Melide - ORDENANZA REGULADORA DA OCUPACIÓN DO DOMINIO PÚBLICO LOCAL CON TERRAZAS DE HOSTELERÍA
CONTIDO
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
CAPÍTULO PRIMEIRO. CONDICIÓNS E RÉXIME XERAL
ARTIGO 1. OBXECTO E FUNDAMENTO
ARTIGO 1.1. OUTRAS CONSIDERACIÓNS
ARTIGO 2. UTILIZACIÓN DOS ESPAZOS PÚBLICOS
ARTIGO 3. REQUISITOS XERAIS ; PROHIBICIÓNS; CONDICIÓNS
ARTIGO 4. PROCEDEMENTO DE CONCESIÓN DE LICENZA
ARTIGO 5. DOCUMENTACIÓN
ARTIGO 6 TRAMITACIÓN E RESOLUCIÓN
ARTIGO 7. CONDICIÓNS DAS OCUPACIÓNS
CAPITULO SEGUNDO. RÉXIME FISCAL
ARTIGO 8. COTA TRIBUTARIA.
CAPITULO TERCEIRO. INSPECCIÓN E RÉXIME SANCIONADOR
ARTIGO 9. INSPECCIÓN
ARTIGO 10. INFRACCIÓNS
ARTIGO 11. SANCIÓNS
ARTIGO 12. CIRCUNSTANCIAS MODIFICATIVAS DA RESPONSABILIDADE
ARTIGO 13. PROCEDEMENTO
ARTIGO 14. AUTORIDADE COMPETENTE
ARTIGO 15. PRESCRICIÓN
ANEXO I. MODELO DE SOLICITUDE
ANEXO II. DOCUMENTACIÓN A PRESENTAR
ANEXO III. CONDICIÓNS TÉCNICAS, ESTÉTICAS E XEOMÉTRICAS.
ARTIGO 1. MESAS E CADEIRAS
ARTIGO 2. PARASOLES E ANTUCAS
ARTIGO 3. TOLDOS
ARTIGO 4. ELEMENTOS DELIMITADORES
ARTIGO 5. ELEMENTOS PUBLICITARIOS
ARTIGO 5.1. RÓTULOS
ARTIGO 5.2. PLACAS
ARTIGO 4. INSTALACIÓNS
ARTIGO 5. CONDICIÓNS HIXIÉNICAS
ARTIGO 6. HORARIOS
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Adaptado á Lei 9/2013, do emprendemento e da competetividade económica de Galicia, onde se regula no seu Capítulo III os espectáculos públicos e actividades recreativas, establecendo como réxime de control administrativo a solicitude de licenza ou autorización para a instalación de terrazas ao aire libre ou na vía pública, anexas ao establecemento.
Adaptado ao Decreto 144/2016, de 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento único de regulación integrada de actividades económicas e apertura de establecementos.
O Título V do Decreto 144/2016 recolle as Normas Subsidiarias de aplicación aos Concellos. Estas normas subsidiarias como se indica no artigo 67 teñen por obxecto establecer as disposicións necesarias para garantir a plena efectividade deste Regulamento único de regulación integrada de actividades económicas e apertura de establecementos (RIAE), que será de aplicación directa naqueles concellos que non teñan en vigor a ordenanza única de regulación integrada do exercicio das actividades e a apertura dos establecementos prevista no seu artigo 4. Nos concellos que teñan en vigor a dita ordenanza, estas normas aplicaranse con carácter complementario, para suplir as indeterminacións e lagoas que aquela poida presentar.
O artigo 69 do RIAE establece que o concello pode intervir na actividade da cidadanía, entre outros medios a través de ordenanzas.
A ocupación de terreos de dominio público non pode limitar as circulacións nin as actividades que se produzan nos espazos e deben ser compatibles con outros usos, de igual xeito, deben de cumprir cunhas condicións estéticas e funcionais que non desmerezan co seu entorno, integrándose na medida do posible, e preservando sempre os dereitos dos veciños das vivendas próximas.
É competencia do Concello establecer o procedemento e requisitos necesarios para facer posible esta ocupación de bens de dominio público, facendo un control sobre a regulación das propiedades físicas e as características estéticas dos elementos que permitan conciliar as relacións entre os novos ocupantes cos veciños do entorno e co resto dos cidadáns.
Esta ordenanza posibilita e regula a integración harmoniosa e discreta das novas actividades nos espazos públicos, conservando as súas funcións, e compatibilizando todos os intereses concorrentes, pero partindo sempre do interese xeral dos cidadáns, e nos casos de conflito, dando sempre preferencia á utilización pública dos espazos.
CAPÍTULO PRIMEIRO
CONDICIÓNS E RÉXIME XERAL
ARTIGO 1.
OBXECTO E FUNDAMENTO
1. O Concello de Melide, no uso das competencias que sobre da regulación do dominio público local lle atribúen o artigo 25 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o artigo 74 e seguintes do RD 1372/1986, do 13 de xuño, Regulamento de Bens das corporacións Locais, e o artigo 1 do Regulamento de Servizos das Corporacións Locais, e no exercicio da competencia de intervención recoñecida no art. 84 da Lei 7/1985, no artigo 6 e nos artigos 286 e seguintes da lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia, así coma das competencias sobre a regulación do urbanismo e de vías recoñecidas na lexislación sectorial aplicable, polo medio da presente Ordenanza, dicta a presente regulamentación do uso das vías públicas por parte dos titulares de establecementos de hostalería ou asimilados que pretendan ocupalo dominio público local con mesas, cadeiras, expositores, ¿máquinas expendedoras de bebidas, dozaría, lambetadas ou similares", comidas servidas ao exterior ou elementos análogos de desenvolvemento da actividade principal que constitúa o obxecto normal do tráfico mercantil do establecemento.
2. A Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, recolle no artigo 41, en atención á concorrencia de razóns de interese xeral derivadas da necesaria protección da seguridade e saúde pública, dos dereitos das persoas consumidoras e usuarias, do mantemento da orde pública, así como da adecuada conservación do ambiente e do patrimonio histórico artístico, será precisa a obtención de licenza ou autorización para a instalación de terrazas ao aire libre ou na vía pública, anexas ao establecemento. En desenvolvemento desta lei ditase o Decreto 144/2016, de 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento único de regulación integrada de actividades económicas e apertura de establecementos, que no seu artigo 69 sinala que o concello pode intervir na actividade da cidadanía, entre outros medios a través de ordenanzas. Este precepto está recollido no Título V do Decreto 144/2016 que regula as Normas Subsidiarias de aplicación aos Concellos que non conten coa ordenanza única de regulación integrada do exercicio das actividades e a apertura dos establecementos prevista no seu artigo 4, sendo que estas normas aplicaranse con carácter complementario unha vez que os concellos aproben a dita ordenanza para suplir as indeterminacións e lagoas que aquela poida presentar.
3. A presente ordenanza ten por obxecto regular o réxime xurídico ao que debe someterse o aproveitamento do terreos de dominio público mediante a súa ocupación temporal con mesas, cadeiras, expositores, ¿máquinas expendedoras de bebidas, dozaría, lambetadas ou similares", comidas servidas ao exterior ou elementos análogos.
4. O aproveitamento que regula a presente ordenanza refírese á ocupación con terrazas anexas a establecementos hostaleiros situados en inmóbel ou local.
5. Entenderase por terrazas anexas a establecementos hostaleiros situados en inmoble ou local, a ocupación de terreos de dominio público mediante a localización naquel de mesas, cadeiras, expositores, máquinas expendedoras, parasois, toldos, xardineiras ou calquera outro elemento análogo en liña de fachada ou fronte ao establecemento, e sen barra de servizo distinta da do propio establecemento.
ARTIGO 2.
UTILIZACIÓN DOS ESPAZOS PÚBLICOS
1. A instalación de terrazas, mesas, cadeiras, expositores, ¿máquinas expendedoras de bebidas, dozaría, lambetadas ou similares", ou elementos análogos nas vías integrantes do dominio público local, xa sexa nas beirarrúas ou noutros espazos públicos necesitará a previa licenza municipal e rexerase polo disposto nesta ordenanza e nas leis de aplicación xeral.
2. A dita licenza terá carácter discrecional, e someterase ás regras contidas nesta Ordenanza.
3. Entenderase por terraza, para os efectos da presente ordenanza, a toda aquela instalación desenrolada fora dos limites definidos polos cerramentos dun establecemento comercial situado nun inmoble, ocupando un espazo exterior aberto de uso público, formada por un conxunto de mesas e cadeiras, e se é o caso, de calquera elemento auxiliar, tal como parasoles, antucas, toldos e corta ventos, e elementos móbiles de climatización, en todo caso desprovistos de ancoraxes ao chan.
4. Poderá autorizarse a instalación de terrazas a establecementos comerciais tales como quioscos, bares, postos móbiles, puntos de venda de bebidas, dozaría, lambetadas ou similares que dispoñan da correspondente licenza ou concesión administrativa para o desenvolvemento da súa actividade en espazos exteriores abertos ao público sempre que obteñan informe favorable dos servizos técnicos urbanísticos municipais.
5. Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta ordenanza, os actos de ocupación da vía pública que se realicen con ocasión de feiras, festas, mercados, actividades deportivas, espectáculos e similares.
6. As autorizacións que se concedan para a instalación das terrazas supoñen un uso privativo do dominio público municipal, polo que se entenderán outorgadas a título de precario e suxeitas ás modificacións que poida decidir o Concello, que neste sentido, resérvase o dereito de limitalas, reducilas, modificalas, suspendelas ou revogalas en calquera momento, sempre que concorran razóns de interese xeral ou urbanístico.
ARTIGO 3.
REQUISITOS XERAIS; PROHIBICIÓNS; CONDICIÓNS.
1. O titular da autorización deberá dispor dun seguro de responsabilidade civil e incendios do establecemento principal que deberá estender a súa cobertura aos posibles riscos que puideran derivarse do funcionamento da instalación.
2. Aínda cando un espazo reúna todos os requisitos para a colocación dunha terraza, esta poderá non autorizarse totalmente ou autorizarse parcialmente con dimensións inferiores as solicitadas, se a súa instalación dificultara o tránsito peonil, aínda que soamente sexa en determinadas horas.
3. Nos casos nos que as características da rúa, do tráfico ou razóns de seguridade o aconsellen a criterio da Policía ca supervisión do técnico municipal, procederase a denegar o permiso de instalación da terraza.
4. Por razóns de orde público, circunstancias especiais de tráfico, ou para compatibilizar o uso da terraza con outras autorizacións de ocupación da vía pública (especialmente no caso de festas, feiras, acontecementos culturais ou deportivos) poderán modificarse as condicións da autorización temporalmente e/ou ordenar a retirada inmediata da terraza ou daqueles elementos que dificulten ou entorpezan o desenvolvemento da actividade de que se trate, sen dereito a indemnización ou compensación algunha para os afectados.
5. CONDICIÓNS
5.1. As autorizacións terán carácter temporal, serán facilmente desmontables e rexeranse polo disposto no artigo 5, e entenderanse concedidas para o tempo que reste desde a data de concesión da autorización ata o fin do período solicitado. O feito de ter sido autorizado en períodos anteriores, non xera dereito algún para o interesado en posteriores peticións, nin vincula en canto á instalación ou elementos autorizados.
5.2. Con carácter xeral, a autorización para a instalación de terrazas limitará a ocupación á zona da vía pública en continuidade coas fachadas dos establecementos dos que dependan, e a súa lonxitude non poderá rebordar a porción da fachada ocupada polo establecemento.
5.3. Ademais do establecido no artigo 5, os emprazamentos deberan cumprir os seguintes requisitos xerais:
a. Queda prohibida a ocupación de:
Acceso aos inmóbeis
Entradas a galerías visíbeis
Bocas de rego e hidrantes de incendio
Saídas de emerxencia
Paradas de transporte público regularmente establecidas
Aparellos de control de tráfico
Centros de transformación, arquetas de rexistro de servizo público e sumidoiros.
Pasos peonís sinalizados
Zonas axardiñadas
Calzadas con circulación de vehículos
Prazas delimitadas de aparcadoiro público, salvo excepcións descritas nesta ordenanza.
b. Non poderá colocarse ningún elemento que dificulte a manobra de entrada e saída de vados permanentes de paso para vehículos.
c. En ningún caso se poderán colocar elementos fixos ou permanentes cuxa colocación ou desmontaxe requira a realización dalgunha obra especial, agás os toldos.
d. Prohíbese o peche lateral e da cuberta da terraza con elementos fixos, excepto toldos móbiles e separadores, cunha altura máxima de 1,50m nos elementos opacos.
5.4. Queda absolutamente prohibida a instalación de billares, futbolíns, máquinas recreativas, de azar, grellas e de calquera outro tipo análogo, nas terrazas obxecto de regulación na presente Ordenanza.
5.5. A autorización para a instalación da terraza outorgará o dereito a expender e consumir nela os mesmos produtos que poidan ser expedidos e consumidos no establecemento hostaleiro ou de restauración do cal dependan.
5.6. Poderá haber actuacións en directo nas terrazas ata as 23.00 h da noite. Quedan terminantemente prohibidas as actuacións en directo amplificadas ou con percusión, así como a instalación de equipos audiovisuais ou a emisión de son ou vídeo nos espazos e instalacións da terraza, excepto autorización municipal expresa, para a ocasión.
5.7. Prohíbese o almacenamento de produtos, caixas de bebidas ou outros materiais na superficie de ocupación da terraza e beirarrúa.
5.8. Queda prohibido calquera tipo de uso instrumental do arboredo e dos elementos do mobiliario urbano municipal na instalación de terrazas ou no desenvolvemento da súa actividade.
ARTIGO 4.
PROCEDEMENTO DE CONCESIÓN DE LICENZA
1. As persoas que desexen ocupa-lo dominio público local con terrazas ou outros elementos obxecto desta Ordenanza, deberán presentar a documentación contida no seguinte artigo.
2. Poderán solicitar as autorizacións os titulares dunha licenza de apertura, ou comunicación previa segundo o caso, dun establecemento, ou da licenza correspondente no resto de actividades. No caso de estar tramitándose, a autorización, está condicionada á concesión.
3. Os solicitantes das autorizacións deberán encontrarse ao corrente no pago dos tributos municipais, estatais e autonómicos así como coa Seguridade Social .
ARTIGO 5
DOCUMENTACIÓN
1. Solicitude de licenza, dirixida ao Sr. Alcalde/sa do Concello, mediante o impreso normalizado que figura como Anexo I da presente Ordenanza, no que farase constar o nome ou razón social e dirección desde o que se atenderá a terraza solicitada, a extensión da súa superficie en metros cadrados, e o período de tempo para o cal se solicita licenza e a data de inicio da actividade.
2. Plano de situación a escala suficiente, que especifique a área da terraza, os elementos e mobiliario a instalar, e se cuantifique a superficie de ocupación e onde figuren acoutadas as distancias respecto ó local propio e ao tódolos límites.
3. No seu caso, plano de instalacións eléctricas exteriores, indicando e especificando as proteccións necesarias.
4. Memoria descritiva e fotográfica de tódolos elementos de mobiliario que se pretenden instalar na terraza, indicando sempre a posición e o número de mesas e cadeiras. A memoria xustificará o cumprimento desta Ordenanza.
5. Fotografías da fachada do inmoble e da rúa ou espazo onde se pretende a colocación da terraza.
6. Póliza do seguro de responsabilidade civil ao que se refire o artigo 3, xunto con documento acreditativo da súa vixencia.
7. Autorización expresa da comunidade de propietarios, cando se trate da ocupación de espazos privados de uso público.
8. No seu caso, autorización ou concesión de dominio público, referida a superficie da terraza, outorgada pola Administración competente.
9. Autorización dos propietarios dos inmóbeis lindantes no caso de qua a solicitude contemple unha terraza adosada á fachada do edificio e pretenda superar a porción desta ocupada polo establecemento, e no caso de colocar manparas ou toldos laterais autorización dos locais comerciais lindantes.
10. No caso de terrazas con pechamentos non adosados a fachada, que excepcionalmente obteñan permiso, aportarase, ademais a homologación dos elementos integrantes da estrutura que conforma o elemento auxiliar, e certificación emitida por facultativo habilitado legalmente e visada polo correspondente colexio profesional, acerca da suficiencia da súa estabilidade estrutural e das súas condicións de prevención e extincións de incendios, evacuación, e reacción ao lume.
11. No caso de terrazas con pechamentos non adosados a fachada, que excepcionalmente obteñan permiso de ancoraxe no pavimento, será obrigatorio a constitución dunha garantía para a reposición do pavimento público ao estado anterior á instalación do pechamento. O importe desta garantía determinarase en función do custo de reposición do espazo ocupado.
ARTIGO 6
TRAMITACIÓN E RESOLUCIÓN
1. A solicitude, unha vez presentada con toda a documentación e contido arriba descritos, será resolta polo Sr/a. Alcalde/sa ou órgano en quen delegue. A tramitación realizarase segundo o previsto pola Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.
2. O procedemento a seguir queda regulado no artigo 42 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, de emprendedores e da competetividade de Galicia.
3. A falta de resposta á petición, no prazo de tres meses dende a súa presentación, entenderase que a documentación presentada é correcta e válido para todos os efectos e poderá entender estimada por silencio administrativo a súa solicitude.
4. As autorizacións concederanse por unidades de superficie expresadas en metros cadrados, aínda que establecéndose nas mesmas un máximo de mesas e cadeiras, así como de elementos auxiliares ou análogos.
5. Unha vez autorizada ou concedida a licenza de aproveitamento renovaranse anualmente, mediante unha declaración responsable de non se producir modificación algunha das condicións sobre as que se concedeu, e achegando copia de documento de estar ao corrente do pago do seguro obrigatorio.
6. Nas solicitudes de renovación das autorizacións concedidas que impliquen modificacións puntuais será necesario presentar a documentación que describa as modificacións, e que xustifique o cumprimento das condicións desta Ordenanza.
7. A Administración municipal manifestara a súa vontade contraria a renovación nos seguintes supostos:
a. De se iniciaren procedementos dos cales se desprenda a existencia de molestias ou prexuízos derivados do funcionamento da actividade principal ou accesoria.
b. De se apreciar un incumprimento das condicións de uso ou da mesma ordenanza.
c. Nos casos de falta de pagamento da taxa correspondente.
d. Cando no período autorizado estea prevista a execución de actuacións públicas que modifiquen a realidade física existente no memento do outorgamento da autorización.
e. Cando a terraza poida supor molestia para os usuarios da vía pública ou para os servizos públicos.
8. As resolucións haberán de ser motivadas, especialmente as denegatorias e as que introduzan limitacións ou se afasten do solicitado polo solicitante, e deberán axustarse ao disposto nesta ordenanza.
9. En tanto non recaia a correspondente resolución está terminantemente prohibida a colocación das terrazas.
10. Liquidarase e esixirase a taxa en calidade de depósito previo, en todo caso antes de iniciarse o trámite do expediente de concesión ou autorización do aproveitamento solicitado. A liquidación das taxas e ingresos complementarios que procedan esixirase de acordo co disposto na ordenanza fiscal número 10 reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público municipal con mesas, cadeiras, tribunas,taboados e outros elementos análogos con finalidade lucrativa.
11. A resolución conterá as condicións particulares da autorización, no seu caso, e a notificación acompañarase dun plano representativo da ocupación permitida, que deberá estar dispoñible no establecemento xunto coa notificación.
ARTIGO 7.
ARTIGO 7. A) CONDICIÓNS DAS OCUPACIÓNS
1. Os toldos serán de material téxtil, lisos e de cores acordes coa contorna urbana (brancos, negros e beixes) e terán sempre a posibilidade de seren recollidos mediante fácil manobra.
2. Os titulares das comunicacións previas deberán manter as instalacións e cada un dos elementos que as compoñen nas debidas condicións de limpeza, seguridade e ornato. Estarán obrigados a dispor dos correspondentes elementos de recollida.
3. Por razóns de estética e hixiene non se permitirá almacenar ou amorear produtos, materiais ou residuos propios da actividade xunto ás terrazas. As instalacións reguladas nesta ordenanza deberán manterse en adecuadas condicións hixiénico-sanitarias.
4. O espazo autorizado da terraza deberá estar sempre ben delimitado, tanto con pechamentos, tarimas, biombos, xardineiras ou outros elementos que cumpran esta función, costeando o propietario a súa instalación, naqueles casos nos que non existan outros elementos de delimitación do espazo.
5. Cando o grao de inclinación da rúa o aconselle, instalaranse tarimas sobre as que se ha situar o mobiliario da terraza. Estas tarimas serán de madeira tratada homoxeneamente para ser instalada no exterior, con acabado en cor natural da madeira. Os biombos e elementos de seguridade estarán ancorados á tarima. Todas estas especificacións deberán quedar recollidas na documentación da solicitude.
6. Non poderá obstaculizarse o acceso á calzada desde os portais dos edificios nin dificultar as manobras de entrada ou saída nos vaos permanentes. Cando a terraza se coloque acareada á fachada estes deberán quedar libres. Nestes espazos non poderá colocarse tampouco mobiliario accesorio.
7. Cando se dispoña de instalación eléctrica de alumeado para a terraza, esta deberá reunir as condicións que o Regulamento electrotécnico de baixa tensión establece para instalacións en locais húmidos. Os condutos quedarán fóra do alcance de calquera persoa e non poderán discorrer polas beirarrúas nin utilizar as árbores ou o mobiliario urbano como soporte. En ningún caso os focos poderán cegar ou producir outras molestias a veciñanza, viandantes ou vehículos. Esta instalación debera ser revisada anualmente por un instalador autorizado qua emitira o correspondente boletín do conformidade.
8. A utilización dos servizos públicos non se verá obstaculizada, debendo deixarse completamente libres para a súa utilización os seguintes elementos:
a. As paradas de transporte público regularmente establecidas e os pasos de peóns en toda a súa lonxitude.
b. As pasaxes de vehículos quedaran libres en todo o seu longo.
c. As saídas de emerxencia en todo o seu Iongo.
d. Respectarase unha distancia suficiente aos distintos elementos de mobiliario urbano, sinais de trafico e báculos de alumeado que garanta a súa función e que, en caso de adosarse, deberá poder ser retirada de xeito inmediato e facilmente, para labores de mantemento.
9. Debera garantirse o acceso a todos os servizos e equipamentos municipais e de compañías de servizos as vintecatro horas do día.
10. As licenzas para instalar terrazas poderán tramitarse conxuntamente coas licenzas urbanísticas ou comunicacións previas dos establecementos principais.
11. As licenzas para a instalación e funcionamento das terrazas non poderán ser obxecto, en ningún caso, de arrendamento ou cesión independente.
12. As terrazas poderán instalarse en zonas de calzada de vía pública sempre que se cumpran os requisitos de seguridade exixibles e que non afecten á circulación rodada ou ao tráfico de peóns.
13. Non se autorizará a colocación de ningún elemento que no quede reflexado na documentación de solicitude de licenza.
ARTIGO 7. B) OUTRAS CONDICIÓNS DAS OCUPACIÓNS
1. A superficie susceptíbel de ocupación con terrazas non poderá exceder de 100 m2 nin de 2/3 da superficie ocupable do espazo público.
2. A ocupación de beirarrúa non poderá ser nunca superior aos 2/3 de anchura libre da mesma, debéndose deixar libre para paso de peóns polo menos de 1 metro, respectándose un itinerario de forma continua, evitando quebras ao longo da Iiña.
3. Non se ubicarán terrazas en beirarrúas dunha anchura inferior a dous metros. Nestes casos poderá ocuparse o espazo da rúa adicado ao estacionamento de vehículos (dominio público distinta da zona de circulación) sendo preceptivo o informe favorábel da Policía Local e no seu caso o da Administración titular da vía.
4. Nestas zonas de dominio público fora da zona de circulación existirá unha separación mínima de 0,25 m entre a zona de circulación e o límite da instalación. O ancho da marca vial lonxitudinal, no seu caso contarase dentro de dita anchura mínima. Terase en conta en todo caso, que a beiravía se existise, constitúe zona de circulación. A superficie autorizada para terraza deberá situarse ao mesmo nivel da beirarrúa existente. Non poderá impedirse o acceso a instalacións de servizos públicos, tales como sumidoiros, telefonía, etc. No caso de considerarse necesario efectuarase a sinalización necesaria para a perfecta visibilidade. O espazo estará separado e protexido da zona de circulación por algún tipo de elemento delimitador (varanda, mampara, pasamáns, etc..) con perfecta visibilidade para vehículos e peóns
5. No caso de establecementos lindantes, o espazo susceptible de ocupación distribuirase equitativamente entre os solicitantes, de acordo co ancho da fachada de cada establecemento afectado.
6. Se a terraza se sitúa pegada a fachada do edificio, debera quedar libre o espazo para acceder aos inmóbeis lindantes cun espazo mínimo de 1,50 metros.
7. Permitirase a instalación de terrazas en rúas peonís nas que existan establecementos situados en inmobles, sempre que a zona peonil supere os 2 metros de ancho. A franxa de zona peonil ocupábel non excederá do 50% da súa anchura, cun espazo mínimo libre, en todo caso, de 1,50 metros.
8. Permitirase a instalacións de terrazas en rúas onde comparten espazo o tráfico rodado e o peonil, mentres se garanta un ancho mínimo de 3 metros para o paso de vehículos. Nos casos onde se garanta este paso mínimo, autorizarase a colocación dun máximo de dúas mesas altas con dúas cadeiras altas por mesa.
9. A distancia dos elementos de mobiliario urbano ao bordo da beirarrúa será como mínimo de 0,50 metros, podendo reducirse ata 0,30 metros cando haxa unha barreira de protección.
10. Para os efectos de aplicación do disposto nesta Ordenanza, cada mesa ou elemento similar (mesas altas, etc.) con catro cadeiras ou módulo equivalente a dous metros cadrados.
11. O horario de apertura e peche será o establecido pola Comunidade Autónoma de Galicia para o establecemento segundo o catálogo correspondente, sen prexuízo da potestade municipal de adaptación de horarios que, no seu caso, estableza a normativa autonómica.
12. O horario de peche implicará o cese efectivo de todas as actividades desenvoltas na terraza e, en consecuencia, os usuarios non poderán permanecer na terraza a partir de dito momento, polo cal o persoal do establecemento debera obrigar ao desaloxo efectivo da terraza.
13. Os titulares de licenzas de terrazas terán a obriga de retirar e agrupar ao remate de cada xornada os elementos de mobiliario instalados, así como a realizar os labores de limpeza necesarios.
14. Excepción de barras para servizo de bebidas en época de festas: será necesario realizar solicitude, có modelo recollido no Anexo I, para a colocación de barras de servizo de bebidas. A colocación das barras deberá seguir os seguintes criterios:
A distancia dende a fachada á cara exterior da barra non será superior a 2,00 m, sempre e en calquera circunstancia deberá quedar un paso libre de 3,50 na rúa que permita o paso de vehículos; o largo da barra non será superior ao largo da fachada do inmoble onde se sitúe o local, respetando en todo momento as condicións de acceso a portais e garaxes do mesmo xeito que o establecido nas condicións a colocación de terrazas, así como as placas de aparcamento de minusválidos
CAPITULO SEGUNDO
RÉXIME FISCAL
ARTIGO 8.
COTA TRIBUTARIA.
1.A taxa que proceda devengarase e aboarase conforme ao disposto na Ordenanza Fiscal reguladora da taxa pola utilización de terreos de uso público con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos con finalidade lucrativa.
2. A contía da taxa será a fixada nas tarifas contidas na devandita ordenanza, atendendo á superficie ocupada, expresada en metros cadrados.
3. En todos os supostos de ocupación sen autorización ou superando os termos desta, tanto no relativo á superficie de ocupación como ao período de ocupación, ademais da aplicación das medidas que procedan, procederanse a liquidar e a esixir as taxas non pagadas pola superficie e/ou períodos ocupados, segundo o establecido na correspondente Ordenanza Fiscal, na lexislación de facendas locais e demais lexislación tributaria.
4. O pago da taxa non exime en ningún caso de que a terraza teña que axustarse ao disposto nesta ordenanza.
CAPITULO TERCEIRO
INSPECCIÓN E RÉXIME SANCIONADOR
ARTIGO 9.
INSPECCIÓN
1. O alcalde e, de ser o caso, o concelleiro delegado, a través dos servizos municipais da Policía Local, serán competentes para controlar o estrito cumprimento das normas establecidas na presente ordenanza.
2. As denuncias que realicen terán valor probatorio nos procedementos aos que se incorporen segundo o disposto no artigo 77.5 da Lei 39/2015 de 1 de outubro do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPA)
ARTIGO 10.
INFRACCIÓNS
As infraccións das normas contidas nesta ordenanza clasifícanse en leves, graves e moi graves.
1. Son faltas leves:
a. A falta de ornamento ou limpeza na terraza e o seu contorno
b. A deterioración leve dos elementos de mobiliario e ornamentais urbanos lindantes co establecemento que se produza coma consecuencia da actividade obxecto da licenza.
c. Almacenar ou amontoar produtos, envases ou residuos na zona de terraza ou en calquera outro espazo da vía pública.
d. Calquera outra infracción que non sexa cualificada come grave ou moi grave.
2. Son faltas graves:
a. A reiteración por dúas veces na comisión de faltas leves
b. A ocupación de maior superficie da autorizada en menos dun 50%.
c. A instalación dun maior número de mesas, cadeiras ou elementos auxiliares que os autorizados.
d. A instalación de mesas, cadeiras ou elementos auxiliares de características distintas aos autorizados, ou cunha disposición distinta da autorizada, aínda sen ocupar maior superficie que a permitida.
e. O incumprimento do horario de apertura ou de peche da terraza.
f. Instalar elementos de mobiliario non autorizados pola licenza, así como a colocación na terraza de calquera outra clase de elementos que non sexan mesas, cadeiras, expositores, máquinas expendedoras e elementos auxiliares aos mesmos.
g. A falta de aseo, hixiene ou limpeza nos elementos do establecemento, sempre que non constitúa falta grave ou moi grave
h. A deterioración grave dos elementos de mobiliario e ornamentais urbanos lindantes co establecemento que se produza como consecuencia da actividade obxecto da licenza.
i. O incumprimento da obriga de retirar e recoller o mobiliario da terraza ao finalizar o seu horario de funcionamento.
3. Son faltas moi graves:
a. A instalación da terraza sen autorización.
b. A ocultación, manipulación ou falsificación dos datos ou da documentación presentados para a obtención da correspondente autorización.
c. A ocupación dunha superficie superior á autorizada en mais dun 50 %
d. O incumprimento das ordes de suspensión ou retirada da instalación.
e. A reiteración por dúas veces na comisión de faltas graves.
ARTIGO 11.
SANCIÓNS
1. A comisión das infraccións previstas nesta ordenanza levará aparellada a imposición das seguintes sancións:
a. As infraccións leves sancionaranse cunha multa de ata 300 euros, podendo ser acordada a suspensión da autorización por período de 1 mes.
b. As infraccións graves sancionaranse cunha multa de entre 301 e 750 euros, podendo ser acordada a suspensión da autorización por período de 3 meses.
c. As infraccións moi graves sancionaranse cunha multa de entre 751 e 1500 euros, podendo ser acordada a revogación da autorización.
ARTIGO 12.
CIRCUNSTANCIAS MODIFICATIVAS DA RESPONSABILIDADE
Para a modulación das sancións atenderase á existencia de intencionalidade ou reiteración, natureza dos prexuízos causados, danos causados a bens públicos ou das perturbacións ocasionadas aos demais usuarios da vía pública, reincidencia na comisión ao cabo dun ano de tres infraccións da mesma natureza, cando así o declare resolución firme, e ao beneficio obtido coa súa realización.
ARTIGO 13.
PROCEDEMENTO
1. A imposición das sancións requerirá a previa incoación e instrución do procedemento corresponde, que se substanciará consonte ao disposto na lexislación xeral sobre o procedemento administrativo común e o seu regulamento de desenvolvemento.
2. O acordo de iniciación poderá ordenar a adopción de medidas provisionais que resulten necesarias para garantir a eficacia da resolución que puidera recaer, tales como a retirada das instalacións ilegais ou a suspensión do seu funcionamento.
ARTIGO 14.
AUTORIDADE COMPETENTE
1. A incoación e resolución dos procedementos sancionadores corresponderá o alcalde ou concelleiro en quen delegue.
2. A función instrutora exercerase pola autoridade ou funcionario que designe o órgano competente para a incoación do procedemento.
ARTIGO 15
PRESCRICIÓN
1. Os prazos de prescrición das infraccións e sancións serán os previstos na lexislación xeral sobre procedemento administrativo común.
ANEXOS
ANEXO I. MODELO DE SOLICITUDE
SOLICITUDE DE AUTORIZACIÓN DA OCUPACIÓN DO DOMINIO PUBLICO CON TERRAZAS DE HOSTELERÍA.
NOME E APELIDOS |
DNI |
DOMICILIO |
CP | CONCELLO |
TELÉFONO |
CORREO ELECTRÓNICO |
REPRESENTANTE |
DNI |
NOME COMERCIAL |
SITUACIÓN |
FECHA INICIO | DURACIÓN ACTIVIDADE |
RÚA PEONIL | SI | NO |
SUP. OCUPADA m2 |
Nº MESAS | Nº CADEIRAS |
CLIMATIZACIÓN | SI | NO | OUTROS ELEMENTOS |
Outras consideracións
Autoriza ao Concello de Melide a solicitar a cesión da información por medios informáticos ou telemáticos, sobre a circunstancia de estar ou non ao corrente das súas obrigacións tributarias co Estado e coa Comunidade Autónoma, e da Seguridade Social, de acordo co establecido na Lei orgánica 15/1999 do 13 de decembro de protección de datos de carácter persoal, Lei do imposto sobre a renda das persoas físicas e a Lei do imposto de sociedades e outras normas tributarias do estado e da Comunidade Autónoma e da Seguridade Social e demais disposicións de aplicación, sempre que o órgano competente o estime oportuno.
En Melide, a ....... de .................................. de .........
Asinado:
A/A SRA. ALCALDESA DO CONCELLO DE MELIDE
ANEXO II. DOCUMENTACIÓN A PRESENTAR
Solicitude de licenza
Copia de DNI/CIF
No caso de persoas xurídicas: copia de escritura de constitución, estatutos, acta fundacional, copia de poder de representación e copia do DNI do representante
Licenza de apertura ou comunicación previa do establecemento
Orzamento da instalación.
Plano de situación según cartografía oficial
Esquema ou plano acoutado de distribución da área da terraza, os elementos e mobiliario a instalar, e superficie de ocupación
No seu caso, plano de instalacións eléctricas exteriores, indicando e especificando as proteccións necesarias.
Memoria descritiva e fotográfica de tódolos elementos de mobiliario
Fotografías da fachada do inmoble e da rúa ou espazo onde se pretende a colocación da terraza.
Documentos acreditativo da vixencia e de estar ao corrente no pagamento da póliza de seguros.
Autorización ou concesión de dominio público, referida a superficie da terraza, outorgada pola Administración competente.
Autorización da comunidade de propietarios, cando se trate da ocupación de espazos privados de uso público
Autorización dos propietarios dos inmóbeis lindantes
En pechamentos exentos autorizaodos, homologación dos elementos integrantes da estrutura, e certificación emitida por facultativo habilitado legalmente e visada polo correspondente colexio profesional.
Nos sistemas de ancoraxe autorizados, garantía para a reposición do pavimento público que cubra o custo de reposición do espazo ocupado.
Copia do xustificante de ingreso da taxa correspondente
A PRESENTACIÓN DESTA DOCUMENTACIÓN NON EXIME DA OBRIGA DE PRESENTAR TODA AQUELA OUTRA QUE FOSE CONSIDERADA NECESARIA E QUE SEXA REQUIRIDA POLOS SERVIZOS TÉCNICOS URBANÍSTICOS MUNICIPAIS, SEGUNDO OS CASOS.
ANEXO III. CONDICIÓNS TÉCNICAS, ESTÉTICAS E XEOMÉTRICAS.
ARTIGO 1.
MESAS E CADEIRAS
1. As mesas estándar serán cadradas de 70 x 70 cm. cos seguintes materiais: madeira, ferro forxado nas súas cores orixinais dos materiais, ou aluminio plastificado en negro, marrón ou gris nas súas diferentes tonalidades, ou materiais que imiten aos anteriores cunha calidade acordo co entorno, prohibíndose materiais plásticos, aceiro inoxidable e aluminio nas súas cores naturais ou acabados metalizados brillantes, o taboleiro será de madeira ou mixto de madeira e resina nas cores orixinais dos materiais, ou negro, marrón ou gris nas súas diferentes tonalidades, a altura aproximada do taboleiro será de 74 cm.
2. Cada mesa, acompañaranse de ata un máximo de catro cadeiras apilables feitas de madeira, ferro forxado nas súas cores orixinais dos materiais, ou aluminio plastificado en negro, marrón ou gris nas súas diferentes tonalidades, ou materiais que imiten aos anteriores cunha calidade acordo co entorno, prohibíndose materiais plásticos, aceiro inoxidable e aluminio nas súas cores naturais ou acabados metalizados brillantes, de dimensións aproximadas 51 x 61 x 78 cm. e cunha altura aproximada do asento de 44 cm. Iran dispostas de forma reticular, en filas e columnas permitindo o paso entre as mesas, ocupando unha superficie mínima de dous metros con cincuenta e seis centímetros. Cada mesa terá asinada una superficie mínima de paso dun metro con corenta e catro centímetros, polo cal, a efectos de computo, cada mesa mais a súas cadeiras correspondentes, ocupara unha superficie mínima de catro metros cadrados ( 2,56 m2 + 1,44 m2 = 4,00 m2 ).
3. En caso especiais, debidamente xustificados, poden obter autorización as mesas circulares de 75 cm. de diámetro, de igual material e remates que as estándar.
4. En caso especiais, debidamente xustificados, poden obter autorización as mesas altas tipo velador, cunha altura aproximada de 1.20 m de igual material e remate que as estándar, acompañaranse de ata un máximo de catro tallos de igual material e remate e de dimensións aproximadas 30 x 30 x 76 cm. a efectos de computo, cada mesa mais os seus tallos correspondentes, ocupará unha superficie mínima de tres metros cadrados ( 1,875 m2 + 1.125 m2 = 3,00 m2 ).
5. Non poderá exhibirse publicidade algunha en mesas, cadeiras, nin en ningún outro elemento do mobiliario instalado.
6. No se autoriza a instalación de elementos decorativos ou revestimentos de chan que non estean incluídos expresamente na autorización.
7. Queda expresamente prohibida a instalación nas terrazas de calquera tipo de máquinas comerciais, xa sexan recreativas, de azar, de bebidas, tabaco ou semellantes.
8. No caso de que o local teña unha imaxe corporativa propia, debidamente demostrada, o concello pode autorizar outros deseños, distintos dos sinalados, referidos a dimensións, materiais ou condicións estéticas, previa presentación de proxecto técnico.
ARTIGO 2.
PARASOLES E ANTUCAS
1. Os parasoles e antucas serán de material téxtil, lisos e de cores acordes coa contorna urbana (brancos, negros ou beixes) e terán sempre a posibilidade de seren recollidos mediante fácil manobra.
2. Non se autorizan os ancoraxes no pavimento, no caso de que, excepcionalmente, por motivos de seguridade, obteñan informe favorable dos servizos técnicos urbanísticos de ancoraxe no pavimento, será obrigatorio a constitución dunha garantía para a reposición do pavimento público en función do custo de reposición. Os ancoraxes deberan ser autorizados polo concello antes da súa instalación
3. Os parasoles e antucas non poderán conter ningún tipo publicidade ou marca comercial salvo o logotipo ou nome do establecemento. Dito logotipo ou nome poderá colocarse unha soa vez, como máximo, en cada un dos catro puntos diametralmente opostos, ocupando unha superficie non superior a 25%. en cada un deles.
ARTIGO 3.
TOLDOS
1. Os toldos serán de material téxtil, lisos e de cores acordes coa contorna urbana (brancos, negros ou beixes) e terán sempre a posibilidade de seren recollidos mediante fácil manobra.
2. En ningún caso os toldos poder impedir ou restrinxir a visibilidade de sinais de circulación ou calquera outro elemento de seguridade vial ou de señalética urbana.
3. Os toldos instalaranse sobre a fachada propiedade do solicitante, no caso de facelo sobre fachada allea será obrigatorio presentar autorización por escrito dos propietarios ou interesados afectados.
4. A altura mínima dos toldos que integran a terraza será de 2.20 m., e a máxima de
3.00 m., sen que en ningún caso poida voar fora do espazo autorizado para a instalación da terraza.
5. A instalación de toldos nas terrazas que se instalen no conxunto histórico e ao longo do Camiño de Santiago, autorizarase con carácter restritivo, e sempre axustándose ao disposto na normativa urbanística vixente.
6. Non poderá autorizarse a utilización de toldos en horario comercial, cando se entorpeza a visibilidade dos escaparates, nin cando poidan verse afectadas ás condicións estéticas do entorno.
7. Polo xeral non se permite a publicidade nos toldos e só figurará neles o nome do establecemento ou logotipo. Dito logotipo ou nome poderá colocarse unha soa vez, como máximo, en cada faldrón, ocupando unha superficie non superior o 25% en cada un deles.
8. No caso de que o local teña unha imaxe corporativa propia, debidamente demostrada, o concello pode autorizar outros deseños, distintos dos sinalados, referidos a dimensións, materiais ou condicións estéticas, previa presentación de proxecto técnico.
ARTIGO 4.
ELEMENTOS DELIMITADORES
1. O espazo autorizado para terraza deberá estar sempre ben delimitado, tanto por paredes ou outros elementos arquitectónicos xa existentes, como por pechamentos móbiles que cumpran esta función. Darase preferencia ao emprego de xardineiras e elementos vexetais para a delimitación das terrazas, para o cal poderanse empregar xardineiras de materiais plásticos e lixeiros, se ben coidarase a estética e o deseño destes elementos de mobiliario.
2. Autorizarse a instalación de toldos verticais curta ventos, sen ancoraxes ao chan, en atención ás circunstancias singulares que concorran en cada caso. Como norma xeral no poderán ter unha superficie opaca superior o 50%.
3. Non se autorizan os ancoraxes no pavimento, no caso de que os toldos verticais curta ventos, excepcionalmente, por motivos de seguridade, obteñan informe favorable dos servizos técnicos urbanísticos de ancoraxe no pavimento, será obrigatorio a constitución dunha garantía para a reposición do pavimento público en función do custo de reposición. Os ancoraxes deberan ser autorizados polo concello antes da súa instalación.
4. No caso de que o local teña unha imaxe corporativa propia, debidamente demostrada, o concello pode autorizar outros deseños, distintos dos sinalados, referidos a dimensións, materiais ou condicións estéticas, previa presentación de proxecto técnico.
ARTIGO 5.
ELEMENTOS PUBLICITARIOS
1. Autorizase a instalación de elementos alusivos á actividade e denominación do establecemento, razón social así como delegación ou servizo oficial que represente. Queda prohibida a utilización desta modalidade de instalacións coa finalidade principal de soportes publicitarios de marcas comerciais de calquera tipo.
2. Autorízanse dous tipos de rótulos de locais comerciais en andar baixo, logo da solicitude acompañada dun deseño que indique dimensións, forma, cor, material e sistema de ancoraxe nas seguintes localizacións:
a) Nunha franxa encaixada baixo o lintel do oco de fachada, remetida respecto á cara exterior do recercado ou do muro. Esta franxa ou banda non poderá ter unha anchura superior a 0,50 m.
b) En placas acaroadas aos muros de fachada.
ARTIGO 5.1.
RÓTULOS
1. Os rótulos situaranse obrigatoriamente baixo o lintel do oco da porta do establecemento e poderán executarse en madeira pintada, chapa metálica, bronce, latón ou ferro, esmaltado ou lacado, vidro, metacrilato ou pedra. Tanto o material como o deseño será acorde co edificio e a contorna inmediata, prohibíndose explicitamente outros materiais plásticos, o aceiro inoxidable, o aluminio ou acabados metalizados brillantes.
2. O rótulo coa denominación do establecemento, actividade ou outros aspectos inscribirase nesa franxa, podendo executarse mediante letras en relevo de bronce ou latón, gravadas ou pintadas sobre vidro, formadas en platina, gravadas en baixo relevo ou outras solucións acordes coa contorna. Usarase a cor baixo o criterio xeral de sobriedade e sinxeleza. Non poderán ter iluminación externa nin focos exteriores.
3. En casos particulares poderán autorizarse rótulos de letras soltas en ferro forxado, latón ou bronce.
4. En calquera caso terán que obter informe favorable dos servizos técnicos municipais.
ARTIGO 5.2.
PLACAS
1. As placas acaroadas a muros de fachada terán unha forma acorde coa composición desta e non poderán ter unha anchura superior a 2/3 da anchura do machón, nin unha altura superior a 1/3 da súa altura. Estarán separadas da cara exterior do machón cando menos 2,5 cm e suxeitaranse a el mediante grampas ou patillas.
2. As placas poderán ser de metacrilato ou de vidro transparente, translúcido ou opaco, tanto liso como gravado; de chapa metálica esmaltada o lacada en bronce, latón ou ferro; de pedra ou de madeira. Prohíbense outros materiais plásticos, o aceiro inoxidable, o aluminio e outros acabados metalizados brillantes. Non poderán dispor de iluminación interna ou de focos exteriores.
3. Poderán autorizarse rótulos de letras soltas en ferro forxado, latón ou bronce colocados na fachada do edificio sen iluminación de ningunha clase.
4. En calquera caso terán que obter informe favorable dos servizos técnicos municipais.
ARTIGO 6.
INSTALACIÓNS
1. A instalación ou execución en terrazas de instalacións eléctricas, de climatización, ou de tipo similar, está suxeita a autorización, mediante solicitude de instalación ou oportuno proxecto subscrito por técnico competente, e previamente á súa posta en funcionamento, se incorpore ao expediente de autorización, certificado no que quede acreditado que a instalación executada se adecúa á normativa vixente e cumpre con tódalas medidas de seguridade legalmente esixibles.
2. Os servizos técnicos urbanísticos municipais poderán esixir ao interesado que o proxecto detalle tanto as condicións estéticas coma as condicións técnicas da instalación, co fin de regular a súa correcta utilización, evitar molestias ao tráfico, ao tránsito peonil, aos veciños e aos demais establecementos.
3. Prohíbese a instalación de equipos musicais, de vídeo ou de iluminación decorativa, aténdose en todo caso ao disposto na normativa vixente.
ARTIGO 7.
CONDICIÓNS HIXIÉNICAS
1. Os titulares das terrazas teñen a obriga de mantelas nas debidas condicións de limpeza, hixiene, seguridade e ornato, o incumprimento será considera falta segundo o exposto nesta normativa.
2. E obriga da propiedade recoller e retirar completamente a diario, fora do horario autorizado, tódolos elementos que compoñen a terraza. Ditos elementos non poden ser amoreados na vía pública.
3. Deberán adoptar as medidas necesarias para que a zona ocupada quede completamente limpa a diario, retirando puntualmente os residuos propios da instalación, utilizando para elo os elementos de recollida e almacenamento que resulten necesarios. Os residuos que resulten do varrido e limpeza das terrazas non poderán ser abandonados na rúa en ningún caso.
4. Non se permite almacenar ou amorear xunto ás terrazas produtos, materiais ou residuos propios das mesmas, así como calquera outro elemento que exceda a superficie autorizada.
ARTIGO 8.
HORARIOS
1. Con carácter xeral, e sen prexuízo de calquera outra normativa sectorial, as terrazas poderán instalarse dende as 9:00 da mañá ata a 24:00 da madrugada.
2. Os venres, sábados e vésperas de festivos o horario amplíase ata as 2:00 da madrugada.
3. En ningún caso poderán permanecer abertas as terrazas excedido o horario de peche do establecemento do cal dependen.
4. Transcorrido o horario de peche, a terraza, con todos os seus elementos auxiliares, deberán ser completamente retirados da vía pública, depositándose no local privado e pechado destinado ao efecto.
5. O concello, sempre e cando concorran circunstancias xustificadas, poderá modificar os horarios establecidos neste artigo, en función das diferentes estacións do ano, das distintas zonas da vila, da amplitude dos espazos públicos onde se instalen as terrazas, do carácter residencial do seu ámbito, do seu carácter histórico, ou de outras consideracións de interese xeral.