Malpica de Bergantiños - Ordenanza fiscal nº 13, reguladora da taxa pola utilización do pavillón polideportivo municipal
ARTIGO 1.º.-FUNDAMENTO E RÉXIME.
En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, este concello establece a taxa pola utilización do pavillón polideportivo municipal, redactada conforme ó disposto no artigo 16 do citado RDL 2/2004 e que se regulará pola presente ordenanza fiscal.
ARTIGO 2.º.-FEITO IMPOÑIBLE.
Constitúe o feito impoñible deste tributo:
a) O uso da pista central do pavillón polideportivo municipal.
b) O uso do ximnasio do pavillón polideportivo municipal incluíndo as máquinas ou aparatos para a realización de exercicios físicos.
c) A prestación dos servizos de que están dotadas as transcritas instalacións
ARTIGO 3.º.-DEVINDICACIÓN E SUXEITO PASIVO.
1.-A taxa considerarase devindicada, nacendo a obriga de contribuír, desde que se inicie a utilización das instalacións mediante a entrada ao recinto, previo pago da taxa.
2.-No caso do acceso ao ximnasio para a utilización das máquina de exercicios, a taxa devindícase o primeiro día do período impositivo, que coincide co mes natural.
3.-Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 42 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, da Lei Xeral Tributaria, que soliciten a utilización das instalacións.
4.-Serán responsables das obrigas tributarias as persoas físicas e xurídicas nos termos establecidos nos artigos 41 e seguintes da Lei 58/2003, do 17 de decembro, da Lei Xeral Tributaria.
ARTIGO 4.º.-BASE IMPOÑIBLE E LIQUIDABLE.
A base impoñible estará determinada en función da instalación específica do polideportivo para o cal se solicite a autorización, conforme á seguinte táboa
Instalación específica do polideportivo para o cal se solicita o uso | Tipo de uso da instalación | Elemento para a determinación da base impoñible |
Epígrafe 1.-Pista central | Utilización en día laborable ou festivo | Número de horas de utilización da citada instalación |
Epígrafe 2.-Ximnasio | Utilización en día laborable | Número usuarios que solicitan o uso por mes |
ARTIGO 5.º.-COTA TRIBUTARIA.
1. A cota tributaria esixirase por aplicación do seguinte cadro de tarifas:
Instalación específica do polideportivo para o cal se solicita o uso | Tarifa | Cota | |
Epígrafe 1.-PISTA CENTRAL |
| Cota por hora en día laborable | Cota por hora en día festivo |
| Pola utilización polo período dunha hora para entrenamento, con independencia do n.º de usuarios | 4,49 € | 6,27 € |
Pola utilización polo período dunha hora para competición e con independencia do n.º de usuarios | 5,38 € | 7,53 € | |
Pola utilización para maratóns ou similares, polo período máximo de 48 horas por cada hora de utilización | 7,47 € | 7,47 € | |
Epígrafe 2.-XIMNASIO |
| Cota mensual por usuario | |
| Pola utilización por usuario /mes | 15 € |
2. As cotas tributarias do cadro de tarifas serán actualizadas anualmente na mesma proporción que a variación irternanual experimentada polo índice xeral dos prezos ao consumo para o conxunto nacional total (IPC) no mes de outubro. Dita actualización será efectiva a partires do día 1 de xaneiro do ano inmediato posterior.
ARTIGO 6.º.-NORMAS DE XESTIÓN, ADMINISTRACIÓN E COBRANZA.
6.º.1.-Utilización da pista central.
6.º.1.1.-Os suxeitos que desexen utilizar da pista central do polideportivo do Concello de Malpica de Bergantiños deberán efectuar a solicitude previa.
6.º.1.2.-As autorizacións para a utilización das instalacións do polideportivo do Concello de Malpica de Bergantiños, serán outorgadas polo Alcalde-Presidente do Concello de Malpica de Bergantiños de acordo co artigo 21.1 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local e 24 do Real Decreto Lexislativo 781/1986, quen poderá delegar a concesión das presentes autorizacións no funcionario encargado da xestión pavillón polideportivo.
6.º.1.3.-Cando se presente a solicitude ou se inicie o expediente os suxeitos pasivos estarán obrigados a ingresar o importe de taxa en concepto de depósito previo da cota correspondente, de acordo co artigo 26.1.a) do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais.
6.º.1.4.-O importe de taxa en concepto de depósito previo será autoliquidado polo suxeito pasivo, especificando o tipo de uso da instalación así como o elemento para a determinación da base impoñible como se expón no artigo 5.º da presente ordenanza, para a cal se solicita o servizo. Non se tramitará o expediente nin se permitirá o uso do servizo ata que se teña efectuado o pagamento correspondente e sexa expedido o correspondente recibo de autorización.
6.º.1.5.-Tramitado o correspondente expediente, e comprobado o importe de taxa en concepto de depósito previo autoliquidado polo suxeito pasivo, procederase á autorización para o uso solicitado mediante a expedición dun recibo de autorización, elevándose o depósito previo a liquidación definitiva ao concederse a autorización solicitada.
6.º.1.6.-Os interesados, no suposto de denegación da autorización poderán solicitar a devolución do importe do depósito previo.
6.º.2.-Utilización do ximnasio.
6.º.2.1.-Os suxeitos que desexen utilizar o ximnasio do polideportivo do Concello de Malpica de Bergantiños deberán efectuar a solicitude previa.
6.º.2.2.-As autorizacións para a utilización das instalacións do polideportivo do Concello de Malpica de Bergantiños, serán outorgadas polo Alcalde-Presidente do Concello de Malpica de Bergantiños de acordo co artigo 21.1 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local e 24 do Real Decreto Lexislativo 781/1986, quen poderá delegar a concesión das presentes autorizacións no funcionario encargado da xestión do ximnasio.
6.º.2.3.-Cando se presente a solicitude ou se inicie o expediente os suxeitos pasivos estarán obrigados a ingresar importe de taxa en concepto de depósito previo correspondente a unha cota mensual, de acordo co artigo 26.1.a) Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais .
6.º.2.4.-O importe de taxa en concepto de depósito previo será autoliquidado polo suxeito pasivo. Non se tramitará o expediente nin se permitirá o uso do servizo ata que se teña efectuado o pagamento correspondente.
6.º.2.5.-Tramitado o correspondente expediente, e comprobado o importe de taxa en concepto de depósito previo autoliquidado polo suxeito pasivo, procederase á autorización para a utilización do servizo solicitado mediante a oportuna notificación de alta como usuario do ximnasio, elevándose o depósito previo a liquidación definitiva ao concederse a autorización solicitada.
6.º.2.6.-Os interesados, no suposto de denegación da autorización poderán solicitar a devolución do importe do depósito previo.
6.º.2.7.-Efectuado o ingreso da primeira cota mensual as restantes cotas esixibles serán liquidadas cada mes, non sendo reducibles polo período impositivo sinalado no artigo 3.º.2 da presente ordenanza fiscal.
6.º.2.8.-Autorizada a utilización do ximnasio, entenderase prorrogado automaticamente por un novo período impositivo, ata que se solicite a baixa polo interesado, ou sexa declarada a súa caducidade. A tal fin a administración municipal elaborará mensualmente unha lista de cobro das persoas ou entidades obrigadas ao pagamento, que deberá ser aprobado definitivamente antes do día 15 día de cada mes.
6.º.2.9.-Nos casos de presentación da baixa como usuario, esta producirá efectos a partir do mes seguinte ao que se teña efectuada a presentación. A non presentación da baixa determinará a obriga de seguir aboando a taxa.
6.º.3.-Non se entenderán como suxeitos pasivos a efectos da presente ordenanza a impartición das clases de educación física efectuadas polos centros educativos deste concello, así como a celebración de actividades organizadas ou promovidas polo Concello de Malpica.
ARTIGO 7.º.-EXENCIÓNS, REDUCCIÓNS E DEMAIS BENEFICIOS LEGALMENTE APLICABLES.
De conformidade co disposto no artigo 9 do RDL 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais non se recoñecen máis beneficios fiscais que os derivados de norma con rango de lei ou da aplicación dos Tratados Internacionais. Calquera bonificación ou exención deberá ser interesada ao tempo de solicitar a oportuna autorización.
ARTIGO 8.º.-INFRACCIÓNS E SANCIÓNS TRIBUTARIAS
En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias e sancións, ademais do previsto nesta ordenanza, estarase ó disposto nos artigos 178 e seguintes da Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria e demais normativa aplicable.
DISPOSICIÓN FINAL
A presente Ordenanza Fiscal entrará en vigor o día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e comezará a aplicarse ata que se acorde a súa derrogación ou modificación expresa.