión outorgada no seu día.

Os titulares da concesión deben solicitar licenza municipal para todo acto de construción que pretendan realizar dentro do Cemiterio, con exclusión expresa da simple colocación de lápidas ornamentais.

Artigo 16. Formalización

O dereito funerario quedará formalizado mediante a inscrición do mesmo no Rexistro do Cemiterio Municipal e simultaneamente expedirase o título nominativo da unidade de enterramento. Dita inscrición garantirá o dereito de enterramento e expresa as circunstancias do mesmo debendo constar na mesma os seguintes datos:

a) datos persoais (nome e apelidos, domicilio, DNI) do titular ou titulares da concesión e, no seu caso, do representante que poidan nomear para o exercicio do seu dereito.

b) data de concesión

c) identificación da unidade de enterramento

d) taxas satisfeitas

e) inhumacións, exhumacións ou traslados que se produzan na unidade de enterramento, con indicación do nome e apelidos dos cadáveres ou restos cadavéricos obxecto das mesmas e as súas datas.

f) datos persoais dos beneficiarios das concesións

g) transmisións da concesión por actos mortis causa con indicación dos datos persoais do novo titular

h) calquera outra incidencia que afecte á unidade de enterramento.

Artigo 17. Prazo das concesións

As concesións outorgáronse a perpetuidade. Os futuros outorgamentos das concesións efectuarase en réxime de concorrencia, tendo prioridade os titulares anteriores e os seus beneficiarios.

A prórroga da concesión deberá solicitarse nos tres meses anteriores ao seu vencemento.

No caso de que ao vencemento da concesión, os restos contidos na unidade de enterramento non completaran os fenómenos de destrución, a instancia da parte interesada, a concesión prorrogarase por outro período a determinar polo Concello.

A concesión de solo caducará cando o cemiterio fora debidamente desafectado do servizo, como resultado do expediente tramitado e este efecto con arranxo das normas aplicables e sempre despois de haber transcorrido o tempo necesario para completar os fenómenos de destrución do último cadáver inhumado, salvo que razóns de interese público o aconsellen.

CAPÍTULO II. TRANSMISIBILIDADE DA CONCESIÓN

Artigo 18. Transmisión da titularidade

O dereito funerario é transmisible mortis causa, xa sexa mediante herdanza ou mediante designación expresa doutro beneficiario en escritura pública, quedando prohibida a súa alienación, xa sexa gratuíta ou onerosa, así como calquera tipo de especulación co mesmo.

Todos os beneficiarios interesados, previa notificación do Concello, deberán solicitar a transmisión da titularidade da concesión nun prazo dun ano dende o falecemento do titular, acompañando o título da unidade de enterramento e dos documentos xustificativos do seu dereito. Transcorrido este prazo sen exercer o seu dereito, o Concello publicará tanto no Taboleiro de anuncios do Concello como no Boletín Oficial da Provincia e nun dos diarios de maior difusión, a apertura dun prazo de seis meses para que quen se considere con dereito poida exercer o seu dereito de transmisión da titularidade.

Se en dito prazo, contado a partires da última publicación, non se formulara solicitude algunha, extinguirase a concesión e o Concello poderá dispor da unidade de enterramento, sen prexuízo do respecto ao tempo necesario para completar os fenómenos de destrución do último cadáver inhumado aos efectos e poder proceder á exhumación dos restos.

Cando a transmisión dea lugar a situacións de cotitularidade, os afectados deberán designar de mutuo acordo a persoa que figurará como titular no Rexistro do Cemiterio Municipal. O Concello non autorizará o cambio de titularidade mentres non se acredite o dito acordo.

CAPÍTULO III. EXTINCIÓN DO DEREITO FUNERARIO

Artigo 19. Causas

A extinción do Dereito funerario producirase nos seguintes casos:

- por renuncia expresa do titular

- por cesión que contraveña o disposto na presente ordenanza

- por clausura do cemiterio

- por impago da taxa correspondente

- por impago da taxa de mantemento durante alúmenos dúas anualidades

- polo vencemento do prazo para exercer o dereito de transmisión da concesión sen terse solicitado a dita transmisión

- por non cumprir, o concesionario, co deber de conservar e manter en adecuadas condicións de seguridade, salubridade e ornato público as unidades de enterramento da súa titularidade

- polo estado ruinoso da unidade de enterramento.

Consideraranse en estado ruinoso as unidades de enterramento que non poidan ser reparadas por medios ordinarios ou cando o custe da reparación supere o 50% do custo estimado conforme aos prezos actuais para a súa construción.

Antes de iniciar o expediente de ruína ou abandono, o Concello dará audiencia aos interesados e concederalles un prazo suficiente para que leven a cabo as actuacións necesarias. De non levar a cabo os interesados as ditas actuacións, iniciarase expediente contraditorio para a emisión da correspondente orde de execución. No caso de que o titular non cumpra no prazo previsto, o Concello iniciará a tramitación do correspondente expediente que poderá declarar a caducidade da concesión.

Artigo 20. Efectos

Extinguido o dereito, reverterá ao Concello a unidade de enterramento obxecto da concesión, sen dereito a compensación ou indemnización algunha a favor do titular. A dita circunstancia será notificada aos posibles interesados, que poderán solicitar o traslado a outra unidade de enterramento. De non pronunciarse aqueles, e sempre que os cadáveres alí inhumados completaran os fenómenos de destrución, os seus restos serán incinerados.

CAPÍTULO IV. DAS INHUMACIÓNS

Artigo 21. Disposicións Xerais

A inhumación, exhumación ou traslado de cadáveres, restos cadavéricos ou cinzas practicarase respectando en todo momento as disposicións vixentes en materia de policía sanitaria mortuoria e na presente ordenanza.

Con carácter previo á inhumación de cadáveres, deberase dar conta ao Concello para o cal se presentarán os seguintes documentos:

- solicitude de inhumación cos datos esixidos para a súa consignación no Rexistro do Cemiterio Municipal

- licenza de enterramento

- concesión de uso de unidade de enterramento

Deberá presentar a solicitude o titular do dereito e se este fose a persoa falecida, solicitarao no seu nome un familiar, achegado, empresa funeraria ou calquera outra entidade xurídica que ,no exercicio da actividade, proporcione o dereito de unidade de enterramento para o caso de falecemento dunha persoa.

As inhumacións efectuaranse nas unidades de enterramento autorizadas polo Concello.

Artigo 22. Actuacións materiais

Se ao efectuarse unha inhumación nunha unidade de enterramento fose necesario realizar unha redución dos restos, deberá instarse esta polo titular producíndose esta operación con anterioridade ao acto do enterro.

Artigo 23. Enterramento en panteóns e nichos

Despois de cada enterramento en panteóns procederase ao tabicado do estante que conteña o féretro.

Cando o enterramento se efectúe en nichos procederase de inmediato ao seu cerramento. O titular de nichos está obrigado a colocar a correspondente lápida no prazo dun ano dende a data de inhumación. En caso de incumprimento, poderá efectualo o Concello con cargo ao interesado previo apercibimento ao interesado e tramitación da correspondente expediente de execución forzosa no caso de que non cumpra no prazo de tempo concedido no apercibimento.

Admítese a inhumación de cadáveres nas unidades de enterramentos que conteñan restos cadavéricos, sempre e cando houbera transcorrido o tempo necesario para rematar o proceso de destrución do último cadáver inhumado e se proceda á redución de restos.

O número de inhumacións sucesivas en cada unidade de enterramento, depende da súa capacidade, a non ser que o titular do dereito funerario o limite expresamente e se inscriba a dita limitación no Rexistro do Cemiterio Municipal.

CAPÍTULO V. EXHUMACIÓNS, TRASLADOS E REINHUMACIÓNS

Artigo 24. Disposicións xerais

Autorízase pola Delegación Provincial da Consellería de Sanidade a exhumación e transporte de cadáveres para a súa reinhumación no mesmo cemiterio empregando féretro común, ou nun cemiterio distinto empregando para isto hucha de traslado. No caso dos restos cadavéricos serán depositados en caixa de restos.

Á solicitude acompañarase a partida de defunción literal dos cadáveres cuxa exhumación se pretenda.

No caso de non dispor da certificación literal, seguirase o establecido no artigo 34 do Decreto 134/1998, de 23 de abril, sobre Policía Sanitaria Mortuoria de Galicia.

Cando como resultado da morte exista un procedemento xudicial en curso, haberá de solicitarse ademais a autorización xudicial.

Artigo 25. Traslado de cadáveres e restos cadavéricos, por obras

Cando, por parte dun particular, sexa necesario realizar obras de reparación en unidade de enterramentos que conteñan cadáveres ou restos, trasladaranse a nichos de autorización temporal, sempre que non se opoña ás disposicións referentes á exhumación e serán devoltos ás súas unidades de enterramento en canto rematen as obras.

No caso de que as obras teñan carácter xeral e se realicen a instancias do Concello, o traslado realizarase de oficio, previa notificación ao titular do dereito, levantándose acta de traslado e expedindo os correspondentes títulos. A reinhumación farase provisionalmente en nichos de utilización temporal ou, con carácter definitivo, en unidades de enterramentos de similar categoría e condición que a orixinal, polo cal, o dereito terá como obxecto a nova unidade.

Artigo 26. Procedemento.

A apertura dunha unidade de enterramento para a exhumación, traslado ou reinhumación de cadáveres ou restos cadavéricos, precisará a instrución polo Concello do expediente xustificativo dos motivos que existen e a correspondente resolución autorizándoa e requirirá, ademais, o consentimento dos titulares dos dereitos funerarios sobre as unidades de enterramento.

CAPÍTULO VI. INFRACCIÓNS E SANCIÓNS

Artigo 27. Infraccións e Sancións

As infraccións que se cometan contra o establecido nesta Ordenanza serán sancionadas de conformidade co establecido na Normativa reguladora correspondente polo órgano competente en cada caso.

Disposicións Transitorias

Disposición Transitoria Primeira: Recoñécense a todos os efectos as concesións outorgadas con anterioridade á entrada en vigor desta Ordenanza ás que se lles aplicarán as disposicións da mesma.

Disposición Transitoria Segunda: Todas as concesións existentes con anterioridade á entrada en vigor desta Ordenanza, entenderanse outorgadas polo prazo establecido nas mesmas.

Disposición Final

A presente Ordenanza entrará en vigor aos 15 días contados desde o seguinte ao de publicación do seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia.