Negreira - Ordenanza fiscal reguladora das taxas pola entrada de vehículos a través de beirarrúas e reservas da vía pública para aparcamento exclusivo, parada de vehículos, carga e descarga de mercadorías de calquera clase.
ARTIGO 1º-FUNDAMENTO E NATUREZA
De conformidade co disposto nos artigos 4 e 106 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e nos artigos 15 a 19 e 57 do texto refundido da lei reguladora das facendas locais (TRFL) aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, este Concello establece a taxa pola utilización privativa e o aproveitamento especial do dominio público municipal, pola entrada de vehículos a través das beirarrúas e reserva de espazo público para aparcadoiro exclusivo, a que se refire o art. 20.3.h) do devandito TRLRFL e que se rexerá polo disposto nos artigos 20 a 27 do TRFL, na normativa tributaria municipal e na demais normativa municipal reguladora da ocupación do dominio público municipal
ARTIGO 2º-FEITO IMPOÑIBLE
Constitúe o feito impoñible desta taxa a utilización privativa e o aproveitamento especial do dominio público local polas ocupacións do solo, subsolo e voo que se relacionan a continuación:
a) para carga e descarga en zonas non reservadas a tal efecto
b) para paso de vehículos a través de beirarrúas ou calzadas
c) para reserva da vía pública para aparcamento exclusivo
ARTIGO 3º-SUXEITO PASIVO
1. Son suxeitos pasivos, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas, así como as entidades ás que se refire o art. 35 da Lei Xeral Tributaria que gocen, utilicen ou aproveiten especialmente o dominio público local en beneficio particular.
2. Terán a condición de substitutos do contribuínte os propietarios das fincas e locais a que dean acceso as entradas de vehículos, que poderán repercutir, no seu caso, as cotas sobre os beneficiarios.
ARTIGO 4º-BASE IMPOÑIBLE
A base tributaria estará constituída, segundo ó feito impoñible:
- Polo número, en metros da lonxitude da entrada.
- Polo número de prazas no caso de garaxes comunitarios.
ARTIGO 5º-CONTÍA
A. Entrada de vehículos en baixos unifamiliares, 10 euros metro lineal/ano.
B. Entrada de vehículos en garaxes comunitarios
- 1 a 20 prazas: 30 euros metro lineal/ano.
- mais de 21 prazas: 50 euros metro lineal/ano.
C. Entrada de vehículos en garaxes ou locais para a garda de vehículos podendo realizar reparacións destes, prestación de servizos de engraxado, lavado, petroleado, etc., ou repostar carburantes 15 euros metro lineal/ano.
D. Entrada en baixos comerciais ou industriais, para carga e descarga de mercadorías, 15 euros metro lineal/ano.
E. Reservas non incluídas nos parágrafos anteriores, 10 euros metro lineal/mes.
F. O importe da placa deberá pagalo interesado (20 euros).
A seguinte táboa de equivalencias relaciona os conceptos desta ordenanza cos definidos na vixente Ordenanza Xeral Municipal sobre Tráfico, Circulación de Vehículos a Motor e Seguridade Viaria:
Concepto | Tarifa | Equivalencia art. 54 Ordenanza Tráfico |
Entrada de vehículos en baixos unifamiliares | 10,00 € | Art. 54.1 a) |
Entrada de vehículos en garaxes comunitarios, 1 a 20 prazas | 30,00 € | Art. 54.1 b) |
Entrada de vehículos en garaxes comunitarios, +21 prazas | 50,00 € | Art. 54.1 b) |
Entrada de vehículos en garaxes ou locais para garda de vehículos | 15,00 € | Art. 54.1 c) |
Entrada en baixos comerciais ou industriais, para carga e descarga | 15,00 € | Art. 54.2 a),b) e c) |
Reservas non incluídas nos parágrafos anteriores | 10,00 € | Resto artigo 54 |
En caso de pago fora do período establecido para o ingreso voluntario da taxa, estarase ao disposto nos artigos 28 e 161 da Lei Xeral Tributaria.
ARTIGO 6º-NORMAS DE XESTIÓN.
Ocupacións temporais: Con carácter xeral, a taxa pola utilización ou aproveitamento do dominio público municipal esixirase en réxime de autoliquidación simultaneamente coa solicitude da licenza ou autorización de ocupación correspondente. A autoliquidación deberá ser ingresada e será a conta da liquidación que se practique en función da ocupación efectivamente concedida. Unha vez que o órgano competente acorde a concesión ou a denegación da correspondente autorización de ocupación, aprobarase a liquidación que corresponda segundo o acordo de ocupación efectivamente concedida.
Ocupacións permanentes:
a. As ocupacións permanentes xestionaranse conforme o padrón correspondente, que se formará anualmente pola Tesourería municipal en base aos datos aportados polo departamento municipal competente para a tramitación da licenza ou autorización.
b. Nos supostos de inicio da utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público municipal, o suxeito pasivo está obrigado a presentar e ingresar a autoliquidación simultaneamente coa solicitude da licenza ou autorización de ocupación.
O departamento municipal competente para a tramitación da licenza ou autorización comunicará á Tesourería municipal os acordos de concesión de licenzas ou autorizacións para a súa inclusión no padrón do período impositivo seguinte, e para a aprobación da liquidación correspondente no suposto de que o importe ingresado mediante autoliquidación sexa inferior ou superior ao que corresponda segundo o acordo de ocupación concedida.
c. No caso de baixa, anulación, revogación ou modificación das licenzas ou autorizacións concedidas, o departamento municipal competente para a súa tramitación comunicarao á Tesourería municipal para a modificación ou exclusión do padrón con efectos tributarios a partires do período impositivo seguinte.
ARTIGO 7º-PERIODO IMPOSITIVO E DEVENGO.
1.- Con carácter xeral, o período impositivo da taxa coincide co tempo de utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público municipal, agás as excepcións contidas nos apartados seguintes.
2.- Nos supostos de ocupacións permanentes, o período impositivo coincide co ano natural agás cando se trate de supostos de inicio da utilización privativa ou aproveitamento especial, no que abrangue dende o inicio ata o final do ano natural.
3.- Con carácter xeral, a taxa devéngase no momento no que se inicia a utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público municipal.
Nas ocupacións permanentes, a taxa devéngase o 1 de xaneiro de cada ano, agás nos casos de utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local que a data de solicitude non coincida co ano natural, rateándose por semestres a partir da aprobación da solicitude polo órgano municipal competente.
Así mesmo, e no caso de cesamento na utilización privativa ou aproveitamento especial, as cotas serán rateadas por semestres naturais, computando no rateo aquel no que se produce o cesamento.
ARTIGO 8- REVOGACIÓN DAS AUTORIZACIÓNS.
As autorizacións poderán ser revogadas en calquera momento por Alcaldía ou pola Concellería delegada correspondente, debido as seguintes causas:
a) Razóns xustificadas de interese público.
b) Por terse destinado a fins distintos dos que motivaron o seu outorgamento.
c) Por desaparecer as circunstancias que motivaron o seu outorgamento ou sobreviñesen outras que, de teren existido, xustificarían a denegación.
d) Incumprimento acreditado da obriga do pagamento da taxa fiscal correspondente.
e) Por carecer da sinalización axeitada.
f) Por causas motivadas relativas ó tráfico ou circunstancias da vía pública.
A revogación da autorización levará emparellada a orde de supresión da autorización, procedendo a restitución, se é o caso, da beirarrúa ó estado orixinal, e a retirada da sinalización. Os gastos derivados destas actuacións, correrán por conta do/a titular.
ARTIGO 9- DEREITOS E OBRIGAS
Os/as titulares da autorización terán o dereito da autorización nos termos fixados na autorización, a non ser perturbados ou imposibilitados no dereito de utilizar o espazo reservado.
Pola contra, estarán suxeitos/as a manter en bo estado de conservación do espazo indicado, e a limpeza dos mesmos no caso de que se depositaran graxa, aceites, ou outros elementos.
Nas ocupacións permanentes, os suxeitos pasivos teñen a obriga de declarar os cambios que se produzan no uso e goce do aproveitamento, na titularidade da finca ou local á que, no seu caso, servisen. O prazo para declarar é de dez días desde que se produza o cambio, cesamento ou demais circunstancias con efectos fiscais. Nos supostos de cambios de titularidade manténdose a licenza ou autorización inicial o obrigado ao pagamento será o que figure como titular o primeiro día do período impositivo.
ARTIGO 10- INFRACCIÓNS E SANCIÓNS.
A falta de ingreso da débeda tributaria que resulta da autoliquidación da taxa dentro dos prazos establecidos nesta ordenanza, constitúe infracción tributaria tipificada dentro do artigo 191 da Lei Xeral Tributaria, que se cualificará e sancionará segundo dispón o mencionado artigo.
O resto de infraccións tributarias que se poidan cometer nos procedementos de xestión e recadación desta taxa tipificaranse e sancionaranse consonte co que se prevé na Lei Xeral Tributaria, no Regulamento Xeral das actuacións e nos procedementos de xestión e inspección tributarias, aprobado polo Real Decreto 1065/2007e na Ordenanza xeral de xestión, inspección e recadación dos ingresos de dereito público municipais.
A falta de presentación de forma completa e correcta das declaración e documentos necesarios para que se poida practicar a liquidación desta taxa constitúe unha infracción tributaria tipificada no artigo 192 da Lei Xeral Tributaria, que se cualificará e sancionará segundo dispón o mencionado artigo.
DISPOSICIÓN FINAL
A presente ordenanza entrará en vigor e comezará a aplicarse a partires do 1 de xaneiro de 2023, permanecendo en vigor ata o momento da súa modificación ou derrogación expresa.
Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios
BOP nº 147 05/08/2021
O Pleno da Corporación, con data de 12 de abril de 2021, acordou a aprobación provisional da suspensión da aplicación, durante o vindeiro exercicio 2022, da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola entrada de vehículos a través de beirarrúas e reservas de vía pública para aparcamento exclusivo, parada de vehículos, carga e descarga de mercadorías de calquera clase.
Publicada con data 10 de xuño de 2021 no Boletín Oficial da Provincia e transcorrido o prazo de trinta días hábiles sen que se presentasen reclamacións, considérase aprobada definitivamente a suspensión da aplicación da citada Ordenanza fiscal.