Ordes - REGULAMENTO DA PISCINA CLIMATIZADA MUNICIPAL IVÁN RAÑA FUENTES
Artigo 1. Obxecto.
1. O presente regulamento ten por obxecto regular o funcionamento e réxime de utilización da piscina climatizada municipal ¿Iván Raña Fuentes" e os seus servizos anexos, no marco das disposicións sectoriais aplicables.
2. O servizo prestarase en calquera das modalidades previstas na lexislación vixente de conformidade coa modalidade que en cada momento determina o Pleno Corporativo.
Artigo 2. Ámbito de aplicación.
1. O eido obxectivo do presente regulamento está constituído polo conxunto de instalacións integrantes ou anexas á piscina cuberta climatizada de titularidade municipal que aparezan inscritas como tales no Inventario de bens deste Concello, ou que de feito se destinen á prestación do servizo.
As instalacións definidas son bens de dominio público afectadas ao servizo público do deporte. Tamén o son os bens mobles incorporados de xeito permanente a elas.
2. O seu ámbito subxectivo abarcará a toda aquela persoa que, mediante o pagamento dunha contraprestación de carácter público, asuma unha relación especial co Concello, adquirindo o dereito ao uso das instalacións ou á explotación delas de conformidade e co cumprimento dos deberes establecidos no presente regulamento.
Artigo 3. Acceso ás instalacións.
1. Toda a cidadanía ten dereito de acceso á piscina e ao resto das instalacións en condicións de igualdade, coas limitacións e requisitos establecidos neste regulamento e á normativa aplicable ás piscinas de uso público, sen prexuízo do dereito da entidade xestora para, co visto e prace da dirección, restrinxir ou suspender, para períodos puntuais, o acceso á condición de abonado/a ou á mesma instalación, cando circunstancias de salubridade, hixiene ou superación de capacidade real das instalacións o fagan necesario para manter a calidade na prestación do servizo.
2. O acceso á piscina municipal, así como ao resto das instalacións, poderá realizarse mediante os seguintes procedementos:
a. Mediante a posesión do carné de abonado/a nas súas diferentes modalidades.
b. Mediante a adquisición puntual de entradas.
c. Mediante calquera outro título habilitador, como pode ser a utilización exclusiva ou especial de parte das instalacións para unha actividade concreta.
3. Para acceder ás instalacións e asistir ás correspondentes actividades será imprescindible a presentación do carné de abonado/a ou ben o pagamento da tarifa correspondente.
Artigo 4. Adquisición da condición de abonado/a.
1. Para adquirir a condición de abonado/a será necesario:
· Cubrir o boletín de inscrición.
· Fotocopia do DNI do/a titular.
· No caso de abono familiar: Fotocopia do libro de familia ou no seu caso certificación do Rexistro Civil sobre estado civil e relacións paterno-filiais, ou certificación de inscrición nun Rexistro autonómico de parellas de feito.
· Achegar 2 fotos carné.
· Aboar o importe correspondente á cota de entrada sinalada na correspondente ordenanza fiscal.
En todo caso terán a condición de abonado/a todos/as os/as que á entrada deste regulamento ostenten a dita condición.
2. Unha vez formalizada a inscrición entregaráselle a cada abonado/a un carné, que terá carácter persoal e intransferible. No caso de dúbidas sobre a identidade do/a portador/a do carné, este/a deberá achegar documento identificativo (DNI, pasaporte ou similar) cando sexa requirido/a polo persoal das instalacións. No caso de perda ou extravío do carné comunicarase esta en recepción, tendo dereito o/a titular á emisión dun duplicado, tras o aboamento previo da taxa correspondente.
3. A cota de matrícula, a primeira mensualidade e os cursos pagaranse a través de tarxeta bancaria ou medios electrónicos. Os seguintes pagos faranse por domiciliación bancaria, con carácter mensual ao comezo de cada mes.
4. Aos/ás abonados/as que non estean ao corrente das respectivas cotas (máximo de dúas mensualidades) non se lles permitirá o acceso ás instalacións.
5. Aquelas persoas que xa foran abonados/as, causando baixa, e desexen novamente formalizar a inscrición, deberán estar ao corrente das súas cotas.
6. A condición de abonado/a dá dereito á utilización dos vestiarios, da piscina, da sauna, das salas de actividades dirixidas e a sala cardiovascular e de musculación, respectando en todo caso o aforo de cada unha delas segundo as indicación do persoal afecto ao servizo.
7. Establécense os seguintes tipos de abono:
· De mañá (dando dereito á utilización dos servizos e instalacións no horario de mañá).
· Da terceira idade (para maiores de 65 anos).
· Menores (ata 16 anos).
· Familiar.
· Familia numerosa.
· Normal individual.
8. Calquera modificación dos datos persoais ou bancarios deberá ser notificada por escrito nas oficinas de xestión da piscina antes do día 20 do mes anterior ao que desexase realizar o cambio.
9. O/a abonado/a poderá acollerse a unha baixa temporal dunha duración máxima de seis meses nos supostos seguintes: embarazo, desprazamento por estudos ou traballo e intervención cirúrxica. Para estes efectos deberá solicitalo achegando documentación xustificativa. Durante o tempo de duración da baixa aboarase unha cota de mantemento de carácter mensual, que non dará dereito á utilización das instalacións. No caso de abono familiar e familia numerosa, a prohibición de acceso durante o tempo de baixa temporal afecta a todos os membros inscritos no abono. No momento no que desexe volver á condición anterior deberá comunicalo por escrito nos oficinas de xestión no prazo ao que se refire o parágrafo anterior.
10. No caso de que a solicitude de abono non poida ser atendida por falta de aforo das instalacións a solicitude entrará nunha lista de espera que se levará rigorosamente por orde de presentación. Para tal fin levarase un libro rexistro de solicitudes. Unha vez notificada a posibilidade de admisión o/a solicitante terá o prazo de 10 días para levala a efecto, de non ser así entenderase que renuncia a ela coa conseguinte eliminación da lista.
11. En todo caso terán preferencia na adquisición da condición de abonado/a, e polo tanto na lista á que se refire o apartado anterior, os/as veciños/as do Concello de Ordes.
Artigo 5. Perda da condición de abonado/a.
1. A perda da condición de abonado/a poderá producirse:
a. A instancia de parte, debendo comunicalo por escrito antes do último día de cada mes na oficina de xestión da piscina, e achegando o carné de abonado/a.
b. De oficio: a dirección da instalación poderá dar de baixa a calquera abonado/a sempre que estea incurso/a nalgún dos supostos seguintes:
i. Falta de pagamento: os/as abonados/as que non estean ao día no pagamento das súas cotas causarán baixa automática cando non paguen dous recibos consecutivos; así mesmo, a entidade xestora poderá dar de baixa como abonados/as aos/ás que reiteradamente incorran en tardanza no aboamento das tarifas aplicables.
Entenderase, en todo caso, que existe reiteración cando esta tardanza se produza tres veces en menos de seis meses.
ii. Incumprimento das normas de utilización de cada zona da instalación ou das regras de conduta sinaladas neste regulamento e demais normativa aplicable cuxa sanción sexa a perda da dita condición.
Artigo 6. Condición de usuario/a non abonado/a.
1. Considérase usuario/a da piscina calquera persoa que, tras o pagamento previo da tarifa correspondente, utilice as instalacións deportivas da piscina.
2. A entrada libre dará dereito ao/á usuario/a á utilización do ximnasio e da piscina, nas mesmas condicións, durante o horario de funcionamento da instalación correspondente ao día de aboamento da dita entrada.
3. A utilización exclusiva ou especial de parte das instalacións unicamente dará dereito á utilización desas instalacións e nos termos sinalados na autorización.
Artigo 7. Caixa de suxestións.
Calquera usuario/a terá dereito a formular as reclamacións e suxestións que considere pertinentes. Para tal fin existirán nas oficinas de xestión unha caixa de suxestións e un libro de reclamacións á súa disposición, sen prexuízo da posibilidade da súa presentación no rexistro xeral do Concello de Ordes.
Artigo 8. Normas de funcionamento.
1. As instalacións permanecerán abertas todo o ano, salvo os peches nas instalacións necesarios para levar a cabo o mantemento ou limpeza destas, que preferentemente se farán durante o mes de agosto.
2. O Concello de Ordes, o no seu caso a empresa concesionaria do servizo, anunciará cunha antelación mínima dunha semana os peches das instalacións por motivos de limpeza, realización de labores de mantemento e renovación de auga dos vasos ou circunstancias similares.
3. Os horarios de apertura serán os seguintes:
· De luns a venres: de 08.00 a 14.00 e de 16.00 a 23.00.
· Sábados: de 08.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00.
· Domingos: de 09.30 a 14.00, excepto no mes de agosto, no que permanecerá pechada.
4. O aforo da piscina virá determinado pola superficie do vaso consonte o previsto no Decreto 119/2019, do 19 de setembro, polo que resultan os criterios técnico-sanitarios de piscinas de Galicia, da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia ou normativa que a substitúa.
5. O aforo do resto das instalacións virá determinado polo número de aparellos e das rotacións que se programen polo/a monitor/a ou encargado/a.
6. Os controis de seguridade sobre a calidade da auga do vaso deberán expoñerse en lugar visible de fácil acceso aos usuarios e usuarias.
7. Nas entradas aos vestiarios será necesaria a colocación, de maneira visible, de follas para controlar a limpeza destes. Figurará a data e hora da última limpeza coa sinatura do/a responsable desta.
Artigo 9. Dereitos dos/das usuarios/as
1. A ser tratados/as con educación e amabilidade por todo o persoal que presta servizos nas instalacións.
2. Desfrutar, de acordo coas normas de uso establecidas e as tarifas vixentes, de todos os servizos.
3. Facer uso das instalacións nos días e horarios sinalados.
4. Facer uso dos servizos e espazos complementarios como aseos, vestiarios etc, nos termos previstos neste regulamento.
5. Atopar as instalacións, o mobiliario e o material deportivo en perfectas condicións de uso.
6. Presentar as queixas, reclamacións ou suxestións que estimen convenientes.
Artigo 10. Normas de obrigado cumprimento.
1. Non se autoriza a entrada de animais nas instalacións deportivas, sen prexuízo do disposto na Lei 10/2003, do 26 de decembro, sobre o acceso ao contorno de persoas con discapacidade acompañadas de cans de asistencia, ou normativa que a substitúa ou complemente.
2. O uso das instalacións farase coa roupa e o calzado deportivo axeitados.
3. Prohíbese comer, beber e fumar nas instalacións.
4. Está prohibida a utilización das instalacións no caso de que se padeza algunha enfermidade infecto-contaxiosa.
5. Prohíbese abandonar desperdicios dentro do recinto da instalación, debendo utilizar as papeleiras ou outros recipientes destinados para o efecto.
6. Os/as usuarios/as colaborarán no bo estado de conservación e limpeza das instalacións e servizos. Impedirase e/ou denunciarase todo acto que redunde en deterioración, advertindo aos/ás empregados/as cando observen anomalías nas instalacións ou no material destas.
7. É obrigatorio o uso de chancletas ou calzado de baño persoal nas zonas de pés descalzos, incluída a ducha.
8. Prohíbese xogar con calquera tipo de obxecto nas instalacións.
9. Non se permite o nudismo.
10. Está prohibida a utilización de teléfonos móbiles nas instalacións.
11. Para facilitar a convivencia de todos/as os/as usuarios/as, non se debe correr nin berrar nas zonas compartidas con outra xente.
12. As avarías, danos ou perdas que se xeren no material ou nas instalacións como consecuencia da desaxeitada ou neglixente utilización darán lugar á responsabilidade por parte do/da seu/súa autor/a ou autores/as, que lles será esixida polo Concello de conformidade co procedemento legal ou regulamentariamente establecido, sen prexuízo da sanción administrativa que proceda.
13. Todo/a usuario/a que manifeste un comportamento contrario á normativa do presente regulamento será obrigado/a a abandonar a instalación.
Artigo 11. Uso dos vestiarios.
1. Os vestiarios deben manterse en correctas condicións hixiénicas de utilización.
2. É obrigatorio o uso de chancletas para ducharse e circular polos vestiarios.
3. Está prohibido realizar accións hixiénicas como afeitarse, depilarse ou tinguirse, así como o lavado de calquera tipo de roupa.
4. Os armarios deben deixarse baleiros despois do seu uso, para estes efectos a dirección da piscina comprobará o dito extremo diariamente e baleirará os que conteñan algunha pertenza, poñéndoa á disposición do/a usuario/a durante o prazo de dúas semanas. As chaves dos armarios non poderán saír das instalacións en ningún caso.
5. Nin o Concello de Ordes, nin no seu caso o concesionario, se fará responsable da perda ou subtracción de obxectos persoais. Aconséllase non acudir ás instalacións con obxectos de valor.
6. Os/as pais/nais ou acompañantes poderán acceder ao interior dos vestiarios nos seguintes casos:
· Un acompañante cos/as usuarios/as da escola de natación con idades ata 8 anos.
· Os/as pais/nais, ou titores/as, con fillos/as, ou tutelados/as, con algún problema físico ou psíquico que non lles permita o desenvolvemento fóra da auga.
7. Prégase non escorrer os traxes de baño nos lavabos.
8. Recoméndase utilizar os vestiarios coa maior rapidez posible.
9. Recoméndase a utilización moderada de auga na ducha, polo ben de todos/as.
Artigo 12. Uso do vaso da piscina.
1. O acceso ao vaso da piscina realizarase mediante a identificación oportuna, respectando os horarios establecidos e a instalación asignada. En calquera momento o persoal da instalación poderá requirir a presentación da identificación dos/as usuarios/as.
2. É obrigatorio ducharse antes da inmersión no vaso da piscina.
3. Respectarase en todo momento a rúa destinada a cada actividade.
4. O uso das rúas de baño libre estará sempre condicionada polo nivel de nado dos usuarios e usuarias, e disporase de liñas de nado rápido, lento e con aletas, sendo o/a socorrista a persoa encargada de indicar e distribuír aos usuarios e usuarias nas distintas liñas dispoñibles en cada momento.
5. Os/as usuarios/as deberán seguir en todo momento as indicacións dos/as socorristas.
6. Os/as menores de 12 anos estarán acompañados/as dun/dunha adulto/a durante o uso libre da instalación.
7. As persoas que non saiban nadar ou padezan algunha doenza que ocasione risco deberán notificalo na folla de inscrición e informar ao/á socorrista cada vez que entren no vaso.
8. É obrigatorio, por motivos hixiénicos, o uso de gorro de baño, e recoméndase o uso de zapatillas de baño e lentes protectoras.
9. Os/as usuarios/as deberán respectar os espazos reservados para eles/as, cando se impartan cursos na piscina.
10. É obrigatorio nadar circulando sempre pola dereita da rúa en uso.
11. A saída do vaso farase 30 minutos antes do peche da instalación.
12. O número máximo de usuarios/as no vaso será o especificado no Decreto 119/2019, do 19 de setembro, polo que resultan os criterios técnico-sanitario de piscinas de Galicia, da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia ou normativa que o complemente ou substitúa, determinado en función da superficie da lámina de auga.
13. Os/as pais/nais ou acompañantes poderán acceder ao interior da zona de baño nos seguintes casos:
· Un/unha acompañante cos/as usuarios/as da escola de natación con idades menores de 8 anos.
· Os/as pais/nais, ou titores/as, con fillos/as, ou tutelados/as, con algún problema físico ou psíquico que non lles permita o desenvolvemento fóra da auga.
14. Non está permitido:
· Entrar en zona de baño con roupa ou calzado de rúa.
· Ouriñar nin cuspir, por motivos de hixiene.
· Lanzarse á auga de cabeza, desde os laterais ou sentar nas liñas de separación. Acceder ao vaso con maquillaxes, cremas ou apósitos.
· O emprego de colchóns, flotadores, lentes de cristal, palas ou calquera outro elemento de xogo ou de risco para os usuarios e usuarias, salvo indicación do/a monitor/a en momentos puntuais. Tampouco está permitido ningún tipo de xogo ou actividade que comporte empuxar, saltar, ou calquera outro que supoña unha molestia para os demais usuarios e usuarias da instalación.
· O uso de aletas, excepto nas rúas e horarios que o/a responsable da instalación habilite para tales efectos.
15. O/a socorrista poderá obrigar a abandonar as instalacións a todas aquelas persoas que non respecten estas normas, tras advertencia previa, no caso de non acatamento destas.
Artigo 13. Uso da sauna.
1. É obrigatorio ducharse antes da entrada na sauna.
2. É obrigatorio o uso de toalla para sentar, así como zapatillas de baño ou chancletas.
3. As lentes de cristal, lentes de contacto e obxectos metálicos deben retirarse antes da entrada na sauna.
4. En todo momento deberá respectarse o aforo máximo permitido.
5. Prohíbese a manipulación dos botóns de control da sauna, así como o derrame de líquidos nas resistencias nin no interior do recinto, aínda que este estea indicado para iso.
6. Prohíbese o acceso a menores de 18 anos.
7. As persoas que padezan hipertensión, hipotensión, cardiopatías, varices ou mala circulación non deberán utilizar a sauna. En todo caso recoméndase a consulta co/a médico sobre a súa utilización.
8. Prohíbese espirse ou vestirse, afeitarse, tinguirse ou outras accións de hixiene persoal.
9. Prohíbese acceder con roupa e/ou zapatos de rúa.
10. Recoméndase un tempo de estancia máximo de entre 10 e 15 minutos a unha temperatura de entre 80 e 90 graos centígrados.
Artigo 14. Uso das salas de actividades dirixidas.
1. O acceso ás salas de actividades dirixidas realizarase mediante a oportuna identificación, respectando os horarios establecidos, o aforo da sala e a instalación asignada. En calquera momento o persoal da instalación poderá requirir a presentación da identificación aos/ás usuarios/as.
2. Non se lles permitirá a entrada nin a utilización do material a menores de 16 anos, salvo nas horas dedicadas a actividades infantís.
3. Estas salas soamente se poderán usar para a ealización de actividades con monitor/a.
4. Ao final de cada actividade deberase abandonar a sala.
5. Deberase asistir á sala co calzado axeitado, vestimenta deportiva e toalla. Non se poderá acceder á sala co mesmo calzado que se utilice para acceder desde o exterior nin con chancletas.
6. Despois do uso do material, este deberá ser colocado no seu lugar.
7. Nin o Concello de Ordes nin o concesionario do servizo, de ser o caso, se farán responsables do uso incorrecto do material deportivo, advertíndose aos/ás usuarios/as que poden ocorrer accidentes por unha inadecuada manipulación. No caso dalgunha dúbida deberase consultar co/coa monitor/a.
Artigo 15. Uso da sala cardiovascular e de musculación.
1. O acceso á sala realizarase mediante a oportuna identificación, respectando os horarios establecidos, o aforo da sala e a instalación asignada. En calquera momento o persoal da instalación poderá requirir a presentación da identificación aos/ás usuarios/as.
2. Non está permitida a entrada nin a utilización do material aos/ás menores de 16 anos.
3. As persoas con idades comprendidas entre os 16 e os 18 anos deben ter unha autorización por escrito do/a seu/súa titor/a. Recoméndase, en todo caso, a consulta previa cun médico.
4. Por motivos de hixiene, é obrigatorio o uso de toalla para a utilización dos aparatos e o secado das máquinas despois do seu uso.
5. Deberase asistir á sala co calzado axeitado e con vestimenta deportiva. Non se poderá acceder á sala co mesmo calzado que se utilice para acceder desde o exterior nin con chancletas.
6. Nos tempos de descanso o/a usuario/a deberá desaloxar a máquina ao rematar a serie para que outros poidan utilizala mentres tanto.
7. O uso das máquinas cardiovasculares está limitado a 30 minutos cada máquina.
8. Despois do uso do material, este deberá ser colocado no seu lugar.
9. Recoméndase o uso de luvas.
10. Toda persoa que utilice o material por primeira vez deberá poñerse en contacto co/coa monitor/a da sala.
11. Nin o Concello de Ordes nin o concesionario do servizo, de ser o caso, se farán responsables do uso incorrecto do material deportivo, advertíndose aos/ás usuarios/as que poden ocorrer accidentes por unha inadecuada manipulación. No caso dalgunha dúbida deberase consultar co/coa monitor/a.
12. Recoméndase o uso das duchas despois do exercicio.
Artigo 16. Cursos.
1. As persoas anotadas en cursos de natación non se introducirán na auga nin iniciarán a súa actividade ata que chegue o/a monitor/a. O mesmo será de aplicación a outros cursos respecto ás salas onde se impartan.
2. As normas de uso xeral serán tamén de aplicación aos/ás participantes nos cursos.
3. É obrigatorio seguir en todo momento as indicacións de monitores/as e socorristas.
4. Os días de non asistencia ás clases non son recuperables, mesmo cando sexa por causa de festivo.
5. As persoas que acudan aos cursos accederán á instalación como máximo 15 minutos antes do inicio do curso e permanecerán sen introducirse na auga ata a chegada do monitor/a.
6. Os pagamentos do curso aboaranse segundo o disposto na ordenanza reguladora do dito ingreso público.
7. O alumnado quedará inscrito tras satisfacer a cota de conformidade coa ordenanza fiscal reguladora e cumprir todos os trámites de inscrición, a cal non producirá efecto mentres non se cumpra con todos os requisitos establecidos.
8. No caso de límite de prazas terán preferencia de acceso a elas as persoas inscritas que figuren empadroadas no municipio de Ordes.
9. As persoas que acceden á instalación en calquera das modalidades de curso ou grupo organizados, poderán permanecer nestas soamente nos horarios definidos para os programas nos que interveñen.
Artigo 17. Infraccións
.1. Consideraranse faltas moi graves as seguintes condutas:
· A perturbación relevante e continuada da convivencia nas instalacións, que afecte de xeito grave, inmediata e directamente á tranquilidade ou ao exercicio dos dereitos lexítimos doutras persoas ou ao normal desenvolvemento das actividades que se realizan nelas, sempre que se trate de condutas non subsumibles nos tipos previstos no Capítulo V da Lei Orgánica 1/1992, de 21 de febreiro, sobre protección da seguridade cidadá.
· O impedimento total e continuado do uso do espazo público ou do servizo público por outra ou outras persoas con dereito á súa utilización.
· O impedimento total e continuado ou a grave e relevante obstrución ao normal funcionamento do servizo.
· Os actos de grave e relevante deterioración das instalacións ou elementos afectos a este servizo público.
· As accións que prexudiquen gravemente ou supoñan riscos para a saúde dos/as usuarios/as ou traballadores/as da instalación.
· A reiteración de faltas graves, entendendo por tales a comisión de máis de dúas nun mes ou máis de seis nun ano.
2. Consideraranse faltas graves as seguintes condutas:
· A perturbación da convivencia nas instalacións, que afecte dun xeito directo á tranquilidade ou ao exercicio dos dereitos lexítimos doutras persoas ou ao normal desenvolvemento das actividades que se realicen nelas.
· O impedimento do uso do espazo público ou do servizo público por outra ou outras persoas con dereito á súa utilización.
· O impedimento ou a obstrución ao normal funcionamento do servizo.
· Os actos de deterioración das instalacións ou dos elementos afectos a este servizo público.
· O incumprimento reiterado dalgunha das obrigas dos/as usuarios/as.
· O mal trato de palabra ou obra a outros/as usuarios/as ou empregados/as da instalación.
· Falsear intencionadamente os datos relativos á identidade, idade, estado de saúde etc, así como a suplantación de identidade.
· A reiteración de faltas leves, entendendo por tales a comisión de máis de dúas nun mes ou máis de seis nun ano.
3. Considerarase como falta leve calquera outra acción ou omisión que implique o incumprimento do disposto neste regulamento.
Artigo 18. Sancións
1. As faltas leves sancionaranse con multa de ata 100 euros e a perda de condición de usuario/a por un período de ata 30 días.
2. As faltas graves sancionaranse con multa de 100,01 ata 300 euros e a perda da condición de usuario/a por un período non inferior a trinta días nin superior a seis meses.
3. As faltas moi graves sancionaranse con multa de 300,01 ata 600,00 euros e a perda definitiva de condición de abonado/a.
4. Todo isto sen prexuízo da reparación dos danos que se puidesen causar nas instalacións e as responsabilidades correspondentes.
Artigo 19. Procedemento sancionador.
1. A tramitación do procedemento sancionador acomodarase ao disposto na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. En todo caso teranse en conta os principios e circunstancias sinaladas no Título XI da Lei 7/1985, de 2 de abril.
2. Os expedientes instruiraos o/a concelleiro/a responsable da área de deportes, resolvéndoos a alcaldía do Concello.
DISPOSICIÓNS ADICIONAIS
Primeira
1. O funcionamento das empresas que presten os seus servizos na piscina municipal rexerase polas condicións establecidas nos pregos de cláusulas administrativas e de prescricións técnicas que rexan o contrato, polo disposto neste regulamento, así como polo disposto nas ordenanzas reguladoras dos ingresos públicos correspondentes e demais normativa de aplicación.
2. As entidades sen ánimo de lucro/clubs deportivos que desenvolvan como actividade deportiva a natación, tras a solicitude e autorización municipal previas, poderán utilizar a piscina, correspondendo a estas o control da orde no recinto, tanto na zona do vaso como nos vestiarios, así como a responsabilidade do bo uso das instalacións.
Segunda
Para o non previsto neste regulamento rexerase o disposto na normativa local relativa aos seus servizos, o disposto no Real Decreto 742/2013, do 27 de setembro, polo que se establecen os criterios técnico-sanitarios das piscinas e no Decreto 119/2019, do 19 de setembro, polo que se regulan os criterios hixiénico-sanitarios das piscinas de Galicia, as súas modificacións, así como a demais normativa concorrente vixente na materia.
Terceira
A interpretación das normas deste regulamento corresponde á alcaldía-presidencia, tras o informe previo da Secretaría Municipal.
DISPOSICIÓN FINAL
Este regulamento, que consta de 19 artigos, 3 disposicións adicionais e unha disposición final, foi aprobado polo Pleno Corporativo en sesión que tivo lugar o 30 de maio de 2006, , e entrará en vigor unha vez transcorra o prazo sinalado no artigo 65,2, por remisión do art. 70.2 , da Lei 7/1985, de 2 de abril, tras a publicación íntegra do seu texto no BOP.
Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios
O regulamento dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto ao que se refiren os artigos 70.2 e 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:
Artigo 70.2: ¿¿..Las ordenanzas,
incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los
acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de
los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no
entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya
transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas
fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en
Artigo 65.2: ¿El
requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime
vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la
recepción de la comunicación del acuerdo."
Ó no ter coñecemento da
fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia
Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo
de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.