Coirós - ORDENANZA FISCAL DO IMPOSTO SOBRE CONSTRUCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS

Publicación provisional: 15/11/2011 BOP Nº: 217
Publicación definitiva: 28/12/2011 BOP Nº: 246
Aplicable dende: 12/02/2018

Artigo 1º.- FEITO IMPOÑIBLE

1.- Constitúe o feito impoñible do imposto a realización, dentro do término municipal, de calquera construción, instalación ou obra para a que se esixa a obtención da correspondente licenza de obras ou urbanística, obtéñase ou non a dita licenza, sempre que a súa expedición corresponda a este Concello.

2.- As construcións, instalacións ou obras ás que se refire o apartado anterior poderán consistir en:

a) As obras de construción de edificación e instalacións de todas as clases de nova planta.

b) As obras de ampliación ou reforma de edificios e instalacións de todas as clases existentes.

c) As de modificación ou reforma que afecten á estrutura dos edificios e instalacións de todas as clases existentes.

d) As de modificación do aspecto exterior dos edificios e instalacións de todas as clases existentes.

e) As obras que modifiquen a disposición interior dos edificios, calquera que sexa o seu uso.

f) As obras que teñan que realizarse con carácter provisional no caso en que estean xustificadas, que deberán derribarse cando o acorde o Concello, sen dereito a indemnización, de acordo co establecido na regulación urbanística.

g) As obras de instalación de servizos públicos.

h) Os movementos de terra, tales como desmonte, explanación, escavación e terraplenado, salvo que tales actos estean detallados e programados como obras a efectuar nun proxecto de urbanización ou de edificación aprobado e autorizado.

i) A demolición das construcións, salvo nos casos declarados de ruína inminente.

j) As instalacións subterráneas dedicadas a aparcamentos, actividades industriais, mercantís ou profesionais, servizos públicos ou calquera outro uso a que se destine o subsolo.

k) A colocación de carteis de propaganda visibles dende a vía pública.

l) E, en xeral, calquera outra construción, instalación ou obra que requira licenza urbanística segundo o previsto na lexislación vixente, plans, normas ou ordenanzas.

Artigo 2º.- SUXEITOS PASIVOS

1.- Son suxeitos pasivos deste imposto, a título de contribuínte, as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei Xeral Tributaria, que sexan donos da construción, instalación ou obra, sexan o non propietarios do inmoble sobre o que se realice aquela.

Aos efectos previstos no parágrafo anterior terá a consideración de dono da construción, instalación ou obra quen soporte os gastos ou o custe que comporte a súa realización.

2.- No suposto de que a construción, instalación ou obra non sexa realizada polo suxeito pasivo contribuínte, terán a condición de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte quen soliciten as correspondentes licenzas ou realicen as construcións, instalacións ou obras.

Artigo 3º EXENCIÓNS

Están exentas deste imposto as construcións, instalacións e obras das que sexa dono o Estado, as Comunidades Autónomas ou as Entidades Locais que, estando suxeitas ao mesmo, vaian a ser directamente destinadas a estradas, ferrocarrís, portos, aeroportos, obras hidráulicas, saneamento de poboacións e das súas augas residuais, aínda que a xestión se leve a cabo por Organismos Autónomos, tanto se se trata de obras de inversión nova como de conservación.

Artigo 4º.- BONIFICACIÓNS

A cota do imposto sobre construcións, instalacións e obras será susceptible de bonificación nos seguintes supostos:

1. Bonificación do 25% a favor de construcións, instalacións e obras que afecten a vivendas e outras edificacións que se caractericen pola súa especial vinculación co sector primario de carácter agrícola, gandeiro ou forestal.

2. Unha bonificación do 25% a favor das construcións, instalacións e obras específicas que sexan necesarias para favorecer o acceso e habitabilidade dos discapacitados, por aquela parte do proxecto que afecte unicamente a estas construcións, instalacións e obras.

3.- Establécese unha bonificación de ata o 95% para as construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de fomento do emprego, regulada no artigo 103.2 a) do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais. A gradación da porcentaxe de bonificación aplicarase do seguinte xeito:

- Un 95 por 100 pola creación de máis de 20 postos de traballo

- Un 75 por 100 pola creación de entre 11 e 20 postos de traballo

- Un 50 por 100 pola creación de ata 10 postos de traballo.

Esta bonificación será de aplicación unicamente a aquelas construcións, instalacións ou obras destinadas á implantación dunha nova actividade económica ou empresarial, así como a aquelas outras que consistan nunha ampliación das instalacións sempre e cando implique creación de emprego.

O emprego comprometido deberá manterse, cando menos, un período de tres anos dende o inicio da actividade polo suxeito pasivo. Tal circunstancia deberá ser acreditada por este ante os servizos tributarios do concello dentro dos 15 días seguintes ao remate de cada trimestre. O non cumprimento deste requisito dará lugar o inicio do correspondente expediente de reintegro.

Corresponderán ditas declaracións ao Pleno da Corporación e acordarase, previa solicitude do suxeito pasivo, polo voto favorable da maioría simple dos seus membros.

Artigo 5º.- BASE IMPOÑIBLE, COTA E DEVENGO

1.- A base impoñible deste imposto está constituída polo custe real e efectivo da construción, instalación ou obra, e enténdese por tal o custe de execución material da mesma.

2.- A cota do imposto é o resultante de aplicar á base impoñible o tipo de gravame.

3.- O tipo de gravame é o 3,5 %.

4.- O imposto devéngase no momento de solicitar a licenza urbanística para a construción, instalación ou obra.

Artigo 6º.- XESTIÓN

1.- Os suxeitos pasivos están obrigados a presentar autoliquidación polo imposto, determinándose a base impoñible en función do presuposto declarado polo interesado, e a ingresala, en calquera entidade colaboradora autorizada, ao solicitar a licenza preceptiva, sen que o pago realizado supoña ningún tipo de presunción ou acto declarativo de dereitos a favor de aqueles.

2.- O pago da autoliquidación presentada será a conta da liquidación provisional e, no seu caso, da liquidación definitiva que se practique unha vez terminadas as construcións, instalacións ou obras.

3.- Cando se modifique o proxecto da construción, instalación ou obra, e houbese incremento do seu presuposto, unha vez aceptada a modificación pola administración municipal, os suxeitos pasivos deberán presentar autoliquidación complementaria pola diferenza entre o presuposto inicial e o declarado.

4.- Unha vez terminadas as construcións, instalacións ou obras, os suxeitos pasivos deberán presentar autoliquidación complementaria do tributo no caso de que o custe real e efectivo da obra sexa superior ao declarado. A autoliquidación presentarase e ingresarase xunto coa solicitude da licenza de primeira utilización u ocupación.

5.- Á vista da documentación aportada, ou de calquera outra relativa ás construcións, instalacións ou obras, e das efectivamente realizadas, así como do seu custe real e efectivo, o Concello, mediante a oportuna comprobación administrativa, modificará, no seu caso, a base impoñible practicando a correspondente liquidación definitiva e esixindo do suxeito pasivo ou reintegrándole, segundo proceda, a cantidade que resulte.

6.- No caso de que non se executen as construcións, instalacións ou obras, o interesado terá dereito á devolución do ingresado, unha vez que formule renuncia expresa á licenza ou exista declaración de caducidade.

Artigo 7º.- INSPECCIÓN E RECADACIÓN

A inspección e recadación do imposto realizarase de acordo co previsto na Lei Xeral Tributaria e nas demais leis do Estado reguladoras da materia, así como nas disposicións ditadas para o seu desenvolvemento.

Artigo 8º.- INFRACCIÓNS E SANCIÓNS

En todo o relativo a cualificación das infraccións tributarias como tamén a determinación das sancións que polas mesmas correspondan no seu caso, aplicarase o réxime regulado na Lei Xeral Tributaria e nas disposicións que a complementen e desenvolvan.

DISPOSICION FINAL

A presente Ordenanza Fiscal entrará en vigor o día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, e comezará a aplicarse a partir do primeiro día do mes seguinte ao da súa publicación, permanecendo en vigor mentres non se modifique ou derrogue expresamente.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

A presente Ordenanza Fiscal derroga calquera outra anterior sobre a materia existente en este Concello, dende o momento de efectiva aplicación da presente Ordenanza.