Vilasantar - ORDENANZA FISCAL Nº 3, SOBRE IMPOSTO SOBRE CONSTRUCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS

Publicación provisional: 30/12/1989 BOP Nº: 298
Publicación definitiva: 30/12/1989 BOP Nº: 298
Aplicable dende: 03/07/2018

Artigo 1.º.–Fundamento e natureza

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/ 1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, modificada polo Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, este concello establece o imposto sobre construcións, instalacións e obras que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, que atende ó previsto no artigo 57 da citada Lei 39/1988.

Artigo 2.º.–Feito impoñible.

1.–Constitúe o feito impoñible do Imposto a realización no termo municipal de Vilasantar de calquera construción, instalación ou obra para a que se esixa a obtención da correspondente licenza de obras ou urbanística, obtivérase ou non a devandita licenza, sempre que a súa expedición corresponda a este Concello.

2.–Son construcións, instalacións e obras suxeitas ó imposto todas aquelas na que a execución implique a realización do feito impoñible definido no apartado anterior e, en particular, as seguintes:

a) As obras de nova planta e de ampliación de edificios, ou necesarias para a implantación, ampliación, modificación ou reforma de instalacións de calquera tipo.

b) As obras de modificación ou de reforma que afecten á estrutura, ao aspecto exterior ou á disposición interior dos edificios, ou que incidan en calquera clase de instalacións existentes.

c) As obras provisionais.

d) A construción de vaos para a entrada e saída de vehículos das fincas na vía pública.

e) As construcións, instalacións e obras realizadas na vía pública por particulares ou polas empresas subministradoras de servizos públicos, que corresponderán tanto as obras necesarias para a apertura de calas e pozos, colocación de postes de soporte, canalizacións, conexións e, en xeral, calquera remoción do pavimento ou beirarrúas, como as necesarias para a reposición, reconstrución ou amaño do estragado coas calas mencionadas.

f) Os movementos de terra, tales como desmontes, explanacións, escavacións, terraplenados, salvo que estes actos estean detallados e programados como obras a executar nun proxecto de urbanización ou edificación aprobado ou autorizado.

g) As obras de peche dos solares ou dos terreos e dos valados, os andamios e as andamiaxes de precaución.

h) A nova implantación, a ampliación, a modificación, a substitución ou o cambio de emprazamento de todo tipo de instalacións técnicas dos servizos públicos, calquera que sexa seu emprazamento.

i) Os usos e instalacións de carácter provisorio.

l) A instalación, reforma ou calquera outra modificación dos soportes ou valados que teñan publicidade ou propaganda.

ll) As instalacións subterráneas dedicadas aos aparcamentos, as actividades industriais, mercantís ou profesionais, aos servizos públicos ou a calquera outro uso ao que se destine o subsolo.

m) A realización de calquera outra actuación establecida polos plans de ordenación ou polas ordenanzas que lles sexan aplicables como suxeitas a licenza municipais, sempre que se trate de construcións, instalacións ou obras.

n) Derrubamentos.

ñ) Aliñacións e rasantes.

o) As que se realicen en cemiterios.

p) Calquera outra construción, instalación ou obra que precise licencia de obra ou urbanística.

3.–Quedan tamén incluídas no feito impoñible do imposto, as construcións, instalacións e obras que se realicen en cumprimento dunha orde de execución municipal ou aquelas outras que requiran a previa existencia dun acordo aprobatorio ou dunha concesión. Nestes supostos a licenza aludida no apartado 1, considerarase outorgada unha vez ditada a orde de execución, adoptado o acordo ou adxudicada a concesión polos órganos municipais competentes, con cumprimento da tramitación preceptiva, e legalmente notificado o acto administrativo o interesado.

Artigo 3.º.–Supostos de non suxeición.

Non estarán suxeitas ao imposto regulado na presente ordenanza:

a) As obras, construcións e instalacións que, debendo ser entregadas ao Patrimonio Municipal, fosen executadas por outras administracións públicas en virtude de convenio de colaboración ou cooperación co Concello.

b) as obras, construcións e instalacións realizadas por entidades de interese público ou asociacións veciñais en bens de uso ou servizo público municipal, coa autorización previa do órgano correspondente.

c) as obras que consistan en construción e reconstrución de muros, como consecuencia da necesidade de ensanche das vías públicas se se efectuou a cesión gratuíta dos terreos polos propietarios.

d) A execución de obras de urbanización realizadas polos propietarios afectados, sempre e cando se entreguen posteriormente ao Patrimonio municipal.

e) as obras realizadas nos centros públicos e nos centros privados concertados sempre que estas se realicen nos niveis de educación obrigatoria.

Artigo 4.º.–Exencións e bonificacións.

1. Esta exenta do pagamento do imposto a realización de calquera construción, instalación ou obra da que sexa dono o estado, as comunidades autónomas ou as entidades locais, que estando suxeitas a este, sexan directamente destinadas a estradas, ferrocarrís, portos, aeroportos, obras hidráulicas, saneamentos de poboacións e das súas augas residuais, aínda que a súa xestión se leve a cabo por organismos autónomos, tanto si se trata de obras de investimentos nova como de conservación.

2. BONIFICACIÓNS.

A cota do imposto sobre construcións, instalacións e obras será susceptible de bonificación nos seguinte supostos:

Establécese unha bonificación de ata o 95% para as construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de fomento do emprego, regulada no artigo 103.2 a) do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais. A gradación da porcentaxe de bonificación aplicarase do seguinte xeito:

– Un 95 por cento pola creación de máis de 20 postos de traballo.

– Un 75por cento pola creación de entre 11 e 20 postos de traballo.

– Un 50 por cento pola creación de ata 10 postos de traballo.

Esta bonificación será de aplicación unicamente a aquelas construcións, instalacións ou obras destinadas a implantación dunha nova actividade económica ou empresarial, así como a aquelas outras que consistan nunha ampliación das instalacións sempre e cando implique creación de emprego.

O emprego comprometido deberá manterse, cando menos, un período de tres anos dende o inicio da actividade polo suxeito pasivo. Tal circunstancia deberá ser acreditada por este ante os servizos tributarios do concello dentro dos 15 días seguintes ao remate de cada trimestre. O non cumprimento deste requisito dará lugar o inicio do correspondente expediente de reintegro.

Corresponderán ditas declaracións ao Pleno da Corporación e acordarase, previa solicitude do suxeito pasivo, polo voto favorable da maioría simple dos seus membros.

Artigo 5.º.–Suxeitos pasivos e substitutos do contribuínte.

1.–Son suxeitos pasivos deste imposto a título de contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 28 de decembro, que sexan donos das construcións, instalacións ou obras, sexan ou non propietarios do inmoble sobre o que se realicen aquelas.

Os efectos deste punto terán a consideración de donos das construcións instalacións ou obras quen soporten os gastos ou costos que comporten a súa realización.

2.–Teñen a consideración de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte, no caso de que a construción, instalación ou obra non sexa realizada polo suxeito pasivo contribuínte, quen soliciten as correspondentes licenzas ou realicen as construcións, instalacións ou obras .

Para a aplicación deste apartado considerarase substituto de primeiro grado ao solicitante da licenza e contra este obrigado exercitarase a acción administrativa dirixida ao cobro do imposto. Cando non exista solicitude de licencia esixirase a presentación da declaración e o ingreso, á empresa que realice a construción, instalación ou obra.

3.–O substituto poderá esixir do contribuínte o importe da cota tributaria satisfeita.

Artigo 6.º.–Base impoñible.

A base impoñible do imposto está constituída polo custo real e efectivo da construción, instalación ou obra; e se entende por tal, a estes efectos, o custo de execución material de aquela

Non formarán parte de dita base o imposto sobre o valor engadido e demais impostos análogos propios de réximes especiais, as taxas, prezos públicos e demais prestacións patrimoniais de carácter público local relacionadas, no seu caso, coa construción, instalación ou obra, nin os honorarios de profesionais, o beneficio empresarial do contratista nin calquera outro concepto que non integre o custo de execución material.

Artigo 7.º.–Tipo de gravame e cota tributaria.

A cota íntegra do imposto será o resultado de aplicar á base impoñíbel o tipo de gravame, segundo o orzamento, que se estabelece a continuación:

– Construcións, instalacións e obras cun orzamento de execución material inferior a 300.000,00 euros: 2,40%

– Construcións, instalacións e obras cun orzamento de execución material igual ou superior a 300.000,00 euros e inferior a 600.000,00 euros: 2,80%.

– Construcións, instalacións e obras cun orzamento de execución material igual ou superior a 600.000,00 euros: 3,00%”.

– As obras que teñan a consideración legal de obras menores e non necesiten, en consecuencia, redacción de proxecto técnico, o,tipo de gravame será do 2%.

Artigo 8.º.–Devengo do imposto.

1.–A obriga de contribuír nace no intre de se comezar a construción, instalación ou obra, mesmo nos casos en que comece sen ter obtido a licenza que proceda.

2.–Os efectos de este imposto, entenderanse iniciadas as construcións, instalacións ou obras, salvo proba en contrario, cando fora concedida a preceptiva licenza municipal; no momento no que sexa retirada a devandita licenza polo interesado ou o seu representante, ou noutro caso, ao mes da data do Decreto ou do acordo da Xunta de Goberno Local

Artigo 9.º.–Normas de xestión.

1. Os suxeitos pasivos virán obrigados a presentar solicitude de licencia urbanística, acompañada dos correspondentes presupostos, nos casos e modos que sinala a normativa aplicable ao solo e á edificación, tanto estatal, como autonómica e local. A solicitude de licenza urbanística terá o valor de declaración tributaria, por canto dos presupostos que acompañan a aquela deducirase a base impoñible do imposto. De non mediar solicitude de licenza antes do inicio das obras, a conduta, sen prexuízo das súas repercusións urbanísticas, constituirá unha infracción tributaria, segundo o disposto no artigo 11 desta Ordenanza.

2. Concedida a licenza ou adoptado o acordo aprobatorio ou autorización en relación coas construcións, instalacións e obras que se realicen en cumprimento dunha orde de execución municipal e, en todo caso, no prazo máximo dun mes contado a partir do momento no que se inicie a construción, instalación ou obra, incluso cando non fose solicitada, concedida ou denegada aínda a devandita licenza, o suxeito pasivo estará obrigado a abonar a liquidación pertinente nos prazos establecidos no artigo 62.2 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria, sen que o pagamento comporte ningún tipo de acto declarativo de dereito a prol daqueles.

A base impoñible para esta liquidación determinarase en función do presuposto presentado polos interesados, sempre que o mesmo estivera visado polo Colexio Oficial correspondente cando elo constitúa un requisito preceptivo. Noutro caso, a base impoñible será determinada por la oficina técnica municipal.

3.–O pagamento da liquidación practicada terá carácter provisorio e será a conta da liquidación definitiva que se practique unha vez rematadas as construcións, instalacións ou obras.

4.–Tendo en conta a obra realizada e o seu custo real e efectivo, o Concello, previa comprobación, poderá modificar a base impoñible a que se refiren os apartados anteriores, facendo a correspondente liquidación definitiva, e esixindo ou reintegrando ao suxeito pasivo a cantidade que resulte.

Para estes efectos, e no caso de que se modificara o proxecto inicial das construcións, instalacións ou obras e se incrementara o presuposto, unha vez aceptada a modificación pola Administración municipal os suxeitos pasivos están obrigados a facer o ingreso da liquidación complementaria pola diferenza entre o presuposto inicial e o modificado con suxeición a prazos, requisitos e efectos indicados nos apartados anteriores.

5.–No caso de que non se executen as construcións, instalacións ou obras, o interesado terá dereito á devolución do ingresado, unha vez que formule renuncia expresa á licenza ou caducara a licenza.

6.–Nos supostos de licenzas concedidas en virtude da aplicación das normas sobre silencio administrativo, o pagamento do imposto deberá realizarse antes de dar comezo as obras.

Artigo 10.º.–Infraccións e sancións.

Para todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias e a imposición das sancións correspondentes, rexerá o disposto nos artigos 178 e seguintes da Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral tributaria.

Disposición derradeira

A presente modificación da ordenanza fiscal foi aprobada polo pleno da corporación o día sete de marzo de 2018. Entrará en vigor no día da súa publicación no BOP e comezará a aplicarse a partir do día seguinte ao da mencionada publicación, continuando vixente en canto non se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.