Carnota - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA QUE GRAVA A UTILIZACIÓN, OCUPACIÓN OU APROVEITAMENTO ESPECIAL DO DOMINIO PÚBLICO LOCAL CON TERRAZAS, MESAS, CADEIRAS, TRIBUNAS, ESTRADOS E OUTROS ELEMENTOS ANÁLOGOS

Publicación provisional: 11/03/2013 BOP Nº: 48
Publicación definitiva: 14/05/2013 BOP Nº: 91
Aplicable dende: 14/05/2013

Artigo 1. Fundamento e natureza.

A presente ordenanza dítase no uso das facultades outorgadas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución española, ao amparo do artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e de conformidade cos artigos 15 a 19 (imposición e ordenación dos tributos locais) e 20 a 27 (taxas) do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais.

Mediante esta ordenanza establécese unha taxa que grava a utilización, ocupación ou aproveitamento especial do dominio público local con terrazas, mesas, cadeiras, tribunas, estrados e outros elementos análogos.

Artigo 2. Feito impoñible.

Constitúe o feito impoñible desta taxa a utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local, con motivo da instalación de terrazas e estruturas auxiliares en xeral de establecementos dedicados á hostalería na vía pública, como mesas, cadeiras, tribunas, estrados e outros elementos análogos, con finalidade lucrativa.

Artigo 3. Suxeitos pasivos.

Serán suxeitos pasivos desta taxa as persoas físicas ou xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 35.4 de Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, beneficiarias da utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local que constitúe o feito impoñible.

Artigo 4. Responsables.

Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas ás que se refire o artigo 42 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades, síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 43 da Lei xeral tributaria.

Artigo 5. Beneficios fiscais.

Non se recoñecen máis beneficios fiscais que aqueles recoñecidos en virtude da lei ou dos tratados internacionais.

Artigo 6. Cota tributaria.

A contía da taxa regulada nesta ordenanza fixarase de acordo coas tarifas establecidas no parágrafo seguinte, atendendo á superficie ocupada polos aproveitamentos, expresada en metros cadrados.

As tarifas da taxa serán as seguintes, por cada metro cadrado de superficie ocupada e mes:

Para o período do 1 de xuño ao 30 de setembro: 4 euros/m2 por mes

Para o resto do ano: 2,50 euros/m2 por mes

Taxa mínima: 20 euros/m2 por mes

As tarifas incrementaranse anualmente segundo o IPC

Para o cálculo da contía terase en conta o seguinte:

a) Se o número de metros cadrados do aproveitamento non fose enteiro, redondearase por exceso para obter a superficie ocupada.

b) Se como consecuencia da colocación de toldos, marquesiñas, separadores, grellas e outros elementos auxiliares se delimita unha superficie maior á ocupada por mesas e cadeiras, tomarase aquela como base de cálculo.

c) Os aproveitamentos poden ser anuais, cando se autoricen para todo o ano natural, ou temporais, cando o período autorizado comprenda só parte do ano natural. Neste último suposto, a autorización concederase en todo caso por un número enteiro de meses, sen que proceda en ningún caso o rateo da taxa.

Artigo 7. Obriga de pagamento.

A taxa pagarase cando se presente a solicitude que inicie o expediente, que non se tramitará sen que se efectuara o pago correspondente.

Cando a autorización se conceda para un período anual, o pagamento da taxa efectuarase o 1 de xaneiro de cada ano.

Cando se producira a utilización do aproveitamento especial sen solicitar licenza, a devindicación da taxa terá lugar no momento do inicio daquel aproveitamento.

A devindicación e esixencia desta taxa é independente e compatible con calquera outra taxa por ocupación da vía pública.

O importe da taxa ingresarase por autoliquidación e realizarase simultaneamente á presentación da solicitude da autorización da instalación da terraza. Os interesados deberán realizar o pagamento en calquera das contas das que dispón o Concello en entidades bancarias ou caixas de aforros.

Artigo 8. Xestión.

Os titulares dos negocios deberán presentar unha solicitude de autorización da ocupación do dominio público no rexistro xeral do Concello, na que se indique o enderezo do local do negocio, o suxeito pasivo da taxa, o tipo de ocupación que se pretende levar a cabo, os metros cadrados que se pretenden ocupar e o período para o que se solicita.

Xunto coa solicitude, presentarase unha declaración de estar en posesión da licenza de apertura ou unha copia desta, así como un plano de situación da terraza.

Unha vez presentada a solicitude, a Policía Local emitirá un informe indicando se procede ou non a ocupación solicitada (localización e superficie) e determinará as medidas necesarias para garantir o tráfico rodado e de viandantes.

En base ao informe da Policía Local, por resolución da Alcaldía ou do órgano no que delegue, autorizarase ou denegarase a ocupación.

No caso de que a superficie que se pretende ocupar sexa maior que a declarada na solicitude, o interesado deberá practicar unha liquidación complementaria, conforme se lle indique no requirimento de corrección de discrepancias que o Concello lle deberá notificar ao interesado. Unha vez corrixidas as diferenzas concederase a autorización.

Se a superficie que se autorice é menor que a declarada na solicitude o interesado deberá solicitar a devolución da diferenza.

En cada exercicio económico deberá realizarse unha nova solicitude para o período de ocupación que se desexe.

Non se consentirá a ocupación da vía pública ata que non fora autoliquidado o depósito previo e fora obtida a correspondente licenza polos interesados. O incumprimento deste mandato poderá dar lugar á non concesión da licenza, sen prexuízo do pagamento da taxa así como das sancións e recargos que procedan.

As autorizacións terán carácter persoal e non poderán ser cedidas ou subarrendadas a terceiros. O incumprimento deste precepto dará lugar á anulación da licenza.

A ocupación da vía pública regulada nesta ordenanza non poderá danar os dereitos de terceiras persoas.

Cando, como consecuencia da ocupación, se produza a destrución ou o deterioro do dominio público local, o beneficiario, sen prexuízo do pago da taxa, estará obrigado ao reintegro do custo total dos respectivos gastos de reconstrución ou reparación e ao depósito previo do seu importe.

Se os danos fosen irreparables o Concello será indemnizado nunha contía igual ao valor dos bens destruídos ou ao importe do deterioro dos danados.

A entidade local non poderá condonar total nin parcialmente as indemnizacións e reintegros a que se refire o presente apartado.

Artigo 9. Infraccións e sancións.

En todo o relativo á cualificación de infraccións triburarias, así como das sancións correspondentes, estarase ao disposto nos artigos 178 e seguintes da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

Disposición final.

A presente ordenanza, logo de ser aprobada polo Pleno da Corporación, será sometida a información pública, coa publicación do seu texto íntegro, por un prazo mínimo de 30 días, durante os que se poderán presentar reclamacións e suxestións, de conformidade co artigo 49 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladoras das bases do réxime local. No caso de que non se presente ningunha reclamación entenderase definitivamente adoptado o acordo, ata entón provisional. A presente ordenanza deroga toda-las anteriores.