Fisterra - Ordenanza reguladora da expedición de licenzas de reserva de entrada e saída de vehículos (Vaos )
CAPITULO I : DISPOSICIÓNS XERAIS
Artículo 1 .-Fundamento e obxecto
Sométese a licenza municipal o acceso de vehículos automóbiles a todo tipo de inmobles, sempre que sexa necesario cruzar beirarrúas ou outros bens de dominio e uso público, ou que supoña un uso privativo ou unha especial restrición do uso que corresponde a todos os cidadáns, respecto a tales bens, ou impida o estacionamento ou parada de outros vehículos na fronte pola que se realiza o devandito acceso.
Artículo 2 .-Feito impoñible
O outorgamento de licenzas de vao requirirá, nos supostos de acceso a inmobles, que os locais estean en posesión das licenzas de obras e de ser o caso de apertura, coa excepción daquelas edificacións que pola súa antigüedade our por haber trasnorrido os prazos legalmente establecidos non fose posible a apertura dun expediente de reposición da legalidade.
CAPITULO II : MODALIDADES DE VAOS
Artículo 3 .-Suxeito pasivo
Establécense no Termo Municipal a modalidade de Vao Permanente, podendo concederse un vao non permanente nos casos nos que as circunstancias e situación do vao non permita a concesión do vao na modalidade prevista ou no caso de obras de construción, derrubamento, reforma e reparación de edificios.
Artículo 4.-Outorgamento de licenza de vao
1.-Outorgarase licenza de vao permanente, para acceso a inmobles, nos seguintes casos:
a) Garaxes públicos e talleres con capacidade superior a 3 prazas ou unha superficie mínima de 65 m2.
b) Garaxes privados ou de comunidades de propietarios con máis de 20 m2 de superficie de local.
c) Edificios ou instalacións de equipamento comunitario de carácter sanitario: hospitais, ambulatorios...
d) Gasolineiras, estacións de servizo, venda de carburantes...
2.-En ningún caso se concederá licenza de vao para acceso a parcelas nas que non existe local destinado a garaxe ou edificación destinada a uso residencial.
3.-A dimensión mínima de vao é de 3,0 m sendo a máxima de 6,0 m. Tan só se poderán autorizar dimensións superiores aos 4,0 m para garaxes con capacidade superior a 5 prazas. Excepcionalmente e para aparcamentos nos que sexa preciso construír dúas saídas poderanse outorgar lonxitudes superiores as indicadas.
Artículo 5.-Exclusión de reserva de espazos
Non constitúen licenzas de reserva de espazo ou vaos, as autorizacións de carácter temporal que supoñan ocupación de vía pública e que serán tramitadas e autorizadas como tales nos seguintes supostos:
a) Servizo de mudanzas.
b) Formigón e bombeo.
c) Vehículos de exposición.
d) Descarga de gasóleos, butano...
e) Outros usos extraordinarios.
CAPITULO III: OUTORGAMENTO DE LICENZAS
Artículo 6 .- Solicitude de licenza de vao
Poderán solicitar licenza de vao os propietarios e os posuidores lexítimos dos inmobles, aos que aquel haxa de permitir o acceso, así como os promotores ou contratistas nos supostos de obras.
As instancias contendo a solicitude deberán presentarse no Rexistro Xeneral do Concello, debendo estar o peticionario en posesión das licenzas de obras e apertura ás que se refire a presente ordenanza, e deberán presentar plano de situación (plano catastral ou semellante) e plano de planta a escala axeitada, número de vehículos, dimensións do local e dimensión do vao.
As instancias deberán ser reintegradas cos dereitos que sinale a correspondente licenza municipal fiscal reguladora do prezo público.
Artículo 7.-Tramitación da ordenanza
1.-A petición deberá ser informada polos técnicos municipais, os que deberán formular a proposta negativa nos casos nos que o local ou solar que por estar situados en vías que, polo seu tránsito ou características urbanísticas singulares, así aconsélleno, salvo que se adopten as medidas correctoras oportunas mediante as condicións que cada caso requira, e naqueles en que a súa incidencia negativa no tráfico así o aconsellen.
2.-A competencia para o outorgamento de licenza exércea o Ilustrísimo Sr. Alcalde ou Concelleiro - Delegado.
3.-A licenza outórgase sen duración específica, debendo ser renovada anualmente logo de pagamento das taxas correspondentes.
4.-A licenza outórgase en precario, sen prexuízo do dereito de propiedade e de terceiro, podendo ser deixadas se houbese causa motivada, sen efecto, en calquera momento.
Artículo 8.-Prohibición de estacionamento
O estacionamento de vehículos sobre o vao ou reserva de espazo está totalmente prohibido. Non obstante, tolerarase o estacionamento de vehículos fronte os vaos ou espazos reservados cando o conductor permaneza no vehículo, co fin de desprazalo no momento en que se precise a utilización do vao ou espazo reservado.
CAPITULO IV : CARACTERÍSTICAS DA INSTALACIÓN SINALIZACIÓN
Artículo 9.-Sinalización e obras
1.-O outorgamento da licenza de vao esixirá a instalación, no exterior do inmoble, da seguinte sinalización, que deberá ser asumida polo titular da licenza:
a) Instalación na porta, fachada ou construción de que se trate, un disco de detención ou estacionamento axustado ao modelo oficial, que será facilitado polo Concello previo aboamento das taxas correspondentes.
b) A placa deberá conter obrigatoriamente as seguintes características:
b)-1.- A vixencia do vao, en que debe constar o ano en curso.
b)-2.- Metros de reserva autorizados.
b)-3.- A instalación dunha rampla metálica na beirarrúa, pintada con cor amarelo.
2.-O titular da licenza deberá rebaixar o bordo da beirarrúa en toda a anchura do vao, ata quedar a cota 0,00 metros sobre a rasante da calzada. Para a execución de tales obras, así como, no seu caso, para o rebaixe da beirarrúa e reforzo dela, deberá solicitar o correspondente permiso de obras, tendo en conta que se repoñerá o pavimento existente na beirarrúa (baldosa, formigón, etc¿) de xeito que non exista descontinuidade no pavimento do resto da beirarrúa.
3.-Non se permitirá, en ningún caso, colocar ramplas que ocupen a calzada.
4.-As obras de execución do vao deberán realizarse de acordo coas condicións que se sinalen na licenza e en todo caso de conformidade co disposto na Lei 8/1997, de accesibilidade e supresión de barreiras, e o Decreto 35/2000, polo que se aproba o seu regulamento de desenvolvemento.
CAPITULO V : DEREITOS E DEBERES DO TITULAR DA LICENZA
Artículo 10.-Dereitos
O titular da licenza ten o dereito fundamental de acceder e saír co seu vehículo do inmoble ou da obra, podendo solicitar os servizos da Policía Local ou do Servizo de Grúas, se é o caso, se no acceso existe algún impedimento ou vehículo, sempre que iso aconteza no horario autorizado.
Artículo 11.-Deberes
O titular da licenza está obrigado a:
a) Manter en bo estado de conservación o espazo da vía pública obxecto da reserva e a súa sinalización, e a reparar os danos que lle cause.
b) Sinalizar o vao de acordo coas prescricións que se recollen na presente ordenanza.
c) Comunicar ao concello, no prazo máximo de 15 días contados dende que se produza, calquera modificación das condicións e circunstancias que foran tidas en consideración no outorgamento da licenza.
d) Satisfacer as taxas establecidas nas ordenanzas fiscais municipais.
e) Efectuar no vao cantas obras ordinarias ou extraordinarias ordene o concello.
f) Refacer o bordo e a beirarrúa unha vez expirado o período de tempo para o que foi outorgada a licenza, ou cando esta caducase, sexa anulada ou cando o titular solicite a súa finalización, como requisito previo en todos os casos para que sexa efectiva a conclusión da vixencia da licenza.
g) Os usuarios do vao e demais espazos destinados a acceso de vehículos aos inmobles quedarán obrigados a respectar o tránsito peonil que terá, en todo caso, carácter preferente.
CAPITULO VI : VIXENCIA, SUSPENSIÓN, REVOGACIÓN E CADUCIDADE DAS AUTORIZACIÓNS
Artículo 12.-Vixencia da Licenza Municipal
1.-A licenza enténdese concedida ata o 31 de decembro do ano en que se outorgue, e a súa vixencia prorrógase tacitamente por anos naturais coa inclusión do interesado no censo anual correspondente.
2.-Se a licenza de reserva ten a súa orixe na realización de obras nun inmoble privado, a vixencia temporal dela cinguirase ao período de duración das citadas obras.
Artículo 13.-Suspensión
O Concello poderá suspender, por razóns de tráfico, obras en vía pública (ou outras circunstancias extraordinarias), os efectos da licenza con carácter temporal. Neste caso deberalle notificar ao interesado o acordo de suspensión temporal da prórroga cun mes de antelación ao inicio do ano natural de que se trate
Artículo 14.-Revogación
1.-As licenzas poderán ser revogadas pola autoridade que as ditou, nos seguintes casos:
a) Por ser destinadas a fin distinto para as que foron outorgadas.
b) Por non aboar a taxa anual.
c) Por incumprir as condicións relativas aos horarios ou carecer da sinalización axeitada.
d) Por causas motivadas relativas ao tráfico ou circunstancias da vía pública.
2.-A revogación requirirá logo de notificación aos interesados, notificándoos, previa á resolución, un prazo de audiencia de quince días no expediente para que se acheguen cantas alegacións consideren procedentes ao seu dereito.
3.-A revogación dará lugar á obriga do titular de retirar a sinalización e rampla, con entrega do disco ao Concello; e en caso de desobediencia, poderá facerse uso da execución subsidiaria pola Administración Municipal á súa costa, nos termos previstos no artigo 98º.-) da 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común.
4.-Igualmente farase uso da execución subsidiaria nos supostos de ocasionar danos na beirarrúa e que non emenden voluntariamente polo causante.
Artículo 15.-Caducidade
1.-Darán lugar á caducidade da licenza o cambio do seu titular e o da actividade para a que foi concedida esta. Nestes supostos, o solicitante da nova licenza poderá subrogarse nos dereitos do titular anterior, debendo adecuar, se fora necesario, o vao ao modelo vixente.
2.-Así mesmo, o vencemento da licenza producirase por expiración, no seu caso, do período de tempo para o que fora outorgada.
CAPITULO VII : RÉXIME SANCIONADOR
Artículo 16.-Inspección
Os labores de inspección relativos ao cumprimento desta ordenanza serán desempeñados polos axentes da policía local, que deberán informar ao alcalde ou órgano en que este delegue das infraccións que se observen.
Artículo 17.-Concepto de infracción
Constitúen infraccións administrativas as accións ou omisións que comporten un incumprimento das obrigas, prohibicións ou requisitos establecidos nesta ordenanza.
Artículo 18.-Responsabilidade
Son responsables das infraccións administrativas as persoas físicas que as cometan como autores ou coautores.
Artículo 19.-Infraccións: clasificación
Constitúe infracción da presente ordenanza toda vulneración das obrigas e prescricións contidas nela e, en particular, das relativas ao correcto uso da licenza e a conservación do vao e a súa sinalización.
Sen prexuízo das infraccións que poidan estar contempladas na lexislación correspondente en materia urbanística ou de tráfico e seguridade vial, considéranse as seguintes:
a) Infraccións leves: Constitúen infraccións leves:
a)-1.- A entrada ou saída de vehículos a través da beirarrúa sen contar coa licenza correspondente.
a)-2.- O transcurso do prazo de tres meses dende que se efectúe o requirimento para que se elimine o vao sen que polo titular da licenza se teñan efectuado as obras necesarias para a reposición da beirarrúa e o bordo ao seu estado anterior.
a)-3.- Calquera outra acción ou omisión que infrinxa as disposicións contidas nesta ordenanza e non estea tipificada como grave ou moi grave.
b) Infraccións graves: Constitúen infraccións graves:
b)-1.- A sinalización dunha licenza de vao sen ter obtido a correspondente autorización.
b)-2.- A colocación de sinais distintos aos autorizados polo concello.
b)-3.- A realización de ramplas non autorizadas.
b)-4.- O pintado do bordo ou da rúa sen autorización municipal.
b)-5.- O transcurso do prazo de seis meses dende que se efectúe o requirimento para que se elimine o vao sen que polo titular da licenza se teñan efectuado as obras necesarias para a reposición da beirarrúa e o bordo ao seu estado anterior.
b)-6.- A retirada ou deterioramento dos sinais, así como non reparar os desperfectos ocasionados nas beirarrúas con motivo do uso especial que comporta a entrada e saída de vehículos, tras ser requirido para iso nos prazos establecidos.
c) Infraccións moi graves. Constitúen infraccións moi graves:
c)-1.- A construción de vaos sen ter obtido a correspondente autorización municipal.
c)-2.- A colocación dunha placa de licenza nun lugar diferente para o que foi concedida.
Artículo 20 .- Sancións: clasificación
1.-As infraccións a que se refire o artigo anterior poderán dar lugar á imposición das seguintes sancións:
a) En caso das infraccións leves: multa de 30 a 90 euros.
b) En caso das infraccións graves: multa de 91 a 300 euros.
c) En caso das infraccións moi graves: multa de 301 a 600 euros.
2.-Para a determinación da contía da sancións teranse en conta as seguites circunstancias:
a) A existencia de intencionalidade ou reiteración.
b) A natureza dos prexuízos causados.
c) A reincidencia, derivada da comisión no prazo dun ano de máis dunha infracción da mesma natureza.
c)-1
Artículo 21 .-Competencia
A competencia para a iniciación e resolución dos expedientes sancionadores correspóndelle á Alcaldía, agás que a delegue noutro órgano.
Artículo 22 .-Procedemento
O procedemento sancionador rexerase polo establecido na Lei 30/1992, de 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.
Artículo 23 .-Reposición da situación alterada
A imposición de sancións non eximirá ao infractor da obriga de repoñer os bens afectados ao seu estado orixinario, así como da eventual indemnización polos danos causados.
Disposición Transitoria.
As licenzas de vao autorizadas con anterioridade á entrada en vigor desta ordenanza rexeranse de acordo coas condicións con que foron outorgadas, debendo no prazo máximo de cinco anos atender ao cumprimento do disposto nela respecto das obras a realizar para cumprir co establecido no artigo 11º.-) desta ordenanza.
Así mesmo, no prazo máximo de dez anos dende a entrada en vigor desta ordenanza esixirase aos titulares das licenzas autorizadas con anterioridade á súa entrada en vigor o cumprimento da totalidade do seu articulado.
Non obstante o sinalado no parágrafo anterior, cando, atendidas as circunstancias concorrentes, non sexa posible a adaptación total ás determinacións da ordenanza poderá autorizarse a prórroga da licenza de vao condicionada ao cumprimiento das medidas correctoras que se estimen necesarias.
Non será de aplicación o disposto nesta disposición, respecto dos prazos habilitados nos parágrafos anteriores, no suposto de que este concello execute obras de renovación integral ou parcial do pavimento dunha rúa de xeito que, cando concorra esta circunstancia, os titulares de licenzas de vaos sitos en tal rúa quedan obrigados ao cumprimento do articulado da ordenanza no momento en que se leve a cabo a execución da citada obra.
Disposición Derogatoria.
Déixanse sen efecto os acordos plenarios en materia de normas de vaos do 12 de febreiro de 1998.
No non previsto na presente ordenanza estarase ao disposto nas normas de carácter xeral reguladoras do réxime local.
Disposición Final.
A presente Ordenanza aprobada polo Pleno da Corporación na sesión celebrada o dia 5 de xuño de 2012 comezará a aplicarse a partir do día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, permanecendo en vigor ate a súa modificación ou derogación.-