Fene - REGULAMENTO DE RÉXIME INTERIOR DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS DO CONCELLO DE FENE
ÍNDICE
I. CAPÍTULO 1º: obxecto e fins
II. CAPÍTULO 2º: das competencias.
III. CAPÍTULO 3º: da Coordinación deportiva municipal, do administrador de instalacións deportivas municipais, e das empresas contratadas para a prestación de servizos técnicos e/ou de limpeza/mantemento.
IV. CAPÍTULO 4º: dos/as usuarios/as, entidades e clubs.
A. SECCIÓN PRIMEIRA: dereitos e obrigas dos/as usuarios/as para tódalas instalacións en xeral.
B. SECCIÓN SEGUNDA: normas para entidades e clubs para tódalas instalacións en xeral.
C. SECCIÓN TERCEIRA: normas complementarias para tódalas instalacións en xeral.
D. SECCIÓN CUARTA: normas de xestión para tódalas instalacións en xeral.
V. CAPÍTULO 5º: normas particulares do uso das diferentes instalacións deportivas.
A. SECCIÓN PRIMEIRA: normas particulares para o uso da pista do pavillón polideportivo da Xunqueira.
B. SECCIÓN SEGUNDA: normas particulares para o uso do ximnasio e saunas do pavillón polideportivo da Xunqueira.
C. SECCIÓN TERCEIRA: normas particulares para o uso da pista do pavillón polideportivo do Ramo (Barallobre).
D. SECCIÓN CUARTA: normas particulares para o uso das pistas polideportivas exteriores agás no CEIP de Centieiras e o campo de fútbol-7 do mesmo centro.
E. SECCIÓN QUINTA: normas particulares para o uso das pistas polideportivas exteriores e do campo de fútbol-7 do CEIP de Centieiras.
F. SECCIÓN SEXTA: normas particulares para o uso dos ximnasios municipais situados nas instalacións dos centros de ensino.
G. SECCIÓN SÉTIMA: normas particulares para o uso do ximnasio da Casa da Cultura.
VI. CAPÍTULO 6º: do material deportivo, mobiliario e demais utensilios.
VII. CAPÍTULO 7º: sancións.
VIII. DISPOSICIÓN FINAL.
ANEXO 1.: REGULAMENTO ESPECÍFICO DE UTILIZACIÓN DA PISCINA MUNICIPAL DE CENTIEIRAS
C A P Í T U L O 1º . OBXECTO E FINS
Artigo 1.- É obxecto da presente normativa a regulamentación das instalacións deportivas propiedade do Concello de Fene, así como as futuras instalacións e as alugadas, que xestionará directamente o Concello de Fene sen órgano especial de administración, asumindo o seu propio risco.
Artigo 2.- No momento de aprobar o presente Regulamento, as instalacións deportivas de titularidade municipal son as que se relacionan a continuación:
- Pista polideportiva de San Valentín.
- Pistas polideportivas do CEIP A Xunqueira.
- Ximnasio do CEIP A Xunqueira.
- Pavillón polideportivo da Xunqueira.
- Pista polideportiva de Fonte do Campo.
- Ximnasio de Fonte do Campo.
- Pista polideportiva do CEIP Centieiras
- Ximnasio do CEIP Centieiras
- Campo de fútbol-7 do CEIP Centieiras
- Piscina climatizada cuberta de Centieiras
- Pavillón polideportivo do Ramo
- Pista de atletismo do Pazo
- Pista polideportiva de Maniños
- Pistas polideportivas do CEIP Os Casais
- Pista polideportiva de Limodre
- Pista polideportiva de Sillobre
- Pista polideportiva de Magalofes
Artigo 3.- Os inmobles nos que se sitúan as instalacións deportivas municipais, agás dos alugados, son bens de dominio público, subgrupo de servizo público e figuran no Libro de inventario e Rexistro de bens do Concello de Fene.
Artigo 4.- As instalacións deportivas municipais destinaranse principalmente para a práctica de toda clase de actividades, espectáculos e competicións deportivo-recreativas, sen prexuízo de utilizalas en determinados momentos para realizar outras manifestacións artísticas, culturais, sociais ou actos de relevancia para a comunidade local.
Artigo 5.- De acordo co disposto no artigo anterior, as instalacións deportivas municipais poderán utilizarse para os seguintes actos:
a) Actividades, espectáculos e competicións deportivas de calquera deporte oficialmente recoñecido como tal, sempre que a súa práctica sexa axeitada ás características da instalación.
b) Reunións de carácter exclusivamente artístico ou cultural, así como tamén festivas que poida autorizar a Xunta de Goberno Local do Concello.
c) Actos públicos non incluídos en ningún dos anteriores grupos e que legalmente se poidan autorizar.
A Xunta de Goberno Local do Concello atendendo ás circunstancias que así o aconsellen, resérvase o dereito de prohibir a celebración de calquera reunión ou manifestación, mediante comunicación previa aos interesados.
C A P Í T U L O 2º . DAS COMPETENCIAS
Artigo 6.- Son competencias do Concello Pleno as seguintes:
a) Aprobación, modificación ou derrogación deste Regulamento previo ditame da Comisión Informativa que corresponda.
b) Contratación dos servizos de conserxería, limpeza, vixilancia e mantemento das instalacións deportivas municipais.
c) Contratación de persoal para a realización de diferentes servizos nas instalacións deportivas municipais.
d) Fixación dos prezos públicos por utilizar as instalacións deportivas municipais.
e) Aprobación, a proposta da Comisión Informativa que corresponda, da política deportiva municipal así como dos criterios de utilización das instalacións deportivas municipais.
f) Impoñer sancións derivadas de faltas graves ou moi graves na utilización das instalacións deportivas municipais.
g) As que lle atribúe a lexislación vixente que non estean delegadas expresamente a outro órgano.
Artigo 7.- Son competencias da Xunta de Goberno Local do Concello:
a) As que teña expresamente atribuídas nesta materia.
Artigo 8.- Son competencias da Comisión Informativa que corresponda.
a) As que teña expresamente atribuídas nesta materia.
C A P Í T U L O 3º . DA COORDINACIÓN DEPORTIVA MUNICIPAL, DO ADMINISTRADOR DE INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS, E DAS EMPRESAS CONTRATADAS PARA A PRESTACIÓN DE SERVIZOS TÉCNICOS E/OU DE LIMPEZA/MANTEMENTO
Artigo 9.- Correspóndenlle á Coordinación deportiva municipal as seguintes funcións:
De carácter xeral
a) Elaboración de propostas de actuación referentes á política deportiva municipal.
b) Preparación de memorias explicativas das actividades existentes e previstas no Concello para xestionar e tramitar a petición de subvencións.
c) Coordinar e organizar o material necesario para levar a cabo as actividades previstas.
d) Atención personalizada ás sociedades deportivas informando das actividades que lles poidan interesar e nas que poden intervir ou colaborar.
e) Informar ás sociedades das liñas de subvencións existentes para as diferentes actividades deportivas.
f) Relación directa coas sociedades municipais proporcionándolles asesoramento para o bo funcionamento das mesmas, estando a disposición delas un ou dous días/semana, segundo as necesidades do momento.
g) Elaborar os informes que lle requira a Comisión que corresponda ou o responsable do departamento.
En relación coas escolas deportivas municipais e escolas conveniadas coas sociedades
a) Supervisión de escolas e relación directa co monitorado para controlar o rendemento das mesmas, niveis de asistencia e posibles necesidades para a mellora no so seu funcionamento.
b) Remitir ás sociedades información municipal de interese para o bo funcionamento das súas escolas conveniadas.
c) Elaborar a reformulación de directrices para o curso seguinte, acorde co funcionamento real das escolas do ano anterior, de xeito que se poidan modificar horarios, ofertar novas escolas posibles demandadas pola poboación, eliminar algunha se as circunstancias o requiren, ou manter as actuais.
d) Supervisión do material existente e reposición do necesario para o bo funcionamento das escolas.
e) Calquera outra que se lle atribúa ou que recollan as normativas municipais ao efecto
En relación coas instalacións deportivas municipais
a) Elaborar propostas de criterios de utilización e aproveitamento das instalacións.
b) Elaborar estudos de custes e propostas de taxas por utilización das instalacións.
c) Supervisar o labor do administrador de instalacións deportivas no tocante ao control dos traballos prestados polas empresas de servizos contratadas.
d) Elaborar propostas de criterios para a adxudicación de horarios de utilización das instalacións deportivas municipais.
e) Organización e tramitación das actividades estables previstas.
Artigo 10.- Correspóndenlle ao administrador das instalacións deportivas municipais:
a) Executar e facer cumprir, baixo a superior dirección da Presidencia da Comisión que corresponda ou concelleiro/a-delegado/a, os acordos dos órganos de goberno da Corporación municipal.
b) Administrar e inspeccionar os servizos das instalacións deportivas municipais, baixo a superior dirección da Presidencia da comisión que corresponda ou concelleiro/a-delegado/a.
c) Velar pola boa conservación das instalacións e do material para actividades, propoñendo a tal fin as medidas que crea necesarias e responsabilizarse do mantemento, asistencia e sostemento material de carácter xeral das instalacións, por medio do persoal necesario. Así mesmo, velar polo cumprimento da normativa de uso das instalacións deportivas municipais.
d) Supervisar e prestar a súa conformidade, xunto coa Coordinación deportiva municipal, aos labores das empresas adxudicatarias dos servizos de conserxería, vixilancia, limpeza e mantemento das instalacións deportivas municipais.
e) Expedir os carnés de usuarios/as das instalacións deportivas municipais e cobrar as correspondentes taxas consonte coa normativa aprobada pola Corporación municipal.
f) Elaborar informes mensuais coas correspondentes liquidacións de taxas.
g) Elaborar informes mensuais sobre os niveis de utilización das instalacións deportivas municipais.
h) Asignar horarios, consonte coas directrices da Corporación municipal e a supervisión da Coordinación deportiva municipal, para a utilización das instalacións deportivas municipais.
i) Calquera outra que se lle atribúa ou que recollan as normativas municipais ao efecto.
Artigo 11.- As empresas contratadas para a prestación de servizos de limpeza, conservación e mantemento das instalacións deportivas municipais así como as contratadas para a prestación de labores técnico-docentes nas citadas instalacións cumprirán, ademais das funcións consignadas nos respectivos contratos subscritos co Concello, as normas:
a) Todo o persoal destinado nas instalacións deportivas levará permanentemente, mentres permanezan dentro das instalacións, nun lugar ben visible a identificación persoal, que será facilitada pola empresa adxudicataria e conformada polo Concello de Fene, na que figurará a súa fotografía, nome e apelidos e función que desenvolve na instalación. O carné de identificación levará unha cor apropiada para os efectos dunha identificación rápida por parte dos usuarios para que poidan dirixir as súas consultas á persoa axeitada.
b) O persoal destinado nas instalacións deportivas velará para que os usuarios e demais persoas que acudan ás instalacións cumpran a presente normativa corrixindo, polos medios legais, as incidencias que se poidan producir en calquera momento.
C A P Í T U L O 4º . DOS/AS USUARIOS/AS, ENTIDADES E CLUBS
SECCIÓN PRIMEIRA
DEREITOS E OBRIGAS DOS/AS USUARIOS/AS PARA TODAS AS INSTALACIÓNS EN XERAL
Artigo 12.- O acceso ás instalacións farase coa identificación oportuna, respectando os horarios establecidos e a instalación a utilizar, atendendo en todo momento ás instrucións dos empregados do servizo. Será requisito indispensable para poder acceder á instalación a presentación da seguinte documentación
a) Carné expedido polo administrador de instalacións deportivas.
b) Xustificante de ter realizado o correspondente pagamento no caso de que o/a usuario faga uso desta modalidade.
Na solicitude de alugueiro de calquera instalación deberá especificarse claramente a actividade a realizar, non podendo realizarse outra distinta a aquela para a que foi alugada.
Nas solicitudes de alugueiro para competicións, maratóns e outros eventos semellantes, os solicitantes deberán acreditar que teñen subscrita a correspondente póliza de accidentes e responsabilidade civil da actividade.
Cada carné ou abono é exclusivo das actividades para as que foi expedido, non podendo utilizarse para outras.
Non se poderán introducir dentro das instalacións bicicletas, ciclomotores, motos, etc.
Artigo 13.- Os/as usuarios/as respectarán o equipamento deportivo e mobiliario das mesmas, ordenando o material unha vez utilizado.
Así mesmo, deberán manter unha actitude cívica correcta, evitando actos que signifiquen un prexuízo para a instalación e para os/as restantes usuarios/as.
Artigo 14.- Non se permitirá:
- O paso de envases de vidro ou metálicos ás bancadas nin ás pistas de xogo.
- Fumar.
- Comer pipas ou froitos secos con casca nas bancadas.
Artigo 15.- É obrigatoria a utilización de roupa e calzado deportivo para a práctica e adestramento propio de cada modalidade deportiva, tanto para adestradores e delegados coma para usuarios.
Artigo 16.- O horario de utilización das instalacións deportivas, previa petición de hora dos usuarios, clubs e asociacións deportivas, será confeccionado polo administrador das instalacións deportivas atendendo aos criterios da coordinadora deportiva. Posteriormente darase conta destes horarios á Comisión que corresponda.
Os citados horarios estarán expostos nos taboleiros de anuncios da Comisión correspondente e do Pavillón Polideportivo da Xunqueira para xeral coñecemento. Así mesmo, cando sexa posible, remitirase copia destes horarios ás entidades deportivas e expoñerase copia dos mesmos no pavillón do Ramo.
Artigo 17.- Os sábados, domingos e festivos de cada semana reservaranse para competicións. Ditas competicións serán solicitadas polas entidades ao administrador de instalacións deportivas municipais, correspondéndolle ao administrador, co Visto e Prace da Coordinación, o outorgamento de dita solicitude.
No momento en que haxa novos deportes regulamentados establecerase novo horario, seguindo o previsto neste Regulamento.
O Concello, mediante resolución da Alcaldía ou acordo da Xunta de Goberno Local, resérvase o dereito de realizar as posibles modificacións cando, unha vez concedidas as horas, causas de forza maior así o aconsellen, sempre con aviso aos interesados.
Artigo 18.-
18.1. O/a usuario/a que, por causa xustificada, non vaia facer uso da instalación, téndoa concedida, avisará con 48 h de antelación ao administrador das Instalacións Deportivas Municipais para que poida dispoñer a súa utilización. En caso de avisar con menos tempo perderá o prezo público aboado.
18.2. A non utilización das instalacións que se sinalan levará consigo:
a) A non utilización por dúas veces consecutivas e tres descontinuas, e sen aviso, das pistas polideportivas e instalacións, perderán os dereitos de utilización pola tempada deportiva.
b) A non utilización por máis dun 40% da sesión mensual na escola deportiva, levará consigo o pase do usuario ao final da lista de espera da citada actividade.
c) Non se inclúen os usuarios que por accidentes sufridos nas instalacións ou por outras causas xustificadas non poidan acudir ás actividades correspondentes, prevíndose soamente nestes casos a reserva de praza na actividade e a non aplicación do prezo público mentres dure a baixa.
18.3. Non se permite a cesión do uso das instalacións a terceiros, agás autorización expresa do administrador de instalacións ddeportivas ou da coordinadora deportiva municipal, dando conta á Xunta de Goberno Local.
18.4. O Concello de Fene ten subscrita unha póliza de Responsabilidade Civil para todas as actividades que organice e leve a cabo no Pavillón. Os accidentes, lesións e responsabilidades que se ocasionen cando a instalación estea cedida a outros usuarios , particulares ou entidades, serán responsabilidade da persoa física ou xurídica que solicitou a cesión da instalación.
Artigo 19.- O usuario deberá satisfacer puntualmente os prezos públicos establecidos na correspondente Ordenanza fiscal, agás no caso de que exista acordo ou concerto que supoña bonificación de ditas tarifas.
Artigo 20.- O usuario das instalacións fará efectivo o prezo público a que se refire o artigo anterior no momento da concesión. O incumprimento desta norma cancelará automaticamente a reserva da hora solicitada.
Artigo 21.- Existirá unha caixa de correo para que o usuario poida dirixir as súas queixas, críticas ou suxestións sobre o funcionamento das instalacións.
Artigo 22.- Para poñer en funcionamento calquera actividade deportiva será necesario contar como mínimo cunha inscrición do 75% do número de prazas prefixadas.
Artigo 23.- Non se permite a entrada ás instalacións de ningún tipo de animal doméstico, agás no caso de animais guía.
Artigo 24.- Todos os usuarios das instalacións deberán coñecer o presente Regulamento de réxime interior. Para isto hase facilitar copia do mesmo aos clubs e asociacións inscritas no Rexistro municipal de entidades ; así mesmo, no taboleiro de anuncios das instalacións deportivas cubertas e das oficinas da Comisión correspondente hase expoñer un exemplar deste regulamento.
Artigo 25.- Os usuarios limitarán a zona de uso da instalación á actividade a realizar, non podendo desprazarse por outras zonas de actividade da instalación.
SECCIÓN SEGUNDA:
NORMAS PARA ENTIDADES E CLUBS PARA TÓDALAS INSTALACIÓNS EN XERAL
Artigo 26.- O club ou entidade usuaria faise responsable dos posibles danos excepcionais que se poidan ocasionar durante a utilización das instalacións polos seus xogadores e compoñentes, e que foran realizados por neglixencia ou intencionalidade.
Artigo 27.- As entidades que utilicen os pavillóns para os seus adestramentos e partidos de competición ao longo da tempada estarán obrigados a subscribir a correspondente póliza de seguro de accidentes e responsabilidade civil por danos propios e a terceiros, coa cobertura que se estableza na correspondente ordenanza fiscal. Presentarase copia da póliza e do pagamento do último recibo no momento de facer a solicitude da instación.
As entidades que organicen maratóns ou espectáculos profesionais en calquera instalación municipal (pista non cuberta, piscina ou pavillón) estarán obrigadas a subscribir a correspondente póliza de seguro de accidentes e responsabilidade civil por danos propios e a terceiros coa cobertura mínima que se estableza na correspondente ordenanza fiscal. Presentarase copia das correspondentes pólizas e do pagamento do último recibo no momento de facer a solicitude da instalación.
Artigo 28.- Agás no caso dos convenios particulares que rexen o funcionamento das pistas polideportivas descubertas, o usufruto das instalacións durante unha ou máis tempadas non concede ningún dereito ao club ou entidade para utilizalo na seguinte tempada.
Artigo 29.- O alugueiro e uso das instalacións tanto para clubs, entidades e usuarios en xeral farase consonte cos horarios establecidos non podendo utilizarse ou alugarse en horarios e períodos de tempo diferentes aos sinalados.
Artigo 30.- Se por causas excepcionais houbera que pechar unha instalación ou algunha das súas zonas, a actividade programada quedará suspendida, non podendo ser recuperada nin prolongada.
No suposto de estarse celebrando competicións oficiais, a Comisión de Cultura, Ensino, Deportes, Xuventude e Turismo poderá reprogramar as actividades co obxecto de que a citada competición se poida celebrar o antes posible.
Artigo 31.- O club ou entidade usuaria é responsable de que durante o adestramento ou nos partidos estean no banco ou na pista o persoal correspondente. Non se permitirá que en adestramentos e partidos o número de persoas participantes sexa superior á fixada no Regulamento federativo propio de cada actividade.
Artigo 32.- Cada equipo utilizará os vestiarios que se lle asignen.
Artigo 33.- Os equipos dos colexios ou de clubs compostos por menores de idade que utilicen as instalacións terán que estar sempre acompañados polos profesores, adestradores ou responsables dos mesmos, que serán os encargados de facer cumprir as normas das instalacións.
Artigo 34.- Será responsabilidade do club a colocación e garda do material deportivo usado nos adestramentos.
Artigo 35.- O réxime de horario de utilización das instalacións será o seguinte:
a) A petición de hora efectuarase polo representante de cada equipo, no día que se estableza, concedéndose segundo a seguinte orde de preferencia:
1. Actos programados polo Concello
2. Escolas deportivas municipais
3. Clubs federados do Concello segundo o número de equipos
4. Convenios subscritos entre o Concello de Fene e as federacións deportivas para a realización de partidos de categorías de base.
5. Asociacionismo deportivo federado do Concello
6. Federacións e Delegacións
7. Clubs federados de fóra do Concello
8. Asociacionismo deportivo federado de fóra do Concello
9. Data de solicitude
10. Partidos oficiais
11. Categoría do equipo
12. Antigüidade do club na instalación solicitada.
13. Adestramento
14. Particulares
b) Sempre que se estean celebrando competicións, o administrador das instalacións deportivas municipais poderá fixar dous días para a petición de pista, un para competicións e outro para adestramentos
Artigo 36.- Os usuarios e clubs deberán recoller e colocar os diferentes aparatos e material deportivo necesario para realizar as actividades. Dita colocación poderá contar coa supervisión do persoal de mantemento das instalacións.
Artigo 37.- Será responsabilidade do usuario ou club calquera prexuízo que se ocasione tanto ao propio usuario coma a terceiros por incumprimento das normas e da mala utilización do material de equipamento e deportivo, así como do deterioro que se ocasione a dito material.
SECCIÓN TERCEIRA
NORMAS COMPLEMENTARIAS PARA TODAS AS INSTALACIÓNS EN XERAL
Artigo 38.- Os gastos de persoal descontinuo como porteiros, electricistas, acomodadores e calquera outro que se requira en función da natureza do acto correrán por conta dos organizadores do mesmo, sendo da súa exclusiva responsabilidade o cumprimento das obrigas laborais, fiscais e doutra índole que se deriven da citada relación laboral.
Artigo 39.- O Concello poderá concertar convenios coas asociacións, federacións, agrupacións, entidades deportivas e calquera outro ente público ou privado para o desenvolvemento de programas deportivos. Estes acordos ou convenios deberán xustificar a obtención como resultado final das recíprocas contraprestacións, dun equilibrio económico entre as partes.
Artigo 40.- Non están obrigadas ao pagamento de ningún tipo de cantidade as actividades organizadas polo Concello de Fene, ben directamente, ben a través doutras entidades ás que se lles conceda o patrocinio municipal.
SECCIÓN CUARTA:
NORMAS DE XESTIÓN PARA TODAS AS INSTALACIÓNS EN XERAL
Artigo 41.- Cando se trate de práctica de actividades e espectáculos deportivos, por parte de clubs deportivos, asociacións, colexios, etc. que teñan concedida a utilización periódica das instalacións deportivas municipais, practicarase a liquidación mensual polo administrador das instalacións deportivas municipais, segundo o número de horas de utilización e categoría deportiva.
Artigo 42.- O Concello estenderá as cartas de pagamento, boletos, recibos ou calquera outro documento que se estableza como xustificante de pagamento nos casos de actividades e espectáculos deportivos, festivais e semellantes organizados por colexios, institucións, entidades, etc.
Artigo 43.- As licencias para utilizar as instalacións deportivas cando se trate de festivais, actos organizados por colexios e institucións culturais, etc. así como por festivais e espectáculos artísticos, recreativos e deportivos de carácter profesional solicitaranse mediante instancia dirixida ao alcalde da Corporación municipal.
As instancias entregaranse nas dependencias do pavillón polideportivo da Xunqueira (en San Valentín) e serán tramitadas polo administrador das instalacións deportivas municipais quen, coa conformidade da Coordinación deportiva municipal, emitirá informe-proposta sobre a procedencia do acto que se pretende celebrar, formulando a correspondente proposta de resolución que será aprobada pola Xunta de Goberno Local previo ditame da Comisión informativa que corresponda. O administrador das instalacións deportivas municipais practicará a liquidación do prezo público que proceda.
Artigo 44.- O Concello de Fene non se fai responsable dos obxectos persoais do usuario ou acompañante que se poidan extraviar durante a práctica deportiva.
C A P Í T U L O 5º . NORMAS PARTICULARES DO USO DAS DIFERENTES INSTALACIÓNS DEPORTIVAS
SECCIÓN PRIMEIRA
Normas particulares para o uso da pista do pavillón polideportivo da Xunqueira.
Artigo 45.- Ademais das normas xerais, deberán cumprirse as seguintes:
a) Permitirase o acceso dos usuarios aos corredores cun máximo de 15 minutos de antelación ao comezo das actividades.
b) Unha vez rematada a actividade, os usuarios abandonarán as instalacións nun tempo máximo de 30 minutos a partir do remate da citada actividade.
c) Os usuarios non poderán acceder ao terreo de xogo ata que remate a actividade que se está desenvolvendo. Os usuarios poderán utilizar os corredores como zona de quecemento. Non está autorizado o uso de balóns.
d) Os usuarios, clubs e equipos, nos adestramentos, deberán abandonar a pista de xogo unha vez rematado o tempo de alugueiro de dita pista.
e) En competicións oficiais permitirase o acceso á pista de dúas persoas, unha por cada equipo, que farán o labor de auxiliares de pista. Se as federacións das distintas disciplinas deportivas contemplan unha maior presenza das persoas na competición oficial estarase ao regulamentado por estas, así como das credenciais que ditas persoas deban posuír.
SECCIÓN SEGUNDA
Normas particulares para o uso do ximnasio e saunas do pavillón polideportivo da Xunqueira
Artigo 46.- Ademais das normas xerais, deberán cumprirse as seguintes:
a) O acceso ás actividades faranse cunha antelación máxima de 15 minutos. A saída das instalacións farase como máximo 30 minutos despois de rematada a actividade.
b) As actividades mixtas faranse dentro das horas asinadas, non podendo prorrogarse por máis de 15 minutos a estada na actividade unha vez rematada a hora sinalada.
c) Os usuarios que non estean inscritos nas actividades mixtas, non poderán facer uso doutras instalacións, sen pagamento previo das mesmas.
d) Os usuarios das saunas deberán cumprir as normas de utilización que se definan.
e) Nos adestramentos de clubs no ximnasio, os deportistas estarán permanentemente acompañados dun monitor do club. Dito acompañamento efectuarase dende a entrada ás instalacións. O incumprimento deste requisito anulará o uso da actividade.
SECCIÓN TERCEIRA
Normas particulares para o uso da pista do pavillón polideportivo do Ramo (Barallobre)
Artigo 47.- O pavillón polideportivo, ao estar situado nos terreos do CEIP O Ramo, será utilizado de forma exclusiva por este centro durante os días lectivos no horario comprendido entre as 9:30 e as 17:00 horas.
Artigo 48.- Esta utilización exclusiva estará suxeita ás normas xerais e particulares establecidas no presente Regulamento.
Artigo 49.- A utilización polo CEIP O Ramo estará exenta de taxa ou prezo público.
Artigo 50.- Correspóndelle á Dirección do CEIP O Ramo a adopción das medidas oportunas para garantir o cumprimento das disposicións recollidas neste regulamento.
Artigo 51.- Ademais das normas xerais, deberán cumprirse as seguintes:
a) Permitirase o acceso dos usuarios ás bancadas cun máximo de 15 minutos de antelación ao comezo das actividades.
b) Unha vez rematada a actividade, os usuarios abandonarán as instalacións nun tempo máximo de 30 minutos a partir do remate da citada actividade.
c) Os usuarios non poderán acceder ao terreo de xogo ata que remate a actividade que se está desenvolvendo. Os usuarios poderán utilizar o ximnasio como zona de quecemento. Non está autorizado o uso de balóns.
d) Os usuarios, clubs e equipos, nos adestramentos, deberán abandonar a pista de xogo unha vez rematado o tempo de alugueiro de dita pista.
e) En competicións oficiais permitirase o acceso á pista de dúas persoas, unha por cada equipo, que farán o labor de auxiliares de pista. Se as federacións das distintas disciplinas deportivas contemplan unha maior presenza das persoas na competición oficial estarase ao regulamentado por estas, así como das credenciais que ditas persoas deban posuír.
SECCIÓN CUARTA
Normas particulares para o uso das pistas polideportivas exteriores agás da do CEIP de Centieiras e do campo de fútbol-7 do mesmo centro.
Artigo 52.- Ademais das normas xerais, o funcionamento rexerase polas seguintes disposicións:
a) As pistas polideportivas exteriores serán rexidas polo movemento asociativo ou deportivo segundo os convenios asinados co Concello de Fene.
b) O uso das pistas rexerase polas seguintes prioridades:
1º: Actos organizados polo Concello;
2ª: Actos organizados pola entidade que rexa o funcionamento da pista;
3º: Resto das actividades.
c) A entidade ou asociación que rexa a pista polideportiva exterior farase cargo da limpeza da pista e vestiarios, do seu coidado e conservación así como das pequenas obras de reparación e mantemento que sexan necesarias.
d) A entidade ou asociación que rexa a pista polideportiva exterior será a encargada da adxudicación dos horarios de utilización da pista baixo a supervisión da Comisión que corresponda e, por delegación, da coordinadora deportiva municipal e/ou administrador das instalacións deportivas municipais.
SECCIÓN QUINTA
Normas particulares para o uso da pista polideportiva exterior e do campo de fútbol-7 do CEIP de Centieiras
Artigo 53.- Por tratarse de instalacións situadas nos terreos do CEIP de Centieiras, serán utilizadas de forma exclusiva por este centro durante os días lectivos no horario comprendido entre as 9:30 e as 17:00 horas.
Artigo 54.- Esta utilización exclusiva estará suxeita ás normas xerais e particulares establecidas no presente Regulamento.
Artigo 55.- A utilización polo CEIP de Centieiras estará exenta de taxa ou prezo público.
Artigo 56.- Correspóndelle á Dirección do CEIP de Centieiras a adopción das medidas oportunas para garantir o cumprimento das disposicións recollidas neste regulamento.
Artigo 57.- Ademais das normas xerais, o funcionamento destas instalacións rexerase polas seguintes disposicións:
a) Fóra do horario lectivo, as instalacións do CEIP Centieiras serán rexidas polo Movemento Asociativo ou Deportivo segundo os convenios asinados co Concello de Fene.
b) O uso das pistas rexerase polas seguintes prioridades:
1º: Actos organizados polo Concello;
2ª: Actos organizados pola entidade que rexa o funcionamento da pista;
3º: Resto das actividades.
c) A entidade ou asociación que rexa a pista polideportiva exterior farase cargo da limpeza da pista e vestiarios, do seu coidado e conservación así como das pequenas obras de reparación e mantemento que sexan necesarias.
d) A entidade ou asociación que rexa a pista polideportiva exterior será a encargada da adxudicación dos horarios de utilización da pista baixo a supervisión da Comisión de Cultura,Ensino,Deportes, Xuventude e Turismo e, por delegación, da coordinadora deportiva municipal e/ou administrador das instalacións deportivas municipais.
SECCIÓN SEXTA
Normas particulares para o uso dos ximnasios municipais situados nas instalacións dos centros de ensino.
Artigo 58.- Por tratarse de instalacións situadas nos terreos de centros de ensino, serán utilizadas de forma exclusiva por estes centros durante os días lectivos no horario comprendido entre as 9:30 e as 17:00 horas.
Artigo 59.- Esta utilización exclusiva estará suxeita ás normas xerais e particulares establecidas no presente Regulamento.
Artigo 60.- A utilización polos centros de ensino estará exenta de taxa ou prezo público.
Artigo 61 .- Correspóndelle á Dirección dos centros de ensino a adopción das medidas oportunas para garanti-lo cumprimento das disposicións recollidas neste regulamento.
Artigo 62 .- Ademais das normas xerais, o funcionamento destas instalacións rexerase polas seguintes disposicións:
a) Fóra do horario lectivo, estas instalacións serán rexidas polo movemento asociativo ou deportivo segundo os convenios asinados co Concello de Fene.
b) O uso das instalacións rexerase polas seguintes prioridades:
1º: Actos organizados polo Concello;
2ª: Actos organizados pola entidade que rexa o funcionamento da pista;
3º: Resto das actividades.
c) A entidade ou asociación que rexa o ximnasio farase cargo da súa limpeza, coidado e conservación así como das pequenas obras de reparación e mantemento que sexan necesarias.
d) A entidade ou asociación que rexa o ximnasio será a encargada da adxudicación dos horarios de utilización da pista baixo a supervisión da Comisión que corresponda e, por delegación, da coordinadora deportiva municipal e/ou administrador das instalacións deportivas municipais.
SECCIÓN SÉTIMA
Normas particulares para o uso do ximnasio da Casa da Cultura
Artigo 63.- Ademais das normas xerais, deberán cumprirse as seguintes:
a) O acceso ás actividades faranse cunha antelación máxima de 15 minutos. A saída das instalacións farase como máximo 30 minutos despois de rematada a actividade.
b) As actividades mixtas faranse dentro das horas asinadas, non podendo prorrogarse por máis de 15 minutos a estada na actividade unha vez rematada a hora sinalada.
c) Os usuarios que non estean inscritos nas actividades mixtas, non poderán facer uso doutras instalacións, sen pagamento previo das mesmas.
d) Nos adestramentos de clubs no ximnasio, os deportistas estarán permanentemente acompañados dun monitor do club. Dito acompañamento efectuarase dende a entrada ás instalacións. O incumprimento deste requisito anulará o uso da actividade.
C A P Í T U L O 6º . Do material deportivo, mobiliario e demais utensilios
Artigo 64.- Ademais das normas recollidas nos diferentes apartados deste Regulamento, deberanse cumprir as seguintes:
a) Para utilizar, dentro de cada instalación deportiva, o material deportivo, mobiliario e demais utensilios propiedade do Concello de Fene é necesario solicitar o seu uso aos responsables de mantemento da instalación, devolvendo o material aos citados responsables unha vez rematada a actividade.
b) O material deportivo ou mobiliario e demais utensilios propiedade do Concello de Fene que teña que saír dunha instalación deportiva, ben para o seu uso noutra instalación, ben para outra dependencia, solicitarase por escrito ao administrador de instalacións deportivas. Estas solicitudes faranse no impreso correspondente e coa debida antelación.
A empresa adxudicataria das funcións de mantemento, vixilancia, conserxería e limpeza das instalacións deportivas municipais levará o control de entradas e saídas deste material das instalacións deportivas municipais. Mensualmente informarán ao administrador de instalacións deportivas deste control
c) Os clubs, agrupacións, entidades, utensilios. con sede nas instalacións deportivas do Concello, que á entrada en vigor deste Regulamento, teñan material deportivo ou mobiliario e demais aparellos da súa propiedade dentro das citadas instalacións, farán un inventario do mesmo sinalando as características de cada elemento e entregarán o citado inventario no Rexistro xeral do Concello. Calquera nova incorporación ou baixa das propiedades anteriormente mencionadas será inventariada do mesmo xeito.
d) Os clubs que incorporen materiais propios á súa actividade dentro dunha instalación deberán comunicalo ao responsable de mantemento; de non facelo, o material que se pretenda sacar dunha instalación e que previamente non se detallase, quedará consignado na propia instalación ata que se comprobe a titularidade do mesmo.
C A P Í T U L O 7º . SANCIÓNS
Artigo 65.- Considéranse faltas leves o incumprimento destas normas. A sanción da falta leve consistirá na advertencia verbal ao usuario.
Tres faltas leves darán lugar a unha falta grave. A sanción da falta grave consistirá na comunicación escrita ao usuario, co apercibimento de que a seguinte falta grave terá a consideración de moi grave.
A sanción da falta moi grave consistirá, previa resolución do órgano corporativo correspondente, na expulsión do usuario das instalacións.
Toda norma non especificada neste Regulamento rexerase pola Lei xeral do deporte de Galicia e o Código de ética deportiva aprobado polo Concello Pleno.
Quedan derrogadas as normas de igual ou inferior rango que incorran en oposición, contradición ou incompatibilidade co presente Regulamento.
DISPOSICIÓN FINAL
O presente Regulamento rexerá a partir da súa aprobación definitiva e publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia e ata que o Concello Pleno acorde a súa modificación ou derrogación.