Laracha A - ORDENANZA REGULADORA DO PROGRAMA HARMONIZA: CONCILIANDO NA LARACHA

Publicación provisional: 31/03/2022 BOP Nº: 62
Publicación definitiva: 16/06/2022 BOP Nº: 114
Aplicable dende: 18/01/2023

1.- Obxecto.

1.- O Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha é unha medida de conciliación da vida persoal, familiar e laboral que inclúe a acollida, coidado, vixilancia, organización de actividades e almorzo no período que comprende o curso escolar e as vacacións escolares.

2.- O proxecto ten como obxectivo principal responder ás necesidades das familias derivadas das dificultades que presentan para poder compatibilizar os seus horarios laborais cos horarios escolares e en período de vacacións das súas fillas e fillos, garantindo a atención das crianzas por persoal cualificado antes do inicio do horario escolar e durante o período de vacacións escolares, onde realizan actividades lúdicas e educativas e teñen a posibilidade de recibir un almorzo equilibrado.

2.- Prestación do servizo.

1.- O servizo prestarase de luns a venres, durante o curso escolar, nos centros de educación infantil e primaria do municipio da Laracha:

- CEIP Otero Pedrayo.

- CEIP Alfredo Brañas.

- CEIP de Caión.

2.- O horario de prestación do servizo durante o curso escolar será desde as 7:00 horas, coa apertura do centro educativo, e rematará co comezo do horario escolar establecido en cada centro. Podendo establecerse, dentro deste horario, diferentes quendas de entrada.

3.- Prestarase o servizo en horario de 7:00 a 14:00 durante os períodos de vacacións escolares (Nadal, Entroido, Semana Santa e Verán), previa solicitude.

4.- Para a posta en marcha do servizo durante as vacacións escolares é necesario contar con un número de alumnado como mínimo de 10, na modalidade de usuarias/os fixas/os. Así mesmo, para poder levar a cabo o servizo baixo a modalidade con almorzo establecese un mínimo de 10 usuarias/os fixas/os con almorzo.

5.- O número de alumnado por grupo en cada centro educativo durante o período escolar será de 15 como mínimo no CEIP Otero Pedrayo, 10 no CEIP Alfredo Brañas e 6 no CEIP de Caión, na modalidade de usuaria/o fixa/o.

6.- O número máximo de prazas dispoñibles para cada centro educativo durante o curso escolar e na etapa das vacacións escolares queda establecido do seguinte xeito:

- CEIP Otero Pedrayo: 120 prazas

- CEIP Alfredo Brañas: 35 prazas

- CEIP Caión: 20 prazas.

- Período de vacacións escolares: 120 prazas.

Este número de prazas podería variar segundo a normativa vixente en cada momento, neste caso o número de prazas máximo deberá axustarse a mesma.

7.- O Concello resérvase o dereito a anular a posta en marcha do servizo se non se supera o número mínimo de usuarias/os.

3.- Servizos que comprende:

1.- Servizo de acollida, coidado e vixilancia das nenas e nenos participantes e organización de actividades. Tarefas:

- Apertura dos centros educativos ás 7:00 ou en período vacacional ás 8:00

- Recepción e control da chegada das crianzas ás instalacións onde se leva a cabo o Programa.

- Vixilancia e protección das crianzas antes do inicio das clases, segundo o horario establecido para cada centro educativo, así como durante as vacacións escolares.

- Realización de actividades sobre hábitos sociais, educación para a saúde, educación para a convivencia, educación para a igualdade, coeducación, actividades motrices, animación á lectura e outras dentro da programación que se determine.

2.- Servizo de almorzo.

3.- Persoal:

a) Monitorado coas seguintes ratios:

- Dúas persoas monitoras por cada grupo de ata 26 alumnas/os.

- Tres monitoras/es por cada grupo de 27 a 40 alumnas/os.

- Catro monitoras/es por cada grupo de 41 a 65 alumnas/os

A ratio de monitorado podería variar segundo a normativa vixente en cada momento, neste caso a prestación do servizo deberá axustarse a mesma.

Todo o monitorado deberá contar con titulación mínima de Monitor/a de Tempo Libre ou similar, e posuír o carné de manipulador/a de alimentos.

O monitorado atenderán ao alumnado e deberán garantir os hábitos de hixiene e facerlles un seguimento especial ás nenas e nenos de menor idade ou con dificultades; ademais deberán realizar actividades de lecer, tempo libre e educativas. Tamén deixarán limpo o local destinado ao servizo así como os espazos que ceda o centro para a realización das actividades complementarias. Serán o vínculo entre o alumnado e as nais/ pais, titoras/ titores ou representantes legais.

b) Camareiras/os coas seguintes ratios.

- Unha/un por cada grupo de 15 a 35.

- Dúas/dous por cada grupo de 36 a 71.

As/os camareiras/os estarán a maiores do monitorado, sempre e cando haxa o número mínimo de solicitantes con almorzo para poñelo en marcha.

As/os camareiras/os deberán estar en posesión do carné de manipuladora ou manipulador de alimentos.

c) Unha persoa coordinadora do programa.

- Deberá ter a mesma titulación (como mínimo) que a esixida ao monitorado.

- Deberá coordinar ao monitorado, polo que rotará polas instalacións onde se leve a cabo o programa e manterá reunións periódicas co persoal municipal.

No suposto de ter alumnado con necesidades educativas especiais ou diversidade funcional e como consecuencia dunha valoración técnica municipal, existirá unha monitora ou monitor de apoio especializada/o. Non entanto, a integración de crianzas con diversidade funcional estará supeditado para cada curso escolar á existencia de persoal cualificado e en número suficiente. Aínda así, solicitarase informe médico que acredite o nivel de autonomía e así poder valorar a posibilidade de integralo no programa.

4.- Modalidade de usuarias/os.

a) Usuaria/o fixa/o: Corresponde a aquel alumnado que se matricula no servizo durante todo o curso escolar e/ou período de vacacións ben sexa en mes completo ou días soltos. Pódese dar de alta no momento da matrícula ou, de haber prazas vacantes, con posterioridade. Para cursar a baixa, alta ou modificación da modalidade no servizo deberá ser notificada por escrito nas oficinas municipais antes do día 22 do mes anterior.

b) Usuaria/o ocasional: Corresponde a aquel alumnado que, habendo prazas dispoñibles, desexe utilizar o servizo ocasionalmente, previa matrícula no concello. Os usos ocasionais deberán comunicarse previamente pola persoa solicitante ao concello da Laracha polo menos con 24 horas de antelación, sen prexuízo da utilización do servizo sen aviso previo naqueles casos debidamente xustificados pola familia.

5.- Requisitos das persoas beneficiarias:

Estar matriculadas nun centro escolar de Educación Infantil e Primaria do concello da Laracha no que se poña en funcionamento o servizo durante o curso escolar. Así mesmo, durante as vacacións escolares deberán estar empadroadas no Concello da Laracha.

6.- Tramitación de acceso ao servizo.

1.- O servizo será prestado polo concello da Laracha a instancia das persoas interesadas.

2.- A solicitude de admisión realizarase no concello da Laracha no período de inscrición.

3.- Prazo de inscrición: para a inscrición durante o curso escolar desde o inicio do período de inscrición que se estableza para os centros educativos ata o 31 de agosto. Para a inscrición nas vacacións escolares o prazo rematará unha semana antes do inicio das mesmas.

Para tal efecto, rematado o prazo de recepción de solicitudes procederase ao exame da documentación presentada e no suposto de que se presentasen máis solicitudes que prazas, a selección das crianzas participantes efectuarase en función das necesidades de conciliación, mediante o que se avaliarán en primeiro lugar as circunstancias laborais da unidade familiar, e a continuación, outras situacións socio-familiares e persoais que precisen dunha medida de apoio á conciliación da vida persoal, familiar e laboral, avaladas mediante informe do departamento de servizos sociais.

No obstante poderán presentarse solicitudes con posterioridade, durante a duración do curso escolar ou vacacións, tendo en conta que, no suposto de que o grupo xa contara co máximo de alumnado, a persoa solicitante sería incluída na lista de espera.

4.- As persoas usuarias poderán acollerse á redución do prezo das cotas fixadas en concepto de prezos públicos segundo o baremo establecido no anexo I, mediante os que se avaliará a situación socio-familiar e económica.

5.- As solicitudes poderán presentarse na Sede Electrónica do Concello da Laracha ou ben presencialmente no Rexistro Xeral do Concello, segundo o modelo establecido, achegando a seguinte documentación:

a) Libro de familia.

b) DNI dos proxenitores, titora/titor ou representantes legais

c) Aquelas crianzas usuarias que teñan problemas alimentarios ou outros que sexa necesario ter coñecemento dos mesmos por parte do Concello da Laracha, achegarán informe médico onde se recollan.

d) Certificado de discapacidade da crianza participante e informe médico, se é o caso.

e) Vida laboral do nai, pai, titora/titor legal ou representantes legais.

f) Informe do departamento de servizos sociais, se procede

g) Informe de empresa do horario laboral dos proxenitores, titora/titor ou representantes legais.

Aquelas persoas usuarias que se acollan á redución nos prezos establecidos deberán achegar ademais a seguinte documentación, segundo o caso:

h) Título de familia numerosa, de ser o caso.

i) Sentenza de separación, divorcio ou viuvez, de ser o caso

j) Xustificación de ingresos económicos. Autorización asinada para que o concello solicite os datos da renda á Axencia Tributaria segundo modelo normalizado, xunto coas nómina da empresa liquidadas no ano que corresponda coa data da solicitude.

k) Certificado de monoparentalidade.

l) Acreditación da condición de vítima de violencia de xénero, se procede, mediante algún dos documentos seguintes:

1º Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, testemuño ou copia autenticada pola secretaría xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

2º Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia de xénero

3º Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente en que conste a existencia dos ditos indicios.

4º Acreditación da situación de violencia de xénero polas entidades ou organismos acreditados segundo Resolución do 2 de decembro de 2021, da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, pola que se publica o Acordo da Conferencia Sectorial de Igualdade, de 11 de novembro de 2021, relativo á acreditación das situacións de violencia de xénero.

m) Outra documentación, se procede, nos que consten incidencias familiares, económicas e sociais que puntúen no baremo.

7.- Comisión de baremación

A todas as solicitudes recibidas aplicaráselles un procedemento de estimación. Para tal fin constituirase unha comisión de seguimento composta por:

- A Concelleira de Servizos Sociais, Sanidade, Igualdade, Emprego e Promoción Económica

- Unha técnica do departamento de Servizos Sociais.

- A técnica responsable do Programa Harmoniza.

Os acordos tomaranse por maioría simple. Terán preferencia na adxudicación de praza as persoas usuarias fixas.

8.- Cotas.

1.- As cotas fixadas en concepto de prezos públicos, valoradas en función dos custos dos servizos recibidos, serán as que se determinen con arranxo á Ordenanza reguladora de prezos públicos para este servizo, que distinguirá:

A.- Usuarias/os fixas/os:

a) Con utilización do servizo mes completo:

Servizo con almorzo

Servizo sen almorzo

b) Con utilización do servizo por días soltos

Servizo con almorzo

Servizo sen almorzo

B.- Usuarias/os ocasionais:

Servizo con almorzo

Servizo sen almorzo

2.- Sobre as cotas fixadas en concepto de prezos públicos, as persoas usuarias deberán aboar as seguintes porcentaxes segundo o seguinte:

- Nº de usuarias/os do servizo ata 25 alumnas/os: o 60% da contía total do custo do servizo.

- Nº de usuarias/os do servizo a partir de 26 alumnas/os: o 70% da contía total do custo do servizo.

Atopándose o importe restante subvencionado, en todo caso, polo Concello da Laracha

3.- As persoas usuarias deberán aboar o servizo a mes vencido e mediante domiciliación bancaria, á empresa contratista do Concello, dentro dos cinco primeiros días naturais do mes seguinte. A falta de pagamento dun recibo significará a baixa automática do servizo.

Na modalidade de usuaria/o ocasional, avisarase ao concello da Laracha polo menos con 24 horas de antelación, sen prexuízo da utilización do servizo sen aviso previo naqueles casos que xustificadamente o soliciten as familias. Nesta modalidade as persoas usuarias aboarán o servizo baixo as condicións da empresa contratista.

4.- A alta, baixa ou modificación da modalidade de utilización do servizo deberá ser notificada por escrito ao Concello da Laracha antes do día 22 do mes anterior, en caso contrario deberase aboar a mensualidade correspondente. Se a incorporación se fai unha vez comezado o mes, aboarase o mes completo.

5.- Os/as usuarios/as fixos/as poderán acollerse á aplicación das reducións de prezos segundo o recollido no Anexo I.

6.- Os días soltos contabilizaranse ata 12 días, a partir do 13º día cobrarase o mes completo.

9.- Extinción do servizo.

1.- Serán causa de baixa no servizo:

a) O incumprimento dos requisitos establecidos

b) A solicitude dos proxenitores ou representantes legais.

c) A falta de pagamento da cota establecida.

d) A comprobación das de falsidade nos documentos ou datos achegados.

e) A falta de asistencia continuada durante un mes sen causa xustificada.

f) A falta de cumprimento da obriga da posta en coñecemento ao concello da modificación sobrevida das circunstancias que deran lugar á redución da cota establecida.

ANEXO I

1.- Baremo de aplicación ás solicitudes de admisión no Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha para a redución da cota establecida:

A.- Situación socio-familiar

- Mulleres vítimas de violencia de xénero 2 puntos

- Familia monoparental 2 puntos

- Familia numerosa 2 puntos

- Dous ou máis crianzas usuarias do mesmo núcleo familiar 2 puntos

- Calquera outra situación socio-familiar susceptible de valoración 1 punto

B.- Situación económica dos membros da unidade familiar

- Rpc mensual menor ou igual ao 75% do IPREM 5 puntos

- Rpc mensual menor ou igual ao 125% do IPREM 4 puntos

- Rpc mensual menor ou igual ao 175% do IPREM 3 puntos

- Rpc mensual superior ao 175% do IPREM 2 puntos

2.- Segundo as circunstancias da unidade familiar anteriormente enumeradas, a suma dos seus puntos determinará a redución aplicable, conforme a táboa seguinte:

- De 10 puntos en adiante: Redución do 50% das cotas

- De 8 a 10 puntos: Redución do 25% das cotas

- Menos de 8 puntos: Sen dereito a redución

3.- As persoas usuarias que presenten documentación tendente á aplicación da redución das cotas recollidas no parágrafo anterior deberán informar ao Concello, no prazo de 15 días hábiles desde a data en que se produza, da modificación de calquera das circunstancias que xustificasen a aplicación dos devanditos beneficios. O incumprimento desta obriga suporá, ademais da esixibilidade das cotas que indebidamente deixaron de satisfacer, a inmediata baixa no servizo da/o usuaria/o, e a prohibición de solicitalo por un período dun exercicio.

4.- As reducións na cota non serán aplicables, en ningún caso, as/os usuarias/os ocasionais.

5.- Estas reducións aplícanse sobre os prezos que deban aboar as/os usuarias/os, é dicir, resulta en todo caso, compatible coa subvención aos mesmos con cargo ao Concello.

6.- Enténdese por unidade familiar o conxunto de persoas que convivan no mesmo marco físico e se atopen vinculadas por matrimonio ou calquera outra forma de relación estable análoga á conxugal e/ou de parentesco ou as unidades de convivencia cando constitúan núcleos estables de vida en común.

7.- Enténdese por familia monoparental, o núcleo familiar composto por unha única proxenitora ou proxenitor que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e as fillas ou os fillos menores ao seu cargo, sempre que a outra persoa proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

Entrada en vigor.

Conforme o establecido no artigo 49 da LBRL, o procedemento para a aprobación desta Ordenanza será:

a) Aprobación inicial polo Pleno.

b) Información pública e audiencia ás persoas interesadas polo prazo mínimo de trinta días para a presentación de reclamacións e suxestións.

c) Resolución de todas as reclamacións e suxestións presentadas, de ser o caso, dentro de prazo e aprobación definitiva polo Pleno. De non habelas entenderase elevada a definitiva a aprobación ata entón provisional

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

A ordenanza dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo de 15 días previsto ao que se refiren os artigos 70.2 e 65.2  da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:

Artigo 70.2: ¿¿..Las ordenanzas, incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en la Ley 39/1988, de 28 de diciembre, Reguladora de las Haciendas Locales....." (desde el 10 de marzo de 2004 RDL 2/2004, de 5 de marzo).

Artigo 65.2: ¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."

Ó no ter coñecemento da fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.