Lousame - ORDENANZA REGULADORA DA CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS POLO CONCELLO DE LOUSAME

Publicación provisional: 08/10/2004 BOP Nº: 233
Publicación definitiva: 08/10/2004 BOP Nº: 233
Aplicable dende: 08/10/2004

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Unha das manifestacións máis importantes da actividade financeira do sector público canalízase a través do outorgamento de subvencións, coa finalidade principal de dar resposta ás demandas sociais e económicas de persoas, entidades ou asociacións, públicas e privadas.

Desde a perspectiva económica, as subvencións constitúen unha modalidade do gasto público e, polo tanto, deben someterse ás directrices da política orzamentaria, orientada na actualidade ós criterios de crecemento, desenvolvemento en tódolos sectores e estabilidade e equilibrio orzamentario.

Definido este marco xeral do equilibrio orzamentario, que impide ás Administracións Públicas en xeral e a Administración Local en particular gastar máis do recadado, faise necesario, ó abeiro da potestade regulamentaria ou de autoorganización que se atribue ás Entidades Locais no artigo 4.1 a) da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, trasladar os principios xerais desta política ó ámbito local.

Deste xeito, en cumprimento destas ideas e co obxectivo de axustarse ó disposto na Lei 38/2003 Xeral de Subvencións, o Concello de Lousame aproba a presente Ordenanza Reguladora da Concesión de Subvencións.

Artigo 1. Obxecto

1. É obxecto desta Ordenanza establecer os principios, criterios e procedemento para a concesión de subvencións a persoas físicas ou xurídicas, entidades, asociacións ou organismos, cando os seus servicios ou actividades complementen ou suplan ós atribuídos á competencia local.

2 Considérase subvención calquera auxilio directo ou indirecto, valore económicamente, a expensas da Entidade Local, que outorgue a Corporación, sempre que:

- A entrega se realice sen contraprestación.

- Que se atope suxeita ó cumprimento dun determinado obxectivo, actividade ou proxecto.

- Que o seu obxecto sexa o fomento dunha actividade de utilidade pública ou interese social ou de promoción dunha finalidade pública.

Artigo 2. Previsión Orzamentaria.

As subvencións concedidas conforme ó disposto nesta Ordenanza outorgaranse con cargo á partida Orzamentaria que, a este efecto, se estableza cada ano no Orzamento Xeral do Concello de Lousame.

Artigo 3. Criterios Xerais

As subvencións terán carácter voluntario e eventual, e a súa concesión non implica obrigatoriedade por parte do Concello e non crea dereito nin establece precedente para futuras concesións.

A Corporación poderá reduci-las ou revoca-las en calquera momento, salvo cláusula en contrario, e atendendo ás circunstancias concorrentes.

Non será esixible aumento ou revisión da axuda económica.

As subvencións outorgaranse con arreglo ós principios previstos no artigo 8 da Lei 38/2003, Xeral de Subvencións, é dicir, publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, eficacia e eficiencia.

Artigo 4. Peticionarios

Poderán solicita-las subvencións obxecto desta Ordenanza, calquera persoa física ou xurídica que cumpra os seguintes requisitos:

1) Entidades:

a) Que a súa sede social radique no termo municipal de Lousame, desenvolvéndose de xeito prioritario o exercicio da súa actividade neste Concello, debendo estar rexistrada no Rexistro Municipal de Asociacións, e cumprindo co establecido no seu Regulamento regulador. De excepcional, eximirase de cumprir este requisito ás asociacións ou entidades que a xuízo do competente desenvolvan labores de carácter educativo, deportivo, cultural social ou asistencial, e ás Comisións de Festas.

b) Ter xustificadas as subvencións concedidas en ocasións anteriores polo Concello.

1) Persoas físicas:

a) Deberán estar empadroadas no Concello de Lousame e presenta-la documentación que para cada tipo de axuda se estableza nesta Ordenanza ou nas convocatorias correspondentes.

Artigo 5 : Procedemento de concesión

Establécense as seguintes modalidades de subvencións:

1) Procedemento en réxime de concorrencia competitiva:

Será o procedemento ordinario. A estes efectos terá a consideración de concorrencia competitiva o procedemento mediante o cal o outorgamento de subvencións se realiza mediante a comparación das solicitudes presentadas a fin de establecer unha relación entre as mesmas dacordo cós criterios previamente fixados nas Bases reguladoras da convocatoria. Neste suposto a concesión formularase por un órganos concedentes desginado nas propias bases, actuando de xeito subsidiario, senón se producise esta designación, a Xunta de Goberno Local.

2) Procedemento de concesión directa:

Poderase empregar nos seguintes supostos:

a) Aqueles nos que a súa concesión ou cuantía veña imposta por unha norma de rango legal, seguíndose neste caso o procedemento de concesión que lle resulte de aplicación dacordo coa súa normativa.

b) Con carácter excepcional, aquelas outras subvencións ou axudas nas que se acrediten razóns de interese público, social, económico, humanitario ou calquera outro debidamente xustificado, que dificulte a súa pública convocatoria. Este carácter excepcional será apreciado polo órgano competente, mediante acordo debidamente motivado.

Artigo 6. Criterios de valoración

Para a concesión das subvencións e, en orde a fixar as cuantías das mesmas, valorarase a maior ou menor concorrencia das seguintes condicións:

a) A continuidade, estabilidade e solvencia da Entidade solicitante no ámbito no que se desenvolva a actividade proposta.

b) A dificultade acreditada pola Entidade solicitante para acudir a outros medios de financiación, así como os medios económicos cos que conta a mesma.

c) O número de persoas potencialmente beneficiarias.

d) A viabilidade da actividade a desenvolver.

e) Aquelas outras que, polas características da actuación, poida establecer o órgano resolutor.

Artigo 7. Documentación a aportar

Documentación a presentar:

1. Solicitude dirixida á Alcaldía e presentada no Rexistro Xeral do Concello.

1. Fotocopia do D.N.I. da persoa firmante da solicitude.en caso de persoas xurídicas , será necesaria a acreditación do apoderamento do comparecente.

2. Orzamento aproximado das actuacións que deban ser subvencionadas, cunha breve memoria explicativa das mesmas.

3. Declaración xurada do solicitante na que exprese o seu compromiso de aplica-lo importe da axuda ás actuacións subvencionadas,e de non atoparse incurso en ningunha das causas que impiden obte-la condición de beneficiario, segundo o artigo 13.2 da Lei 38/2003 de 17 de Novembro, Xeral de Subvencións.

4. No caso de asociacións inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, tamén será de aplicación o previsto no Regulamento regulador do Rexistro municipal de Asociacións do Concello, no seu caso.

Si as solicitudes non reunisen os requisitos esixidos ou non viñesen acompañadas da documentación referida, requiriráselle ó interesado un prazo para que subsane as deficiencias (en defecto de prazo establecido na convocatoria será de dez días), advertíndolle de que, en caso contrario, producirase a caducidade do procedemento.

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes.

Estarase ó que dispoñan as Bases que regulen as convocatorias específicas.

Nas establecidas nominalmente no Orzamento Xeral , a partir da entrada en vigor do mesmo.

Artigo 9. Obrigas do beneficiario

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar o proxecto ou actividade subvencionada.

b) Xustificar diante do Concello o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade.

c) Someterse ás actuacións de comprobación a efectuar polo Concello, así como ás de control financieiro que se poidan realizar.

d) Comunicar ó organo concedente a obtención doutras subvencións ou axudas que financien a actividade subvencionada.

e) Acreditar con anterioridade á concesión atoparse ó corrente das obrigas tributarias e da Seguridade Social.

f) Dispoñer, cando así o esixan as Bases da convocatoria, dos libros, estados ou rexistros contables requeridos.

g) Conservar documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.

h) Adoptar medidas de difusión de que a actividade se atopa subvencionada polo Concello de Lousame.

i) Proceder ó reintegro dos fondos percibidos no suposto de uso indebido.

Artigo 10. Xustificación da subvención

Os beneficiarios das subvencións deberán presentar nas oficinas municipais, nun prazo inferior ós tres meses desde a finalización da actividade (en defecto de prazo específico), a seguinte documentación:

1. Facturas orixinais e fotocopia das mesmas, ó obxecto de aprobación. A estes efectos as facturas deberán estar debidamente conformadas. Non se admitirá como xustificación ningún gasto realizado para o cumprimento de fins distintos para os que se concedeu a subvención.

2. No caso de que se xustifique un gasto inferior ó da subvención concedida, esta recortarase de xeito que nunca sexa superior ós gastos xustificados.

3. Cando se realicen pagos a Entidades que teñan que presentar declaración do I.V.E., a xustificación deberá vir acompañada da correspondente factura ou duplicado da mesma.

O IVE non será subvencionable cando sexa susceptible de recuperación ou compensación.

4. As subvencións que se concedan en atención á concorrencia dunha determinada situación no preceptor, non requerirán outra xustificación que a acreditación de dita situación, con carácter previo á concesión, sen prexuízo dos controles que puidesen establecerse pata verificar á súa existencia.

Artigo 11. Réxime sancionador.

En todo o referente ó réxime sancionador estarase ó disposto na Lei 38/2003, Xeral de Subvencións.

Disposición adicional primeira.

O órgano competente para o outorgamento da subvención realizará o oportuno seguimento das actividades subvencionadas, podendo solicitar en calquera momento, as explicacións e documentación que considere oportunas.

Disposición adicional segunda

A concesión de subvencións ás que se refire a presente Ordenanza non implicará relación contractual de carácter civil, laboral, administrativo ou de calquera outro tipo entre o Concello e a persoa ou entidade beneficiaria

Disposición adicional terceira

Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta Ordenanza as subvencións que o Concello poda outorgar e que tiveran o seu fundamento en Convenios ou decisións específicas subscritas polo Concello e outras Administracións Públicas ou Institucións de todo tipo. Así mesmo, non será de aplicación para actuacións ou actividades de iniciativa municipal en materias da súa competencia, sempre que o seu outorgamento sexa conforme á legalidade