Tordoia - ORDENANZA FISCAL N.º 10, REGULADORA DA TAXA POLO SUBMINISTRO DE AUGA POTABLE E SERVICIOS COMPLEMENTARIOS

Publicación provisional: 29/03/2003 BOP Nº: 73
Publicación definitiva: 29/03/2003 BOP Nº: 73
Aplicable dende: 04/02/2014

Artigo 1.-Fundamento e réxime.

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985 do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e de conformidade co disposto no artigo 57 en relación co artigo 20 do Real Decreto Lexislativo 2/2005, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, o Concello de Tordoia estable a taxa polo subministro de auga potable e servicios complementarios, incluídos os dereitos de enganche de liñas, colocación e utilización de contadores, que se regulará pola presente ordenanza fiscal, redactada conforme ó disposto no artigo 16 do citado R.D.L.

Artigo 2.-Feito impoñible.

Constitúe o feito impoñible desta taxa, a prestación do servicio da distribución de auga potable a domicilio, e saneamento no termo municipal, o enganche de liñas á rede xeral e a colocación e utilización de contadores.

Artigo 3.-Cobro.

1) A obriga de contribuír nacerá no momento de prestarse o servicio previa a correspondente solicitude ou desde que se utilice este sen ter obtido a previa licencia, debendo depositarse previamente o pago correspondente ó enganche.

2) A obriga do pago da taxa regulada nesta ordenanza establécese da forma seguinte:

- Taxa de conexión, antes de efectuarse a conexión e se entenderá como taxa única e definitiva.

- Taxa por consumo e saneamento, dende o momento no que se inicie a prestación do servicio e a súa facturación e cobro, efectuaranse con periodicidade trimestral.

O prezo de dita taxa efectuarase no momento de presentación, ó obrigado a realizalo da correspondente factura.

As débedas por esta taxa poderán esixirse polo procedemento de constrinximento, de acordo co regulamento xeral de Recadación. O impago de tres facturacións consecutivas será motivo suficiente para cortar o subministro de auga ó obrigado moroso.

Artigo 4.-Suxeito pasivo.

Son suxeitos pasivos da taxa en concepto de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas, así como as entidades a que se refire o artigo 33 da Lei Xeral Tributaria, que soliciten ou resulten beneficiadas polos servicios a que se refire esta Ordenanza.

Terán a consideración de substitutos do contribuínte os propietarios das vivendas ou locais ás que se provea do servicio, as cales poderán repercutir, no seu caso, as cotas sobres os respectivos beneficiarios.

Artigo 5.-Responsables.

1) Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo, as persoas físicas ou xurídicas que son causantes ou colaboran na realización dunha infracción tributaria, así como os copartícipes ou cotitulares das Entidades recollidas no artigo 33 da Lei Xeral Tributaria, que responderán en proporción a súas respectivas participacións das obrigas tributarias de ditas entidades.

2) Serán responsable subsidiarios os administradores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e con alcance que sinale o artigo 40 da Lei Xeral Tributaria.

Artigo 6.-Base impoñible e liquidable.

A base do presente tributo estará constituída por:

As acometidas á rede xeral: o feito da conexión á rede por cada local comercial, vivenda individual.

No subministro ou distribución de auga: os metros cúbicos de auga consumida no inmoble onde estea instalado o servicio. No servicio de saneamento: os metros cúbicos facturados en auga.

Artigo 7.-Cotas tributarias.

SUBMINISTRACION DE AUGA

€/MES

A) Usos domésticos

Mínimo ata 15 m3/mes

0,349 €/m3

Exceso

0,410 €/m3

B) Usos industriais

Mínimo ata 30 m3/mes

0,349 €/m3

Exceso

0,433 €/m3

SANEAMENTO

Por m3 facturado de auga

0,109€/m3

ACOMETIDAS ABASTECEMENTO:

Arqueta para colocación de tapa de 15 x 15

Lonxitude de zanxa de 1 a 5 metros (apertura e peche e reposición de pavimento)

Fanse prezos diferentes dependendo do diámetro da acometida e do tipo de reposición a realizar na zanxa e pavimento.

Acometida

Terra

Asfalto

Baldosa-acera

3/4"

326,34€

366,15€

400,24€

1"

346,74€

393,64€

417,95€

1 1/2"

381,56€

424,98€

465,96€

2"

420,53€

462,12€

504,92€

Acometidas de mais de 5 metros farase un presuposto para cada caso.

ACOMETIDA REDE DE SUMIDOIROS:

Arqueta para colocación de tapa de 15 x 25

Lonxitude de zanxa de 1 a 5 metros (apertura e peche e reposición de pavimento)

Acometida

Terra

Asfalto

Baldosa-acera

160 mm

452,02 €

661,77 €

648,88 €

Acometidas de máis de 5 metros farase un presuposto para cada caso.

- Variacións de titularidade sen dar lugar a modificacións nas instalacións: 14,41€.

Artigo 8.-Exencións, reduccións e demais beneficios legalmente aplicables.

De conformidade co disposto no artigo 9 do R.D.L. 2/2004, do 5 de marzo, non se recoñece beneficio tributario algún, salvo os que sexan consecuencia do establecido nos Tratados ou Acordos Internacionais, ou os expresamente previstos en normas con rango de Lei.

Artigo 9.-Normas de xestión.

Nas épocas de seca ou carestía da auga e durante os meses de xullo, agosto e setembro, o Concello poderá ordenar a restricción do consumo, segundo o esixa as circunstancias. Mentres dure a seca ou carestía e sempre durante os meses citados, o uso da auga queda limitado exclusivamente ó uso doméstico, quedando prohibido o seu consumo para outros usos, tales como regar xardíns, lavadoiros, piscinas, lavado de coches e en xeral, todo o que non supoña uso doméstico.

No caso de que por escaseza de caudal, augas sucias, seca, xeadas, reparacións, etc., o Concello tivera que suspender total ou parcialmente o subministro, os abonados non terán dereito a reclamación algunha, nin indemnización por danos, prexuízos, ou calquera outro concepto, entendéndose neste sentido que a concesión se fixo a título precario.

Artigo 10.-Infraccións e sancións tributarias.

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias e sancións, ademais do previsto nesta ordenanza, estarase ó disposto nos artigos 77 e seguintes da Lei Xeral Tributaria e demais normativa aplicable.

Artigo 11.-Remisión ó regulamento do servicio.

En todo o non especialmente previsto nesta ordenanza, se estará ó disposto no Regulamento do servicio municipal de abastecemento de auga, saneamento e depuración do Concello de Tordoia.

Disposición transitoria.

O disposto na presente ordenanza entenderase en todo caso, sen prexuízo de calquera que sexa a forma de xestión do servicio

Disposición final.

A presente Ordenanza, foi aprobada polo Pleno en sesión celebrada o 9 de decembro de 2013, e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, e será de aplicación en tanto non se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.