Fisterra - Ordenanza municipal reguladora das terrazas asociadas a establecementos hoteleiros, hostaleiros e comerciais
CAPITULO I: DISPOSICIÓNS XERAIS
Artículo 1.-Fundamento e obxecto
A presente Ordenanza ten por obxecto establecer o réxime xurídico a que debe someterse o aproveitamento de terreos de dominio público dentro do termo municipal, mediante a súa ocupación temporal con terrazas ou outros elementos que constitúan complemento da actividade que se vén exercendo en establecementos hoteleiros, hostaleiros ou comerciais, dentro do termo municipal de Fisterra, con excepción dos recintos de feiras e festexos populares que se autoricen con motivo da celebración de festas patronais.
Artículo 2.-Ámbito
A presente Ordenanza é aplicable no conxunto dos espazos de uso público (rúas, prazas, patios interiores, espazos libres, zonas verdes, etc.), con independencia da súa titularidade pública ou privada. A condición de uso público virá determinada en función tanto da situación de feito, coma da aplicación das determinacións do plan vixentes.
Artículo 3.- Tipos de instalacións autorizables
1.-Para os efectos desta ordenanza, as instalacións autorizables defínense da seguinte forma:
a) Terrazas abertas: son as instalacións formadas por mesas, cadeiras, antucas (sombrillas), toldos, xardineiras e outros elementos de mobiliario urbano móbiles e desmontables, que se encontran en terreos de titularidade e uso público que desenvolven a súa actividade de forma accesoria a un establecemento de uso hoteleiro, hostaleiro e comercial.
b) Terrazas con pechamento estable: son terrazas pechadas no seu perímetro e cubertas mediante elementos desmontables que se encontran en terreos de titularidade e uso público, que desenvolvan a súa actividade de forma accesoria a un establecemento principal de uso hoteleiro, hostaleiro e comercial.
2.-En todos os casos só se poderá realizar a mesma actividade e expender os mesmos produtos que o establecemento do que dependen.
Artículo 4.-Carencia do dereito preexistente
En virtude dos principios de non alleamento non prescrición dos bens de dominio público, a mera concorrencia dos requisitos necesarios para que a ocupación poida ser autorizada non outorga dereito ningún á súa concesión. O Concello, considerando todas as circunstancias reais ou previsibles, poderá conceder ou denegar a autorización, facendo prevalecer o interese xeral sobre o particular.
Artículo 5.-Normativa aplicable
As instalacións reguladas no artigo anterior quedarán suxeitas, entre outras normativa sobre espectáculos públicos e actividades recreativas, á de protección do patrimonio, á de accesibilidade e ao DB-SI e DB-SU do Código Técnico da Edificación, polo que as súas determinacións serán plenamente esixibles aínda cando non se faga expresa referencia a elas nesta ordenanza.
Artículo 6.-Horarios
1.-O horario de funcionamento das terrazas situadas en solo de titularidade e uso público, será ata a 1.00 da madrugada nos meses de maio, xuño, xullo, agosto e setembro e ata as 11.30 da noite durante o resto do ano entre semana e ata as 12.30 en venres e sábados, podendo prorrogarse en época de festas. As autorizacións poderán ser anuais ou de tempada. Entendendo de tempada as que van desde o 1 de marzo ata o 30 de outubro, ambos inclusive, e anual as que van desde o 1 de xaneiro ao 31 de decembro.
2.-Para o caso de autorizacións anuais e no suposto de non solicitarse a renuncia á autorización, esta entenderase prorrogada automaticamente en iguais termos e condicións.
3.-Os horarios establecidos neste artigo poderán ser modificados, por circunstancias xustificadas, e logo da pertinente solicitude mediante decreto da Alcaldía.
Artículo 7.-Limitación de niveis de transmisión sonora
O funcionamento das instalacións reguladas nesta ordenanza, deberán respectar os límites de ruído en vivendas e locais próximos previstos lexislación aplicable.
Artículo 8.-Seguro de responsabilidade civil
O titular da autorización deberá dispor dun seguro de responsabilidade civil e incendios do establecemento principal, seguro do que deberá estender a súa cobertura aos posibles riscos que puideran derivarse do funcionamento da instalación.
Artículo 9.-Condicións de uso das instalacións
1.-Os titulares das autorizacións ou concesións deberán manter as instalacións e cada un dos elementos que as compoñen nas debidas condicións de limpeza, seguridade e ornato. Para este fin, estarán obrigados a dispor dos correspondentes elementos de recollida e almacenamento de residuos.
2.-Por razóns de estética e hixiene non se permitirá almacenar ou amorear produtos, materiais ou residuos propios da actividade xunto ás terrazas nin fóra da instalación dos pechamentos estables de terrazas.
3.-O espazo autorizado á terraza deberá estar sempre ben delimitado, tanto con pechamentos, tarimas, biombos, xardineiras ou outros elementos que cumpran esta función, costeando o propietario a instalación da terraza, naqueles casos nos que non existan outros elementos de delimitación do espazo.
Artículo 10.- Condicións das subministracións
1.-As acometidas de auga, saneamento e electricidade deberán ser subterráneas e realizarse cumprindo a súa normativa reguladora.
2.-Os contratos de servizos para estas acometidas correrán por conta do titular da autorización ou concesión e deberán celebrarse coas compañías subministradoras do servizo.
3.-En ningún caso a iluminación poderá cegar ou producir molestias á veciñanza, viandantes ou vehículos.
Artículo 11.-Condicións hixiénico - sanitaria de consumo
As instalacións reguladas nesta ordenanza deberán manterse en adecuadas condicións hixiénico - sanitarias e de protección dos consumidores e usuarios.
Artículo 12.- Instalación de equipos audiovisuais e actuacións
Permítense as actuacións en directo amplificadas ou con percusión ata as 22.30 horas, así como a instalación de equipos audiovisuais ou a emisión de son ou vídeo no interior dun pechamento estable sempre e cando se cumpra coa normativa relativa a contaminación acústica.
Artículo 13.- Fianza
1.-Nos casos sinalados nesta ordenanza será precisa a constitución dunha garantía para responder das posibles deterioracións que se poidan causar ao dominio público e ás súas instalacións.
2.-O importe desta garantía determinarase en función do custo de reposición do solo ocupado.
CAPITULO II : CONDICIÓNS TÉCNICAS PARA A INSTALACIÓN DE TERRAZAS
Artículo 14.- Elementos das terrazas
1.-Con carácter xeral, os elementos que poden compoñer unha terraza son antucas, elementos ornamentais, proteccións laterais, cortaventos e estufas, ademais de mesas e cadeiras.
2.-A utilización dos elementos enumerados non está vinculada a unha modalidade de instalación en concreto, senón que poden combinarse diversos elementos na mesma instalación co fin de adaptarse mellor ás características da rúa e as necesidades do establecemento.
3.-Excepcionalmente, poderanse instalar outros elementos de protección previa presentación de proxecto asinado por un técnico competente, que cumprirá coas características que se recollan na resolución da súa autorización.
4.-Os elementos da terraza non se poderán ancorar ao pavimento, salvo autorización excepcional expresa, e serán doadamente desmontables.
5.-Sexan cales sexan os elementos utilizados na instalación da terraza, a ocupación do espazo destinado a terraza, como criterio xeral, poderá alcanzar unha densidade máxima de 4 persoas por cada 4 m2 (zona de paso incluída).
Artículo 15.- Seguridade dos elementos
1.-Todos os elementos estarán deseñados e colocados de forma que non sexan susceptibles de orixinar accidentes. O propietario será o responsable do mantemento destas condicións.
2.-A área ocupada pola terraza deberá quedar delimitada por proteccións laterais que acouten o recinto e permitan identificar o obstáculo aos invidentes. Estas proteccións laterais serán movibles e adecuadas en todo caso ás características estéticas recollidas nesta Ordenanza e ás condicións do ámbito. Non poderán superar o ancho autorizado para a terraza e a súa altura non será inferior a 0,90 metros.
3.-As antucas deberán pregarse e o mobiliario recollerse ante a presenza do vento con velocidades iguais ou superiores ás indicadas polo fabricante como máximas para manter as condicións de seguridade.
4.-Cando a situación o aconselle por estar a terraza situada nunha zona exposta a ventos constantes, poderase autorizar a instalación de cortaventos, se ben, o Concello poderá esixir a colocación destes elementos de protección nos casos en que o considere necesario.
5.-Os cortaventos deberán reunir as mesmas características que as proteccións laterais coa única diferenza de que poderán ter unha altura máxima de 1,75 metros.
Artículo 16.- Dimensións e características dos elementos
1.-Características xerais:
a) O mobiliario deberá ter un deseño e tratamento cromático unitario, con cores discretas axeitadas ao ámbito. En ningún caso será rechamante ou con coloración estridente.
b) Prohíbese a posibilidade de incluír publicidade ou propaganda en calquera dos elementos que compoñen as terrazas; só poderán conter o rótulo ou anagrama do establecemento hostaleiro.
c) Ningún elemento da terraza poderá superar, nin sobre o chan nin en altura, a proxección vertical da zona autorizada para a terraza.
2.-Características de cada elemento:
a) Tarimas: permitirase a realización de tarimas para as terrazas debendo estar construída esta por madeira especial e tratada para colocación en exteriores e colocada sobre listóns de madeira. Este pavimento deberá cumprir coas condicións impostas polo DB-SU1, Seguridade fronte ao risco de caídas, segundo a zona na que se sitúe.
b) Mesas e cadeiras: permitiranse tanto mesas cadradas coma circulares cunha dimensión de 80 a 100 centímetros de lado ou diámetro. Os materiais empregados deberán facilitar a súa doada limpeza. Os extremos das patas irán provistos de gomas ou neoprenos para minimizar o ruído por arrastre destas.
c) Antucas: O elemento de protección das antucas será de material téxtil, tipo lona ou similar. A altura das antucas non será inferior a 2,20 metros, nin superior a 3,50 metros. En calquera caso, como xa se estableceu anteriormente, estas antucas terán a condición de doadamente desmontables, para o cal a estrutura será lixeira e desmontable, non podendo estar ancorada ao terreo salvo en casos especiais a determinar pola autoridade municipal. As antucas non poderán dispoñer, en ningún caso, de elementos que sobresaian da zona autorizada para a terraza.
d) Proteccións laterais e cortaventos. Non poderán ir ancorados a chan, utilizándose para a súa suxeición con carácter xeral, e en especial os cortaventos, un contrapeso pola parte interior formado por xardineira de 40 centímetros de fondo por 35 centímetros de alto ou de ser o caso ancorados á tarima que delimite a terraza.
e) Estufas: Só poderán instalarse modelos homologados polo Órgano administrativo correspondente, debendo ser aparatos de baixo consumo e compatibilizando en todo caso esta opción co máis coidadoso respecto pola sostibilidade do medio. As estufas deberán ser doadamente desmontables, polo cal non poderán estar ancoradas ao pavimento e o seu deseño (dimensións, peso, etc) permitirá o seu sinxelo traslado; por igual motivo, en caso de estufa de gas, a botella de combustible poderá ser retirada de forma independente; en caso de estufa de alimentación eléctrica, a acometida eléctrica deberá estar enterrada, requirindo para iso a correspondente autorización municipal.
f) Peches de terrazas: A altura exterior máxima da estrutura será de 3 metros. No interior do pechamento a altura mínima será de 2,50 metros. Deberase en todo caso presentarse modelo de instalación que conste de memoria técnica e planos segundo se desenvolve na presente ordenanza. Acompañará de certificación do técnico facultativo habilitado legalmente, acerca da suficiencia da súa estabilidade estrutural e da adecuación das súas condicións de prevención e extinción de incendios, evacuación, estabilidade e reacción ao lume. Presentará cuberta tras peto que evite a visión da inclinación desta dende a vía pública sendo obrigatoria a instalación de recollida e evacuación de augas pluviais. Os pechamentos estables contarán cun cartel indicativo do aforo máximo.
CAPITULO III : CONDICIONANTES PARA A INSTALACIÓN
Artículo 17.- Condicionantes xerais
1.-A colocación de terrazas nas vías públicas deberá, en todo caso, respectar o uso común xeral preferente destas. En consecuencia, non supoñerá obstáculo para o tránsito peonil nin poderá prexudicar a seguridade deste ou do tráfico rodado.
2.-A autoridade municipal competente denegará a solicitude destas instalacións en calquera dos seguintes supostos:
a) Que a instalación se pretenda realizar en calzada de vehículos.
b) Que supoña para a súa atención atravesar a calzada.
c) Que supoña prexuízo para a seguridade viaria (diminución da visibilidade, distracción para o condutor) ou dificulte sensiblemente o tráfico peonil.
d) Que poida incidir sobre a seguridade (evacuación) dos edificios e locais próximos.
e) Que ocupe zonas verdes ou axardinadas.
f) Que impida ou dificulte gravemente o uso de equipamentos ou mobiliarios urbanos (bancos, fontes, cabinas telefónicas, etc.).
3.-Con carácter xeral, só autorizarán terrazas e outros tipos de elementos similares aos establecementos que presenten fachada á rúa onde se instale a terraza. En ningún caso as terrazas poderán instalarse fronte a pasos de peóns, prazas de aparcadoiro de minusválidos, paradas de autobuses, taxis e colectores; unicamente poderán instalarse nestas situacións cando quede unha zona de paso peonil de polo menos 2 metros entre a terraza e o bordo da beirarrúa que dea á calzada
4.-Excepcionalmente e logo dos informes técnicos favorables, poderase instalar noutra situación e con outra dimensión, que quedarán recollidas na resolución de autorización sempre e cando se sitúe a unha distancia inferior a 15 metros da fachada do establecemento.
5.-A Autoridade Municipal competente poderá establecer zonas onde se exclúa a instalación de terrazas e elementos similares, naqueles casos en que o esixa o interese público por razón de trazado, situación, seguridade vial, obras públicas ou privadas, afluencia masiva de peóns, saturación, visibilidade ou accesibilidade ou calquera outras circunstancias similares.
6.-As solicitudes para a instalación de terrazas en zonas peonís resolveranse segundo as peculiaridades de cada caso concreto, atendendo ás circunstancias do ámbito, impacto visual, fluxo de persoas e vehículos, normativa de accesibilidade, acceso a portais, así como outras que se consideren pertinentes.
7.-Cando a concentración de terrazas sobre unha praza ou espazo determinado poida supor a alteración do seu destino natural ou xerar un grave impacto medioambiental, as solicitudes de novas instalacións o as renovacións serán resoltas conxuntamente con anterioridade ao inicio do ano natural, establecéndose as condicións o restricións que se estimen adecuadas.
Artículo 18.-Condicionantes para as terrazas instaladas en beirarrúas
1.-A colocación de terrazas nas beirarrúas de rúas deberá respectar, en todo caso, un paso peonil libre de obstáculos de 1,50 metros de anchura, como mínimo.
2.-Excepcionalmente, naquelas beirarrúas nas que non sexa posible colocar unha terraza que respecte o paso libre de obstáculos anteriormente establecido, o titular poderá optar pola colocación dunha única fila de mesas, pegadas a fachada. Nestes casos, a terraza deberá respectar un paso peonil libre de obstáculos de 1,2 metros de anchura, como mínimo.
3.-No cálculo da anchura libre entenderase como obstáculos que a limitan tanto o mobiliario urbano, coma a xardinaría, farois e calquera outro elemento que poida existir nas beirarrúas, incluído o espazo ocupado por outras terrazas.
Artículo 19.-Condicionantes para as terrazas instaladas fora da beirarrúa
1.-A colocación de terrazas fora da beirarrúa debera respectar as condicións enunciadas para as situadas nas beirarrúas, ademais deberán en todo caso estar situadas lonxitudinalmente á beirarrúa do establecemento ao que da servizo e limitadas con valo de protección e sobre tarima que permita a accesibilidade a nivel dende a beirarrúa.
2.-En ningún punto presentarán un desnivel con respecto á rúa que supere os 30 centímetros de alto polo que, se a inclinación da rúa obriga a iso, poderán ser graduais. Os biombos e elementos de seguridade estarán ancorados á tarima.
3.-Deberase respectar, en todo caso, un paso peonil de obstáculos que permita a circulación de vehículos cunha anchura mínima de 3¿50 metros para un único sentido de circulación e 6,25 metros para dous sentidos de circulación.
4.-No caso de que a terraza estea situada en zonas libres de circulación de vehículos como prazas ou rúas peonís de anchura superior a 10 metros, e cando as características da rúa peonil así o permitan, e logo de informe técnico municipal que recolla a referida circunstancia, poderá optarse pola colocación de terrazas xunto ás fachadas ou na parte central da zona peonil; a devandita elección realizarase en función ao deseño e dimensións da rúa, circulación de vehículos e peonil, condicionantes estéticos do ámbito, etc... No caso de terraza no centro da rúa, garantiranse dous pasos peonís a ambos os dous lados da zona ocupada pola terraza, debendo ser a anchura de cada paso peonil superior a 3,00 metros, e o espazo destinado a terraza deberá ser compartido polos establecementos de ambos os dous lados.
CAPITULO IV : RÉXIME XURÍDICO
Artículo 20.-Licenza Municipal
1.-A implantación destas instalacións require a previa obtención de autorización municipal nos termos previstos nesta ordenanza e na normativa sectorial aplicable.
2.-O documento de autorización, o seu plano de detalle e as homologacións dos elementos instalados, ou unha fotocopia destas, deberán encontrarse no lugar da actividade, visibles para os usuarios e veciños, e a disposición dos funcionarios municipais e efectivos da Policía Municipal.
3.-Para estes efectos, o interesado deberá presentar no Rexistro Xeral a correspondente solicitude, na que se fará constar:
a) Nome e dous apelidos da entidade solicitante, que deberá ser titular da licenza municipal de funcionamento.
b) Datos do titular, domicilio, teléfono e D.N.I. e, se é o caso, C.I.F
c) Nome e localización da actividade principal.
d) Póliza de seguros de responsabilidade civil, sen franquía ningunha, que cubra calquera clase de risco derivado do exercicio da actividade hostaleira realizada.
e) Autoliquidación da taxa correspondente.
f) De necesitarse Proxecto da Instalación redactado segundo as indicacións da presente Ordenanza este constará da seguinte documentación:
f)-1 - Plano de localización do local a escala axeitada.
f)-2 - Plano de detalle, a escala axeitada, en que se recolla a zona afectada pola instalación, con detalle da distribución de mesas e cadeiras, proteccións laterais, etc. (sinalando a súa proxección en planta), e reflectindo a existencia de calquera obstáculo fixo (sinais de tráfico, árbores, bancos, mobiliario urbano, etc.) e de posibles afeccións a servizos municipais (auga, saneamento, gas).
f)-3 - Plano a escala 1:20 de detalle.
f)-4 - Certificación do técnico facultativo habilitado legalmente, acerca de que se cumpren as condicións establecidas no Código Técnico da Edificación (cando menos as condicións indicadas no DB-SI e no DB-SU) así como de que se cumpre coa normativa sobre contaminación acústica.
f)-5 - Orzamento da instalación.
4. -Será causa de desestimento cando o solicitante manteña calquera tipo de débeda co Concello de Fisterra.
Artículo 21.-Condicións da licenza
1. -A licenza terá sempre carácter de precario e a Autoridade Municipal poderá ordenar, a retirada da vía pública, con cargo ao particular, das instalacións autorizadas, cando concorran circunstancias de interese público que impidan a efectiva utilización do solo para o destino autorizado, tales como obras, acontecementos públicos, situacións de emerxencia ou calquera outra, a autorización quedará sen efecto ata que desaparezan as ditas circunstancias, sen que se xere dereito a indemnización ningunha.
2.-O titular da licenza queda obrigado a reparar cantos danos se produzan na zona ocupada como consecuencia da instalación.
3.-O outorgamento da licenza e o pagamento da taxa faculta o seu titular para a utilización da porción de espazo público explicitar nesta.
4.-As autorizacións habilitan os titulares dos establecementos para a instalación e explotación directa das terrazas, sen que poida ser obxecto de arrendamento ou calquera forma de cesión a terceiros.
5.-As autorizacións concedidas outórganse sen prexuízo de terceiros e mantendo a salvo o dereito de propiedade.
CAPITULO V : RÉXIME DISCIPLINARIO
Artículo 22.- Compatibilidade
1.-As responsabilidades administrativas que resulten do procedemento sancionador serán compatibles coa esixencia ao infractor da reposición da situación alterada ao seu estado orixinario, así como coa indemnización polos danos e perdas causados.
2.-Non obstante, tanto nos procedementos de restablecemento da legalidade como nos sancionadores poderanse acordar medidas cautelares, como a retirada das instalacións ilegais ou a suspensión do funcionamento da terraza, consonte o disposto na normativa sobre procedemento administrativo común.
Artículo 23.-Da inspección
Os labores de inspección relativos ao cumprimento desta ordenanza serán desempeñados polos axentes da policía local, que deberán informar ao alcalde ou órgano en que este delegue das infraccións que se observen.
Artículo 24.-Instalacións sen licenza municipal
1.-A Alcaldía poderá retirar, de forma preventiva e inmediata, as terrazas, quioscos ou outros elementos instalados sen licenza previa na vía pública e proceder ao seu depósito en lugar designado para iso, sen prexuízo da imposición das sancións regulamentarias.
2.-Cando as terrazas ou outros elementos estean instalados sen axustarse ás condicións sinaladas na licenza establecidas, a Alcaldía dispoñerá a suspensión inmediata dos devanditos actos. Se o titular da instalación non procedese á retirada da instalación ou non axustase esta ás condicións da licenza outorgada establecidas procederase á execución subsidiaria do ordenado.
3.-A permanencia de terrazas ou outros elementos tras a finalización do período de vixencia da licenza será asimilada, aos efectos sancionadores, á situación de falta de autorización municipal.
Artículo 25.- Execución subsidiaria
1.-A retirada dos elementos instalados no espazo público ordenada de conformidade co disposto no artigo anterior, será considerada baixo o concepto de restauración da legalidade. Se o responsable de tal restauración non cumprise con esta voluntariamente, o Concello, procederá ao levantamento da instalación, quedando depositada en lugar designado para iso, de onde poderá ser retirada pola propiedade, previo aboamento dos gastos, danos e prexuízos correspondentes.
2.-Os elementos que fosen retirados conforme ao disposto no presente Capítulo, non poderán permanecer almacenados durante un prazo superior a 3 meses, transcorrido o cal sen que por parte do interesado se retirasen, o Concello poderá proceder á súa destrución, venda ou cesión.
CAPITULO VI : RÉXIME SANCIONADOR
Artículo 26.- Suxeitos responsables
Serán responsables das infraccións as persoas físicas ou xurídicas titulares das instalacións.
Artículo 27.- Infraccións
Ao abeiro do disposto no Título XI da Lei Reguladora das Bases do Réxime Local, para os efectos da presente Ordenanza as infraccións clasifícanse en leves, graves e moi graves.
1.-Terán a consideración de faltas leves:
a) A permanencia de terrazas en funcionamento fora do horario establecido.
b) A colocación de elementos (mesas, cadeiras, ou outros elementos auxiliares) excedendo o número de elementos autorizados.
c) A situación de mesas, cadeiras ou elementos auxiliares, fora da situación autorizada.
d) Non manter o espazo de ocupación nas debidas condicións de ornato, seguridade e limpeza.
e) Non proceder á limpeza da zona ocupada diariamente.
f) Ter mesas, cadeiras e outros elementos pregados, amoreados e almacenados fóra do establecemento, en horario de funcionamento.
g) Instalar aparatos de música ou altofalantes nas terrazas abertas.
h) Non exhibir a necesaria ficha de identificación no quiosco.
i) O incumprimento das condicións establecidas na licenza ou da normativa establecida na presente Ordenanza que non teñan a consideración de falta grave ou moi grave.
2 Terán a consideración de infraccións graves:
a) A instalación de terrazas e outros elementos auxiliares sen licenza.
b) A instalación doutros elementos non autorizados.
c) A desobediencia ao requirimento municipal de retirada da instalación por non dispoñer de licenza municipal ou non se axustar ás condicións establecidas na licenza.
d) A comisión de tres infraccións leves nun ano.
e) O incumprimento do disposto respecto a medidas de determinación de espazos e pasos libres en cumprimento da normativa sobre accesibilidade.
f) Non manter a zona ocupada e o espazo circundante en boas condicións de conservación, seguridade e hixiene.
g) Instalar elementos da terraza non autorizados.
h) Utilizar o mobiliario urbano, ou calquera outro soporte non autorizado, como elemento de apoio á instalación de terraza, ou para o depósito dos artigos á venda nos quioscos, ou o abandono destes na vía pública.
3.-Terán a consideración de infraccións moi graves
a) Os actos de deterioración grave e relevante de espazos públicos ou de calquera das súas instalacións e elementos, sexan mobles ou inmobles, non derivados de alteracións da seguridade cidadá.
b) A non retirada de terrazas ou outros elementos en todo ou en parte, cando así fose ordenado pola Autoridade Municipal por razóns de tráfico, urbanización, interese xeral ou municipal por supoñer o impedimento do uso dun espazo público por outra ou outras persoas con dereito á súa utilización.
c) A explotación da actividade por persoa distinta do titular da concesión ou da persoa colaboradora habitual.
d) O exercicio de calquera actividade distinta á especificamente autorizada.
e) Non aboar as exaccións que correspondan polo aproveitamento da vía pública.
f) Ocupar o chan da vía pública con publicacións ou colocar no seu ámbito ou nas proximidades deste elementos que dificulten o tráfico de persoas ou que supoñan deterioración do medio urbanístico.
g) O traspaso, subarrendamento ou cesión da instalación de terraza.
h) A comisión de tres infraccións graves no período dun ano.
Artículo 28.- Sancións
1.-As infraccións da presente Ordenanza serán sancionados con multa de conformidade coa seguinte escala:
a) As infraccións leves sancionaranse cunha multa de ata 400 euros.
b) As infraccións graves sancionaranse cunha multa de ata 1.000 euros.
c) As infraccións moi graves sancionaranse cunha multa de ata 2.000 euros e revogación da autorización.
2.-A multa poderá ser aboada cun 50% de desconto sempre que o pagamento se realice antes dos trinta días naturais seguintes ao de notificación da incoación do procedemento sancionador e se presente un escrito renunciando a calquera acción de impugnación.
Artículo 29.- Compatibilidade das sancións
1.-A sanción é compatible e independente da legalización, se proceder, e do pagamento da taxa e recargas que procedan polo aproveitamento non autorizado.
2.-Igualmente, se a inspección comprobase que se está a realizar maior aproveitamento do autorizado, á marxe do que resulte do expediente sancionador que se incoe e de que se obrigue o interesado a axustar a licenza ás condicións conforme ás que lle foi outorgada, procederase a liquidar a taxa relativa ao exceso, de ocupación de espazo público que corresponda ao período en que se mantivo a instalación non autorizada.
3.-Non se reputará como infracción continuada a comisión dunha pluralidade de infraccións tipificadas polo mesmo precepto, sancionándose cada unha dela con carácter independente.
Artículo 30.-Criterios de graduación
Na imposición de sancións, deberase gardar a debida adecuación entre a gravidade da infracción cometida e a sanción aplicada, debendo seguirse para a graduación da sanción a aplicar, os criterios contidos na lexislación sobre procedemento administrativo común e os xeralmente admitidos pola xurisprudencia a imposición de sancións, deberase gardar a debida adecuación entre a gravidade da infracción cometida e a sanción aplicada, debendo seguirse para a graduación da sanción a aplicar, os criterios contidos na lexislación sobre procedemento administrativo común e os xeralmente admitidos pola xurisprudencia.
Artículo 31.-Prescrición das infraccións
As infraccións reguladas na presente norma prescribirán aos tres anos as cualificadas de moi graves, aos dous anos as cualificadas de graves e aos seis meses as cualificadas de leves.
Estes prazos contaranse a partir da realización do acto sancionable ou da terminación do período de comisión se se trata de infraccións continuadas.
Artículo 32.- Prescrición das sancións
As sancións prescribirán nos mesmos prazos establecidos no artigo anterior, a partir da firmeza da resolución sancionadora.
Artículo 33.- Suspensión temporal da actividade
1.-Coa finalidade de asegurar a eficacia da resolución que puidese recaer, a autoridade competente na materia poderá adoptar a medida de peche dos quioscos que non dispoñan das autorizacións preceptivas ou da suspensión do seu funcionamento ata que rectifiquen os defectos ou se cumpran os requisitos, nos supostos de falta moi grave.
2.-A devandita medida adoptarase mediante acordo motivado.
Disposición Transitoria
Á entrada en vigor desta Ordenanza as terrazas que nese momento teñan autorización, terán un período de dous meses para solicitar unha nova licenza seguindo o recollido na presente ordenanza.
Disposición Final.
A presente Ordenanza aprobada polo Pleno da Corporación na sesión celebrada o dia 5 de xuño de 2012 comezará a aplicarse a partir do día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, permanecendo en vigor ate a súa modificación ou derogación.-