Lousame - ORDENANZA REGULADORA DA CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS POLO CONCELLO DE LOUSAME
CAPÍTULO I.-DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1.-Obxecto.
Esta ordenanza ten por obxecto a regulación do réxime xurídico xeral das subvencións outorgadas polos diferentes servizos municipais do Concello de Lousame.
As liñas, áreas ou ámbitos de actuación que serán obxecto de subvención quedarán establecidas nas diferentes convocatorias.
As subvencións rexeranse polas prescricións contidas nesta ordenanza e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións, R.D. 887/2006 Regulamento que a desenvolve, Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, polas Bases de Execución do orzamento municipal, e normas de dereito administrativo que resulten de aplicación.
Artigo 2.-Réxime de compatibilidade.
As subvencións concedidas serán compatibles con outras subvencións, axudas ou ingresos coa mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que a totalidade das axudas non supere o custo da actividade a desenvolver polo beneficiario.
Salvo as excepcións que se poidan establecer en cada convocatoria específica, será incompatible a concesión doutra subvención para o mesmo proxecto, por outra área ou concellería do Concello de Lousame.
CAPÍTULO II.-BENEFICIARIOS
Artigo 3.-Entidades solicitantes.
Poderán participar nas diferentes convocatorias as entidades que cumpran os requisitos do apartado 3.1, así como os da convocatoria correspondente, no momento de presentar a solicitude.
Só poderá concederse unha subvención por entidade e convocatoria.
No suposto de que unha federación, grupo de entidades ou entidade que integre a outras asociacións solicite subvención para un proxecto, non poderán facelo as asociacións ou entidades que pertenzan ás mesmas, sempre que os obxectivos e actividades sexan coincidentes.
Os requisitos para poder solicitar unha subvención son os seguintes:
3.1.-Persoas xurídicas: estar legalmente constituídas e inscritas no rexistro municipal de asociacións do Concello de Lousame, cos datos actualizados no momento de presentar a solicitude.
De xeito excepcional, pode eximirse de cumprir este requisito ás asociacións ou entidades, que non tendo a súa sede social en Lousame, desenvolvan actividades no Concello de tipo educativo, deportivo, cultural, social, asistencial; así como ás comisións de festas.
3.2.-Persoas físicas: deberán estar empadroadas no Concello de Lousame e presentar a documentación que para cada tipo de axuda se estableza na Ordenanza ou nas convocatorias correspondentes.
3.3.-Non estar incurso nas causas de incompatibilidade ou incapacidade para ser beneficiarias ou percibir subvencións da Administración pública dispostas no artigo 13 da Lei 38/2003 xeral de subvencións.
3.4.-No caso de entidades que foran beneficiarias de subvencións ou axudas económicas concedidas en anos anteriores polo Concello de Lousame, deberán telas debidamente xustificadas e aprobadas polo Concello, así como non ter aberto ningún procedemento de reintegro das cantidades percibidas por algunha das causas previstas no art. 37 da lei 38/2003, Xeral de Subvencións.
Se no momento de presentar a solicitude non se puidera acreditar este extremo, por estar o Concello tramitando a fase de ¿xustificación" das subvencións incluídas na anterior convocatoria, incorporarase ao expediente de solicitude informe do Xefe do Servizo sobre este extremo, sen que supoña motivo de exclusión para solicitar.
3.5.-Que as actividades para as que se solicita subvención sexan de interese para o Concello.
3.6.-Cumprir cos requisitos da convocatoria correspondente.
Artigo 4.-Solicitudes.
4.1.-Forma, lugar e prazo.
As solicitudes, en modelo oficial facilitado polo Concello, e demais documentos presentaranse no Rexistro Xeral do Concello ou por calquera dos medios contemplados no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
O prazo de presentación será o que se estableza de xeito particular en cada convocatoria específica. De non constar, o prazo para presentar a solicitude será de 30 días hábiles a contar desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria correspondente. De ser o último día de prazo domingo ou festivo, entenderase prorrogado até o día seguinte hábil.
Non serán admitidas a trámite as solicitudes presentadas fóra do prazo establecido para solicitar, ditándose resolución pola que se declara o arquivo sen máis trámite, e que será notificada ao interesado.
4.2.-Documentación.
Os modelos xerais serán os elaborados e facilitados polo Concello.
Se algún documento oficial non puidera recoller toda a información necesaria, atendendo á extensión da mesma, esta figurará nun documento aportado pola entidade como ¿Anexo ao doc. N.º".
4.2.1.-Instancia de solicitude asinada polo/a solicitante (persoa física) ou presidente/a da entidade, asociación ou institución, na que constará, obrigatoriamente, unha conta de correo electrónico identificativa da entidade, para establecer unha vía de comunicación entre a entidade e o Concello no que se refire a este proceso. A variación da conta de correo electrónico durante a tramitación do expediente deberá ser comunicada ao Concello.
Na propia instancia se indicará a documentación que se terá que achegar obrigatoriamente, sen prexuízo da que poida ser necesaria achegar para a correcta resolución do expediente.
4.2.2.-Memoria das actividades para as que se solicita a subvención.
4.2.3.-Declaración responsable do/a solicitante (persoa física) ou presidente/a da entidade sinalando se ten solicitada doutro organismo algunha subvención ou axuda para a realización dos mesmos programas e actividades, así como a data da solicitude, concepto e contía desta. Igualmente sinalarase cales foron concedidas e cales están pendentes de resolución.
4.2.4.-Declaración responsable do/a solicitante (persoa física) ou Presidente/a de non concorrencia con outras axudas municipais.
4.2.5.-Autorización do/a solicitante ou presidente/a ao Concello para obter as certificacións de estar ao corrente ou non ter débedas co Concello, coa Axencia Tributaria, e coa Seguridade Social.
No caso de presentar as certificacións orixinais aportadas directamente polo solicitante ou entidade dos organismos citados, non será precisa esta autorización.
4.2.6.-Certificación acreditativa de non ter débedas coa Axencia Tributaria de Galicia.
4.2.7.-Declaración responsable do/a solicitante ou presidente/a de non estar incurso, tanto o asinante como a entidade, nas causas de incompatibilidade ou incapacidade para obter a condición de beneficiario previstas no art. 13 da Lei 38/2009, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións.
4.2.8.-Certificado IBAN do número de conta onde se efectuará o pagamento da subvención.
4.2.9.-No caso de documentos e informacións esixidos na convocatoria que estiveran en poder do Concello, os solicitantes poderán acollerse ao establecido no artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, sempre que se faga constar a data e órgano ou dependencia na que foron presentadas, ou no seu caso, emitidos.
4.2.10.-Calquera outra documentación que se especifique na convocatoria correspondente.
4.2.11.-De acordo co establecido no art. 24 do R.D. 887/2006, do 21 de xullo, Regulamento que desenvolve a Lei 38/2003, Xeral de Subvencións, e nos supostos que nel se prevén, a presentación de declaracións responsables substituirá á presentación das certificacións acreditativas do cumprimento de obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
4.2.12.-Todas as Declaracións responsables que se presenten coa solicitude serán cubertas nos modelos oficiais facilitados polo Concello, e estenderán a súa vixencia ás distintas fases do procedemento administrativo do expediente de solicitude de subvención.
Artigo 5.-Obrigas das entidades beneficiarias.
Con independencia das obrigacións específicas que recollan as distintas convocatorias, os convenios ou acordos de concesión, serán obrigacións xerais dos beneficiarios das subvencións do Concello de Lousame as seguintes:
5.1.-Realizar as actividades incluídas no proxecto e cumprir co obxectivo das actividades obxecto da subvención.
5.2.-Cumprir cos requisitos establecidos nas bases das diferentes convocatorias ou convenio regulador.
5.3.-Xustificar o cumprimento da finalidade da actividade obxecto da concesión da subvención.
5.4.-Someterse ás actuacións de comprobación e control dos órganos competentes e aportar a información e documentación que lle sexa requirida.
5.5.-Comunicar ao órgano concedente a solicitude e obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Dita comunicación realizarase tan pronto como se coñeza, e en todo caso no momento da xustificación da aplicación dos fondos percibidos
5.6.-Non modificar a programación das actividades sen coñecemento e autorización expresa da Comisión Avaliadora.
5.7.-Facer constar a colaboración do Concello de Lousame en toda a publicidade que se fixera das actividades subvencionadas (impresa, informática, audiovisual e na páxina web da entidade se a tivera).
Os beneficiarios incluídos no ámbito de aplicación da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, deberán dar publicidade das subvencións e axudas percibidas nos termos e condicións establecidos na citada Lei.
5.8.-Utilizar, con carácter xeral, formas de pago a terceiros que poidan ser acreditadas mediante un documento expedido por entidade financeira (transferencia bancaria, tarxeta de crédito, tarxeta de débito, cheque ou talón, etc.) no que quede identificado o beneficiario, o importe e a data de pago.
O pago en metálico utilizarase en casos excepcionais cando non sexa posible outra forma de pago (peaxes, aparcadoiro, etc.). A cada pago en metálico deberá acompañarse un informe do Tesoureiro/a da entidade acreditativo da forma de pago do gasto realizado.
5.9.-Realizar as actividades no período establecido na convocatoria, e o pago efectivo dos gastos ocasionados polas actividades subvencionadas con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado en cada convocatoria.
CAPÍTULO III.-PROCEDEMENTOS DE CONCESIÓN
Artigo 6.-Procedemento de concesión e pago
As subvencións poderán concederse en réxime de concorrencia competitiva, de forma directa, ou con carácter excepcional, aqueloutras subvencións en que se acrediten razóns de interese público, social, económico ou humanitario, ou outras debidamente xustificadas que dificulten a súa convocatoria pública.
6.1.-Concorrencia competitiva.
Para os efectos desta ordenanza, terá a consideración de concorrencia competitiva o procedemento mediante o cal a concesión das subvencións se realice mediante a comparación das solicitudes presentadas, co fin de establecer unha prelación entre estas, de acordo cos criterios de valoración previamente fixados, e adxudicar, co límite fixado na convocatoria dentro do crédito dispoñible, aquelas que obteñan maior valoración en aplicación dos citados criterios.
6.1.1.-O procedemento de concesión destas subvencións iniciarase de oficio, e deberá incluír necesariamente os seguintes trámites:
6.1.1.1.-Convocatoria pública mediante acordo da Alcaldía ou órgano colexiado/concelleiro/a en quen delegue esta competencia, axustada ao previsto no artigo 23.2 da Lei 38/2003, Xeral de Subvencións, que incluirá as bases específicas nas que se consignarán os créditos orzamentarios aos que se imputan as subvencións.
6.1.1.2.-Publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, taboleiro electrónico e páxina web do Concello indicando: o obxecto e finalidade, os requisitos para formular as solicitudes, a oficina municipal onde se poden obter as bases da convocatoria, e o lugar e prazo de presentación de solicitudes.
As convocatorias de subvencións deberán publicarse na Base de Datos Nacional de subvencións (BDNS), con indicación do diario oficial no que se publicará o extracto das mesmas.
A Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS) operará como sistema nacional de publicidade das subvencións.
6.1.1.3.-Presentación das solicitudes no modelo oficial.
6.1.1.4.-Rematado o prazo de presentación, procederase á formación do expediente de cada solicitude de subvención, comprobando os documentos presentados (parte administrativa), así como o contido dos mesmos (parte técnica).
6.1.1.5.-No caso de que a solicitude e documentos que acompañan non se realizase no modelo oficial entregado ao efecto, ou de que a documentación presentada, requirida no apartado 4.2, fose incorrecta ou insuficiente, darase un prazo de dez días para a súa emenda, requiríndoselle por escrito ao solicitante para que repare os defectos observados, quedando apercibido que de non facelo así, terase por desistido e arquivaranse as actuacións sen máis trámite, conforme ao previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
A entidade ou solicitante que non cumpra cos requisitos esixidos no apartado 3.1 no momento da presentación da solicitude non poderá optar á subvención solicitada, notificándoselle a resolución de arquivo do expediente.
6.1.1.6.-A cada expediente será incorporado un informe de avaliación provisional realizado polo técnico correspondente.
6.1.1.7.-Os expedientes que reúnan as condicións para continuar coa súa tramitación, serán remitidos á Comisión de Valoración, que poderá solicitar o asesoramento dos técnicos que estime necesarios e informe técnico do departamento tramitador, se así o considerase oportuno.
6.1.1.8.-A composición da Comisión de Valoración será determinada en cada unha das diferentes convocatorias.
6.1.1.9.-A Comisión de Valoración emitirá informe expresando a relación de solicitantes para os que se propón a concesión ou denegación da subvención, a súa contía, causas de denegación, así como o importe, que deberá ser xustificado.
6.1.1.10.-O órgano instrutor, á vista do informe da Comisión de Valoración, formulará unha proposta de resolución motivada ao órgano competente para resolver.
6.1.1.11.-Resolución do órgano competente aprobando ou denegando a concesión de subvencións, que deberá ser notificada aos beneficiarios no prazo de dez días desde que se adopte o acordo.
O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento no poderá exceder de seis meses, período que se computará a partir da finalización do prazo de presentación de solicitudes. O silencio da Administración terá carácter desestimatorio.
6.1.1.12.-Aceptación por parte dos beneficiarios nun prazo de dez días desde a notificación da resolución. Transcorrido este prazo, sen que se producira manifestación algunha expresa entenderase tacitamente aceptada.
6.1.1.13.-Publicidade das subvencións concedidas, nos casos que proceda e, en todo caso, na páxina web e taboleiro electrónico do Concello, ou aqueles outros establecidos por Lei.
Remitirase á Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS) información sobre as subvencións concedidas; xa que a BDNS operará como sistema nacional de publicidade das subvencións.
6.1.2.-Reformulación das solicitudes
Unha vez notificada a resolución recaída, e dentro do prazo outorgado no apartado 6.1.1.12, se a cantidade concedida é inferior á solicitada, a entidade poderá reformular a súa solicitude, despois de aceptar as condicións referidas na proposta, debendo achegar o proxecto adaptado co novo orzamento, respectando o obxecto, condicións e finalidade da subvención.
A nova solicitude remitirase á Comisión de Valoración para novo ditame, e será obxecto de resolución polo mesmo órgano que ditou a resolución inicial de concesión.
6.1.3.-O pagamento da subvención realizarase tras a xustificación, por parte do beneficiario, da realización da actividade, proxecto ou adopción do comportamento para o que se concedeu nos termos da normativa reguladora da subvención.
Poderán realizarse pagos a conta ou pagos anticipados da subvención, con indicación do réxime de garantías que proceda, se é o caso, de acordo co establecido no R.D. 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei Xeral de Subvencións.
O pagamento da subvención farase mediante transferencia á conta bancaria reflectida na solicitude.
6.2.-Procedemento de concesión directa.
A resolución de concesión e, se é o caso, os convenios a través dos cales canalizar estas subvencións, establecerán as condicións e compromisos aplicables de conformidade co disposto na Lei Xeral de Subvencións, e terán o carácter de bases reguladoras para os efectos previstos nesta.
Deberán incluír como mínimo:
6.2.1.-Determinación do obxecto da subvención e dos seus beneficiarios/as, de acordo coa asignación orzamentaria.
6.2.2.-Crédito orzamentario ao que se lle imputa o gasto e contía da subvención, individualizada, se é o caso, para cada beneficiarios se fosen varios.
6.2.3.-Compatibilidade ou incompatibilidades con outra subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración, ente público, privado ou nacional, da Unión Europea, ou de organismos internacionais.
6.2.4.-Prazos e modos de pago da subvención, posibilidade de efectuar pagos anticipados e aboamentos a conta, así como o réxime de garantías que, se é o caso, deberán achegar os beneficiarios.
6.2.5.-Prazo e forma de xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención, e da aplicación dos fondos percibidos.
Os convenios serán o instrumento habitual para canalizar as subvencións previstas nominativamente nos orzamentos xerais do Concello de Lousame, sen prexuízo do que a este respecto poidan establecer as bases de execución do orzamento municipal.
A asignación que finalmente se reflicta nos acordos de concesión das subvencións nominativas poderá ser distinta da previsión orzamentaria, cando así resulte da aplicación dos convenios nos que teñan fundamento ou por outras causas debidamente motivadas, e previa modificación, no seu caso, das bases de execución do orzamento.
Artigo 7.-Órganos competentes para a instrución e resolución do procedemento.
Serán competentes para a instrución do procedemento de concesión ou non concesión de subvencións a Alcaldía e/ou os concelleiros/as delegados/as da área que teña delegada a concesión de axudas económicas para a convocatoria correspondente, os/as cales impulsarán de oficio a realización de cantas actuacións consideren necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se formulará a proposta de resolución.
O órgano competente para resolver o procedemento será a Alcaldía ou órgano colexiado/concelleiro/a en quen delegue esta competencia.
Artigo 8.-Criterios de valoración e determinación da contía da subvención.
8.1.-Serán criterios preferenciais para o outorgamento das subvencións aos solicitantes e ás entidades asociativas municipais para o desenvolvemento de actuacións no termo municipal, atendendo aos principios de obxectividade e igualdade, os establecidos nas diferentes convocatorias.
Computarase en positivo, na baremación das subvencións municipais, a presenza de mulleres nos órganos directivos das entidades asociativas solicitantes, nomeadamente nas asociacións deportivas.
8.2.-A contía da subvención estará directamente relacionada coa valoración dos proxectos, non podendo superar o límite marcado polas diferentes convocatorias. No caso de non especificarse este límite, o importe da subvención solicitada non poderá superar o 100% do orzamento de gastos presentado.
Para o caso de que a suma do importe resultante desta valoración e das solicitudes ou concesións de outras axudas por organismos públicos ou entes privados, superara o 100% do custo total do proxecto presentado pola entidade solicitante, o importe da subvención municipal quedaría minorado proporcionalmente.
Cando a valoración e a cantidade resultante da mesma determinen unha axuda superior ao importe solicitado pola entidade, a subvención terá como límite a cantidade solicitada.
Unha vez rematada a fase de avaliación de todas as solicitudes e determinados os importes das subvencións a conceder, no caso de que a cantidade concedida total fora inferior á consignación orzamentaria inicialmente asignada, a Comisión de Valoración de consideralo oportuno, poderá realizar os axustes necesarios entre os beneficiarios das subvencións, até que o reparto total acade a consignación inicial destinada a este fin.
Artigo 9.-Financiamento.
A concesión das subvencións terá como límite as dispoñibilidades orzamentarias que o Concello de Lousame asignará nos seus orzamentos para a concesión de subvencións.
As diferentes convocatorias de concesión de subvencións establecerán a/s aplicación/s orzamentaria/s de imputación así como o importe asignado a cada unha delas.
A distribución destes créditos realizarase conforme aos criterios establecidos nas convocatorias correspondentes.
A aprobación das distintas convocatorias particulares poderá quedar sometida á condición suspensiva da entrada en vigor do orzamento xeral do Concello de Lousame para o correspondente exercicio, no que se conteñan os créditos adecuados e suficientes para atender as solicitudes que ao amparo destas se presenten.
En base ao anterior, non se poderá realizar acto ningún que supoña directa ou indirectamente compromiso con transcendencia orzamentaria; en tanto non se cumpra a condición suspensiva citada.
En ningún caso as convocatorias particulares xerarán dereito ningún a favor das entidades solicitantes mentres tanto non se dean as condicións orzamentarias, procedimentais e xurídicas de aplicación.
CAPÍTULO IV.-XESTIÓN E FISCALIZACIÓN DAS SUBVENCIÓNS
Artigo 10.-Xustificación, lugar e prazos de execución
10.1.-A persoa ou entidade beneficiaria estará obrigada a xustificar documentalmente o cumprimento das condicións impostas e a aplicación dos fondos recibidos.
Aos efectos do disposto no art. 75 do R.D. 887/2006, do 21 de xullo, Regulamento que desenvolve a Lei 38/2003, Xeral de Subvencións, para subvencións concedidas por importe inferior a 60.000,00 €, e sempre que así se prevexa nas distintas convocatorias, para a xustificación da subvención concedida presentarase unha conta xustificativa simplificada.
O importe a xustificar será o total do proxecto ou acción subvencionada. No caso de que a xustificación presentada non alcance o 100 por cento do proxecto adxudicado, a subvención reducirase proporcionalmente.
O importe a imputar na xustificación será o total da subvención concedida.
Os modelos dos documentos serán os elaborados e facilitados polo Concello de Lousame.
Se algún documento oficial non puidera recoller toda a información solicitada, atendendo á extensión da mesma, esta figurará nun documento aportado pola entidade como ¿Anexo ao Doc. N.º".
Coa instancia de xustificación da subvención concedida achegarase, debidamente relacionada, a seguinte documentación:
10.1.1.-Memoria técnica da actividade realizada:
- Actividades ou programas desenvolvidos, con expresión de calendario e lugar de execución.
- Obxectivos ou resultados acadados, características, estrutura e metodoloxía da actuación ou programa.
- Número de beneficiarios desagregados por sexo.
- Declaración dos recursos humanos relacionados coa actividade ou programa: profesionais asalariados, voluntariado, etc.
- Recursos materiais: descrición de instalacións e equipamento.
- Orzamento de execución detallado con expresión do custo dos recursos humanos e materiais.
10.1.2.-Certificación expedida polo/a secretario/a da entidade de execución das actividades obxecto da subvención.
10.1.3.-Cando o importe da subvención concedida sexa inferior a 60.000,00 €, presentarase unha relación clasificada dos gastos e inversións da actividade, con identificación do emisor e do documento, importe, data de emisión e data de pago.
Cando o importe da subvención concedida sexa igual ou superior a 60.000,00 € presentarase unha Memoria Económica que conterá:
- Relación numerada das facturas ou documentos equivalentes que se aportan para xustificar a subvención concedida, con indicación do número, titular, importe total da factura, e importe que se imputa á xustificación e data e forma de pago, polo importe total do proxecto ou acción subvencionada.
- Nos orixinais de todas as facturas presentadas, deberá realizarse unha dilixencia, asinada polo/a secretario/a da entidade, na que conste o tanto por cento ou importe que da mesma se imputa á subvención que se xustifica.
- Fotocopias das facturas que se inclúen no apartado segundo, (debendo estar identificadas co n.º que ten asignado na relación e ordenadas correlativamente) axuntando a cada unha delas o seu xustificante de pago. No suposto de que, excepcionalmente, o pago fora realizado en metálico, deberá constar na propia factura recibín asinado pola persoa que recibe os fondos, con indicación do seu nome e apelidos e DNI.
- No caso de que se presenten gastos que conleven unha retención por parte da entidade do IRPF ou de Seguridade Social, deberán acreditar o pago de nóminas, boletíns de cotización á seguridade social, e impresos de ingreso en Facenda das retencións practicadas.
- As facturas e recibos de pagamento deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Os conceptos dos gastos serán obrigatoriamente os que foran motivo da subvención.
b) O beneficiario deberá figurar obrigatoriamente como destinatario da factura.
c) Deberán expresar con detalle os bens e servizos adquiridos, base impoñible, tipo do IVE aplicado e o seu importe, tipo do IRPF e o seu importe, calquera outro imposto ao que estivera suxeito o provedor, e o total resultante da factura.
d) Cumprir cos requisitos esixidos pola normativa vixente en materia de facturación.
10.1.4.-Declaración responsable do/a solicitante ou Presidente/a de que os usuarios/as das actividades obxecto desta axuda están cubertos por un seguro de responsabilidade civil e/ou accidentes, que cubre axeitadamente ditas continxencias.
10.1.5.-Un exemplar da publicidade realizada das actividades subvencionadas, (impresa, informática, audiovisual ou na súa páxina web se a tivera)
Os beneficiarios incluídos no ámbito de aplicación da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, deberán presentar xustificación do cumprimento da obriga de dar publicidade das subvencións e axudas percibidas nos termos e condicións establecidos na citada Lei.
10.1.6.-Declaración responsable do/a solicitante ou Presidente/a sobre a obtención de axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración Pública, de particulares ou de entidades privadas.
10.1.7.-Declaración responsable do/a solicitante ou Presidente/a de non concorrencia con outras axudas municipais.
10.1.8.-Declaración responsable do/a solicitante ou Presidente/a de non estar incurso, tanto o declarante como a entidade, nas causas de incompatibilidade ou incapacidade para ser beneficiarias ou percibir subvencións da Administración pública previstas no art. 13 da Lei 38/2009, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións. Este documento non será necesario sempre e cando a declaración aportada coa solicitude non sufrira variación.
10.1.9.-Calquera outra documentación que se especifique na convocatoria correspondente.
10.1.10.-Nos expedientes de xustificación na modalidade de conta xustificativa simplificada, o Concello comprobará, a través das técnicas de mostreo que se acorden en cada convocatoria, os xustificantes que estime oportunos e que permitan obter evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención, a cuxo fin poderá requirir ao beneficiario a remisión dos xustificantes de gasto seleccionados.
10.2.-Toda a documentación recollida no apartado 10.1 presentarase no Rexistro Xeral do Concello, dentro do primeiro trimestre do ano natural seguinte ao da concesión da subvención, excepto que as diferentes convocatorias establezan outro prazo.
10.3.-O período de execución comprenderá do 1 de xaneiro a 31 de decembro do ano a que fai referencia a convocatoria de concesión de subvencións, con independencia da data na que se conceda a subvención e se faga efectivo o pago, excepto que os diferentes convenios ou convocatorias establezan outro período.
Artigo 11.-Tipoloxía do gasto.
11.1.-Considéranse gastos subvencionables aqueles que de maneira indubitada respondan á natureza da actividade subvencionada, se realicen no prazo establecido, e se axusten aos criterios que figuren expresamente nas diferentes convocatorias. Enténdese para estes efectos como gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado na convocatoria.
11.2.-Os gastos de investimento que teñan relación directa coas actividades subvencionadas ou necesarios para o seu desenvolvemento, e que non foran obxecto dunha subvención específica para a súa adquisición polo Concello de Lousame, tamén terán a consideración de gastos subvencionables, salvo que nas diferentes convocatorias se estableza o contrario.
A amortización destes gastos, para a inclusión dos mesmos na xustificación da subvención, limitarase a un máximo de tres anos. Ás facturas que documenten o investimento realizado adxuntaranse ó correspondente cadro de amortización.
11.3.-Exclusións.
11.3.1.-Os gastos de adquisición de bebidas alcohólicas, tabaco ou calquera outro produto considerado lesivo para a saúde, así como os alimentos e bebidas, agás os produtos típicos de celebracións tradicionais gastronómicas e festexos populares.
11.3.2.-Os gastos establecidos no art. 31.7 da Lei 38/2003, Xeral de Subvencións.
11.3.3.-As actividades suxeitas a un convenio de colaboración co Concello.
11.3.4.-Aqueles gastos que se establezan de xeito particular nas diferentes convocatorias.
Artigo 12.-Causas de invalidez da resolución de concesión, reintegro e procedemento.
Son causas da resolución de concesión da subvención as contempladas no artigo 47 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, no artigo 36 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións, e no artigo 32 da Lei 9/2007, de Subvencións de Galicia.
Son causas de anulabilidade da resolución de concesión as demais infraccións do ordenamento xurídico e, en especial, das regras contidas na normativa legal reguladora das subvencións.
A declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulación, a renuncia do beneficiario, e nos demais supostos de incumprimento por parte do beneficiario, levará consigo a obriga de devolver as cantidades percibidas.
Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de mora dende o momento do pagamento da subvención até a data en que se acorde a procedencia do reintegro, na contía legalmente establecida, e coa tramitación previa do expediente, nos supostos referidos nos puntos anteriores, e nos seguintes:
a) Incumprimento da obriga de xustificar no prazo e termos que se establecen.
b) Cando a xustificación parcial do gasto non acade o 50% do importe a xustificar.
c) Cando a xustificación parcial do gasto supere o 50% do importe a xustificar, reintegrarase a parte proporcional da cantidade deixada de xustificar, sempre e cando existan motivos dabondo que xustifiquen que non executándose a totalidade do proxecto subvencionado, a actividade resultante desenvolvida foi de interese e aproveitamento por parte dos participantes, acadándose resultados satisfactorios. En caso contrario procederá o reintegro da totalidade do importe concedido.
d) Obtención da subvención sen reunir ou deixando de reunir os requisitos establecidos (falseando as condicións requiridas para isto ou ocultando aquelas que o impediran).
e) Incumprimento da finalidade para a que a subvención foi outorgada.
f) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarias con motivo da concesión da subvención.
g) Negativa do beneficiario ás actuacións de control establecidas polo Concello para comprobar o cumprimento da finalidade da subvención.
h) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no apartado 4 do artigo 18 da Lei 38/2003.
i) Incumprimento das obrigas impostas polo Concello aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando de eles se derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais ou doutros distintos dos anteriores.
A resolución pola que se esixa o reintegro ditarase polo órgano competente para a concesión, seguindo o procedemento establecido no artigo 42 da Lei 38/2003 Xeral de Subvencións, e no 37 e seguintes da Lei 9/2007 de Subvención de Galicia.
CAPÍTULO V.-INFRACCIÓNS E SANCIÓNS
Artigo 13.-Réxime sancionador.
Será de aplicación o réxime de infraccións e sancións establecido nos artigos 50 a 68 da Lei 9/2007, de Subvencións de Galicia, en canto non contradigan o disposto para estes efectos nos artigos 52 a 69 da Lei 38/2003, Xeral de Subvencións.
A imposición da sanción será independente da obriga de reintegro da cantidade indebidamente recibida, e o órgano competente para impoñer sancións será a Alcaldía ou órgano no que delegue.
De acordo co establecido no art. 63.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións, non se sancionarán as infraccións recollidas nos parágrafos b) e d) do art. 58 cando os infractores reintegraran as cantidades e os correspondentes xuros de mora sen previo requirimento.
Artigo 14.-Resolución e recursos.
A Alcaldía, ou órgano colexiado/concellleiro/a en quen delegue esta competencia, acordará a concesión ou denegación das subvencións, a proposta do órgano instrutor, co ditame previo da Comisión de Valoración, segundo o procedemento establecido na Lei 38/2003, Xeral de Subvencións, R.D. 887/2006 Regulamento que a desenvolve, Lei 9/2007, de Subvencións de Galicia, e a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
Contra este acordo, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, conforme o establecido nos art. 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Publicas, ou recurso contencioso-administrativo, previsto no art. 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo, no prazo de dous meses a partir do día seguinte da notificación do acordo.
DISPOSICIÓN FINAL E DERROGATORIA
A presente ordenanza entrará en vigor ao abeiro do establecido no artigo 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, unha vez que se publique completamente o seu texto no Boletín Oficial da Provincia e transcorra o prazo previsto no artigo 65.2 do devandito texto legal; supoñendo a derrogación de calquera outra anterior, e permanecendo en vigor até a súa modificación ou derrogación expresa polo Concello de Lousame.
Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios
A ordenanza dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto ao que se refiren os artigos 70.2 e 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:
Artigo 70.2: ¿¿..Las ordenanzas,
incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los
acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de
los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no
entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya
transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas
fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en
Artigo 65.2: ¿El
requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime
vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la
recepción de la comunicación del acuerdo."
Ó no ter coñecemento da
fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia
Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo
de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.