Fene - ORDENANZA FISCAL N.º 19, REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DO SERVIZO DE COLECTORES E ESTACIÓNS DE BOMBEO DAS AUGAS RESIDUAIS VERQUIDAS Á REDE DE SANEAMENTO MUNICIPAL
Artigo 1.- Fundamento legal
No uso das potestades conferidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 do texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, este Concello establece a taxa pola prestación do servizo de colectores e estacións de bombeo de augas residuais vertidas á rede de saneamento municipal, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, atendendo as súas normas ao disposto no artigo 57 do devandito Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo.
Artigo 2.- Feito impoñible
Constitúe o feito impoñible da taxa a prestación do servizo público municipal de colectores e estacións de bombeo das augas residuais vertidas á rede de saneamento municipal en alta da zona norte da Ría de Ares e Sur da Ría de Ferrol.
Artigo 3.- Suxeito pasivo e responsables
1.- Son suxeitos pasivos desta taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas ou xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria que ocupen, calquera que sexa o seu título, os inmobles situados no termo municipal e que sexan beneficiarios ou afectados polo servizo que se define no artigo anterior.
Terán a condición de substitutos do contribuínte, nas taxas establecidas por razón de servizos ou actividades que beneficien ou afecten ós ocupantes de vivendas ou locais, os propietarios dos ditos inmobles, quen poderán repercutir, no seu caso, as cotas sobre os respectivos beneficiarios.
2.- Son responsables solidarios da débeda tributaria as persoas ou entidades a que se refire o artigo 42 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.
3.- Son responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores e liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 43 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.
Artigo 4.- Base impoñible e cota tributaria
1.- No caso de usuarios de alta no subministro municipal de auga potable, a cota tributaria determinarase pola cantidade resultante da suma dunha parte fixa (cota do servizo) e dunha parte variable (cota de consumo), resultante de multiplicar a base impoñible pola tarifa correspondente (prezo/m³).
A base impoñible virá determinada polo volume de auga consumida (m³), medida por contador, segundo a facturación realizada pola empresa concesionaria do servizo ou, no seu caso, polo servizo municipal de augas en cada trimestre natural.
COTA DO SERVIZO (Parte fixa) €/trimestre | COTA DE CONSUMO (Parte Variable) | ||
Tramos en m3 | Prezo/m3 | ||
Doméstico | 9,00 € | ≤ 40 | 0,23 € |
41 - 60 | 0,33 € | ||
61 - 80 | 0,43 € | ||
81 - 100 | 0,53 € | ||
101 - 120 | 0,63 € | ||
> 120 | 0,73 € | ||
Comercial | 18,00 € | ≤ 40 | 0,46 € |
41 - 60 | 0,66 € | ||
61 - 80 | 0,86 € | ||
81 - 100 | 1,06 € | ||
101 - 120 | 1,26 € | ||
> 120 | 1,46 € | ||
Industrial | 27,00 € | ≤ 40 | 0,69 € |
41 - 60 | 0,99 € | ||
61 - 80 | 1,29 € | ||
81 - 100 | 1,59 € | ||
101 - 120 | 1,89 € | ||
> 120 | 2,19 € |
2.- No caso de usuarios sen subministro municipal de auga potable, a cota tributaria resultará da aplicación dunha cota fixa segundo o grupo de actividade:
COTA DO SERVIZO (€/trimestre) | |
Doméstico | 18,20 € |
Comercial | 43,00 € |
Industrial | 132,00 € |
3.- Aos efectos da presente ordenanza serán de aplicación os seguintes criterios:
- As empresas navais e os abonados do Polígono Industrial incluiranse na tarifa industrial.
- O resto de actividades económicas incluiranse na tarifa comercial.
- As asociacións sen ánimo de lucro con domicilio no Concello incluiranse na tarifa doméstica.
Artigo 5.- Devengo e período impositivo
1.- A taxa devéngase:
a) No caso de alta nova devéngase a taxa e nace a obriga de contribuír cando se inicia a prestación do servizo, previa a correspondente solicitude polo suxeito pasivo, ou dende que se utilice este sen ter obtido a previa licenza ou autorización.
b) Nos supostos xa incluídos en padróns ou listaxes cobratorias, a taxa devéngase no primeiro día do período impositivo, liquidándose trimestralmente.
Todos os inmobles teñen a obriga de efectuar a acometida á rede de saneamento municipal sempre que a distancia entre a rede e o inmoble respectivo non exceda de 100 metros, e sexa tecnicamente posible.
2.- O período impositivo coincidirá co trimestre natural.
Artigo 6.- Exencións e beneficios fiscais
1.- As contías das taxas establecidas na presente Ordenanza poderán graduarse ata o 100% da taxa segundo o establecido no artigo 24.4 do Real decreto lexislativo 2/2004, en función da capacidade económica do suxeito pasivo, sempre que os contribuíntes cumpran as seguintes condicións:
a) Beneficiarios.- Os contribuíntes que reúnan todos e cada un dos seguintes requisitos:
a.1) Estar empadroado/a no concello de Fene e que o inmoble polo que se solicita a gradación sexa a súa vivenda habitual
a.2) Dispoñer dos recursos económicos máximos contidos no baremo establecido no presente artigo acreditados mediante a presentación da última declaración da renda, ou calquera outros documentos que sinalen a situación económica do/a solicitante nos últimos 6 meses anteriores á data da solicitude.
a.3) Non ter débedas co Concello de Fene.
b) Determinación dos recursos. -: Teranse en conta as seguintes condicións:
b.1) Ingresos familiares
- Para 1 persoa sóa: pensión mínima de xubilación da seguridade social, para maiores de 65 anos e sen cónxuxe a cargo.
- Para 2 persoas en unidade de convivencia: a pensión mínima de xubilación da seguridade social, para maiores de 65 con cónxuxe a cargo.
- Para 3 ou máis persoas en unidade de convivencia: non superar o 110% do Salario Mínimo Interprofesional estipulado para cada ano.
Para a comprobación dos requisitos económicos, teranse en conta os seguintes factores:
- Os ingresos netos que perciba o/a solicitante e os demáis membros da unidade familiar nos 6 meses anteriores á solicitude.
- Para o cálculo do conxunto dos ingresos familiares realizarase a seguinte operación:
¿ Ingresos netos anuais (-) gastos de amortización anuais = ingresos familiares netos anuais.
¿ Para o cálculo dos ingresos anuais teranse en conta os seguintes aspectos:
- Para os pensionistas, a pensión que cobrarán no ano en curso.
- Para os desempregados/as e as persoas que aleguen outras circunstancias, deberán xustificar os ingresos obtidos por todos os conceptos, nos últimos 6 meses anteriores á data de solicitude.
b.2) Ingresos procedentes de rendas de capital inmobiliario e/ou mobiliario:
Non poderán beneficiarse desta exención cando a/o solicitante ou calquera outro membro da unidade familiar sexan propietarios/as e/ou usufructarios/as de bens mobles ou inmobles que, polas súas características, valoración, posibilidade de venda ou calquera forma de explotación indiquen, de xeito notorio, a existencia de medios materiais suficientes para atender o gasto obxecto da presente exención municipal, agás a propiedade referente á vivenda destinada a uso propio, sempre que a súa valoración catastral non supere 10 anualidades do salario mínimo interprofesional vixente para cada ano.
No referente á existencia de capital mobiliario, entenderanse medios económicos suficientes aos efectos da presente ordenanza os que superen os 2.500 euros en contas de aforro ou investimento.
c) Documentación a aportar:
c.1) Solicitude debidamente cumplimentada segundo modelo oficial.
c.2) Fotocopia do DNI dos membros da unidade familiar maiores de 18 anos e fotocopia das páxinas do libro de familia, no seu caso.
c.3) Xustificante dos ingresos anuais dos membros da unidade familiar maiores de 18 anos:
- Fotocopia cotexada da declaración da renda do último exercicio ou certificado de rendas no caso de non ter que presentar declaración da renda.
- Documentación que sinale a situación económica nos 6 meses anteriores á data de solicitude (certificado de vida laboral da Seguridade Social, contratos de traballo, xustificante de ingreso de pensións actualizados, nóminas, copia dos movementos bancarios ¿ )
c.4) Xustificantes da vivenda: recibo do IBI, documentos de amortización do préstamo hipotecario sobre a vivenda, etc.
c.5) Certificación bancaria de xuros e retencións con indicación do saldo bancario a 31/12 do ano anterior á solicitude.
c.6) Calquera outra documentación que poida resultar necesaria para a resolución do expediente.
d) Prazo de solicitude.- O prazo para a presentación das solicitudes comprenderá todo o exercicio.
Os beneficios concedidos terán efectos no ano natural no que se insta a súa concesión, debendo solicitar a prórroga nos anos sucesivos, achegando a documentación que acredite que se seguen cumprindo os requisitos para a súa obtención.
e) Procedemento para a resolución.-
As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello no modelo facilitado ao efecto e achegando a documentación necesaria para verificar o cumprimento das condicións establecidas no presente artigo.
Para a instrución do expediente, realizarase a comprobación de oficio dos seguintes extremos:
- empadroamento da unidade familiar.
- existencia/non existencia de débedas co concello.
- existencia/non existencia doutros bens inmobles propiedade dos/das solicitantes.
Unha vez comprobada a documentación aportada en cada solicitude, e unha vez emitidos os informes técnicos precisos, ditarase resolución ó respecto dándolle traslado os/as solicitantes.
No suposto de que se comprobara que non son certos os datos consignados na declaración ou se tiveran ocultado outros que puideran cualificarse como esenciais, procederase a desestimar a solicitude.
Artigo 7.- Normas de xestión liquidación e recadación
1.- A xestión e recadación da presente taxa poderá realizarse en xestión directa, polo propio Concello, ou en xestión indirecta, segundo se estea a prestar o servizo dunha forma ou outra.
2.- No primeiro trimestre de cada exercicio expoñerase ao público o censo de contribuíntes para posibles reclamacións.
3.- A lectura dos contadores do trimestre deberá ser facilitada ao departamento de recadación dentro do primeiro mes do trimestre seguinte ao do devengo, para os efectos de confeccionar o padrón fiscal correspondente.
4.- Con periodicidade trimestral, e unha vez obtida a lectura dos contadores, elaborarase un padrón comprensivo das liquidacións por recibo referidas á prestación do servizo público de colectores e estacións de bombeo das augas residuais vertidas á rede de saneamento municipal.
Os padróns serán aprobados e expostos ao público por un período de 15 días. O prazo para formular o recurso de reposición será dun mes, contado dende o remate da exposición ao público, precisándose no acordo de aprobación o prazo do período cobratorio que nunca poderá ser inferior a dous meses e axustándose o mesmo ás instrucións que se diten pola Tesourería Municipal.
5.- As notificacións de altas e baixas, que se produzan nun trimestre en relación ao anterior, levarase a cabo individualmente.
Os propietarios de edificios e vivendas ou os usuarios do servizo están obrigados a presentar nas oficinas municipais ou, de ser o caso, nas oficinas da empresa concesionaria, as oportunas altas que orixinan a obriga de contribuír.
Igual obriga existirá nos cambios de titularidade dun edificio, vivenda ou local e cando se produzan variacións físicas ou xurídicas que teñan transcendencia na orde tributaria.
As altas e baixas que se produzan no servizo de augas e saneamento producirán efectos automáticos respecto da taxa prestación do servizo público de colectores e estacións de bombeo das augas residuais vertidas á rede de saneamento municipal, debendo a empresa concesionaria do servizo, de ser o caso, remitir trimestralmente, xunto coa lectura de contadores, a relación das mesmas.
Cando a alta, baixa ou variación do Padrón Fiscal se derive da solicitude ou declaración presentada polo interesado e a liquidación resultante non modifica os datos consignados polo obrigado tributario, non será necesaria a notificación expresa de alteración.
No caso de inmobles que non dispoñan de servizo domiciliario de auga as altas producirán efecto o mesmo trimestre en que se produzan e as baixas no trimestre seguinte a aquel en que se declaren. Unhas e outras deberán ser postas en coñecemento do Concello dentro dos 15 días seguintes a aquel na que se produzan.
6.- O órgano competente para apremar as liquidacións e recibos non satisfeitos no período voluntario será a Tesourería Municipal.
Artigo 8.- Infraccións e sancións tributarias
En todo o relativo a infraccións e a súa cualificación, así como as sancións que ás mesmas corresponda en cada caso, serán de aplicación os artigos 178 e seguintes da Lei 58/2003, de 17 de decembro, xeral tributaria.
Disposición derradeira única. Aprobación e vixencia
A presente ordenanza foi aprobada polo Pleno do Concello de Fene en data 28.10.2022 e entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.