Abegondo - Regulamento de organización e funcionamento da escola infantil municipal Pasiños, do concello de Abegondo

Publicación provisional: 18/07/2006 BOP Nº: 164
Publicación definitiva: 22/09/2006 BOP Nº: 219
Aplicable dende: 31/12/2006

CAPÍTULO I: OBXECTO E ÁMBITO DE APLICACIÓN

ARTIGO 1.º.-OBXECTO.

O presente regulamento ten por obxecto establecer as normas de funcionamento e organización da Escola Infantil Municipal, así como o procedemento de adxudicación de prazas en materia de solicitudes de novo ingreso, renovación de prazas e cobertura de vacantes ó longo do curso na mesma escola, segundo a determinación da Lei 4/1993, do 14 de abril, de Servizos Sociais; Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de Centros de Servizos Sociais; Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, e demais normativa autonómica de aplicación.

ARTIGO 2.-ÁMBITO DE APLICACIÓN.

Constitúe o ámbito de aplicación do presente regulamento a Escola Infantil Municipal (EIM) "Pasiños" do Concello de Abegondo.

A Escola Infantil de Abegondo constitúe un servizo educativo municipal regulado e dirixido á poboación infantil municipal entre 1 a 3 anos. O Centro disporá de 29 prazas destinadas ó 1.º Ciclo de Educación Infantil non Obrigatoria (1-3 anos) e contará con 2 unidades distribuídas da seguinte maneira:

* Unha unidade de 1 a 2 anos: 13 prazas.

* Unha unidade de 2 a 3 anos: 16 prazas.

ARTIGO 3.º.-CARACTERÍSTICAS DA ESCOLA INFANTIL.

A Escola Infantil Municipal (EIM) "Pasiños" cumpre unha función social e educativa, proporcionando ós seus usuarios/as unha atención integral sen distinción de raza, sexo, condición social ou económica, a través dun proxecto global que se basa no dereito do neno/a á educación é ó desenvolvemento integral da súa persoalidade, nun ambiente axeitado ás súas necesidades e en contacto con outros nenos/as.

Asemade a EIM cooperará estreitamente cos pais, titores ou representantes legais co fin de facilitala conciliación da vida familiar e laboral e conseguila mellor integración entre o centro e as familias.

É un servizo especializado no que se conta cun equipamento técnico e material específico para atender á poboación infantil, de ámbito local, público de titulariedade do Concello de Abegondo e social pretendendo ser un apoio ás familias do concello que teñen que facer fronte o mercado de traballo coa dificultade engadida de estar ó coidado de menores, priorizando aquelas que se encontran en situación de desvantaxe social.

CAPÍTULO II: PROCEDEMENTO DE INGRESO, ADXUDICACIÓN DE PRAZAS E TARIFAS

ARTIGO 4.º.-IDADES DE IGRESO E PERMANENCIA.

A idade mínima de ingreso establécese en 12 meses, salvo en casos excepcionais e xustificados e sempre que se den no centro as condicións idóneas e informe favorable dos Servizos Sociais do Concello que así o recomenden, podéndose admitir algún neno/a que aínda non os cumprira, sempre e cando os cumpra con anterioridade ó 1 de novembro.

A idade máxima de permanencia será os 3 anos, podendo permanecer na Escola Infantil aqueles nenos e nenas que non teñan cumpridos os 3 anos a 31 de decembro do ano no que se presenta a solicitude de ingreso e que pola súa idade, non poidan estar escolarizados en Educación Infantil nun Centro Ordinario.

Excepcionalmente, aqueles menores que superen a idade máxima establecida, poderán permanecer na Escola Infantil, sempre e cando exista informe do Centro Educativo no que debería estar escolarizado que así o recomende e que xustifique a non escolarización, xunto con informe favorable dos Servizos Sociais do Concello e da Dirección do Centro.

ARTIGO 5.º.- INTEGRACIÓN DE NENOS/AS CON MINUSVALÍA.

Poderán integrarse nenos/as con necesidades educativas especiais, sempre e cando se conte cos recursos materiais e humanos necesarios. En ningún caso poderá haber máis dun alumno/a de integración por aula e a efecto de ratio, estas prazas contabilizaranse por dúas.

Neste casos requirirase un informe previo do Equipo de Valoración e Orientación da Consellería da Xunta de Galicia sobre o grao de discapacidade, e no caso de non dispor desta documentación será imprescindible un informe do servizo de atención especializada (Servizo de Atención Temprerá sobre a necesidade de integración e das condicións humanas e materiais que serían precisas para levala a cabo.

Os Equipos de Asistencia Municipal poderán colaborar co persoal da Escola Infantil no referente o seguemento e atención do menor durante a súa estancia na Escola.

ARTIGO 6.º.-DESTINATARIOS.

6.1.-Poderán acceder á praza na EIM tódlos nenos/as con idades comprendidas entre 1 e 3 anos cando, o Pai, a nai, o titor ou representante legal así como o menor obxecto da solicitude, estean empadroados no termo municipal de Abegondo, ó que deberán acreditar mediante certificado de empadroamento da unidade familiar e manter dito empadroamento durante o curso escolar, tendo por esta circunstancia preferencia sobre o resto das solicitudes presentadas.

6.2.-Tamén poderán acceder ós servizos da escola infantil municipal os fillos/as ou menores acollidos, das persoas que, estando empadroados noutro concello, teñen os seus postos de traballo regular neste termo municipal, o que deberán acreditar mediante certificado de empresa ou contrato de traballo, aínda que non serán obxecto de valoración, agás no caso de que resultasen prazas vacantes no suposto anterior.

6.3.-En último caso, poderán solicitar pais/nais ou representantes legais de menores de concellos limítrofes (tendo preferencia aqueles que non posuan escola infantil no seu concello de procedencia), aínda que non serán obxecto de valoración agás no caso de que resultarsen prazas vacantes nos supostos 1 e 2 do artigo anteriormente mencionado.

ARTIGO 7.º.-SOLICITUDE DE NOVO INGRESO.

7.1.-As solicitudes de novo ingreso formularanse no modelo oficial (anexo I) e presentaranse no Rexistro Xeral do Concello, tramitándose dende a Concellería de Sanidade, Servizos Sociais, e Asociacionismo, a través do departamento de Servizos Sociais, onde se facilitará a información e apoio necesario.

7.2.-O Prazo de presentación de solicitudes de novo ingreso será convocado anualmente.

7.3.-Aquelas solicitudes de nenos/as menores de 12 meses a 30 de setembro, serán tidas en conta e valoradas, sempre e cando os cumpran con anterioridade ó 1 de novembro, de non ser así pasarán a formar parte da lista de espera.

ARTIGO 8.º.-DOCUMENTACIÓN.

A documentación que deberá acompañar á solicitude de novo ingreso será a seguinte en cada caso:

* Certificado de Empadroamento.

* Fotocopia do D.N.I. dos pais.

* Fotocopia do libro de familia.

* Fotocopia da tarxeta sanitaria do menor.

* Se é o caso, Certificado de empresa ou contrato laboral que xustifique o posto de traballo no concello de Abegondo.

* No caso de familias monoparentais, fotocopia de setencia de separación ou divorcio ou no seu defecto, documentación acreditativa desta situación.

* Fotocopia do título de familia numerosa, de selo caso.

* Xustificantes de ingresos:

* Declaración do I.R.P.F.-Atendendo ás seguintes situacións:

a)Persoas que presentaron declaración do imposto sobre a renda de persoas físicas: Copia da declaración do imposto sobre a renda de persoas físicas da unidade familiar.

b)Persoas non obrigadas a presentar a Declaración do Imposto sobre a renda de persoas físicas, que solicitaron devolución rápida (modelo 104): Copia da comunicación que lles enviou a Axencia Estatal da Administración Tributaria.

c)Persoas non obrigadas a presentar a Declaración do Imposto sobre a renda de persoas físicas e que non solicitaron devolución rápida: Certificación dos datos existentes na Administración.

* Fotocopia das 3 últimas nóminas e copia de nómina de paga extraordinaria. .

* Certificado de ingresos de rendemento de traballo.

* Xustificantes de Pensións da Seguridade Social.

* Certificación do INEM.

* No caso de nenos/as con minusvalía física, psíquica ou sensorial, deberase presentar informe do equipo de valoración no que se indique o grao de minusvalía, así como a súa necesidade de integración.

* Informe dos Servizos Sociais no suposto de que sexa necesario, por falta de acreditación documental ou pola situación especial na que vive a unidade familiar.

* Outros documentos nos que consten circunstancias familiares, económicas e sociais.

* Certificado médico do neno/a Cartilla de vacinación actualizado, a presentar no momento de formalización da matrícula.

Se a solicitude non vai acompañada da documentación esixida que acredite debidamente as súa situación, requirirase o interesado/a para que, nun prazo de dez días contados a partir da recepción, subsane a falta ou acompañe os documentos preceptivos con indicación de que, se así non o fixese., terase por desistido da súa petición, logo de Resolución en tal sentido.

ARTIGO 9.º.-RENOVACIÓN DE PRAZA.

9.1.-As familias dos nenos/as xa matriculados que desexen renovar a praza deberán cubrir o modelo normalizado (anexo II), no que se xustificarán documentalmente os ingresos económicos actualizados (segundo o artigo 8.-Documentación), así como outros datos, suscetibles de baremación, que varíen sustancialmente a situación socio-familiar.

9.2.- Non poderán renovar praza aqueles que manteñan algunha mensualidade impagada.

ARTIGO 10.º.-BAREMO DE ADMISIÓN.

10.1.-A selección das solicitudes efectuarase en función da puntuación segundo o baremo que determine en cada momento a Consellería correspondente da Xunta de Galicia, mediante o que se avaliará os factores sociofamiliares, laborais, e económicos da unidade familiar. anexo III.

10.2.-Tendo en conta o establecido no artigo 6.º do presente regulamento, no caso de igualdade na puntuación do baremo, terase en conta, en primeiro lugar a renda per cápita, e en segundo a suma maior dos criterios socio-familiares, e, en último lugar, o número de orden de entrada no rexistro.

10.3.-Cando un irmán/a do solicitante teña praza renovada, este/a será admitido/a automaticamente, sempre que, haxa prazas vacantes no seu grupo, e sempre e cando sexa unha solicitude dun/dunha neno/a empadroado/a no concello. En caso contrario valorarase como solicitude de novo ingreso, segundo o recollido no artigo 6.º do presente regulamento.

ARTIGO 11.º.-RELACIÓN PROVISIONAL DE ADMITIDOS E EXCLUÍDOS.

A Comisión de Baremación, unha vez efectuada a valoración das solicitudes e a proposta de selección, fará pública a relación provisiónal de admitidos e excluídos coa puntuación obtida, no taboleiro de anuncios do Concello.

ARTIGO 12.º.-RECLAMACIÓNS.

12.1.-Os solicitantes que desexen presentar reclamación á relación provisional de admitidos e excluídos, disporán dun prazo de dez días hábiles contados dende a data de publicación da lista provisional, conforme ó artigo 84 da Lei 30/1992, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común.

12.2.-As reclamacións serán resoltas polo Sr. Alcalde Presidente do Concello de Abegondo, previo informe da Comisión de Baremación.

ARTIGO 13.º.-RELACIÓN DEFINITIVA DE ADMITIDOS E LISTA DE ESPERA.

13.1.-Unha vez estudiadas as reclamacións, publicarase a relación definitiva de admitidos, así como a lista de espera, coa puntuación obtida en cada caso.

13.2.-Os admitidos disporán dun prazo de quince días para confirmala súa praza mediante o aboamento da matrícula correspondente e o achegamento da seguinte documentación complementaria e actualizada:

* Certificado médico do neno ou nena.

* Carné de vacinación actualizado.

* Impreso de domiciliación bancaria.

A non presentación desta documentación entenderase como a renuncia á praza, que se formalizará, presentando escrito no Rexistro Municipal do Concello no prazo de 15 días dende a publicación da relación definitiva.

13.3.-As vacantes que se vaian producindo ó longo do curso, serán cubertas por rigurosa orde de puntuación entre os solicitantes en lista de espera, ata o momento no que se abra o prazo de solicitude para o vindeiro curso.

ARTIGO 14.º.-SOLICITUDES FORA DE PRAZO.

As solicitudes fora de prazo de convocatoria, serán tramitadas e baremadas para a súa inclusión na lista de espera.

ARTIGO 15.º.-BAIXAS.

Causarán baixa na Escola Infantil por algunha das causas seguintes:

1.-Por cumprimento da idade máxima regulamentaria.

2.-Pola solicitude dos seus pais ou representantes legais.

3.-Por impago de cota establecida durante dous meses consecutivos ou tres alternos.

4.-Por comprobación de falsedade dos documentos presentados ou datos achegados.

5. Por falta de asistencia continuada durante un mes sen causa xustificada.

6.-Por outras razóns que se puideran dar, a proposta da dirección da Escola Infantil e resolución da Comisión de Baremación.

ARTIGO 16.º.-COMISIÓN DE BAREMACIÓN.

16.1.-A Comisión de Baremación será o órgano encargado de valoralas solicitudes recibidas e realizar unha lista de espera conforme ó baremo que determine en cada momento a Consellería correspondente da Xunta de Galicia.

16.2.-Composición da Comisión de Baremación:

*Presidente: O Alcalde ou persoa en quen delegue.

*Concelleiro de Sanidade e Servizos Sociais.

*Concelleiro de Cultura e Educación.

*Coordinadora de Sanidade e Servizos Sociais.

*Traballadora Social.

*Educadora Familiar.

*Directora da Escola Infantil.

*Secretario da Comisión de Baremación: Secretario/a do Concello ou funcionario en quen delegue.

16.3.-Funcións da Comisión de Baremación:

* Valoralas solicitudes de praza conforme ó baremo, e elaborala correspondente lista de espera.

* Efectuala proposta inicial de selección e facer pública a relación provisional e definitiva de admitidos/as e excluídos/as, coa puntuación obtida.

* A comisión de Baremación reunirase para realizala súa función de baremación das solicitudes recibidas e calquera outra das súas competencias, previa convocatoria por parte da Alcaldía-Presidencia.

* Os acordos tomaranse por maioría simple, no caso de empate resolverá o presidente.

ARTIGO 17.º.-TARIFAS.

17.1.-As tarifas resultantes serán as establecidas e aprobadas mediante a Ordenanza fiscal reguladora da "Tasa pola prestación do Servizo público de EIM."

17.2.-O pago das tarifas será mensual e deberanse abonar nos dez primeiros días de cada mes.

17.3.-Non se deberá abonar a tarifa que corresponda ó mes de Agosto no que o centro permaneza pechado por vacacións de verán. Si por calquer motivo o centro permanecese pechado un número superior a 15 días consecutivos, non se abonará a tarifa correspondente a este período.

A inasistencia do usuario durante un período determinado non supón reducción nin exención da cuota, mentres non se formalice a baixa correspondente. Non obstante, e con carácter excepcional, poderá eximirse do pagamento da tarifa a aqueles usuarios que por motivo de saúde non poidan asistir ó Centro durante o período superior a 45 días consecutivos. Neste caso a solicitude de exención de tarifa, durante o período que corresponda, xunto coa acreditación documental (certificado médico) da circunstancia que a motiva, deberá presentarse á Dirección do Centro.

17.4.-En ningún caso poderán as tarifas establecidas segundo a renda per cápita familiar, ser fraccionables en función do número de horas que o neno permaneza no centro.

17.5.-Para establecela tarifa mensual a abonar teránse en conta os ingresos da unidade familar entendida polos pais e os fillos menores de dezaoito anos ou fillos maiores de dezaoito anos, cunha minusvalía superior ó 33 por centro, establecéndose como renda per cápita mensual, o resultado de dividir polo número de persoas que compoñen a unidade familiar, o cociente resultante de dividir por doce a suma dos ingresos totais da unidade familiar.

No caso de familias monoparentais, e para efectos do cálculo da renda per cápita, incrementarase nun 0,8 o número de membros que compoñen a unidade familiar.

Para aquelas persoas obrigadas a presentar á Declaración do Imposto sobre a renda de persoas físicas, terán consideración de ingresos a suma da parte xeral maila parte específica da base impoñible previas á aplicación do mínimo persoal e familiar do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Aquelas persoas non obrigas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia, obteranse como resultado de aplicar ós datos existentes na Administración.

Primará, para o establecemento da tarifa mensual a abonar, a situación económica familiar actual, computándose como ingresos familiares o total devengado, que corresponderá os ingresos brutos mensual obtidos como rendemento de traballo, sempre e cando existan diferencias substanciais que conleven unha variación considerable na tarifa establecida.

Ó longo do curso poderase proceder á revisión da cota fixada inicialmente, sempre que se produzan e xustifiquen variacións nas circunstancias económicas e familiares que impliquen unha modificación substancial na súa capacidade económica. Soamente se terán en conta as variacións de ingresos que supoñan unha disminución ou incremento de mías dun 20% no cómputo anual ou mensual fronte os ingresos declarados na solicitude de praza.

17.6.-As solicitudes procedentes doutros Concellos, aínda no caso de que os xustificantes de ingresos económicos familiares resulten unha taxa exenta, deberán abonar a tarifa mensual correspondente o primeiro tramo de cota, como mínimo.

ARTIGO 18.º.-CALENDARIO E HORARIO.

18.1.- A Escola Infantil funcionará dende o 1 de setembro ó 31 de xullo, prestándose diariamente o servizo, cinco días á semana durante todo o ano, agás os días sinalados como festivos no calendario laboral, o luns de Entroido, Luns de Pascua, o Día do Ensino, dous días en Nadal a determinar cada curso, agás que as circunstancias dos demandantes do servizo obriguen a abrir os 12 meses do ano.

Asemade os días de Noite Boa e Fin de Ano a Escola funcionará media xornada.

18.2.-No mes de agosto, e sempre e cando non exista demanda de servizo por parte dos usuarios, o centro permanecerá pechado.

18.3.-O horario do centro será de 7:30 horas a 19:00 horas, en horario ininterrompido.

18.4.-O horario máximo de permanencia dos nenos/as na Escola Infantil Municipal será con carácter xeral de oito horas diarias, agás causas excepcionais e convenientemente xustificadas.

CAPÍTULO IV: NORMAS DE SAÚDE, HIXIENE E NUTRICIÓN

ARTIGO 19.º.-NORMAS DE SAÚDE, HIXIENE E NUTRICIÓN.

19.1.-Tódolos Nenos/as que accedan á Escola terán que presentar un certificado médico conforme se atopan en condicións correctas de saúde e hixiene.

19.2.-Non serán admitidos no centro nenos/as que padezan enfermidades infecto-contaxiosas. No caso de aparición destas enfermidades os pais, titores ou representantes legais están na obriga de comunicalo á dirección do centro.

19.3.-Si é no Centro donde se observan os síntomas dun proceso infecto -contaxioso, dende a dirección do centro contactarase inmediatamente coas familas para que veñan recoller ón neno/a na maior brevidade posible e así tentar evitala propagación da enfermidade entre os demáis nenos/as.

19.4.-O reingreso no centro só será posible logo de transcurrido o período de contaxio e tralo informe médico que acredite tal cicunstancia.

19.5.-No caso de que ocurrira algún accidente no centro, éste conta cun seguro polo cal tódolos nenos/as serán atendidos no Materno Infantil en caso de ser preciso. Se non fora necesario acudir ó hospital, e sempre logo de avisar inmediatamente á familia, o neno/a será atendido no propio centro oun no centro de saúde da zona.

19.6.-Se nalgún momento resulta inevitable a administración dalgún medicamento na Escola, deberase presentar a receita médica (actualizada á data do tratamento) na que constará o nome do neno/a, o nome do medicamento e a forma, dose, e perioricidade da administración. Ademáis dei+xarase no Centro unha autorización asinada polos pais, titores ou representantes legais tanto nestes casos coma noutros como pode ser a administración dun antipirético indicando o nome do medicamento, a dose e as horas de administración.

19.7.-A Escola conta cos medios persoais e materiais precisos para a adecuada distribución e consumo dos alimentos que poidan traer os propios usuarios, polo que os pais que así o desexen poderán traer á Escola o xantar e a merenda, que o persoal do centro se encargará de darlle ós nenos/as

CAPÍTULO V: RELACIÓNS FAMILIA/ESCOLA

ARTIGO 20.- RELACIÓNS FAMILIA /ESCOLA.

- Dende a Escola fomentarase a relación coas familias buscando:

* A trasmisiión mutua de información sobre os nenos/as.

* Compartir pareceres sobre incidentes, preocupacións, actividades, etc.

* O intercambio de criterios educativos.

* A colaboración e participación no día a día do centro.

- Un dos momentos máis importantes desta colaboración familia-Escola é o da Adaptación, pois estos primeiros días de Escola poden condicionar positiva ou negativamente a posterior marcha na escola dos nenos/as, por esto resulta imprescindible a preparación conxunta deste momento.

- Sempre se solicitará participación e colaboración familiar nas diferentes festas que se celebrarán ó longo do curso, tendo esta colaboración carácter voluntario na maioría delas e obrigatorio noutras.

- Co fin de garantir esta necesaria cooperación familia-Escola realizarase durante o curso:

Dúas xuntanzas xerais de carácter informativo e dúas titorias individuais para falar da evolución integral de cada neno/a.

- Ademáis do día a día empregaranse distintas canles de transmisión da información: circulares, xerais ou individuais, rincón de pais e nais, diario de rexistro das actividades do día

ARTIGO 21.- RELACIÓN ASOCIACIÓN DE PAIS DE ALUMNOS (APAS)/ESCOLA.

Dende a dirección da EIM fomentarase a constitución e funcionamento de asociación de nais e pais para promover:

- A defensa dos dereitos das familias no relativo á prestación de servizos ós nenos/as.

- Colaboración co centro en todo canto supoña unha mellora da calidade na prestación dos servizos.

Esta Asociación poderá reunirse no centro, previo aviso á dirección e sempre nun horario no que non se perturbe o desenvolvemento normal da actividade da Escola.

CAPÍTULO VI: A LINGUAXE.

A lingua empregada será a materna dominante entre os nenos/as que formen os grupos máis sempre traballando para que se adquira o coñecemento da nosa lingua oficial.