Coirós - ORDENANZA FISCAL DO IMPOSTO SOBRE CONSTRUCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS

Publicación provisional: 15/11/2011 BOP Nº: 217
Publicación definitiva: 28/12/2011 BOP Nº: 246
Aplicable dende: 01/01/2012

Artigo 1º.- FEITO IMPOÑIBLE

1.- Constitúe o feito impoñible do imposto a realización, dentro do término municipal, de calquera construción, instalación ou obra para a que se esixa a obtención da correspondente licenza de obras ou urbanística, obtéñase ou non a dita licenza, sempre que a súa expedición corresponda a este Concello.

2.- As construcións, instalacións ou obras ás que se refire o apartado anterior poderán consistir en:

a) As obras de construción de edificación e instalacións de todas as clases de nova planta.

b) As obras de ampliación ou reforma de edificios e instalacións de todas as clases existentes.

c) As de modificación ou reforma que afecten á estrutura dos edificios e instalacións de todas as clases existentes.

d) As de modificación do aspecto exterior dos edificios e instalacións de todas as clases existentes.

e) As obras que modifiquen a disposición interior dos edificios, calquera que sexa o seu uso.

f) As obras que teñan que realizarse con carácter provisional no caso en que estean xustificadas, que deberán derribarse cando o acorde o Concello, sen dereito a indemnización, de acordo co establecido na regulación urbanística.

g) As obras de instalación de servizos públicos.

h) Os movementos de terra, tales como desmonte, explanación, escavación e terraplenado, salvo que tales actos estean detallados e programados como obras a efectuar nun proxecto de urbanización ou de edificación aprobado e autorizado.

i) A demolición das construcións, salvo nos casos declarados de ruína inminente.

j) As instalacións subterráneas dedicadas a aparcamentos, actividades industriais, mercantís ou profesionais, servizos públicos ou calquera outro uso a que se destine o subsolo.

k) A colocación de carteis de propaganda visibles dende a vía pública.

l) E, en xeral, calquera outra construción, instalación ou obra que requira licenza urbanística segundo o previsto na lexislación vixente, plans, normas ou ordenanzas.

Artigo 2º.- SUXEITOS PASIVOS

1.- Son suxeitos pasivos deste imposto, a título de contribuínte, as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei Xeral Tributaria, que sexan donos da construción, instalación ou obra, sexan o non propietarios do inmoble sobre o que se realice aquela.

Aos efectos previstos no parágrafo anterior terá a consideración de dono da construción, instalación ou obra quen soporte os gastos ou o custe que comporte a súa realización.

2.- No suposto de que a construción, instalación ou obra non sexa realizada polo suxeito pasivo contribuínte, terán a condición de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte quen soliciten as correspondentes licenzas ou realicen as construcións, instalacións ou obras.

Artigo 3º EXENCIÓNS

Están exentas deste imposto as construcións, instalacións e obras das que sexa dono o Estado, as Comunidades Autónomas ou as Entidades Locais que, estando suxeitas ao mesmo, vaian a ser directamente destinadas a estradas, ferrocarrís, portos, aeroportos, obras hidráulicas, saneamento de poboacións e das súas augas residuais, aínda que a xestión se leve a cabo por Organismos Autónomos, tanto se se trata de obras de inversión nova como de conservación.

Artigo 4º.- BONIFICACIÓNS

A cota do imposto sobre construcións, instalacións e obras será susceptible de bonificación nos seguintes supostos:

1. Bonificación a favor de construcións, instalacións e obras que afecten a vivendas e outras edificacións que se caractericen pola súa especial vinculación co sector primario de carácter agrícola, gandeiro ou forestal e, por elo, sexan declaradas de especial interese ou utilidade. A presente bonificación será do 25% da cota.

2. Unha bonificación do 25% a favor das construcións, instalacións e obras específicas que sexan necesarias para favorecer o acceso e habitabilidade dos discapacitados, por aquela parte do proxecto que afecte unicamente a estas construcións, instalacións e obras.

3.- As bonificacións previstas neste artigo esixirán:

a) Solicitude do interesado

b) Informe dos servizos municipais correspondentes e, en todo caso, informe do servizo de xestión, recadación e inspección tributaria do Concello.

c) Acordo da Xunta de Goberno Local, ou, no seu caso, do Pleno, por maioría simple dos seus membros.

4.- As solicitudes de bonificacións incluídas neste artigo, deberán presentarse coincidindo coa solicitude das correspondentes licenzas.

Artigo 5º.- BASE IMPOÑIBLE, COTA E DEVENGO

1.- A base impoñible deste imposto está constituída polo custe real e efectivo da construción, instalación ou obra, e enténdese por tal o custe de execución material da mesma.

2.- A cota do imposto é o resultante de aplicar á base impoñible o tipo de gravame.

3.- O tipo de gravame é o 3,5 %.

4.- O imposto devéngase no momento de solicitar a licenza urbanística para a construción, instalación ou obra.

Artigo 6º.- XESTIÓN

1.- Os suxeitos pasivos están obrigados a presentar autoliquidación polo imposto, determinándose a base impoñible en función do presuposto declarado polo interesado, e a ingresala, en calquera entidade colaboradora autorizada, ao solicitar a licenza preceptiva, sen que o pago realizado supoña ningún tipo de presunción ou acto declarativo de dereitos a favor de aqueles.

2.- O pago da autoliquidación presentada será a conta da liquidación provisional e, no seu caso, da liquidación definitiva que se practique unha vez terminadas as construcións, instalacións ou obras.

3.- Cando se modifique o proxecto da construción, instalación ou obra, e houbese incremento do seu presuposto, unha vez aceptada a modificación pola administración municipal, os suxeitos pasivos deberán presentar autoliquidación complementaria pola diferenza entre o presuposto inicial e o declarado.

4.- Unha vez terminadas as construcións, instalacións ou obras, os suxeitos pasivos deberán presentar autoliquidación complementaria do tributo no caso de que o custe real e efectivo da obra sexa superior ao declarado. A autoliquidación presentarase e ingresarase xunto coa solicitude da licenza de primeira utilización u ocupación.

5.- Á vista da documentación aportada, ou de calquera outra relativa ás construcións, instalacións ou obras, e das efectivamente realizadas, así como do seu custe real e efectivo, o Concello, mediante a oportuna comprobación administrativa, modificará, no seu caso, a base impoñible practicando a correspondente liquidación definitiva e esixindo do suxeito pasivo ou reintegrándole, segundo proceda, a cantidade que resulte.

6.- No caso de que non se executen as construcións, instalacións ou obras, o interesado terá dereito á devolución do ingresado, unha vez que formule renuncia expresa á licenza ou exista declaración de caducidade.

Artigo 7º.- INSPECCIÓN E RECADACIÓN

A inspección e recadación do imposto realizarase de acordo co previsto na Lei Xeral Tributaria e nas demais leis do Estado reguladoras da materia, así como nas disposicións ditadas para o seu desenvolvemento.

Artigo 8º.- INFRACCIÓNS E SANCIÓNS

En todo o relativo a cualificación das infraccións tributarias como tamén a determinación das sancións que polas mesmas correspondan no seu caso, aplicarase o réxime regulado na Lei Xeral Tributaria e nas disposicións que a complementen e desenvolvan.

DISPOSICION FINAL

A presente Ordenanza Fiscal entrará en vigor o día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, e comezará a aplicarse a partir do primeiro día do mes seguinte ao da súa publicación, permanecendo en vigor mentres non se modifique ou derrogue expresamente.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

A presente Ordenanza Fiscal derroga calquera outra anterior sobre a materia existente en este Concello, dende o momento de efectiva aplicación da presente Ordenanza.