Mañón - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DO SERVIZO DO SUBMINISTRO DOMICILIARIO DE AUGA POTABLE
Artigo 1.-Fundamento e réxime.
De conformidade co disposto no artigo 106 da Lei 7/85, de 2 de abril, reguladora das bases do Réxime Local e de acordo co previsto nos artigos 15 a 27 e 57 do Real Decreto Lexislativo 2/2004 do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Facendas Locais, establécese a taxa pola prestación do servizo de subministro de auga potable para usos domésticos e industriais que se regulará pola presente Ordenanza.
Artigo 2.-Feito impoñible.
Constitúe o feito impoñible desta taxa a prestación do servizo de subministro domiciliario de auga potable e das acometidas á rede xeral de abastecemento de auga.
Artigo 3.-Suxeitos pasivos.
1. Son suxeitos pasivos desta taxa en concepto de contribuíntes, as persoas físicas ou xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 35 da Lei Xeral Tributaria, que soliciten ou sexan usuarios do servizo e as que resulten beneficiadas polo mesmo.
2. Terán a consideración de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte os propietarios das vivendas ou locais, que poderán repercutir, no seu caso, o importe das cotas satisfeitas sobre os usuarios ou beneficiarios do servizo.
Artigo 4.-Responsables.
1. Serán responsables solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo establecidas nesta ordenanza, as persoas físicas e xurídicas ás que se refiren o artigo 42 da Lei Xeral Tributaria.
2. Serán responsables subsidiarios das débedas tributarias as persoas e entidades ás que se refire o artigo 43 da Lei Xeral Tributaria co alcance establecido no mesmo.
Artigo 5.-Exencións e bonificacións.
Non se recoñece beneficio tributario algún, agás os que sexan consecuencia do que establecen os tratados ou acordos internacionais ou que se prevexan en normas con rango de Lei.
Artigo 6.-Base impoñible e cota tributaria.
A base impoñible estará constituída por:
a) No subministro ou distribución de auga: Os metros cúbicos de auga consumida no inmoble onde estea instalado o servizo.
b) No enganche á rede xeral: o feito da conexión á rede xeral por cada vivenda, local comercial ou industrial.
Artigo 7.-Cota tributaria.
A cota tributaria será a fixada na seguinte tarifa:
1. Consumo.
a) Usos domésticos e comerciais:
- Cota fixa, ata 18 m3/trimestre: 0,50 €/m3.
- De 18 a 30 m3/trimestre: 0,60 €/m3.
- De 30 a 70 m3/trimestre: 0,80 €/m3.
- Consumo que exceda de 70 m3/trimestre: 1,10 €/m3.
b) Usos agrícolas:
- Cota fixa, ata 50 m3/trimestre: 0,50 €/m3.
- De 50 a 60 m3/trimestre: 0,60 €/m3.
- De 60 a 70 m3/trimestre: 0,80 €/m3.
c) Usos industriais e obras: 1,10 €/m3.
2. Acometida á rede xeral.
a) Por vivenda unifamiliar, establecemento comercial, industrial ou finca agrícola: 90 €.
b) Para obras, nas que a acometida se concederá cunha duración máxima de 24 meses: 300,00 €.
Ás cotas establecidas, engadiráselle o IVE correspondente en cada momento.
Artigo 8.-Devengo.
Devéngase a taxa e nace a obriga de contribuír no momento do comezo da prestación do servizo, logo da correspondente solicitude ou dende que se utilice este sen ter obtido a correspondente licenza, debendo facerse o previo pagamento dos dereitos de enganche.
Artigo 9.-Normas de xestión.
O enganche na rede xeral de abastecemento de auga, será solicitado de forma individual para cada vivenda ou local. A referida solicitude presentarase no rexistro xeral do Concello e cada usuario establecerá un contador individual para a vivenda ou local que dote de servizo.
A concesión do servizo outorgarase por acordo da Xunta de Goberno Local e quedará suxeita ás disposicións da presente ordenanza e ás que se fixen no regulamento do servizo e no correspondente contrato. A concesión realizarase por tempo indefinido mentres que as partes non manifesten por escrito a súa vontade de rescindilo e se cumpran as condicións desta ordenanza.
Tódalas obras necesarias para conducir a auga dende a rede xeral ata a toma do abonado, serán a cargo deste, pero os traballos realizaranse baixo a dirección, en todo caso, dos técnicos municipais.
O Concello mediante resolución da Alcaldía, poderá proceder ó corte do subministro a un abonado cando se negue á entrada no domicilio para exame das instalacións, proceda á cesión gratuíta ou onerosa a outra persoa, non realice o pagamento das cotas de consumo durante tres meses consecutivos ou exista rotura de precintos. O corte do subministro levará implícito o pagamento de dereitos de nova acometida para proceder a novo enganche do servizo.
Artigo 10.-Liquidación e ingresos.
Os dereitos de enganche liquidaranse no momento da concesión do servizo na forma establecida no correspondente acordo de autorización.
Trimestralmente practicarase liquidacións correspondentes ó consumo da auga, que se poñerán ó cobramento dos abonados polo prazo de 1 mes.
O cobramento farase preferentemente a través de entidades bancarias colaboradoras sen prexuízo de que, en casos que o xustifiquen, se poida establecer outra modalidade.
As débedas non satisfeitas no prazo establecido esixiranse pola vía de constrinximento, de acordo co establecido na Lei Xeral Tributaria e no Regulamento Xeral de Recadación.
Artigo 11.-Infraccións e sancións tributarias.
En todo o relativo á cualificación de infraccións e sancións tributarias, estarase ó disposto nos artigos 181 e seguintes da Lei Xeral Tributaria e demais normativa de aplicación.
DISPOSICIÓN FINAL
A presente modificación que foi aprobada polo Pleno do Concello de Mañón en sesión celebrada o día 23 de novembro de 2015, comezará a aplicarse a partir do día 1 de xaneiro de 2016, mantendo a súa vixencia ata a súa modificación ou derrogación expresa.