Abegondo - Regulamento de organización e funcionamento da escola infantil municipal Pasiños, do concello de Abegondo

Publicación provisional: BOP Nº:
Publicación definitiva: 02/11/2020 BOP Nº: 184
Aplicable dende: 24/11/2020

CAPÍTULO I: OBXECTO, ÁMBITO DE APLICACIÓN E DATOS DO CENTRO

ARTIGO 1º.-OBXECTO

O presente regulamento ten por obxecto establecer as normas de funcionamento e organización da Escola Infantil Municipal (EIM)¿Pasiños", así como o procedemento de adxudicación de prazas en materia de solicitudes de novo ingreso, renovación de prazas e cobertura de vacantes ao longo do curso na mesma escola, segundo a determinación da normativa autonómica vixente.

ARTIGO 2º .-ÁMBITO DE APLICACIÓN

Constitúe o ámbito de aplicación do presente regulamento a Escola Infantil Municipal (EIM) ¿ Pasiños" do Concello de Abegondo.

ARTIGO 3º.-DEFINICIÓN

A EIM PASIÑOS é un equipamento diurno e pretende acoller, coidar e educar a poboación de 0-3 anos. É un servizo público e ten un carácter social e de apoio ás familias que teñen que conciliar a vida laboral coa vida familiar.

ARTIGO 4.-DATOS IDENTIFICATIVOS

Enderezo.-Lugar de Ferrería, s/n. Mabegondo. 15318 Abegondo- A Coruña.

Capacidade total do centro: 61 prazas destinadas a menores de 0-3 anos

Atendendo ao interese público, o Concello de Abegondo poderá solicitar agrupamentos.

ARTIGO 5º.-CARACTERÍSTICAS DA ESCOLA INFANTIL

Na EIM PASIÑOS perséguese:

· Unha escola cun proxecto educativo para nenos e nenas entre os 0 e 3 anos, co fin de posibilitar o desenvolvemento integral e harmónico.

· Unha escola onde todo estea feito e pensado en función das necesidades de cada idade (espazos, tempos, materiais, número de educadores, número de nenas e nenos) e non organizada exclusivamente en función de intereses sociais e laborais dos adultos.

· Unha escola na que o/a neno/a sexa protagonista da súa propia educación, na que se respecte, se lle escoite e valore.

· Unha escola na que se aprenda xogando (porque o xogo é a única actividade gratificante en si mesma e que propicia aprendizaxe), experimentando, descubrindo, e que facilite aos nenos e nenas ser conscientes e reflexivos sobre a súa propia acción.

· Unha escola onde a familia sexa coprotagonista no proceso de educación dos seus fillos e fillas e colaboradora consciente, activa e imprescindible, a partir dun convencemento previo sobre a necesidade de levar a cabo un labor conxunto.

· Unha escola aberta e integrada na comunidade, onde a comunicación coa contorna forme parte do día a día.

· Unha escola plural e comprometida á que os nenos e nenas teñan acceso independentemente da súa situación física, psíquica, social e económica.

· Unha escola comprometida, sensible e potenciadora da cultura e linguas propias da contorna no que se desenvolve.

· Unha escola na que non se impoña ningún principio dogmático, potenciando os valores dunha sociedade democrática. Axudando para iso, os nenos e nenas, a coñecer as diferentes opcións e visións.

· Unha escola onde hai un equipo de profesionais da educación infantil en constante renovación que reflexionará, debaterá e estudará a raíz das experiencias, progresos e situacións que se lle presenten tomando así conxuntamente as decisións oportunas.

· Participar nas actividades promovidas polo Concello e outras entidades sociais relacionadas coa infancia.

Todo isto baixo unha liña metodolóxica clara na que se contemple as nenas e os nenos como os principais protagonista do proceso educativo e construtores da súa aprendizaxe, desenvolvidos a través do proxecto educativo da nosa escola infantil.

CAPÍTULO II: PROCEDEMENTO DE INGRESO, ADXUDICACIÓN DE PRAZAS E TARIFAS

ARTIGO 6º.-DESTINATARIOS

6.1.-Poderán acceder á praza na EIM todos os nenos e nenas con idades comprendidas entre 3 meses e 3 anos cando, o pai, a nai, o titor ou representante legal, así como o menor obxecto da solicitude, estean empadroados no termo municipal de Abegondo e manter empadroamento durante o curso escolar, tendo por esta circunstancia preferencia sobre o resto das solicitudes presentadas.

6.2.-Tamén poderán acceder aos servizos da escola infantil municipal os fillos e as fillas ou menores acollidos, das persoas que, estando empadroados noutro concello, teñen os seus postos de traballo regular neste termo municipal, o que deberán acreditar mediante certificado de empresa ou contrato de traballo, aínda que non serán obxecto de valoración, agás no caso de que resultasen prazas vacantes no suposto anterior.

6.3.-En último caso, poderán solicitar pais/nais ou representantes legais de menores de concellos limítrofes (tendo preferencia aqueles que non posúan escola infantil no seu concello de procedencia), aínda que non serán obxecto de valoración agás no caso de que resultasen prazas vacantes nos supostos 6.1 e 6.2.

 

ARTIGO 7º.-IDADES DE INGRESO E PERMANENCIA

A idade mínima de ingreso establécese en 3 meses, e a idade máxima de permanencia será os 3 anos, podendo permanecer na Escola Infantil aqueles nenos e nenas que non teñan cumpridos os 3 anos a 31 de decembro do ano no que se presenta a solicitude de ingreso e que pola súa idade, non poidan estar escolarizados en educación infantil nun centro ordinario.

Excepcionalmente, poderán eximirse do límite máximo de idade establecida a nenos/as con necesidades específicas de apoio educativo, podendo permanecer na Escola Infantil sempre e cando exista informe do centro educativo avalado polo Equipo de Valoración e Orientación da Consellería da Xunta de Galicia e co acordo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, correspondendo a autorización de admisión ao alcalde-presidente do Concello de Abegondo, ou concelleiro en quen delegue.

No momento do seu ingreso, a todo o alumnado da escola, abriráselle un expediente persoal no que constarán, con carácter confidencial datos sanitarios, enderezo e teléfono para avisos en casos de urxencia, así como cantas circunstancias aconsellen unha atención diferenciada.

ARTIGO 8º.- ADMISIÓN E INTEGRACIÓN DE NENOS E NENAS CON NECESIDADES DE APOIO EDUCATIVO

Poderán integrarse nenos ou nenas con necesidades de apoio educativo, sempre e cando se conte cos recursos materiais e humanos necesarios. En ningún caso poderá haber máis dun alumno ou alumna de integración por aula e a efecto de ratio, estas prazas contabilizaranse por dúas.

Neste casos requirirase un informe previo do Equipo de Valoración e Orientación da Consellería da Xunta de Galicia sobre o grao de discapacidade, e no caso de non dispor desta documentación será imprescindible un informe do servizo de atención especializada (Servizo de Atención Temperá) sobre a necesidade de integración e das condicións humanas e materiais que serían precisas para levala a cabo.

Os equipos de asistencia municipal poderán colaborar co persoal da Escola Infantil no referente ao seguimento e atención do/a menor durante a súa estancia na escola.

ARTIGO 9º.-SOLICITUDE DE NOVO INGRESO

9.1.-As solicitudes de novo ingreso formularanse no modelo oficial (Anexo I) e presentaranse no Rexistro Xeral do Concello ou nos lugares establecidos según o artigo 16 da Lei 39/2015 de 1 de outubro, de Procedemento Admininistrativo Común, tramitándose dende a Concellería de Asuntos Sociais e Saúde (área sociosanitaria), a través do departamento de Servizos Sociais, onde se facilitará a información e apoio necesario.

9.2.-O prazo de presentación de solicitudes de novo ingreso será convocado anualmente, e permanecerá aberto dende o 1 ao 31 de marzo, ambos os dous incluídos. Nos casos de forza maior ou causas imprevistas pódese modificar a prazo, respectando sempre a maior proximidade a esa data.

9.3.-Ao longo do curso igualmente poderanse admitir solicitudes ata o mes de marzo (último día do mes de febreiro), aínda que serán tidas en conta como fóra de prazo e ocuparán o lugar que lles corresponda na lista de agarda (se a houbese). Como excepción a esta consideración de fóra de prazo, estarían os casos dos nacementos, os de circunstancias sobrevidas e xustificadas (tales como cambio de domicilio, sempre que se produza na aula correspondente a nenos e nenas de 2-3 anos que non promocionen na EIM no novo curso). Nestes casos pasarían a ocupar unha praza de xeito inmediato no grupo correspondente se hai vacantes. De non ser o caso formarían parte da listaxe de agarda xunto coas solicitudes presentadas na convocatoria ordinaria.

9.4.-En caso de non existir listaxe de agarda de solicitudes presentadas en prazo dentro da convocatoria ordinaria, procederase á baremación das solicitudes que se presenten fóra de prazo nos seguintes termos:

· Dende o mes de setembro e ata finais do mes de febreiro, estableceranse períodos extraordinarios mensuais para a presentación de solicitudes de novo ingreso.

· O prazo de presentación para cada período será nas datas comprendidas entre o día 1 ao 25 de cada un destes meses para a súa baremación e admisión ou inclusión na lista de agarda no caso de superar o número de vacantes ofertadas. No caso de que estes días sexan inhábiles, estenderase o prazo ata o seguinte día hábil.

· A documentación para baremación terá que estar completa antes do día 25 de cada mes. En caso de non estar completa, a solicitude pasará a formar parte do seguinte período mensual extraordinario.

· A cobertura das prazas vacantes establecerase por rigoroso orde de puntuación segundo o Anexo Baremo establecido para tal efecto.

· As solicitudes presentadas e completas serán baremadas para a súa admisión e ingreso no mes seguinte ao da solicitude.

· Os menores para os que se solicita novo ingreso deberán ter cumpridos os tres meses na data de ingreso tendo en conta que a admisións realizarase no mes seguinte ao da presentación, admitíndose un mes antes a solicitude.

Publicarase na web do concello e o taboleiro de anuncios municipal as listas vacantes de cada mes e a apertura do período de solicitudes extraordinarias, así como a listaxe de solicitudes presentadas coa puntuación obtida no BAREMO e a proposta de Admisión e Lista de agarda, se fose o caso.

9.5.-Todas as demais solicitudes presentadas fóra de prazo ao longo do curso, distintas ás excepcións recollidas no parágrafo 9.3, poderán ser baremadas e admitidas sempre e cando sexan presentadas con anterioridade ao inicio da nova convocatoria de solicitude para o vindeiro curso.

ARTIGO 10º.-DOCUMENTACIÓN:

A documentación a presentar xunto coa solicitude de novo ingreso:

· Copia do libro de familia ou, no seu defecto, outro documento que acredite oficialmente a situación familiar.

· No caso de familias monoparentais, fotocopia de setenza de separación ou divorcio ou no seu defecto, documentación acreditativa desta situación.

· Fotocopia do título de familia numerosa, de ser o caso.

· Copia das 3 últimas nóminas e copia de nómina de paga extraordinaria

· Certificado de ingresos de rendemento de traballo.

· Se é o caso, certificado de empresa ou contrato laboral que xustifique o posto de traballo no concello de Abegondo.

· Certificado de discapacidade e/ou dependencia do neno ou nena para quen se solicita a praza, de ser o caso.

· No caso de nenos/as con discapacidade física, psíquica ou sensorial, deberase presentar informe do equipo de valoración no que se indique o grao de discapacidade, así como a súa necesidade de integración.

· Informe dos Servizos Sociais no suposto de que sexa necesario, por falta de acreditación documental ou pola situación especial da unidade familiar, de ser o caso

· Outros documentos nos que consten circunstancias familiares, económicas e sociais.

Comprobación de datos: Os documentos relacionados serán obxecto de consulta por parte do Concello. En caso de que as persoas solicitantes se opoñan a esta consulta, deberán aportar copia dos documentos:

· Empadroamento de toda a unidade familiar.

· Xustificantes de pensións da Seguridade Social (só no caso de non autorizar datos da seguridade social).

· Inscrición como demante de emprego e prestación por desemprego.

· Declaración do imposto da renda das persoas físicas (IRPF) do exercicio correspondente (só no caso de non autorizar aos datos tributarios e fiscais).

Unha vez comunicada a resolución de admisión, as familias disporán dun prazo de 10 días para formalizar a solicitude na escola infantil. Cubrirase o modelo de matrícula e pagarase o estipulado en concepto desta. Presentarase, xunto con esta documentación, certificado médico e acreditación do cumprimento do calendario de vacinación.

Se a solicitude non vai acompañada da documentación esixida que acredite debidamente a súa situación, requiriráselle á persoa interesada para que, nun prazo de 10 días contados a partir da recepción, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos con indicación de que, se así non o fixese, terase por desistido da súa petición, logo de resolución en tal sentido.

ARTIGO 11º.-RENOVACIÓN DE PRAZA:

11.1.-O prazo de renovación de praza establecerase do 1 ao 31 de marzo, salvo circunstancias imprevistas.

11.2.-As familias dos/das nenos/as xa matriculados que desexen renovar a praza deberán cubrir o modelo normalizado, no que se xustificarán documentalmente os ingresos económicos actualizados (segundo o artigo 10º.-Documentación), así como outros datos, susceptibles de baremación, que varíen sustancialmente a situación socio-familiar.

11.3.- Non poderán renovar praza aqueles que manteñan algunha mensualidade impagada.

ARTIGO 12º.-BAREMO DE ADMISIÓN:

12.1.-A selección das solicitudes efectuarase en función da puntuación segundo o baremo que determine en cada momento a Consellería correspondente da Xunta de Galicia, mediante o que se avaliará os factores sociofamiliares, laborais, e económicos da unidade familiar.

12.2.-Logo de contemplar as condicións establecidas no artigo 10 do presente regulamento, no caso de igualdade na puntuación do baremo, resolveranse tendo en conta en primeiro lugar a renda per cápita familiar, e en segundo a suma maior dos criterios socio-familiares, e, en último lugar, o número de orde de entrada no rexistro.

12.3.-Cando un solicitante empadroado no concello teña un irmán con praza renovada na EIM, será admitido/a automaticamente, sempre que haxa prazas vacantes no seu grupo. En caso contrario valorarase como solicitude de novo ingreso, segundo o recollido no artigo 9º do presente regulamento.

No caso de irmáns empadroados no Concello que fagan a matrícula para o mesmo curso, de darse o caso de que un obtivese praza e o outro non, automaticamente e independentemente da puntuación, daráselles praza aos dous.

ARTIGO 13º.-RELACIÓN PROVISIONAL DE ADMITIDOS E EXCLUÍDOS

A Comisión de Baremación, unha vez efectuada a valoración das solicitudes e a proposta de selección, fará pública a relación provisional de admitidos e lista de agarda coa puntuación obtida, no taboleiro de anuncios do Concello, sede electrónica. De non haber lista de agarda publicarase lista definitiva.

ARTIGO 14º.-RECLAMACIÓNS:

14.1.-As persoas que desexen presentar reclamación á relación provisional de admitidos e excluídos, disporán dun prazo de 10 días hábiles contados dende a data de publicación da lista provisional, conforme o artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común.

14.2.-As reclamacións serán resoltas polo alcalde do Concello de Abegondo ou concelleiro en quen delegue, logo do informe da Comisión de Baremación.

ARTIGO 15º.-RELACIÓN DEFINITIVA DE PERSOAS ADMITIDAS E LISTA DE AGARDA:

15.1.-Unha vez estudadas as reclamacións, publicarase a relación definitiva de persoas admitidas, así como a lista de agarda, coa puntuación obtida en cada caso.

15.2.-Os/as admitidos/as disporán dun prazo de 10 días para confirmar a súa praza mediante o pago da matrícula correspondente e o achegamento da seguinte documentación complementaria e actualizada:

· Certificado médico do neno ou nena.

· Documentación acreditativa da correcta vacinación.

· Datos para a domiciliación bancaria da cota pola servizo de escola infantil.

A non presentación desta documentación entenderase como a renuncia á praza, que se formalizará, presentando solicitude no Rexistro Municipal do Concello no prazo de 10 días dende a publicación da relación definitiva.

15.3- As vacantes que se poidan dar ao longo do curso serán cubertas por rigorosa orde de puntuación entre as persoas en lista de agarda (se a houbese). De non existir lista de agarda e ata o momento que se abra a convocatoria para o prazo de solicitude para o vindeiro curso (do 1 ao 31 de marzo) se houbese algunha solicitude, podería ser baremada para a cobertura desas vacantes.

ARTIGO 16º.-SOLICITUDES FÓRA DE PRAZO.

As solicitudes fóra de prazo de convocatoria, serán tramitadas e baremadas para a súa inclusión na lista de espera tendo en conta o explicitado no artigo 9º deste regulamento.

ARTIGO 17º.-BAIXAS:

Causarán baixa na Escola Infantil por algunha das causas seguintes:

1. Por cumprimento da idade máxima regulamentaria.

2. Pola solicitude dos seus pais ou representantes legais, que deberán presentar a solicitude de baixa no rexistro municipal.

3. Por impago de cota establecida durante dous meses consecutivos ou tres alternos.

4. Por comprobación de falsidade dos documentos presentados ou datos achegados.

5. Por falta de asistencia continuada durante un mes sen causa xustificada.

6. Por outras razóns que se puidesen dar, a proposta da dirección da escola Infantil e resolución da Comisión de Baremación.

ARTIGO 18º.-COMISIÓN DE BAREMACIÓN:

18.1.-A Comisión de Baremación será o órgano encargado de valorar as solicitudes recibidas e realizar unha lista de espera conforme o baremo que determine en cada momento a Consellería correspondente da Xunta de Galicia.

18.2.-Funcións da Comisión de Baremación:

· Valorar as solicitudes de praza conforme o baremo, e elaborar a correspondente lista de agarda.

· Efectuar a proposta inicial de selección e facer pública a relación provisional e definitiva de admitidos/as e excluídos/as, coa puntuación obtida.

· A comisión de Baremación reunirase para realizar a súa función de baremación das solicitudes recibidas e calquera outra das súas competencias, previa convocatoria por parte da Alcaldía-Presidencia.

· Os acordos tomaranse por maioría simple, no caso de empate, resolverá o presidente.

· Para a cobertura de vacantes e novas solicitudes ao longo do curso non será necesaria a convocatoria da Comisión de Baremación, sendo o presidente quen resolva logo do informe correspondente.

ARTIGO 19º.-TARIFAS:

As tarifas resultantes serán as establecidas e aprobadas mediante a Ordenanza fiscal reguladora da ¿Taxa polo Servizo de Escola Infantil Municipal (EIM)."

CAPÍTULO III: CALENDARIO E HORARIOS DA EIM

ARTIGO 20º.-CALENDARIO E HORARIOS:

 20.1.- Calendario:

A Escola Infantil funcionará dende o 1 de setembro ao 31 de xullo. O curso comezará para os/as nenos/as o cuarto día lectivo do mes de setembro, sendo os tres anteriores de traballo e planificación do persoal da Escola, e realizándose a primeira xuntanza xeral coas familias.

O servizo préstase diariamente, cinco días á semana durante todo o ano, agás os días sinalados como festivos no calendario laboral, o luns de Entroido, luns de Pascua, o Día do Ensino, dous días en Nadal que se determinarán cada curso así como, o 24 e 31 de decembro.

No mes de agosto, e sempre e que se determinarán non exista demanda de servizo por parte dunha maioría dos usuarios, o centro permanecerá pechado. No caso de que se considerara a apertura da escola neste mes, terase en conta como requisito imprescindible, que os nenos/as desfrutasen ao longo do curso do mes de vacacións, período que estas familias demandantes deberán ter proposto á escola no momento do inicio do curso.

20.2.- Horario do centro:

O horario do centro será de 7:45 horas a 19:00 horas en horario ininterrompido.

20.3.-Horario de permanencia do menores no centro:

O horario máximo de permanencia dos nenos/as na Escola Infantil Municipal será con carácter xeral de 8 horas diarias, agás causas excepcionais e convenientemente xustificadas e autorizadas polo alcalde do Concello de Abegondo logo dos informes pertinentes. En todo caso o aumento de horas suporá o cobro destas segundo o estipulado no Decreto de prezos da Xunta de Galicia.

20.4.-O horario de entrada-saída dos/as nenos/as será flexible, adaptándose ás necesidades das familias, sempre que non leve consigo alteración das actividades dos demais nenos/as e do normal funcionamento do centro. Unha vez acordados os horarios de entrada e saída dos/das nenos/as, as familias deberán respectalos. En caso de incumprimento inxustificado e reiterado, a dirección do centro adoptará as medidas oportunas poñéndoo en coñecemento do Concello nos casos que así o requiran.

As nais e pais respectarán o horario establecido e os cambios posibles deberán ser comunicados á Dirección da escola, que terá a obriga de responder sobre a posibilidade ou non destes.

A xornada dun neno/a poderá ser: xornada continuada das 8 horas máximas, xornada só de mañá, xornada só de tarde ou xornada partida empregando ou non as 8 horas máximas. Para establecer as horas de entrada e recollida en cada unha destas opcións sempre se terán en conta os distintos momentos da dinámica diaria para non entorpecer o bo funcionamento da Escola.

20.5.-Recollida/entrega dos/das nenos/as

Só poderán recoller os/as nenos/as as persoas autorizadas polos pais, nais ou titoras ou titores legais. O persoal da escola está obrigado a solicitar o DNI da persoa que veña recoller o menor no caso de non coñecela e comprobar se está na listaxe de autorizadas e autorizados. De non producirse a acreditación, o menor non poderá ser entregado, procedéndose ao contacto coa nai, pai, titora ou titor legal.

De non poder recoller as nenas ou nenos ningunha das persoas autorizadas, as familias avisarán telefonicamente á escola cos datos de quen a/o recollerá enviándoos, ademais ao correo da escola , para que quede constancia por escrito desta situación. De non ser así o personal do centro non poderá entregar o/a neno/a.

As familias en situación de divorcio, separación ou calquera outra que o precise, están obrigadas a comunicar e documentar calquera circunstancia xudicial con respecto da custodia do/a nena/o.

Nestes casos deixarán aclarado e por escrito, como afectarán estas circunstancias ás autorizacións de persoas para recoller o/a neno/a.

20.6.-Os horarios da dinámica diaria terán a natural flexibilidade que esixen as características psicopedagóxicas dos/das nenos/as destas idades, así como os ritmos e condicións axeitados para cubrir as súas necesidades básicas.

Con tal motivo contemplaranse, entre outros, aspectos como:

· As actividades e propostas que se fagan na xornada terán en conta criterios como o tempo de capacidade de atención.

· O comedor farase en dúas quendas (que suporán tamén dous horarios diferenciados para entrar no dormitorio), xa que o alumnado de menor idade precisará de cubrir estas necesidades máis cedo que outros/as maiores.

20.7.- Horario extraordinario de período de adaptación.

O ingreso por primeira vez na Escola Infantil supón para o/a neno/a a saída da contorna familiar donde ocupa un lugar determinado, nun espazo seguro e protexido, para entrar nun lugar descoñecido, Isto supón ter que superar un conflicto básico: a separación mutua, neno/a - familia. Esta primeira separación precisará dun tempo de adaptación e o xeito en que sexa superado vai ser transcendental na futura vida do neno/a na escola.

Esta é unha realidade que se dará a coñecer ás familias desde o primeiro momento no que se interesan en coñecer o funcionamento da Escola Infantil e deciden presentar a solicitude de praza para o seu fillo/a, xa que este proceso supón unha serie de medidas de obrigado cumprimento que deben coñecer pois a súa colaboración e influencia neste proceso é fundamental e imprescindible.

A incorporación dos nenos á escola será progresiva. Así, durante a primeira semana todos os/as nenos/as da E.I. (tanto os/as de novo ingreso como os/as de renovación de plaza virán á escola só durante unha hora ao día e acompañados/as da nai, pai ou calquera outro adulto próxima e con apego.

O horario no que asistirá cada neno/a será comunicado desde a dirección da Escola no mes de agosto e comentado na xuntanza xeral que se realiza ao inicio do curso por se houbese por parte das familias algún impedimento para cumprir coa proposta feita e así poder pactar outras alternativas.

Logo desta primeira semana, aínda que a escola estará aberta no seu horario completo (7:45 a 19:00h.) os/as nenos/as de nova incorporación seguirán vindo cun acompañante e permanecerán un tempo diario limitado que se acordará coas familias (atendendo á evolución de cada neno/a e das necesidades da propia familia), e que irá aumentando co paso dos días, ata o momento en que o neno/a acepte a separación con tranquilidade e xa sexa capaz de enfrontarse a unha xornada completa.

Os/as alumnos/as ¿veteranos/as" xa poderán facer a xornada escolar que teñan solicitada ao completo, incluíndos os servizos de comedor, sesta e merenda.

O proceso de adaptación coas súas características específicas en canto a asistencia e horarios dos/das nenos/as se refire, levarase a cabo en todas as novas incorporacións indistintamente do momento do curso no que se produzan.

CAPÍTULO IV: NORMAS DE SAÚDE, HIXIENE E NUTRICIÓN

ARTIGO 21º.-NORMAS DE SAÚDE, HIXIENE E NUTRICIÓN

21.1.-Todos os nenos e nenas que accedan á Escola terán que presentar un certificado médico conforme se atopan en condicións correctas de saúde, hixiene e vacinación.

21.2.-Non se permitirá a asistencia ao centro, aos nenos/as que padezan enfermidades infecto-contaxiosas. No caso de aparición destas enfermidades os pais, titores ou representantes legais están na obriga de comunicalo á dirección do centro.

21.3.-Se é no centro onde se observan os síntomas dun proceso infecto -contaxioso, dende a dirección do centro contactarase inmediatamente coas familias para que veñan recoller ao neno/a coa maior brevidade posible e así tentar evitar a propagación da enfermidade entre os demáis.

21.4.-O reingreso no centro só será posible logo de transcorrido o período de contaxio e tras o informe médico que acredite tal cicunstancia, no caso dos procesos máis complicados.

21.5.-No caso de que ocorrese algún accidente no centro, este conta cun seguro polo cal, logo de informar inmediatamente e previo ao traslado á familia, todos os/as nenos/as serán atendidos no Hospital de A Coruña en caso de ser preciso. Se non fose necesario acudir ao hospital, e logo de avisar de xeito inmediato a familia, o neno/a será atendido no propio centro ou no centro de saúde da zona.

21.6.- A escola non administrará ningún tipo de medicación. No caso de tratamentos diarios prolongados a familia tentará axustar os horarios de administración para que non coincida en xornada escolar. De non ser posible a familia entregaría unha declaración responsable co compromiso de buscar unha solución a esta situación.

21.7.- O Concello de Abegondo prestará o servizo de comedor a través de cátering, cobrando ás familias o establecido na taxa polo servizo de comedor na escola infantil municipal. Este servizo será empregado por todos os nenos e nenas da escola que precisen quedar a comer dentro do seu horario, agás o grupo de 0-1 ano que durante todo o curso traerán a comida das súas casas pois cada un del/delas atoparase nun momento evolutivo distintos ou incluso poden presentar algún tipo de circunstancia especial en canto á incorporación de alimentos.

A empresa concesionaria do cátering entregará un menú mensual á escola e a dirección da escola será a que se encargue de facerlles chegar ás familias. Este menú presentarase en formato triturado e sólido segundo a idade dos/das usuarios/as.

21.8.-Desde a escola terase un especial coidado en atender neno/as con circunstancias especiais en relación á súa alimentación. As nais, pais ou representantes legais deberán presentar ante a dirección, o informe pediátrico correspondente naqueles casos nos que se deba prestar unha especial atención ao tipo de alimentos que o/a neno/a pode ou non consumir.

A dirección da Escola será a encargada de poñelo en coñecemento do resto do persoal do centro e da empresa de cátering, facéndolle chegar unha copia do informe médico para unha elaboración personalizada e axustada dos menús.

CAPÍTULO V: RELACIÓNS FAMILIA/ESCOLA

ARTIGO 22º.- RELACIÓNS FAMILIA /ESCOLA

Dende a escola fomentarase a relación coas familias buscando:

· A trasmisión mutua de información sobre os/as nenos/as.

· Compartir pareceres sobre incidentes, preocupacións, actividades, etc

· A colaboración e participación no día a día do centro.

Un dos momentos máis importantes desta colaboración familia-escola é o da adaptación, pois estos primeiros días de Escola poden condicionar positiva ou negativamente a posterior marcha na escola dos/das nenos/as, por isto resulta imprescindible a preparación conxunta deste momento. As familias serán informadas deste proceso no momento de formalizar a matrícula pola dirección do Centro.

Sempre se solicitará participación e colaboración familiar nas diferentes festas que se celebrarán ao longo do curso, tendo esta colaboración carácter voluntario na maioría delas e outras imprescindible para a súa realización.

Co fin de garantir esta necesaria cooperación familia-escola realizaramse durante o curso xuntanzas xerais de carácter informativo para todas as familias do centro, e titorías individuais para falar da evolución integral de cada neno/a (que se complementan coa entrega dos informes trimestrais). As datas e horarios destes encontros serán establecidas e comunicadas dende a Dirección do centro.

Ademais do día a día empregaranse distintas canles de transmisión da información: circulares, xerais ou individuais a través da aplicación móvil TOKAPP, recuncho de pais e nais, diario de rexistro das actividades do día e calquera outro.

A escola dispón dun libro de reclamacións a disposición de todas as persoas usuarias.

CAPÍTULO VI: DEREITOS E DEBERES

ARTIGO 23º. DEREITOS DAS PERSOAS USUARIAS

Enténdese por usuarios/as os/as nenos/as matriculadas na escola e aos seus pais, nais ou titores.

As persoas usuarias terán os seguintes dereitos:

· Acceso á escola e a recibir información, sen discriminación por razón de nacionalidade, sexo, raza, relixión, ideoloxía ou calquera outra condición ou circunstancia personal ou social.

· Á consideración no trato, tanto por parte do persoal da escola como dos demais usuarios e usuarias.

· Ao sixilo profesional sobre os datos do seu historial educativo, sanitario e socio familiar.

· As nenas e nenos teñen dereito a realizar saídas ao exterior co acompañamento dalgún adulto responsable da escola e sempre con autorización escrita por parte dos seus pais/nais ou representantes legais.

· Ao respecto da súa intimidade persoal.

· A terer unha atención individualizada acorde coas súas necesidades específicas.

· A que se lle facilite o acceso á atención social, sanitaria, educativa, cultural e, en xeral a todas as necesidades persoais que sexan precisas para acadar o seu desenvolvemento integral.

· A recibir educación e ser tratados/as na tolerancia, a igualdade e a convivencia democrática, posibilitándolles que poidan facer uso das súas opcións de xeito libre e persoal.

En particular, os pais, nais e /ou titores terán dereito a:

· Deixar de utilizar os servizos ou abandonar a escola por vontade propia.

· Asociarse, constituíndo a ANPA para colaborar co centro en todo canto supoña unha mellora na prestación do servizo e poder defender os dereitos das familias usuarias en relación a este.

· Ter información de xeito comprensible das medidas adoptadas respecto dos/as menores e a pedir explicacións de canto afecte á súa propia educación.

· Participar nas actividades abertas ás familias, previamente planificadas polo personal docente.

ARTIGO 24º- OBRIGAS DAS FAMILIAS OU REPRESENTANTES LEGAIS

Son obrigas das familias ou representantes legais dos/das nenos/as:

· Cumprir as normas recollidas no presente regulamento.

· Manter e observar unha conduta inspirada no mutuo respecto, tolerancia e colaboración, encamiñada a facilitar unha mellor convivencia.

· Participar na vida da escola, de acordo co disposto neste regulamento.

· Responsabilizarse daquelas situacións nas que por motivos de saúde ou malestar sexa conveniente que o/a alumno/a non asista ou abandone a escola.

ARTIGO 25º- OBRIGAS DO PERSOAL

Son obrigas do personal da escola infantil:

· Cumprir e facer cumprir de acordo coas súas funcións o presente regulamento.

· Velar polo respecto aos dereitos das/dos nenas/os da escola

· Gardar estrita confidencialidade sobre os datos persoais, dos e das menores e das súas familias, aos que teñan acceso en razón das súas funcións.

· Cumprir as tarefas e responsabilidades derivadas do seu posto de traballo.

ARTIGO 26º. DEREITOS DO PERSOAL

Son dereitos do persoal da escola infantil:

· Recibir regularmente información da marcha e do funcionamento da escola, a través da dirección desta.

· Presentar propostas que contribúan a mellorar o funcionamento da escola e a atención prestada ós menores.

· No caso do persoal educativo, desenvolver as súas funcións educativas segundo o seu criterio persoal, sempre que se axusten ao proxecto educativo e á proposta pedagóxica da escola.

CAPITULO VII.-ESTRUCTURA ORGÁNICA

ARTIGO 27º: ESTRUCTURA ORGANIZATIVA

A escola infantil dispón da seguinte estrutura organizativa:

1. Dirección.

2. Equipo técnico de atención directa aos nenos/as

3. Persoal de servizos.

ARTIGO 28º: FUNCIÓNS DO/A DIRECTOR/A DA EIM.

Son funcións da dirección da escola infantil:

· Ostentar a representación do centro.

· Convocar e presidir os órganos e os actos académicos.

· Dirixir e coordinar todas as actividades do centro.

· Exercer a dirección pedagóxica, promover a innovación educativa e impulsar plans para a consecución dos obxectivos do proxecto educativo.

· Garantir o cumprimento das leis e demais disposicións vixentes.

· Exercer a xefatura de todo o persoal do centro.

· Favorecer a convivencia e promover procedementos para a resolución de conflitos e de mediación.

· Impulsar a colaboración coas familias.

· Impulsar avaliacións internas do centro e colaborar coas externas.

· Exercer a garda das/dos menores usuarias/os da escola acorde co previsto na lexislación vixente.

· Realizar contratacións de servizos e subministracións e autorizar os gastos, dentro dos límites da normativa vixente.

ARTIGO 29º: EQUIPO TÉCNICO

O equipo técnico constitúese como un grupo de traballo a través do cal o persoal de atención directa a nenos/as participa do proxecto integral do centro. Este equipo está integrado polo/a director/a, que actuará como coordinador/a, e polo persoal de atención directa a nenos/as.

Son competencias propias do equipo técnico:

· Elaborar o proxecto educativo e a proposta pedagóxica do centro, e proceder á súa modificación en caso necesario.

· Fixar os criterios para o seguimento e avaliación destes documentos.

· Establecer criterios xerais aos que deben adaptarse as programacións de cada un dos grupos de idade.

· Realizar os labores educativos contempladas na lexislación vixente para o ciclo educativo, que atinxen ao desenvolvemento das nenas e nenos, preparación e desenvolvemento de propostas pedagóxicas, información ás familias, hixiene, alimentación e sono das nenas e neno, organización e limpeza de material pedagóxico, etc.

· Elaborar a memoria anual do centro.

· Deseñar actividades que esixan coordinación entre os distintos grupos de idade.

· Programar actividades coas nais e pais nais dos nenos/as.

· Propoñer propostas previas á elaboración do regulamento de réxime interior do centro.

A dirección da escola, sempre e cando a organización o permite e sempre tendo en conta a relación educador/a-neno/a, tratará de organizar ou compensar tempos ao equipo educativo a fin de que poida este ter tempos para planificación, reunións...

O persoal de atención directa a nenos/as será o que estando en posesión da titulación ou habilitación correspondente realice funcións que segundo a súa categoría profesional se establezan no correspondente convenio colectivo, así como as que lle encomende a dirección do centro.

Este persoal estará integrado por mestres/as especialistas en educación infantil, educadores infantís e técnicos/as superiores en educación infantil.

ARTIGO 30º: PERSOAL DE SERVIZOS XERAIS

O persoal de servizos xerais realizará as funcións que, segundo a súa categoría profesional ,se establezan no correspondente convenio colectivo así como as que lle encomende a Dirección do centro.

CAPÍTULO VIII.- ASOCIACIÓN DE PAIS E NAIS

ARTIGO 31º: ÓRGANO DE PARTICIPACIÓN DAS FAMILIAS

A asociación de pais e nais é concebida como un órgano de participación das familias na vida do centro.

ARTIGO 32º: FUNCIÓNS DA ASOCIACIÓN DE PAIS E NAIS

Sen prexuízo do que establezan os seus propios estatutos, a asociación promoverá os seguintes fins:

a) Defender os dereitos dos pais/nais, titores/as ou representantes legais no relativo á prestación de servizos os/as nenos/as.

b) Colaborar coa dirección e co persoal do centro para favorecer o desenvolvemento integral da poboación atendida en todo canto supoña unha mellora da calidade na prestación dos servizos.

Para o desempeño destes fins a dirección do centro prestará á asociación de pais e nais información relativa ao funcionamento do centro que precisen en calquera momento puntual.

 ARTIGO 33º: PARTICIPACIÓN DOS PAIS

Para garantir a axeitada participación dos pais serán de aplicación xeral as seguintes normas:

1. Ao comezo do curso, a dirección do centro informará os órganos de representación da asociación dos programas e actividades que se desenvolverán, da normativa establecida en relación co centro e cantos aspectos poidan resultar do seu interese.

2. No caso de discrepancias referentes a aspectos do funcionamento do centro, a asociación poderá dar traslado delas ao Concello.

CAPÍTULO IX: A LINGUAXE

ARTIGO 34º

En canto á lingua empregada na Escola, terase en conta os seguintes criterios.

- Á hora de comunicarse coas nenas e nenos, respectarase o seu idioma materno, ou polo menos, aquel que predomine na súa contorna familiar, pero sempre tentando que acaden as competencias lingüísticas nas dúas linguas oficiais.

- Lograr unha valoración positiva do uso da lingua propia.

- Potenciar a presencia da realidade galega a través da cultura, da lingua,do folclore...

Todo isto respectando a Lei de normalización lingüística, Plan xeral de normalización lingüística e demais lexislación vixente ao respecto.

CAPITULO X: COEDUCACIÓN. PROMOCIÓN DA IGUALDADE ENTRE AS NENAS E NENOS

Supón a coexistencia de actitudes e valores tradicionalmente considerados de homes e mulleres de tal forma que poidan ser aceptados e asumidos por persoas de calquera xénero.

Vai encamiñada ao desenvolvemento completo da personalidade sen barreiras de xénero, corrixindo o sexismo cultural e ideolóxico e a desigualdade social da muller.

Partindo da LOE: ¿Entre os fins da educación resáltanse o pleno desenvolvemento da personalidade e das capacidades afectivas do alumnado, a formación no respecto de dos dereitos e liberdades fundamentais e da igualdade efectiva de oportunidades entre homes e mulleres, o recoñecemento da diversidade afectivo-sexual, así como a valoración crítica das desigualdades, que permita superar os comportamentos sexistas. Asúmese así na súa integridade o contido do expresado na Lei Orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero".

E tamén tendo en conta a lexislación vixente en materia de igualdade entre homes e mulleres recollidas no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposición legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

1. A escola promoverá a igualdade como valor fundamental de convivencia entre os/as nenos/as. A promoción da igualdade estará no centro de todas as actividades que se desenvolvan na escola, e reflectirase non só nas actividades e material de traballo senón tamén nos comportamentos habituais das/dos educadoras/es.

2. O centro poñerá especial coidado en revisar aqueles materiais e ilustracións que se utilicen como instrumentos de traballo. Así mesmo vixiará que no uso da linguaxe se adopten expresións e formas non discriminatorias.

Ademais desde a escola prestarase atención especial ao fomento e respecto da interculturalidade, como instrumento de superación de desigualdades, inxustizas, prexuízos e racismo."

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

A modificación do regulamento non dispón a súa entrada en vigor, pero se debe ter en conta que o artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local establece que:

¿¿..Las ordenanzas, incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en la Ley 39/1988, de 28 de diciembre, Reguladora de las Haciendas Locales....." (desde el 10 de marzo de 2004 RDL 2/2004, de 5 de marzo). 

Artigo 65.2: ¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."