Dodro - ORDENANZA POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES QUE REGULAN AS AXUDAS DE EMERXENCIA SOCIAL

Publicación provisional: 21/05/2012 BOP Nº: 94
Publicación definitiva: 10/07/2012 BOP Nº: 130
Aplicable dende: 28/07/2012

Artigo 1.- Fundamentación lexislativa e réxime xurídico

O Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo 4.2, encomenda aos poderes públicos de Galicia a obriga de promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, debendo remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitando a participación de todos os galegos e todas as galegas na vida económica, cultural e social.

O artigo 27 da norma estatutaria no seu apartado 23, atribúelle á Comunidade Autónoma de Galicia, con carácter exclusivo, competencia en materia de asistencia social. Por outra banda, a Lei 7/1985 do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, establece no seu artigo 25.2.k) como competencia municipal a prestación de servizos sociais e de promoción e reinserción social nos termos da lexislación do Estado e das Comunidades Autónomas.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no seu artigo 4, establece que o sistema galego de servizos sociais rexerase, entre outros, polos principios de prevención, acción integral e personalizada, autonomía persoal e vida independente, integración e normalización, coordinación e planificación. Ademais no capítulo II da Lei faise referencia ao catálogo de servizos sociais, e concretamente no artigo 21.2 b) inclúense dentro das prestacións económicas as axudas de emerxencia e necesidade social.

O artigo 17.2 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións establece que as bases reguladoras das subvencións das corporacións locais deberanse aprobar no marco das bases de execución do orzamento, a través dunha ordenanza xeral de subvencións ou mediante unha ordenanza específica para as distintas modalidades de subvencións.

A concesión das axudas de emerxencia social rexeranse polo establecido na presente ordenanza e nas disposicións que se adopten para a súa aplicación e desenvolvemento. En canto ao non disposto nas presentes bases serán de aplicación os preceptos básicos da Lei 38/2007, de 17 de novembro, xeral de subvencións (LXS) e do Real Decreto 887/2006, de 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións (RXS); a normativa de desenvolvemento contida na Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG) e na restante normativa reguladora de subvencións de aplicación supletoria e restante regulación administrativa.

Artigo 2.- Obxecto

É obxecto da presente ordenanza establecer as bases reguladoras para a concesión das axudas de emerxencia social por parte do concello de Dodro, de acordo co artigo 17.2 da Lei 38/2007, de 17 de novembro, xeral de subvencións.

Considéranse axudas de emerxencia social o conxunto de axudas en especie e monetarias, de carácter non periódico, destinadas a paliar ou resolver, por si mesmas ou complementariamente con outros recursos e prestacións, situacións de urxente necesidade.

A finalidade destas axudas é dar resposta urxente a situacións puntuais de necesidade xeradas por emerxencia individual e familiar derivada de gastos específicos relativos a necesidades básicas.

Artigo 3.- Beneficiarios

Poderán beneficiarse das axudas de emerxencia as persoas individuais ou unidades familiares do Concello de Dodro.

Entenderase por unidade familiar o núcleo de convivencia composto por dúas ou máis persoas vinculadas por matrimonio ou calquera outra relación análoga de afectividade, por adopción, acollemento ou parentesco de consanguinidade e afinidade ate o terceiro grao.

Terá a condición de beneficiario o solicitante da axuda.

Artigo 4.- Requisitos dos beneficiarios

¿ Ser maior de idade ou menor emancipado/a.

¿ Estar empadroado e ter residencia efectiva no Concello de Dodro de forma ininterrompida polo menos con seis meses de antigüidade no momento da solicitude, salvo informe en casos excepcionais valorados polo/a traballador/a social.

¿ Acreditar a situación de necesidade urxente.

¿ Que a axuda que se solicita teña un carácter complementario dentro dunha intervención social iniciada dende o departamento de servizos sociais coa persoa solicitante e a súa unidade familiar, constituíndo un apoio para a consecución dos obxectivos establecidos nesta intervención.

¿ Que a unidade familiar non dispoña dos ingresos suficientes para afrontar os gastos derivados da situación emerxencia, segundo establecido na táboa que a continuación se presenta.

CONVIVINTES

LÍMITE DE INGRESOS

1

Ate o 75 % do IPREM

2

Ate o 90 % do IPREM

3

Ate o 105 % do IPREM

4

Ate o 120 % do IPREM

5

Ate o 135 % do IPREM

6

Ate o 150 % do IPREM

7

Ate o 165 % do IPREM

8 ou máis

Ate o 180 % do IPREM

O IPREM de referencia será o IPREM anual formado por 14 pagas.

Para o cálculo teranse en conta os ingresos que perciba no momento da solicitude a persoa solicitante ou as persoas que constitúan a unidade familiar en concepto de retribucións, rendas, prestacións, axudas, subsidios por calquera outro concepto.

En caso de unidades familiares onde exista mala relación entre os seus membros, poderase ter en conta os ingresos económicos de parte da unidade familiar, previa valoración do/a traballador/a social.

· Que o beneficiario se atope ao corrente nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non sexa debedor doutra axuda por reintegro da mesma.

Artigo 5.- Tipoloxía e contía das axudas

· Necesidades básicas (alimento, vestido, produtos de hixiene persoal, etc.).

· Adquisición de menciñas e outros produtos de carácter sanitario (non cubertos polo sistema sanitario).

· Gastos relacionados coa vivenda habitual (aluguer, equipamento básico, mantemento das condicións de habitabilidade, subministración e consumo de enerxía eléctrica, etc.).

· Axudas para o pagamento dun lugar alternativo ou temporal de aloxamento.

· Gastos de desprazamentos a centros sanitarios, escolares, aloxamentos alternativos, etc. non cubertos polos sistemas de referencia.

· Gastos en beneficio do menor: actividades extraescolares, libros e material escolar, escola infantil, comedor escolar, etc.

· Axudas para a atención de situacións de urxente e grave necesidade que non poidan ser atendidas por ningún dos conceptos contemplados nos epígrafes anteriores, previa valoración do/a traballador/a social do departamento de servizos sociais.

A contía da axuda establecerase para cada caso concreto en función das circunstancias e das previsións dos gastos que ocasionen a situación de emerxencia. Establécese un límite máximo correspondente ó 100 % do Indicador Público de Rendas de Efectos Múltiples (IPREM) engadíndolle o 10 % adicional por cada un dos membros da unidade familiar aparte do solicitante.

Artigo 6.- Incompatibilidades

Non ter acceso a axudas polo mesmo concepto, por parte doutros organismos, entidades ou administracións públicas, que cubran a necesidade para a que se solicite a prestación.

· Non solicitar ningún membro da unidade familiar estas axudas para situacións de emerxencia social durante o mesmo exercicio económico, salvo en casos excepcionais nos que a necesidade sobrevida requira atención urxente e inmediata, e sexa valorado así polo/a traballador/a social.

Artigo 7.- Procedemento

7.1.- Inicio

O procedemento de concesión das axudas iniciarase coa aprobación da convocatoria anual en réxime de convocatoria aberta, que será publicada, como mínimo, no taboleiro do anuncios do Concello e, si se considera conveniente, noutros medios que permitan a súa difusión e que se especificarán na resolución de aprobación da convocatoria . A convocatoria será aprobada polo órgano concedente, que será o Alcalde ou órgano no que delegue.

A convocatoria poderá aprobarse mediante tramitación anticipada, de acordo co artigo 56 RXS.

De acordo co artigo 19.2 LSG, e tendo en conta o obxecto e a finalidade destas axudas, non se levará a cabo o establecemento nun único procedemento dunha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos, polo que o prazo de solicitude coincide co ano natural, tramitándose as solicitudes a medida que se presenten ata o esgotamento do crédito.

De acordo co artigo 31.4 LSG cando se produza o esgotamento do crédito orzamentario, o órgano concedente acordará a inadmisión de posteriores solicitudes, debendo publicarse o devandito acordo nos mesmos medios que a convocatoria.

O contido da convocatoria deberá ser:

1. Número e data do BOP no que se publiquen as presentes bases reguladoras.

2. Aplicación/s orzamentaria/s ás que se imputan os créditos orzamentarios das axudas, así como o importe máximo anual a conceder.

2.1 A este respecto, indícase que cando as aplicacións orzamentarias sexan varias, segundo esteamos ante unha axuda monetaria ou en especie, a convocatoria poderá establecer que a distribución dos créditos imputados a cada unha teñen carácter estimativo, de modo que, de ser preciso modificar o reparto do crédito orzamentario total, se leve a cabo sen necesidade de nova convocatoria e antes da resolución de concesión, de acordo co artigo 58.4 RXS e, respectando as disposicións normativas en materia de facenda local.

2.2 Non se poderán conceder axudas por importe superior ao que se determine na convocatoria sen que se realice unha nova convocatoria, salvo nos supostos do artigo 31.2 LSG, polo que se produce un aumento do crédito orzamentario debido a algún dos seguintes motivos:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes outras convocatorias financiadas con cargo a aplicacións orzamentarias do mesmo nivel de vinculación xurídica.

Nestes supostos, o órgano concedente deberá aprobar o incremento do crédito orzamentario da convocatoria e publicalo nos mesmos medios que a convocatoria.

3. Obxecto, condicións e finalidade da concesión da subvención.

4. Expresión de que a concesión se efectúa en réxime de concorrencia competitiva.

5. Requisitos para solicitar a subvención e forma de acreditalos.

6. Documentación que hai que acompañar á solicitude.

7. Indicación dos órganos competentes para a instrución e resolución do procedemento.

8. Prazo de resolución e notificación.

9. Indicación de se a resolución pon fin á vía administrativa e réxime de recursos.

10. Criterios de valoración das solicitudes.

11. Medio de notificación da resolución.

7.2.- Presentación de solicitudes:

O procedemento iniciarase mediante impreso de solicitude, segundo modelo oficial (anexo I), presentado no rexistro do Concello coa debida documentación relativa a todos os membros da unidade familiar:

· Fotocopia do DNI/NIE e/ou do libro de familia se é o caso.

· Declaración das axudas recibidas polos mesmos conceptos no ano en curso.

· Declaración da renda do último exercicio ou certificado de imputación de rendas.

· Xustificantes dos ingresos económicos actuais a través de certificados de pensións, nóminas dos últimos doce meses, tarxeta de demanda de emprego e/ou certificado do INEM das prestacións por desemprego, extractos das contas bancarias dos últimos doce meses, etc.

· Declaración responsable do solicitante ou membro afectado da unidade familiar na que se faga constar, no seu caso, a carencia absoluta de ingresos.

· Xustificación documental da necesidade pola que presenta a solicitude (orzamento do gasto, factura pendente de pago, prescrición médica, etc.).

· Compromiso de destinar a axuda para a finalidade para a que é concedida.

· Outros documentos específicos que o/a traballador/a social considere necesarios para a correcta valoración da solicitude.

· Declaración responsable do beneficiario de que se atopa ao corrente nas súas obrigas tributarias e coa seguridade social ou sexa debedor doutra axuda por reintegro da mesma.

Ante unha situación de extrema urxencia que requira dunha intervención inmediata e, previo informe do/a traballador/a social poderá eximirse da presentación dun o máis documentos que deben achegarse coa solicitude agás esta última.

7.3.- Instrución:

Darase traslado da solicitude ao departamento de servizos sociais para a instrución do procedemento. O órgano instrutor será un/ha traballador/a social, que procederá á comprobación dos datos proporcionados, ao requirimento das emendas que procedan e demais funcións previstas legalmente para este órgano. Así mesmo, o órgano instrutor deberá efectuar a proposta de concesión ou denegación da axuda.

Criterios de valoración.

No procedemento de valoración, teranse en conta dous factores:

1) Valoración económica: Procederase ao cálculo da capacidade económica segundo o baremo do solicitante e dos demais membros que compoñan a unidade familiar.

Entenderanse como ingresos da unidade familiar todos os ingresos obtidos por cada un dos membros da mesma en relación aos últimos 12 meses (rendementos do traballo, prestacións de desemprego, pensións, etc.)

Excepcionalmente, cando existan cambios substanciais na renda familiar dentro dos últimos doce meses cunha previsión de permanencia no tempo, poderanse ter en conta unicamente os ingresos relativos ao último trimestre da/ persoa/s afectada/s pola dita situación.

No caso do membro afectado a renda anual sería a resultante de calcular unha media da renda do último trimestre e multiplicala por 14 pagas.

No caso de que o solicitante ou algún membro da unidade familiar non poida acreditar documentalmente a percepción de renda algunha, poderá presentar declaración responsable da carencia absoluta de ingresos.

Para acceder á concesión da axuda, os ingresos non poderán exceder dos límites establecidos na seguinte táboa. En caso contrario, o indicador económico será o motivo da denegación da axuda, non sendo precisa a posterior valoración social.

Da totalidade dos ingresos da unidade familiar deduciranse as cotas aboadas en concepto de hipoteca, préstamo ou aluguer de vivenda habitual.

CONVIVINTES

LÍMITE DE INGRESOS

1

Ate o 75 % do IPREM

2

Ate o 90 % do IPREM

3

Ate o 105 % do IPREM

4

Ate o 120 % do IPREM

5

Ate o 135 % do IPREM

6

Ate o 150 % do IPREM

7

Ate o 165 % do IPREM

8 ou máis

Ate o 180 % do IPREM

2) Valoración social.

O órgano instrutor procederá á comprobación dos datos proporcionados e á valoración técnica da necesidade, a través das técnicas e instrumentos propios da profesión, coa finalidade de emitir un correcto diagnóstico social da situación, podendo solicitar, a tal efecto, canta información considere precisa. Finalmente, este/a profesional emitirá un informe social coa valoración correspondente.

A contía da axuda establecerase para cada caso concreto en función das circunstancias e das previsións dos gastos que ocasionen a situación de emerxencia. Establécese un límite máximo correspondente ó 100 % do Indicador Público de Rendas de Efectos Múltiples (IPREM) engadíndolle o 10 % adicional por cada un dos membros da unidade familiar aparte do solicitante.

Proposta de resolución.

Unha vez efectuada a valoración, o/a traballador/a social emitirá proposta de resolución debidamente motivada.

No caso de que a proposta sexa de concesión, esta deberá ter o seguinte contido:

· Que a solicitude cumpre os requisitos esixidos nas bases reguladoras e na convocatoria

· Datos identificativos do expediente

· Finalidade da axuda

· Importe da axuda

· Se a axuda é monetaria ou en especie

· Forma de pagamento

· Prazo e forma de xustificación, se procede

7.4.- Fiscalización pola Intervención municipal:

A proposta de resolución será remitida ó departamento de Intervención municipal para a súa fiscalización previa.

7.5.- Resolución:

Logo da fiscalización de Intervención, se fose o caso, a solicitude coa documentación e co correspondente informe social e proposta de resolución, será elevada á Alcaldía ou órgano no que delegue, para a súa resolución, na que polo menos quedará reflectido: motivación da concesión ou denegación e no primeiro suposto, ademais indicarase: datos identificativos do expediente, fin da axuda, se é monetaria ou en especie, aplicación orzamentaria, contía, forma de pagamento e prazo e forma de xustificación, de ser o caso.

O prazo para ditar resolución será dun mes desde a presentación da solicitude. A notificación cursarase no prazo de dez días a partir da data de resolución.

A resolución deberá ser notificada ao beneficiario, xunto co réxime de recursos correspondente.

7.6.- Formas de pago:

A forma de pagamento das axudas concedidas farase conforme o establecido na resolución, podendo ser:

· Axudas en especie (artigos de primeira necesidade: comida, roupa, enxoval, etc.): o pagamento realizarase ao provedor do servizo, que será contratado directamente polo Concello.

· Axudas monetarias: o pagamento realizarase ao beneficiario da axuda. No caso de que se considere conveniente polos/as traballadores/as sociais de Servizos Sociais mediante informe ao respecto, será posible a aprobación do pagamento a unha persoa responsable do beneficiario (debendo constar na resolución de concesión) ou, no seu caso, na transmisión do dereito de cobro a un terceiro, cando este debera ser o último receptor da axuda.

O pagamento das axudas monetarias realizaranse, con carácter xeral, unha vez aprobada a conta xustificativa. Nos supostos de urxencia que sexan valorados deste xeito polo departamento de Servizos Sociais, poderase realizar con carácter previo o pagamento anticipado, sen necesidade de esixir garantía.

En ningún caso poderán realizarse pagos anticipados a beneficiarios cando se atopen nalgún dos supostos do artigo 31.6 LSG: cando tivesen solicitado a declaración de concurso, estean suxeitos a intervención xudicial ou estivesen inhabilitados conforme á Lei concursal nos termos do precepto legal, fosen declarados en quebra, en concurso de acredores, insolvente falido en calquera procedemento ou suxeito a intervención xudicial, se tivese iniciado expediente de quita e espera ou de suspensión de pagos, ou se tivese presentado solicitude xudicial de quebra ou de concurso de acredores mentres non fosen rehabilitados.

7.7.- Xustificación do gasto:

No caso das axudas en especie, non será precisa a presentación de conta xustificativa, que quedará acreditada coa execución da contratación da prestación en que consiste a axuda de emerxencia social.

No caso de axuda monetaria, a xustificación do gasto efectuarase mediante a presentación das facturas acreditativas que deberán cumprir os requisitos de facturación regulamentariamente establecidos, ou mediante outros documentos de valor probatorio semellante con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, nos termos establecidos regulamentariamente. O concepto facturado deberá conter o detalle suficiente para proceder á comprobación do cumprimento da finalidade da axuda concedida.

O prazo máximo para presentar a conta xustificativa será, como máximo, dun mes desde a notificación da resolución ou do pagamento da axuda, se esta é anterior, debendo fixarse o prazo concreto na proposta de resolución e na resolución de concesión.

Naqueles casos nos que a axuda de emerxencia social se conceda unicamente pola concorrencia dunha situación determinada, non se requirirá outra xustificación que a acreditación por calquera medio admisible en dereito da dita situación previamente á concesión, ou mediante informe dos Servizos Sociais.

 

Artigo 8.- Obrigas dos beneficiarios:

Aos/as beneficiarios/as das axudas estarán obrigados/as a:

· Destinar a axuda ao fin para o que foi concedida.

· Escolarizar aos menores que estean en idade escolar obrigatoria garantindo a súa asistencia ao centro correspondente.

· Non exercer a mendicidade nin a prostitución nin inducir á practica de calquera delas a ningún membro da unidade de convivencia.

· Permitir e facilitar o labor do/a traballador/a social para verificar a súa situación familiar e económica.

· O cumprimento das condicións que se establezan para a concesión das axudas destinadas a superar a situación de necesidade.

· Exercitar no prazo que se estableza calquera dereito económico que poida corresponderlle segundo a lexislación vixente.

· Comunicar ao departamento de servizos sociais as variacións sobrevidas que poidan dar lugar á modificación ou extinción da axuda.

Artigo 9.- Revogación da axuda e reintegro de pago:

Procederá a revogación da axuda ou reintegro parcial ou total das cantidades percibidas, máis o interese legal de diñeiro que resulte de aplicación dende o momento do abono da axuda, nos seguintes supostos:

· Ocultación ou falsidade de datos ou documentos que serviran de base para a concesión da axuda sen reunir as condicións requiridas para elo.

· Incumprimento das obrigas e requisitos establecidas nestas bases.

· Incumprimento da obriga de xustificar.

· Desaparición das circunstancias que deron lugar á axuda concedida.

· Falecemento do/a beneficiario/a.

· Os demais previstos na normativa reguladora de subvencións.

DISPOSICIÓN FINAL

A presente Ordenanza entrará en vigor transcorridos quince días hábiles mediante publicación no Boletín Oficial da Provincia. Se non houbera reclamacións ou suxestións de acordo co artigo 49.c da Lei 7/1985 de 2 de abril LRBRL, entenderase aprobado definitivamente.

SOLICITUDE DE AXUDA DE EMERXENCIA SOCIAL

SOLICITUDE

Datos da persoa interesada

NOME

APELIDOS

DNI

DATA DE NACEMENTO

ESTADO CIVIL

ENDEREZO

TELÉFONO

DOCUMENTACIÓN A ACHEGAR DA PERSOA INTERESADA:

· Fotocopia do documento Nacional de Identidade / Número de Identificación de Estranxeiros ou libro de familia se é o caso.

· Declaración das axudas recibidas polos mesmos conceptos no ano en curso.

· Xustificantes de ingresos (última declaración da renda ou certificado de imputación de rendas, nóminas dos últimos doce meses ou certificado das pensións ou prestacións actuais, certificado de intereses bancarios, certificado do Servizo Publico de emprego das prestacións por desemprego, etc.)

· Declaración responsable do solicitante ou membro afectado da unidade familiar na que se faga constar, no seu caso, a carencia absoluta de ingresos.

· Xustificación documental da necesidade (orzamento do gasto, factura pendente de pago,etc.)

· Compromiso de destinar a axuda á finalidade para a que é concedida.

· Declaración responsable do beneficiario de que se atopa ao corrente nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de que non é debedor doutra axuda por reintegro da mesma.

· Outros: ____________________________________________________________________

Dodro, _____ de_________________ de 20___

ALCALDE/SA DO CONCELLO DE DODRO