Negreira - Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola ocupación de terreos de uso público local con mercadorías, materiais de construcción, cascallos, valados, puntais, cabaletes, andamios e outras instalacións análogas.
Artigo 1.º.-Concepto.
O Concello de Negreira establece a taxa pola ocupación de terreos de uso público local con mercadorías, materiais de construción, cascallos, valados, puntais, cabaletes, estadas e outras instalacións análogas, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal e polo disposto nos artigos 20 a 27 do TRFL, no uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución, artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 abril, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19, 57 e artigo 20.3.g do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais (TRFL).
Artigo 2.º.-Feito impoñible.
O feito impoñible está constituído pola realización de calquera dos aproveitamentos de ocupación de terreos de uso público local con mercadorías, materiais de construción, cascallos, valados, puntais, cabaletes, estadas e outras instalacións análogas, tras o informe da Policía Local da situación inicial e da situación posterior á súa retirada.
Artigo 3.º.-Persoas obrigadas ao pagamento.
Son suxeitos pasivos da taxa en concepto de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas, así como as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria (LXT), a prol das que se outorguen as licenzas de ocupación con calquera dos elementos que considera esta ordenanza ou se beneficien do aproveitamento se se procedeu sen a oportuna autorización.
Artigo 4.º.-Contía.
A contía da taxa regulada nesta ordenanza fiscal farase efectiva conforme ás seguintes tarifas:
1. Pola ocupación diaria de terreo de uso público local con calquera dos elementos que considera esta ordenanza, calquera que sexa a súa finalidade: 0.20 euros/metro cadrado no núcleo urbano e 0.10 euros/metro cadrado no medio rural.
2. Pola ocupación mensual de terreo de uso público local con calquera dos elementos que considera esta ordenanza, calquera que sexa a súa finalidade: 1.20 euros/metro cadrados no núcleo urbano e 0.30 euros/metro cadrado no medio rural.
3. Pola ocupación anual de terreos de uso público local con calquera dos elementos que considera esta ordenanza, calquera que sexa a súa finalidade, 6.00 euros/metro cadrado no medio urbano e 1.00 euros/metro no medio rural;no momento de solicitar a correspondente licenza realizarase o rateo polo tempo que reste do ano natural.
De conformidade co provisto no artigo 24.5 Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, cando con ocasión dos aproveitamentos regulados nesta ordenanza fiscal se producisen danos no pavimento ou instalación da vía pública, as persoas titulares da licenza ou as obrigados ao pagamento virán suxeitos ao reintegro total dos gastos de reconstrución e reparación de tales danos ou reparar os danos causados, que serán, en todo caso, independentes dos dereitos liquidados polos aproveitamentos realizados. Se os danos fosen irreparables, a entidade será indemnizada en contía igual ao valor dos bens destruídos, ou ao importe do deterioro dos danados.
Artigo 5.º.-Período impositivo e devindicación.
Comezará o dereito a percibir a taxa:
Nas novas ocupacións de terreos de uso público: no momento de solicitar a correspondente licenza ou autorización.
Se se trata de aproveitamentos xa autorizados ou prorrogados que esixan unha devindicación periódica da taxa, a devindicación terá lugar o primeiro día do período prorrogado, que se corresponde:
Para o caso das ocupacións mensuais consignadas no artigo 4.2 desta ordenanza, co día 1 de cada mes, comprendendo o período impositivo o mes natural.
Para o caso das ocupacións anuais consignadas no artigo 4.3 desta ordenanza, o 1 de xaneiro de cada ano, comprendendo o período impositivo o ano natural, salvo nos supostos de cesamento na utilización privativa ou aproveitamento especial, en cuxo caso o período impositivo axustarase a esa circunstancia co conseguinte rateo da cota polo tempo efectivo da ocupación.
Cando se produza o aproveitamento especial sen solicitar concesión ou autorización, no momento do inicio do aproveitamento.
O pagamento da taxa realizarase:
Se se trata de novos aproveitamentos ou de duración determinada, mediante autoliquidación no momento da presentación da solicitude.
No caso de aproveitamento xa autorizado ou prorrogado, mediante autoliquidación, ingresarase a contía correspondente á tarifa correspondente a un período de prórroga idéntico ao inicialmente concedido, estará excluída de posibilidade de prórroga a ocupación diaria regulada no artigo 4.1 desta ordenanza, á que se lle aplicará a regra considerada para os supostos de aproveitamento especial sen autorización.
Artigo 6.º.-Normas de xestión.
As cantidades esixibles, de acordo coa tarifa, serán obxecto de autoliquidación por cada aproveitamento solicitado ou realizado, e serán irredutibles polos períodos naturais de tempo sinalados nos respectivos epígrafes.
As persoas interesadas na concesión de aproveitamentos regulados nesta ordenanza fiscal deberán solicitar previamente a correspondente licenza, na que se indicará a superficie para ocupar e o tempo de ocupación.
Unha vez autorizada a ocupación, entenderase prorrogada, por igual período ao inicialmente solicitado, mentres non se presente a declaración de baixa, excepto para os supostos de ocupación diaria.
A presentación de baixa producirá efectos a partir do día primeiro do período natural de tempo seguinte sinalado na tarifa que corresponda.
Artigo 7.º.-Infraccións e sancións.
En todo o relativo á acción investigadora da taxa, infraccións tributarias e demais, estarase ao disposto pola lexislación vixente para estes casos, particularmente, o artigo 178 e seguintes da Lei xeral tributaria, o Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributarias, aprobado polo Real decreto 1065/2007 e a Ordenanza xeral de xestión inspección e recadación dos ingresos de dereito público municipais.
Disposición final
A presente ordenanza entrará en vigor o día da súa publicación íntegra e definitiva no BOP, consonte o preceptuado no artigo 17 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, e permanecerá en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.