Laracha A - ORDENANZA REGULADORA DO PROGRAMA HARMONIZA: CONCILIANDO NA LARACHA
ARTIGO 1.- OBXECTO
1.- O Programa Harmoniza consta de tres proxectos:
- Conciliando na Laracha ¿ Madruga
- Conciliando na Laracha ¿ Vacacións
- Conciliando na Laracha ¿ Canguraxe
2.- Os tres proxectos están concibidos como medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral que inclúen a acollida, coidado, vixilancia, organización de actividades lúdicas e educativas xunto co almorzo durante os días lectivos do curso escolar e as vacacións escolares, así como un conxunto de tarefas centradas nos coidados básicos e atención a prestar nos domicilios a través de Canguraxe.
3.- O programa ten como obxectivo principal responder ás necesidades de conciliación das familias derivadas das dificultades que presentan para poder compatibilizar os seus horarios laborais cos horarios escolares e nos períodos de vacacións das súas fillas e fillos, garantindo a atención das crianzas por persoal cualificado antes do inicio do horario escolar, durante o período de vacacións escolares e nos domicilios cando as necesidades de conciliación no poidan ser satisfeitas ou non sexan compatibles cos outros servicios de conciliación dispoñibles.
ARTIGO 2.- PRESTACIÓN DO SERVIZO
1.- O proxecto Conciliando na Laracha - Madruga prestarase de luns a venres, durante os días lectivos do curso escolar, nos centros de educación infantil e primaria do municipio da Laracha:
· CEIP Otero Pedrayo.
· CEIP Alfredo Brañas.
· CEIP de Caión.
O horario de prestación do servizo será desde as 7:00 horas, coa apertura do centro educativo, e rematará co comezo do horario lectivo establecido en cada centro. Podendo establecerse, dentro deste horario, diferentes quendas de entrada.
O número máximo de prazas dispoñibles durante o período lectivo do curso escolar é o seguinte:
· CEIP Otero Pedrayo: 120 prazas
· CEIP Alfredo Brañas: 35 prazas
· CEIP Caión: 20 prazas.
Este número de prazas podería variar segundo a normativa vixente en cada momento, neste caso o número de prazas máximo deberá axustarse a mesma.
Para a posta en marcha do servizo é necesario contar con un número mínimo de usuarias/os fixas/os en cada centro educativo: 15 no CEIP Otero Pedrayo, 10 no CEIP Alfredo Brañas e 6 no CEIP de Caión.
2.- O proxecto Conciliando na Laracha - Vacacións prestarase de luns a venres, en horario de 7:00 a 14:15 durante os períodos de vacacións escolares (Nadal, Entroido, Semana Santa e Verán).
O número máximo de prazas dispoñibles durante as vacacións escolares será de 120.
Este número de prazas podería variar segundo a normativa vixente en cada momento, neste caso o número de prazas máximo deberá axustarse a mesma.
Para a posta en marcha do servizo durante as vacacións é necesario contar con un número mínimo de 10 usuarias/os fixas/os. Así mesmo, para poder levar a cabo o servizo baixo a modalidade con almorzo establecese un mínimo de 10 usuarias/os fixas/os con almorzo.
3.- O proxecto Conciliando na Laracha ¿ Canguraxe prestarase de luns a venres, agás festivos, durante todo o ano en horario de 7:30 a 22:00. Cada unidade familiar disporá dun máximo de 40 horas anuais e poderá utilizar o servizo un mínimo de 1 hora e un máximo de 6 horas ao día ata a finalización das horas anuais que corresponden por unidade familiar.
O número máximo de horas de servizo por ano natural será de 500 ou parte proporcional.
4.- O Concello resérvase o dereito a anular a posta en marcha do servizo se non se supera o número mínimo de usuarias/os.
ARTIGO 3.- SERVIZOS QUE COMPRENDE O PROXECTO CONCILIANDO NA LARACHA - MADRUGA E VACACIÓNS:
1.- Servizo de acollida, coidado e vixilancia das nenas e nenos participantes e organización de actividades. Tarefas:
· Apertura dos centros educativos ou as instalacións onde se realice o servizo.
· Recepción e control da chegada das crianzas ás instalacións, que deben ser entregados ao monitorado por un adulto.
· Vixilancia e protección das crianzas antes do inicio das clases, segundo o horario establecido para cada centro educativo, así como durante as vacacións escolares.
· Realización de actividades sobre hábitos sociais, educación para a saúde, educación para a convivencia, educación para a igualdade, coeducación, actividades motrices, animación á lectura e outras dentro da programación que se determine.
2.- Servizo de almorzo.
3.- Persoal:
a. Monitorado coas seguintes ratios:
· Unha persoa monitora por cada grupo de ata 15 alumnas/os.
· Dúas monitoras/es por cada grupo de 16 ata 30 alumnas/os.
· Tres monitoras/es por cada grupo de 31 ata 45 alumnas/os.
· Catro monitoras/es por cada grupo de 46 ata 60 alumnas/os.
· Cinco monitoras/es por cada grupo de 61 ata 75 alumnas/os.
· Seis monitoras/es por cada grupo de 76 ata 90 alumnas/os.
· Sete monitoras/es por cada grupo de 91 ata 105 alumnas/os.
· Oito monitoras/es por cada grupo de 106 ata 120 alumnas/os.
Atendendo ás características das instalacións pode requirirse que o equipo técnico que desenvolve a actividade estea composto por un mínimo de dúas persoas.
A ratio de monitorado podería variar segundo a normativa vixente en cada momento, neste caso a prestación do servizo deberá axustarse a mesma.
Todo o monitorado deberá contar con titulación mínima de Monitor/a de Tempo Libre ou titulación mínima esixida de acordo coas normativas vixentes, e posuír o carné de manipulador/a de alimentos e deberán presentar o certificado de delitos de natureza sexual actualizado.
O monitorado atenderán ao alumnado e deberán garantir os hábitos de hixiene e facerlles un seguimento especial ás nenas e nenos de menor idade ou con dificultades; ademais deberán realizar actividades de lecer, tempo libre e educativas. Tamén deixarán limpo o local destinado ao servizo así como os espazos que ceda o centro para a realización das actividades complementarias. Serán o vínculo entre o alumnado e as nais/ pais, titoras/ titores ou representantes legais.
b. Unha persoa coordinadora do programa.
· Deberá ter como mínimo a mesma titulación que a esixida ao monitorado.
· Será a persoa responsable da dinamización, realización e supervisión da actividade para garantir o cumprimento do programa e a súa planificación. Polo que rotará polas instalacións onde se leve a cabo o programa e manterá reunións periódicas co persoal municipal.
No suposto de ter alumnado con necesidades educativas especiais ou diversidade funcional e como consecuencia dunha valoración técnica municipal baseada no certificado de discapacidade e/ou resolución do grao de dependencia aportado pola persoa solicitante, existirá unha monitora ou monitor de apoio especializada/o. Non entanto, a integración de crianzas con diversidade funcional estará supeditado á existencia de persoal cualificado e en número suficiente. Poderase solicitar a aportación dun informe médico que acredite o nivel de autonomía e así poder valorar a posibilidade de integralo no programa.
ARTIGO 4.- MODALIDADE DE USUARIAS/OS.
a) Usuaria/o fixa/o: Corresponde a aquel alumnado que se matricula no servizo durante todo o período lectivo do curso escolar e/ou período de vacacións ben sexa en mes completo ou días soltos concertados.
b) Usuaria/o ocasional: Corresponde a aquel alumnado que, habendo prazas dispoñibles, desexe utilizar o servizo esporádicamente.
ARTIGO 5.- SERVIZOS QUE COMPRENDE O PROXECTO CONCILIANDO NA LARACHA - CANGURAXE:
1.- No domicilio:
· Quentar almorzos ou comidas.
· Axudar a comer en función da idade ou características da/o menor.
· Dispensar coidados a menores enfermos/as en ausencia das persoas responsables, proporcionando medicación segundo prescrición médica e sempre que as nais, pais ou representantes legais o autoricen por escrito e faciliten as instrucións necesarias en relación ao seu estado de saúde. En ningún caso a persoa que exerce de canguro asumirá coidados para os que se requira formación sanitaria.
· Supervisión e aseo.
· Planificar e realizar actividades educativas e de lecer.
2.- Fóra do domicilio:
· Traslados ou acompañamentos da/do menor fóra do fogar sempre dentro do término municipal. Está incluído, en situacións excepcionais, o acompañamento en transporte público sufragado polos responsables da ou do menor.
3.- Tarefas excluídas:
· Tarefas domésticas, agás aquelas que estean vencelladas estritamente ao benestar do menor.
· Acompañamento da ou do menor ao servizo de pediatría, agás no caso dunha emerxencia que poida poñer en risco a saúde do mesmo durante a realización do servizo.
ARTIGO 6.- REQUISITOS DAS PERSOAS BENEFICIARIAS
· Madruga: As persoas usuarias deberán estar matriculadas nun centro escolar de educación infantil e primaria do concello da Laracha no que se poña en funcionamento o servizo.
· Vacacións: Para participar no programa será requisito imprescindible o empadroamento no Concello da Laracha, aínda que excepcionalmente durante as vacacións co obxecto de favorecer o plan de conciliación da vida persoal, familiar e laboral das empregadas e empregados municipais poderán participar as súas fillas e fillos que teñan dificultades de conciliación.
· Canguraxe: Para participar no programa será requisito imprescindible o empadroamento no Concello da Laracha.
En todos os casos as/os solicitantes deben xustificar necesidades de conciliación obxectivamente demostrables.
ARTIGO 7.- TRAMITACIÓN DE ACCESO AO SERVIZO
1.- O servizo será prestado polo concello da Laracha a instancia das persoas interesadas.
2.- A solicitude de admisión realizarase no concello da Laracha no período de inscrición establecido.
3.- Prazo de inscrición: para o proxecto Madruga o período de inscrición será desde o 1 de maio ata o 31 de xullo. Para a inscrición nas vacacións abrirase un prazo un mes antes do inicio das vacacións escolares que rematará 10 días antes do inicio das mesmas, agás nas vacacións de verán que o prazo rematará o día 7 de xuño do ano en curso. A inscrición no servizo de Canguraxe estará aberta todo o ano.
Para o servizo de Madruga e Vacacións rematado o prazo de recepción de solicitudes procederase ao exame da documentación presentada e no suposto de que se presentasen máis solicitudes que prazas, a selección das crianzas participantes efectuarase en función das necesidades de conciliación, mediante o que se avaliarán en primeiro lugar as circunstancias laborais da unidade familiar, e a continuación, outras situacións socio-familiares e persoais que precisen dunha medida de apoio á conciliación da vida persoal, familiar e laboral, xustificadas en todos os casos de xeito obxectivamente demostrables.
No obstante poderán presentarse solicitudes con posterioridade, durante o curso escolar ou vacacións, tendo en conta que, no suposto de que o grupo xa contara co máximo de alumnado, a persoa solicitante sería incluída na lista de agarda.
Para o servizo Canguraxe, despois de realizada a solicitude o persoal técnico municipal responsable do servizo concertará unha entrevista coa familia co obxectivo de avaliar as necesidades desta e realizar un parte de servizo no que quedará recollida a información facilitada e as autorizacións pertinentes. Unha vez comunicada a alta no servizo, para facer uso do mesmo deberá avisar ao concello polo medio establecido, con un mínimo de 48 horas de antelación, non sendo computables para este prazo as fins de semana nin festivos.
4.- As persoas usuarias poderán acollerse á redución do prezo das cotas fixadas en concepto de prezos públicos segundo o baremo establecido no anexo I, mediante os que se avaliará a situación socio-familiar e económica.
5.- As solicitudes poderán presentarse na Sede Electrónica do Concello da Laracha ou ben presencialmente no Rexistro Xeral do Concello, segundo o modelo establecido, achegando a seguinte documentación:
a. Libro de familia.
a. DNI dos proxenitores, titora/titor ou representantes legais
b. Aquelas crianzas usuarias que teñan intolerancias alimenticias ou outros que sexa necesario ter coñecemento dos mesmos por parte do Concello da Laracha, achegarán informe médico onde se recollan.
c. Certificado de discapacidade da crianza participante e/ou resolución do grao de dependencia e informe médico, se é o caso.
d. Vida laboral do nai, pai, titora/titor legal ou representantes legais.
e. Informe do departamento de servizos sociais, se procede
f. Informe de empresa no que se reflicta o horario laboral e períodos vacacionais dos proxenitores, titora/titor ou representantes legais.
Aquelas persoas usuarias que se acollan á redución nos prezos ou sexa necesario para a valoración da súa situación socio-familiar, deberán achegar ademais a seguinte documentación, segundo o caso:
a. Título de familia numerosa, de ser o caso.
a. Sentenza de separación ou divorcio, de ser o caso
b. Xustificación de ingresos económicos. Autorización asinada para que o concello solicite os datos da renda á Axencia Tributaria segundo modelo normalizado.
c. Certificado de monoparentalidade.
d. Acreditación da condición de vítima de violencia de xénero, se procede, mediante algún dos documentos seguintes:
1º Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, testemuño ou copia autenticada pola secretaría xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.
2º Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia de xénero.
3º Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente en que conste a existencia dos ditos indicios.
4º Acreditación da situación de violencia de xénero polas entidades ou organismos acreditados segundo Resolución do 2 de decembro de 2021, da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, pola que se publica o Acordo da Conferencia Sectorial de Igualdade, de 11 de novembro de 2021, relativo á acreditación das situacións de violencia de xénero.
e. Outra documentación, se procede, nos que consten incidencias familiares, económicas e sociais que puntúen no baremo.
ARTIGO 8.- COMISIÓN DE BAREMACIÓN
A todas as solicitudes recibidas aplicaráselles un procedemento de estimación. Para tal fin constituirase unha comisión de seguimento composta por:
· A Concelleira de Servizos Sociais, Sanidade, Igualdade, Emprego e Promoción Económica
· Persoal do departamento de Servizos Sociais / Igualdade.
· A técnica responsable do Programa Harmoniza.
Os acordos tomaranse por maioría simple. Terán preferencia na adxudicación de praza as persoas usuarias fixas.
ARTIGO 9.- COTAS
1.- Reguladas na Ordenanza reguladora da prestación patrimonial de carácter público non tributaria polo servizo de conciliación Harmoniza.
ARTIGO 10.- NORMAS DE FUNCIONAMENTO E ORGANIZACIÓN DO PROGRAMA HARMONIZA
1.- Os proxectos Madruga e Vacacións están destinados a nenas e nenos de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.
2.- Canguraxe está dirixido a nenas e nenos desde os 4 meses ata os 12 anos de idade. O fundamento principal desta modalidade son as circunstancias e necesidades de carácter familiar e laboral, de natureza extraordinaria, que non poidan ser satisfeitas ou non sexan compatibles cos outros servizos de conciliación tanto do concello da Laracha como como doutras administración públicas e que contempla un conxunto de tarefas centrada nos coidados básicos e atención a prestar nos domicilios.
3.- Debido ao límite de prazas os criterios de valoración para o acceso ao programa serán exclusivamente as necesidades de conciliación obxectivamente demostradas, mediante o que se avaliará en primeiro lugar as circunstancias laborais da unidade familiar, e a continuación outras situacións sociofamiliares e persoais que precisen dunha medida de apoio á conciliación obxectivamente demostrables.
4.- O proxecto Madruga consta tres modalidades de solicitude:
a) Mes natural completo.
b) Días soltos concertados: utilización do servizo ata un máximo de 12 días, de carácter fixo, que serán especificados no momento de realizar a solicitude.
c) Utilización do servizo ocasionalmente: refírese á utilización do mesmo de xeito esporádico, incluída unha vez por semana. Esta modalidade estará condicionada pola existencia de prazas dispoñibles e deberán comunicarse previamente como mínimo con 48 horas de antelación, polo medio que determine o concello da Laracha, non sendo computables para este prazo as fins de semana nin festivos.
5.- Para o proxecto vacacións as modalidades de solicitude son:
a) Por quincena.
b) Días soltos concertados: utilización do servizo por días de carácter fixo, que serán especificados no momento de realizar a solicitude.
En todas as modalidades existe a opción con almorzo e sen almorzo.
6.- O monitorado non administrará ningunha medicación salvo estrita prescrición médica que xustifique a necesidade de facelo no horario que permanece a crianza no servizo de conciliación. Dita prescrición detallará o tipo de medicación, cantidade e modo de administración. Todo o anterior avalado mediante informe médico e autorización por escrito da nai, pai ou representante legal.
7.- Valorarase individualmente a posibilidade de participación no Programa Harmoniza.
8.- Durante o desenvolvemento do servizo as familias deberán estar localizadas e en disposición de recoller á persoa participante de forma inmediata no caso de que así se requira polo monitorado do Programa.
9.- No proxecto Conciliando na Laracha - Madruga establéceranse diferentes quendas de entrada cada cuarto de hora: ás 7:00, 7:15, 7:30, 7:45, 8:00, 8:15, 8:30 e 8:45. A última quenda para recibir o almorzo será ás 8:30.
10.- No proxecto Conciliando na Laracha - Vacacións o horario de entrada das/os menores realizarase de 7:00 a 10:00. A recollida realizarase entre as 13:00 e 14:10 horas.
O almorzo servirase exclusivamente de 7:00 a 9:00 horas. Se as/os menores van ser recollidos por unha persoa distinta ás nais, país ou representantes legais deberán cubrir un documento onde figure a persoa ou persoas autorizadas.
11.- En todos os casos as crianzas serán entregadas ao monitorado por un adulto.
ARTIGO 11.- EXTINCIÓN DO SERVIZO.
1.- Serán causa de baixa no servizo:
a. O incumprimento dos requisitos establecidos e normativa de funcionamento do Programa Harmoniza
a. A solicitude dos proxenitores ou representantes legais.
b. A falta de pagamento da cota establecida.
c. A comprobación de falsidade nos documentos ou datos achegados.
d. A falta de asistencia continuada durante un mes sen causa xustificada.
e. A falta de cumprimento da obriga da posta en coñecemento ao concello da modificación sobrevida das circunstancias que deran lugar á redución da cota establecida.
DISPOSICIÓN FINAL. ENTRADA EN VIGOR
Esta Ordenanza entrará en vigor unha vez publicado o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto ao que se refiren os artigos 70.2 e 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, mantendo a vixencia ata a súa modificación ou derrogación expresa.