Corcubión - REGULAMENTO DO SERVIZO ¿CORCUBIÓN CONCILIA¿

Publicación provisional: 04/06/2020 BOP Nº: 80
Publicación definitiva: 20/08/2020 BOP Nº: 134
Aplicable dende: 11/09/2020

CAPÍTULO I. NORMAS COMÚNS

Artigo 1.- Obxecto

O presente regulamento ten por obxecto establecer as normas de organización e funcionamento do servizo de conciliación laboral, familiar e persoal ¿CORCUBIÓN CONCILIA" do concello de Corcubión, formado pola actividade de Servizo de Madrugadores e pola actividade Tempo de Lecer.

Ademais do previsto neste Regulamento será de aplicación a Ordenanza Municipal reguladora do prezo público deste Servizo, así como as restantes normas de réxime local e autonómicas de aplicación.

Para outros servizos da mesma índole que se poidan prestar esta norma será de aplicación por analoxía mentres non se desenvolva unha regulación propia.

Artigo 2.- Ámbito de aplicación

O ámbito de aplicación territorial do presente regulamento é o Concello de Corcubión.

O Servizo está dirixido ás familias de Corcubión con fillos escolarizados no 2º ciclo de Educación Infantil e Primaria, así como aquelas familias que sen estar censadas en Corcubión, os/as súas fillos/as formen parte do alumnado do CEIP Praia de Quenxe de Corcubión.

Artigo 3.- Concepto

O programa de conciliación da vida laboral, familiar e persoal do Concello de Corcubión ten como obxectivo facilitar que as familias poidan harmonizar a súa vida laboral, familiar e persoal co coidado de fillos e fillas menores, mediante unha alternativa educativa e de ocio que conta cun proxecto educativo que ten como obxectivos:

.- fomentar nos e nas menores participantes á adquisición de hábitos sociais que favorezan a solidariedade, o compañeirismo, a igualdade de xénero, o respecto pola diferenza e o traballo en equipa.

.- Desenvolver un modelo de intervención socio educativa baseado en temas transversais e contidos diversos que contribuirán a un enriquecemento da formación como persoas, adquirindo valores e actitudes que lles permitan intervir en sociedade de xeito positivo e consciente.

.- Valorar e gozar da actividade física e ao aire libre de cara ao seu benestar físico e mental e de coñecemento e respecto polo patrimonio material e inmaterial da Vila.

.- Realizar actividades lúdicas planificadas e estruturadas que sexan apetecibles e divertidas, xa que corresponden a horarios e épocas non lectivas.

Artigo 4. Educación na igualdade.

Coa fin de garantir a educación en igualdade e o respecto á diferenzas relativas a todos os ámbitos, as actividades de conciliación, dentro da súa dobre vertente de educación non formal e tempo libre, son un espazo privilexiado para establecer os alicerces sobre os que asentar comportamentos futuros relacionados coa igualdade entre as persoas. Esta visión transversal estará presente en toda a planificación, programación e desenvolvemento do proxecto e das actividades que o conforman.

Artigo 5. Diversidade.

Nas abordaxes directas, e tamén nas opinións, preguntas, e valoración de todo tipo de persoas, deberase ter en conta a diversidade de familias, de crenzas e de circunstancias persoais que existen na nosa sociedade, procurando realizar actividades inclusivas e potenciadoras do carácter positivo da diferenza. No caso de detectar circunstancias persoais que sexan causa dunha posible exclusión ou marxinación deberase activar un protocolo específico de abordaxe da situación.

Artigo 6.- O emprego de linguas

A lingua vehicular dos servizos de conciliación de Corcubión é o galego. En concordancia co establecido no Decreto 79/2010 do 20 de maio, coa finalidade de prover ouso da lingua galega, establecerase un programa regular de actividades de fomento da lingua galega nos servizos de conciliación. Establecerase un proxecto lingüístico que apoie o uso do galego no tempo libre e espazos lúdicos.

Artigo 7.- Fontes de financiamento.

Os servizos de conciliación contan contres fontes de financiamento:

a) Achegas directas do Concello.

b) Achegas procedentes de subvencións e/ou convenios con outras Administracións.

c) Prezos Públicos. Os prezos públicos que se terán que pagar serán os establecidos na ordenanza reguladora do prezo público pola utilización do servizo de conciliación de Corcubión ¿Corcubión Concilia".

CAPÍTULO II. DEREITOS E DEBERES

Artigo 8.- Dereitos dos/as usuarios/as

1. Acceso ás actividades sen discriminación por razón de nacionalidade, sexo, raza, relixión, ideoloxía ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

2. Á debida consideración no trato, á dignidade da persoa, tanto por parte do persoal do centro como das/dos demais usuarias/os.

3. Ao sixilo profesional relativo aos datos do seu historial sanitario e socio familiar.

4. A realizar saídas programadas ao exterior, sempre que conten con autorización escrita por parte das nais, pais ou representantes legais.

5. A seren informados de xeito comprensible das medidas adoptadas ao respecto deles candos lles afecte a súa educación

6. A recibir unha asistencia individualizada de contido educativo cara a súa integración socio familiar de acordo coas súas necesidades específicas, que teña como obxectivos prioritarios a súa protección, educación e formación.

7. A seren educadas/os para a comprensión, tolerancia e convivencia democrática, posibilitándolles que poidan facer uso das súas opción de forma libre e persoal.

Artigo 9.- Deberes

1.- Cumprir o presente regulamento e as demais disposicións legais vixentes que sexan de aplicación.

2.- Manter unha conduta inspirada na tolerancia, na colaboración e no mutuo respecto aos outros/as usuarios/as e ao persoal do Servizo.

3.- Informarse e cumprir os trámites, prazos e requisitos precisos para a utilización do Servizo.

4.- Estar ao día nos pagamentos dos Prezos Públicos establecido para o Servizo Corcubión Concilia.

CAPÍTULO III. MONITORES/AS

Artigo 10.- Requisitos e formación dos/as monitores/as

a.- Ser maior de idade

b.- Dispor da formación mínima: monitor de tempo libre.

c.- Tamén poderán acceder aquelas persoas que sen ter o título de monitor/a de tempo libre, teñan a titulación de maxisterio, psicoloxía, psicopedagoxía, educación social, Ciclo Superior de animación sociocultural, educación infantil ou calquera outro estudo relacionado coa educación.

d.- Posuír coñecementos de galego, oral e escrito para desenvolver todas as actividades propias do seu traballo en lingua galega.

e.- Dispor de carné de manipulador de alimentos.

f.- Dispor de formación en primeiros auxilios.

g.- Acreditar mediante certificado médico que non padece ningunha enfermidade física ou psíquica que entrañe perigo ou risco para os nenos/as e para as demais persoas.

h.- Posuír actitudes e aptitudes para o trato cos nenos e nenas, responsabilidade, saber traballar en equipo, tolerancia e respecto cara as persoas usuarias e compañeiras/os.

i.- Ter capacidade de traballo para responder á demanda do servizo.

k.- Dispoñer do Certificado acreditativo de non ter antecedentes de delitos de natureza sexual.

O número de monitores/as do Servizo Corcubión Concilia establecerase segundo a seguinte Ratio:

De 1/15, 1 monitor/a

De 16/30, 2 monitores/as

De 31/45, 3 monitores/as

De 46 a 65, 4 monitores/as

Artigo 11.- Requisitos solicitados á empresa

Cando o Servizo de Corcubión Concilia ou algunha das actividades que o conforman non se presten directamente polo Concello, as empresas licitadoras do procedemento de contratación do servizo deberá cumprir todos os requisitos que establezan nos pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescrición técnicas do concurso, e en todo caso:

a) acreditar a formalización dun seguro de responsabilidade civil nos termos que sinale o prego de cláusulas administrativas particulares do concurso para o servizo e estar ao día no seu pagamento.

b) Acreditar a formalización de contrato laboral a todos o seu persoal e a alta na Seguridade Social.

c) Acreditar que están ao día no pagamento á Seg. Social e á Facenda Pública.

d) Garantir que os/as seus monitores/as teñan a formación e os requisitos establecidos no artigo anterior.

e) Proporcionar a persoa coordinadora do Servizo un teléfono para a comunicación co Concello e cos pais/nais/titores dos/as menores usuarios/as.

Artigo 12.- Funcións dos/as monitores/as

Os/as monitores/as do servizo terán as seguintes funcións:

Levar a cabo o desenvolvemento do proxecto elaborado polo departamento de Servizos Sociais para o Servizo ¿Corcubión Concilia".

1.- Atender e custodiar as/os menores durante a duración do servizo.

2.- Resolver as incidencias cotiás de carácter menor que puideran presentarse durante ese tempo, e en caso de dúbidas solicitar as instrucións pertinentes á responsable municipal do servizo.

3.- Controlar diariamente as asistencias e ausencias dos nenos/as ao servizo.

4.- No servizo de Madrugadores/as, acompañar aos nenos/as, ao sitio común de encontro cos resto do alumnado para iniciar as clases formais.

5.- Administrar medicación en casos especiais e previa autorización e solicitude por escrito do seu pai/nai/titor/titora e coas oportunas instrucións por parte do Concello.

6.- Inculcarlles aos nenos/as a necesidade de respectar o horario, as normas de convivencia establecidas e as instalacións, o mobiliario e o material.

7.- Deixar recollido o espazo onde se desenvolve o servizo.

8.- Atender aos pais /nais e titores/as por teléfono ou persoalmente para cuestións estritamente técnicas relacionadas coa atención diaria dos/as menores. En todos os demais casos, deberán informar en todo momento á persoa do Concello responsable do programa.

8.- Facer entrega dos/as menores aos seus pais/nais ou persoas autorizadas.

9.- A empregar a lingua galega tal e como se recolle no artigo 6 do presente Regulamento, asi como a empregar unha linguaxe non sexista e inclusiva.

9.- Desenvolver aquelas funcións que se lles atribúan dende o Concello para o correcto funcionamento do servizo.

CAPÍTULO IV. ORGANIZACIÓN

CAPÍTULO IV. ORGANIZACIÓN

Artigo 13.- Tipos de usuarias/os

Terán prioridade para a utilización destes servizos, as familias empadroadas en Corcubión e/ou as familias do alumnado matriculado no CEIP Praia de Quenxe.

Artigo 14.- Lugar, desenvolvemento e horario do programa

O Servizo de conciliación de Madrugadores desenvolverase no CEIP Praia de Quenxe e o Servizo Tempo de Lecer no pavillón municipal ou en calquera outra instalación municipal que puidera utilizarse para este fin.

O Servizo de Madrugadores desenvolverase dende ás 07.45 horas até ás 9:15h durante todos os días do período lectivo do ensino infantil e de primaria nos CEIP Praia de Quenxe. Os usuarios e usuarias do programa deberán estar escolarizados neses centros.

O Servizo Tempo de Lecer desenvolverase os meses do 1 de xullo ao 31 de agosto, de 9.30 a 13.30 h, de luns a venres, agás festivos. Os usuarios e usuarias deberán estar censados no Concello de Corcubión e/ou formar parte do alumnado do CEIP Praia de Quenxe. De quedar prazas vacantes adxudicaránselle a outras/os menores que residan temporalmente, con familiares censados no Concello.

Os/as usuarios/as poderán escoller as seguintes frecuencias de utilización do servizo:

Tempo de Lecer:

- Mensual

- Quincena

S. de Madrugadores/as

- Mensual

- Quincena

- Días soltos.

Artigo 15.- Inscrición:

As convocatorias anuais, que establecerán un prazo de inscrición para cada unha das actividades, realizaranse por Resolución de Alcaldía.

Todas as presentadas fóra de praza irán a unha listaxe de agarda.

As solicitudes presentaranse no Rexistro Municipal de Entrada en instancia tipificada e facilitada para este fin, Anexo I, xunto coa que se achegará a seguinte documentación:

1.- DNI da persoa solicitante e libro de familia.

2.- Xustificante de pago do prezo público pola prestación deste Servizo.

3.- Vida laboral que acredita a ocupación laboral dos proxenitores.

4.- Informe médico indicativo de calquera circunstancia de necesidade e ou tratamento.

5.- Toda aquela outra esixible para o caso de que o dito Servizo recibise subvención da Secretaría Xeral de Igualdade ou outro organismo público que o requirise.

Na instancia tipificada de solicitude recolleranse ademais dos datos necesarios para tramitar a participación no programa ( datos de filiación, enderezo e teléfono para avisos, así como cantas circunstancias aconsellen unha atención diferenciada): autorización para tirar fotografías e utilización destas; indicación de persoas autorizadas para recoller a/o menor; indicación de enfermidades ou discapacidades específicas, en especial alerxias e/ou intolerancias; e documentación específica, se fose o caso, de retirada de garda ou custodia dalgún dos proxenitores.

O alumando de cada unha das actividades contará cun expediente persoal.

O arquivo destes datos estará suxeito á normativa de protección de datos.

Artigo 16.- Publicación da lista de admitidos/as e lista de agarda

Publicarase a lista de admitidos e excluídos no taboleiro de anuncios do concello e na web municipal www.corcubion.gal concedendo un prazo de 10 días para a presentación de reclamacións.

Unha vez publicada a lista definitiva e de ser o caso, publicarase tamén unha lista de agarda.

Artigo 17.- Número máximo de usuarios/as

No caso de que para cada convocatoria se estableza un número máximo de prazas, procederase da seguinte maneira:

Terán preferencia as unidades familiares onde todos os/as proxenitores/as xustifiquen debidamente a necesidade de conciliar no horario do Servizo.

De non haber prazas vacantes, todas as solicitudes presentadas fóra de praza, pasarán á lista de agarda que seguirá o mesmo criterio establecido no parágrafo anterior.

Será o Concello o que, por motivos de organización, dispoñibilidade orzamentaria o en función de posibles biaxas sobrevidas, determine o número de prazas dispoñibles para dar entrada a nenos e nenas da listaxe de agarda, seguindo estritamente a orde que figure na mesma.

Os casos de emerxencia social debidamente acreditados polos Servizos Sociais do Concello de Corcubión terán preferencia para entrar no programa.

Artigo 18. Baixas ou cambio de modalidade.

a) As persoas responsables das/os usuarias/os poderán solicitar a baixa no servizo no momento que non necesiten utilizalo, mediante escrito presentado no Rexistro Xeral do concello, no que se inclúan os datos identificativos do neno ou nena, e da persoas que asina a solicitude, así como a relación que os ou as une e data a partir da que o neno ou nena non fará uso do servizo. A baixa extinguira a obriga de pagamento segundo o recollido na correspondente ordenanza fiscal.

B) Os/as usuarios/as poderán variar a frecuencia de utilización do servizo, sempre que a organización do servizo o permita e o solicitan por escrito motivado. O concello poderá negarse no caso de que as solicitudes de cambios na utilización do servizo supoñan problemas para a organización do mesmo, ou orixine problemas de compatibilidade no uso do servizo por parte dos/as outros/as usuarios/as.

Artigo 19. Ausencias.

A ausencia esporádica ou continuada dun servizo non exime da obriga de pagamento e non dá dereito á devolución das cotas. Unha ausencia inxustificadas dun mes no Servizo de Madrugadores ou de cinco días hábiles no Tempo de Lecer producirá unha baixa automática no servizo. No caso dunha ausencia xustificada manterase a praza, coa obriga de seguir facendo o pagamento da cota integra que se viña pagando.

No caso de ausencias por causas médicas ou sobrevidas deberán acreditarse con certificación médica acreditativa.

Artigo 20. Entrega e recollida das e dos nenas e nenos.

A entrega e recollida deberán realizarse dentro das marxes da xornada de cada actividade. Os país e nais poden autorizar a calquera persoa maior de idade para recoller aos seus fillos e fillas, tal como se fixo na ficha de inscrición. Deberán dar os datos das persoas sinaladas, e no caso de querer cambiala poden facelo na propia actividade utilizando o impreso existente ao efecto. Se existirá algunha circunstancia de orde legal especial na relación de algún dos proxenitores co ou coa menor debe avisarse explicitamente. Do contrario calquera deles poderá recoller e autorizar recollidas do neno ou nena. Para abandonar a actividade de conciliación, os nenos e nenas da etapa de infantil terán que ser recollidos por unha persoa maior de idade autorizada. Os nenos e nenas de primaria poderán abandonar sós ou soas a actividade sempre e cando o autoricen expresamente os pais ou nais mediante escrito presentado no Rexistro Xeral do concello. O monitorado comunicarase co Concello naquelas situacións nas que habendo esta autorización, consideren que non é axeitado. Dende a concellería de igualdade falarase coas persoas responsables do neno ou nena. Excepcionalmente autorizarase a recollida de nenas ou nenos por persoas menores de dezaoito e maiores de dezaseis, debendo solicitarse mediante escrito presentado no Rexistro xeral do Concello. Nas actividades previas á entrada na xornada escolar, os nenos e nenas das actividades de conciliación serán trasladados aos espazos comúns onde se reunirán cos compañeiros e compañeiras para incorporarse as actividades educativas formais.

Artigo 21. Saídas.

As/os nenas/os poderán realizar as saídas incluídas na programación dos servizos de conciliación, previa autorización por escrito por parte das/dos nais/pais ou responsables legais. Estas saídas teñen por obxecto: a) Favorecer o establecemento de relacións sociais en espazos diversos. b) Observar e explorar á contorna. c) Coñecer algunhas manifestacións naturais e culturais do medio.

Artigo 22.- Pagamentos

As cotas polo Prezo Público correspondentes pola prestación deste Servizo, aplicaranse co previsto na Ordenanza Fiscal correspondente.

Artigo 23.- Dereito de admisión e potestade sancionadora.

O concello de Corcubión reservase para si o dereito de admisión e de exclusión temporal ou definitiva dos nenos e nenas cando:

a) se comporten reiteradamente de xeito incorrecto

b) os pais, nais ou responsables legais dos mesmos/as, non respecten este regulamento ou as normas básicas de convivencia.

O procedemento básico para unha exclusión debe incluír unha audiencia previa ás nais, pais ou responsables legais, e comunicáraselle por escrito do concello onde se concrete o tempo de exclusión e a causa. Os nenos e nenas que acudan aos servizos deberán ter adquiridos os hábitos de alimentación, manexo de utensilios e hixiene, propio de cada idade. No caso de non ser así as persoas encargadas do servizo traballarán conxuntamente con pais, nais ou responsables legais para que se produza unha adecuación das habilidades e a idade do neno ou nena.

Disposición final.

En cumprimento do disposto no artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o presente Regulamento entrará en vigor unha vez publicado o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da citada lei.