Ordes - REGULAMENTO DA PISCINA CLIMATIZADA MUNICIPAL IVÁN RAÑA FUENTES
Artigo 1. Obxecto.
1- O presente regulamento ten por obxecto regular o funcionamento e réxime de utilización da piscina climatizada municipal "Iván Raña Fuentes" e os seus servizos anexos, no marco das disposicións sectoriais aplicables.
2- O servizo prestarase en calquera das modalidades previstas na lexislación vixente de conformidade coa modalidade que en cada momento se determina polo Pleno Corporativo.
Artigo 2. Ámbito de aplicación.
1- O eido obxectivo do presente regulamento está constituído polo conxunto de instalacións integrantes ou anexas á piscina cuberta climatizada de titularidade municipal que aparezan inscritas como tales no Inventario de bens deste Concello, ou que de feito se destinen á prestación do servizo.
As instalacións definidas son bens de dominio público afectadas ao servizo público do deporte. Tamén o son os bens mobles incorporados de xeito permanente ás mesmas.
2- O seu ámbito subxectivo abarcará a toda aquela persoa que, mediante o pagamento dunha contraprestación de carácter público asuma unha relación especial co Concello, adquirindo o dereito ao uso das instalacións ou á explotación das mesmas de conformidade e co cumprimento dos deberes establecidos no presente regulamento.
Artigo 3. Acceso ás instalacións.
1- Tódolos/as cidadáns/ás teñen dereito de acceso á piscina e ao resto das instalacións en condicións de igualdade, coas limitacións e requisitos establecidos neste regulamento e á normativa aplicable ás piscinas de uso público, se prexuízo do dereito da entidade xestora para, co visto e prace da dirección, restrinxir ou suspender, para períodos puntuais, o acceso á condición de abonado ou á mesma instalación, cando circunstancias de salubridade, hixiene ou superación de capacidade real das instalacións o fagan necesario para manter a calidade na prestación do servizo.
2.- O acceso á piscina municipal, así como ao resto das instalacións, poderá realizarse mediante os seguintes procedementos:
a) Mediante a posesión do carné de aboado/a nas súas diferentes modalidades.
b) Mediante a adquisición puntual de entradas.
c) Mediante calquera outro título habilitante, cal pode ser a utilización exclusiva ou especial de parte das instalacións para unha actividade concreta.
3.- Para acceder ás instalacións e asistir ás correspondentes actividades será imprescindible a presentación do carné de aboado/a ou ben o pagamento da tarifa correspondente.
Artigo 4. Adquisición da condición de aboado/a.
1- Para adquirir a condición de aboado/a será necesario:
a) Cubrir o boletín de inscrición.
b) Fotocopia do D.N.I. do titular.
c) Fotocopia do libro de familia (no caso de abono familiar).
d) Achegar 2 fotos carné.
e) Aboar o importe correspondente á cota de entrada sinalada na correspondente ordenanza fiscal.
En todo caso terán a condición de aboado/a todos os que á entrada deste regulamente ostenten a dita condición.
2- Unha vez formalizada a inscrición entregaráselle a cada aboado/a un carné, que terá carácter persoal e intransferible. No caso de dúbidas sobre a identidade do portador/a do carné, este/a deberá achegar documento identificativo (DNI, pasaporte ou similar) cando sexa requirido/a polo persoal das instalacións. No caso de perda ou extravío do carné comunicarase esta en recepción, tendo dereito o/a titular á emisión dun duplicado, previo abono da taxa correspondente.
3- A cota de matrícula, a primeira mensualidade e os cursos pagaranse en efectivo. Os seguintes pagos faranse por domiciliación bancaria, con carácter mensual ao comezo de cada mes. Poderase, non obstante, facer o pago en efectivo, anticipadamente, con carácter semestral.
4- Aos/Ás aboados/as que non estean ao corrente das respectivas cotas non se lles permitirá o acceso ás instalacións.
5- Aquelas persoas que xa foran aboados/as, causando baixa, e desexen novamente formalizar a inscrición, deberán estar ao corrente das súas cotas.
6- A condición de aboado/a da dereito á utilización dos vestiarios, da piscina, da sauna, da sala de aeróbic e a sala cardiovascular e de musculación, respectando en todo caso o aforo de cada unha delas segundo as indicación do persoal afecto ao servizo.
7- Establécense os seguintes tipos de abono:
- De mañá (dando dereito á utilización dos servizos e instalacións no horario de mañá).
- Da terceira idade (para maiores de 65 anos).
- Menores (ata 16 anos).
- Familiar.
- Familia numerosa.
- Normal individual.
8- Calquera modificación dos datos persoais ou bancarios deberá ser notificada por escrito nas oficinas de xestión da piscina antes do día 20 do mes anterior ao que desexase realizar o cambio.
9- O/a aboado/a poderá acollerse a unha baixa temporal dunha duración máxima de seis meses nos supostos seguintes: embarazo, desprazamento por estudios ou traballo e intervención cirúrxica. A estes efectos deberá solicitalo achegando documentación xustificativa. Durante o tempo de duración da baixa aboarase unha cota de mantemento de carácter mensual, que non dará dereito á utilización das instalacións. No caso de abono familiar e familia numerosa, a prohibición de acceso durante o tempo de baixa temporal afecta a todos os membros inscritos no abono. No momento no que desexe volver á condición anterior deberá comunicalo por escrito nos oficinas de xestión no prazo ao que refírese o parágrafo anterior.
10- No caso de que a solicitude de abono non poida ser atendida por falta de aforo das instalacións a solicitude entrará nunha lista de espera que levarase rigorosamente por orde de presentación. A tal fin levarase un libro rexistro de solicitudes. Unha vez notificada a posibilidade de admisión o/a solicitante terá o prazo de 10 días para levala a efecto, de non ser así entenderase que renuncia á mesma coa conseguinte eliminación da lista.
11- En todo caso terán preferencia na adquisición da condición de aboado/a, e polo tanto na lista a que refírese o apartado anterior, os/as veciños/as do Concello de Ordes.
Artigo 5. Perda da condición de aboado/a.
A perda da condición de aboado/a poderá producirse:
a) A instancia de parte, debendo comunicalo por escrito antes do último día de cada mes na oficina de xestión da piscina, e achegando o carné de aboado/a.
b) De oficio: a dirección da instalación poderá dar de baixa a calquera aboado/a sempre que estea incurso en algún dos supostos seguintes:
1- Falta de pagamento: os/as aboados/as que non estean ao día no pagamento das súas cotas causarán baixa automática cando non paguen dous recibos consecutivos; así mesmo, a entidade xestora poderá dar de baixa como aboados/as aos que reiteradamente incorran en tardanza no aboamento das tarifas aplicables. Entenderase, en todo caso, que existe reiteración cando esta tardanza se produza tres veces en menos de seis meses.
2- Incumprimento das normas de utilización de cada zona da instalación ou das regras de conduta sinaladas neste regulamento e demais normativa aplicable cuxa sanción sexa a perda da dita condición.
Artigo 6. Condición de usuario/a non aboado/a.
1.- Considérase usuario/a da piscina calquera persoa que, previo pagamento da tarifa correspondente, utilice as instalacións deportivas da piscina.
2.- A entrada libre dará dereito ao/á usuario/a á utilización das mesmas instalacións descritas para o caso dos/das aboados/as, e nas mesmas condicións, durante o horario de funcionamento da instalación correspondente ao día de aboamento da dita entrada.
3.- A utilización exclusiva ou especial de parte das instalacións unicamente dará dereito á utilización desas instalacións e nos termos sinalados na autorización.
Artigo 8. Normas de funcionamento.
Artigo 7. Caixa de suxestións.
Calquera usuario/a terá dereito a formular as reclamacións e suxestións que considere pertinentes. Para tal fin existirán nas oficinas de xestión unha caixa de suxestións e un libro de reclamacións á súa disposición, sen prexuízo da posibilidade da súa presentación no rexistro xeral do Concello de Ordes.
Artigo 8. Normas de funcionamento.
1- As instalacións permanecerán abertas todo o ano, salvo os peches nas instalacións necesarios para levar a cabo o mantemento ou limpeza das mesmas.
2- O Concello de Ordes, o no seu caso a empresa concesionaria do servizo, anunciará cunha antelación mínima dunha semana os peches das instalacións por motivos de limpeza, realización de labores de mantemento e renovación de auga dos vasos ou circunstancias similares.
3.-Os horarios de apertura serán os seguintes:
- De luns a venres: de 08.00 a 14.00 e de 16.00 a 23.00.
- Sábados: de 08.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00.
- Domingos: de 09.30 a 14.00, excepto no mes de agosto, no que permanecerá pechada.
4- O aforo da piscina virá determinado pola superficie do vaso consonte ao previsto no Decreto 103/2005, do 6 de maio, polo que se establece o Regulamento técnico-sanitario de piscinas de uso colectivo, da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia ou normativa que a substitúa.
5- O aforo do resto das instalacións virá determinado polo número de aparellos e das rotacións que se programen polo/a monitor/a ou encargado/a.
Artigo 9. Dereitos dos/das usuarios/as.
1- A ser tratados con educación e amabilidade por todo o persoal que presta servizos nas instalacións.
2- Disfrutar, de acordo coas normas de uso establecidas e ás tarifas vixentes, de todos os servizos.
3- Facer uso das instalacións nos días e horarios sinalados.
4- Facer uso dos servizos e espazos complementarios como aseos, vestiarios, etc, nos termos previstos neste regulamento.
5- Atopar as instalacións, o mobiliario e o material deportivo en perfectas condicións de uso.
6- Presentar as queixas, reclamacións ou suxerencias que estimen convintes.
Artigo 10. Normas de obrigado cumprimento.
1- Non se autoriza a entrada de animais nas instalacións deportivas, sen prexuízo do disposto na Lei 2/2003, do 26 de decembro, sobre o acceso ao entorno de persoas con discapacidade acompañadas de cans de asistencia, ou normativa que a substitúa ou complemente.
2- O uso das instalacións farase coa roupa e o calzado deportivo axeitados.
3- Prohíbese comer, beber e fumar nas instalacións.
4- Está prohibida a utilización das instalacións no caso de que se padeza algunha enfermidade infectocontaxiosa.
5- Prohíbese abandonar desperdicios dentro do recinto da instalación, debendo utilizar as papeleiras ou outros recipientes destinados ao efecto.
6- Os/as usuarios/as colaborarán no bo estado de conservación e limpeza das instalacións e servizos. Impedirase e/ou denunciarase todo acto que redunde en deterioro, advertindo aos/ás empregados/as cando observen anomalías nas instalacións ou no material destas.
7- É obrigatorio o uso de chancletas ou calzado de baño persoal nas zoas de pes descalzos, incluída a ducha.
8- Prohíbese xogar con calquera tipo de obxecto nas instalacións.
9- Non se permite o nudismo.
10- Está prohibida a utilización de teléfonos móbiles nas instalacións.
11- Para facilitar a convivencia de todos/as os/as usuarios/as, non se debe correr nin berrar nas zonas compartidas con outra xente.
12- As avarías, danos ou perdas que se xeren no material ou nas instalacións como consecuencia da desaxeitada ou neglixente utilización darán lugar á responsabilidade por parte do/da seu/súa autor/a ou autores/as, que lles será esixida polo Concello de conformidade co procedemento legal ou regulamentariamente establecido, sen prexuízo da sanción administrativa que proceda.
13- Todo usuario/a que manifeste un comportamento contrario á normativa do presente regulamento será obrigado/a a abandonar a instalación.
Artigo 11. Uso dos vestiarios.
1. Os vestiarios deben manterse en correctas condicións hixiénicas de utilización.
2. É obrigatorio o uso de chancletas para ducharse e circular polos vestiarios.
3. Está prohibido realizar accións hixiénicas como afeitarse, depilarse ou tinguirse, así como o lavado de calquera tipo de roupa.
4. Os armarios deben deixarse baleiros despois do seu uso, a estes efectos a dirección da piscina comprobará o dito extremo diariamente e baleirará os que conteñan algunha pertenza, poñéndoa a disposición do usuario durante o prazo de dúas semanas. As chaves dos armarios non poderán saír das instalacións en ningún caso.
5. Nin Concello de Ordes, nin no seu caso o concesionario, se fará responsable da perda ou substracción de obxectos persoais, aconséllase non acudir ás instalacións con obxectos de valor.
6. Os/as pais/nais ou acompañantes poderán acceder ao interior dos vestiarios nos seguintes casos:
- Un acompañante cos/as usuarios/as da escola de natación con idades comprendidas entre 3 e 7 anos.
- Un acompañante cos/as usuarios/as da escola de natación con máis de 7 anos, no primeiro día de curso.
- Os/as pais/nais, ou titores/as, con fillos/as, ou tutelados/as, con algún problema físico ou psíquico que non lle permita o desenvolvemento fóra da auga
7. Prégase non escorrer os traxes de baño nos lavabos.
8. Recoméndase utilizar os vestiarios coa maior rapidez posible.
9. Recoméndase a utilización moderada de auga na ducha, polo ben de todos/as.
Artigo 12. Uso do vaso da piscina.
1. O acceso ao vaso da piscina realizarase mediante a identificación oportuna, respectando os horarios establecidos e á instalación asignada. En calquera momento o persoal da instalación poderá requirir a presentación da identificación dos/as usuarios/as.
2. É obrigatorio ducharse antes da inmersión no vaso da piscina.
3. Respectarase en todo momento a rúa destinada a cada actividade.
4. Os/as usuarios/as deberán seguir en todo momento as indicacións dos/as socorristas.
5. Os/as menores de 12 anos estarán acompañados dun/dunha adulto/a durante o uso libre da instalación.
6. As persoas que non saiban nadar ou padezan algunha doenza que conleve risco deberán notificalo na folla de inscrición e informar ao/á socorrista cada vez que entren no vaso.
7. É obrigatorio, por motivos hixiénicos, o uso de gorro de baño, e recoméndase o uso de zapatillas de baño e lentes protectoras.
8. Os/as usuarios/as deberán respectar os espazos reservados para eles/as, cando se impartan cursos na piscina.
9. É obrigatorio nadar circulando sempre pola dereita da rúa en uso.
10. O número máximo de usuarios/as no vaso será o especificado no Decreto 103/2005, do 6 de maio, que establece a regulamentación técnico sanitaria de piscinas de uso colectivo, ou normativa que o complemente ou substitúa, determinado en función da superficie da lámina de auga.
11. Os/as pais/nais ou acompañantes poderán acceder ao interior da zona de baño nos seguintes casos:
- Un/unha acompañante cos/as usuarios/as da escola de natación con idades comprendidas entre 3 e 7 anos.
- Un/unha acompañante cos/as usuarios/as da escola de natación con máis de 7 anos, no primeiro día de curso.
- Os/as pais/nais, ou titores/as, con fillos/as, ou tutelados/as, con algún problema físico ou psíquico que non lle permita o desenvolvemento fóra da auga
12. Non está permitido:
- Entrar en zona de baño con roupa ou calzado de rúa.
- Ouriñar nin cuspir, por motivos de hixiene.
- Lanzarse á auga de cabeza, desde os laterais ou sentarse nas corticeiras. Acceder ao vaso con maquillaxes, cremas ou apósitos.
- O emprego de colchóns, flotadores, aletas, gafas de cristal ou calquera outro elemento de xogo ou de risco para os usuarios, salvo indicación do monitor en momentos puntuais. Tampouco está permitido ningún tipo de xogo ou actividade que comporte empuxar, saltar, etc.
13. O/a socorrista poderá obrigar a abandonar as instalacións a todas aquelas persoas que non respecten estas normas.
Artigo 13. Uso da sauna.
1. É obrigatorio ducharse antes da entrada na sauna.
2. É obrigatorio o uso de toalla para sentarse, así como zapatillas de baño ou chanclas.
3. As gafas, lentes de contacto e obxectos metálicos deben retirarse antes da entrada na sauna.
4. En todo momento deberá respectarse o aforo máximo permitido.
5. Prohíbese a manipulación dos botóns de control da sauna, así como o derrame de líquidos nas resistencias nin no interior do recinto, aínda que este estea indicado para elo.
6. Prohíbese o acceso a menores de 18 anos.
7. As persoas que padezan hipertensión, hipotensión, cardiopatías, varices ou mala circulación non deberán utilizar a sauna. En todo caso recoméndase a consulta co/a médico sobre a súa utilización.
8. Prohíbese espirse ou vestirse, afeitarse, tinguirse, etc. ou outras accións de hixiene persoal.
9. Prohíbese acceder con roupa e/ou zapatos de rúa.
10. Recoméndase un tempo de estancia máximo de entre 10 e 15 minutos a unha temperatura de entre 80 e 90 graos centígrados.
Artigo 14. Uso da sala de aeróbic.
1. O acceso á sala de aeróbic realizarase mediante a oportuna identificación, respectando os horarios establecidos, o aforo da sala e a instalación asignada. En calquera momento o persoal da instalación poderá requirir a presentación da identificación aos/ás usuarios/as.
2. Non se lles permitirá a entrada nin a utilización do material a menores de 16 anos, salvo nas horas dedicadas a aeróbic infantil.
3. Deberase asistir á sala co calzado axeitado e con vestimenta deportiva. Non se poderá acceder á sala co mesmo calzado que se utilice para acceder desde o exterior nin con chancletas.
4. Despois do uso do material, este deberá ser colocado no seu lugar.
5. Nin o Concello de Ordes nin o concesionario do servizo, de ser o caso, se farán responsables do uso incorrecto do material deportivo, advertíndose aos/ás usuarios/as que poden ocorrer accidentes por unha inadecuada manipulación. No caso de algunha dúbida prégase consulten co/coa monitor/a.
Artigo 15. Uso da sala cardiovascular e de musculamento.
1. O acceso á sala realizarase mediante a oportuna identificación, respectando os horarios establecidos, o aforo da sala e a instalación asignada. En calquera momento o persoal da instalación poderá requirir a presentación da identificación aos/ás usuarios/as.
2. Non está permitida a entrada nin a utilización do material aos menores de 16 anos.
3. As persoas con idades comprendidas entre os 16 e os 18 anos deben ter unha autorización por escrito do seu titor. Recoméndase, en todo caso, a consulta previa cun médico.
4. Por motivos de hixiene, é obrigatorio o uso de toalla para a utilización dos aparatos e a seca das máquinas despois do seu uso.
5. Deberase asistir á sala co calzado axeitado e con vestimenta deportiva. Non se poderá acceder á sala co mesmo calzado que se utilice para acceder desde o exterior nin con chancletas.
6. Nos tempos de descanso o/a usuario/a deberá desaloxar a máquina ao rematar a serie para que outros poidan utilizala mentras tanto.
7. O uso das máquinas cardiovasculares está limitado a 30 minutos cada máquina.
8. Despois do uso do material, este deberá ser colocado no seu lugar.
9. Recoméndase o uso de luvas.
10. Toda persoa que utilice o material por primeira vez deberá poñerse en contacto co/cao monitor/a da sala.
11. Nin o Concello de Ordes nin o concesionario do servizo, de ser o caso, se farán responsables do uso incorrecto do material deportivo, advertíndose aos/ás usuarios/as que poden ocorrer accidentes por unha inadecuada manipulación. No caso de algunha dúbida prégase consulten co/coa monitor/a.
12. Recoméndase o uso das duchas despois do exercicio.
Artigo 16. Cursos.
1. As persoas anotadas en cursos de natación non se introducirán na auga nin iniciarán a súa actividade ata que chegue o/a monitor/a. O mesmo será de aplicación a outros cursos respecto ás salas onde se impartan.
2. As normas de uso xeral serán tamén de aplicación aos/ás participantes nos cursos.
3. É obrigatorio seguir as indicacións de monitores/as e socorristas.
4. Os días de non asistencia ás clases non son recuperables, mesmo cando sexa por causa de festivo.
5. Os pagamentos do curso aboaranse segundo o disposto na ordenanza reguladora do dito ingreso público.
Artigo 17. Infraccións.
1. Consideraranse faltas moi graves as seguintes condutas:
- A perturbación relevante e continuada da convivencia nas instalacións, que afecte de xeito grave, inmediata e directamente á tranquilidade ou ao exercicio dos dereitos lexítimos doutras persoas ou ao normal desenvolvemento das actividades que se realizan nelas, sempre que se trate de condutas non subsumibles nos tipos previstos no Capítulo IV da Lei Orgánica1/1992, de 21 de febreiro, sobre protección da seguridade cidadá.
- O impedimento total e continuado do uso do espazo público ou do servizo público por outra ou outras persoas con dereito á súa utilización.
- O impedimento total e continuado ou a grave e relevante obstrución ao normal funcionamento do servizo.
- Os actos de grave e relevante deterioro das instalacións ou elementos afectos a este servizo público.
- As accións que prexudiquen gravemente ou supoñan riscos para a saúde dos/as usuarios/as ou traballadores/as da instalación.
- A reiteración de faltas graves, entendendo por tal a comisión de máis de dúas nun mes ou máis de seis nun ano.
2. Consideraranse faltas graves as seguintes condutas:
- A perturbación da convivencia nas instalacións, que afecte dun xeito directo á tranquilidade ou ao exercicio dos dereitos lexítimos doutras persoas ou ao normal desenvolvemento das actividades que se realicen nelas.
- O impedimento do uso do espazo público ou do servizo público por outra ou outras persoas con dereito á súa utilización.
- O impedimento ou a obstrución ao normal funcionamento do servizo.
- Os actos de deterioro das instalacións ou dos elementos afectos a este servizo público.
- O incumprimento reiterado dalgunha das obrigas dos/as usuarios/as.
- O mal trato de palabra ou obra a outros/as usuarios/as ou empregados/as da instalación.
- O falsear intencionadamente os datos relativos á identidade, idade, estado de saúde, etc, así como a suplantación de identidade.
- A reiteración de faltas leves, entendendo por tal a comisión de máis de dúas nun mes ou máis de seis nun ano.
3. Considerarase como falta leve calquera outra acción ou omisión que implique o incumprimento do disposto neste regulamento.
Artigo 18. Sancións.
1. As faltas leves sancionaranse con multa de ata 100 euros e a perda de condición de usuario/a por un período de ata 30 días.
2. As faltas graves sancionaranse con multa de 100,01 ata 300 euros e a perda da condición de usuario/a por un período non inferior a trinta días nin superior a seis meses.
3. As faltas moi graves sancionaranse con multa de 300,01 ata 600,00 euros e a perda definitiva de condición de aboado/a.
Todo isto sen prexuízo da reparación dos danos que se puidesen ter causado nas instalacións e as responsabilidades correspondentes.
Artigo 19. Procedemento sancionador
A tramitación do procedemento sancionador acomodarase ao disposto no Real decreto 1398/1993, de 4 de agosto, polo que se aproba o regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora. En todo caso teranse en conta os principios e circunstancias sinaladas no Título IX da Lei 30/1992, de 26 de novembro, e no Título XI da Lei 7/1985, de 2 de abril.
Os expedientes instruiranse polo Concelleiro responsable da área de deportes, resolvéndose pola Alcaldía do Concello.
DISPOSICIÓNS ADICIONAIS
Primeira
O funcionamento das empresas que presten os seus servizos na piscina municipal rexerase polas condicións establecidas nos pregos de cláusulas administrativas e de prescricións técnicas, polo disposto neste regulamento, polo disposto nas ordenanzas reguladoras dos ingresos públicos correspondentes e demais normativa de aplicación.
Segunda
Para o non previsto neste regulamento estarase ao disposto na normativa local relativa aos seus servizos, ao disposto no Decreto 103/2005, do 6 de maio, polo que se establece o Regulamento técnico-sanitario de piscinas de uso colectivo, as súas modificacións, así como a demais normativa concorrente vixente na materia.
Terceira
A interpretación das normas deste regulamento corresponde á Alcaldía-presidencia, previo informe da Secretaría Municipal.
DISPOSICIÓN FINAL
Este Regulamento, que consta de 19 artigos, tres disposicións adicionais e unha final, foi aprobado polo Pleno Corporativo en sesión celebrada o 30 de maio de 2006, e entrará en vigor unha vez transcorra o prazo sinalado no artigo 65.2, por remisión do 70.2, da Lei 7/1985, de 2 de abril, trala súa publicación íntegra do seu texto no BOP.