Lousame - ORDENANZA REGULADORA IMPOSTO SOBRE CONSTRUCCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS.
Artigo 1.º FUNDAMENTO E NATUREZA.
No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e dos artigos 15.1 e 59.2 do Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, este Concello establece o Imposto sobre construcións, instalacións e obras, que se rexerá polo disposto na devandita Lei e pola presente ordenanza fiscal.
Artigo 2.º FEITO IMPOÑIBLE.
2.1.-Constitúe o feito impoñible do Imposto a realización no termo municipal de Lousame, de calquera construción, instalación ou obra para a que se esixa a obtención da correspondente licenza de obras ou urbanística, obtivérase ou non a devandita licenza, ou para a que se esixa a presentación de declaración responsable ou comunicación previa, sempre que a expedición da licenza ou actividade de control corresponda a este Concello.
2.2.-Son construcións, instalacións e obras suxeitas ó imposto todas aquelas na que a execución implique a realización do feito impoñible definido no apartado anterior e en particular as seguintes:
a) As obras de nova planta e de ampliación de edificios, ou necesarias para a implantación, ampliación, modificación ou reforma de instalacións de calquera tipo.
b) As obras de modificación ou reforma que afecten á estrutura ou aspecto exterior ou á disposición interior dos edificios, ou que incidan en calquera clase de instalacións existentes.
c) As obras provisionais.
d) As construcións, instalacións e obras realizadas na vía pública por particulares ou polas empresas subministradoras dos servizos públicos, que corresponderán tanto as obras necesarias para a apertura de calas e pozos, colocación de postes de soporte, canalizacións, conexións e, en xeral, calquera remoción do pavimento ou beirarrúas, como as necesarias para a reposición, reconstrución ou amaño do estragado coas calas mencionadas.
e) Os movementos de terra, tales como desmontes, explanacións, escavacións, terraplenados, salvo que estes actos estean detallados e programados como obras a executar nun proxecto de urbanización ou edificación aprobado ou autorizado.
f) As obras de peche dos solares ou dos terreos e dos valados, os andamios e as andamiaxes de precaución.
g) A nova implantación, a ampliación, a modificación, a substitución ou o cambio de emprazamento de todo tipo de instalacións técnicas dos servizos públicos calquera que sexa o seu emprazamento.
h) Os usos e instalacións de carácter provisorio.
i) A instalación, reforma ou calquera outra modificación dos soportes ou valados que teñan publicidade ou propaganda.
j) As instalacións subterráneas dedicadas os aparcamentos, as actividades industriais, mercantís ou profesionais, ós servizos públicos ou a calquera outro uso ao que se destine o subsolo.
k) A realización de calquera outra actuación establecida polo Plan de Ordenación ou polas ordenanzas que lle sexan aplicables como suxeitas a licenza municipal, sempre que se trate de construcións, instalacións, ou obras.
l) Derrubamentos.
m) As que se realicen en cemiterios.
n) Calquera outra construción, instalación ou obra que precise de licenza de obra ou urbanística ou a presentación de declaración responsable ou comunicación previa.
Artigo 3.º SUPOSTOS DE NON SUXEICIÓN.
Non estarán suxeitos ao imposto regulado nesta ordenanza, na aplicación da xurisprudencia nesta materia:
a) As obras incluídas nun proxecto de urbanización e de compensación aprobados, non están suxeitas ao ICIO, xa que non están suxeitos á obtención de licenza (STS do 30 de setembro do 2000, STS do 15 de febreiro do 2003, STS do 12 de marzo de 2004).
b) As obras realizadas como consecuencia dunha orde de execución ditada polo Concello (STS do 10 de outubro do 2003).
Artigo 4.º EXENCIÓNS.
Está exenta do pagamento do imposto a realización de calquera construción, instalación ou obra da que sexa dono o Estado as Comunidades Autónomas ou as entidades locais que estando suxeitas a este, sexan directamente destinadas a estradas, ferrocarrís portos, aeroportos, obras hidráulicas, saneamentos de poboacións e das súas augas residuais, aínda que a súa xestión se leve a cabo por organismos autónomos, tanto si trata de obras de inversión nova como de conservación.
A concesión ou denegación da exención será efectuada polo Pleno da Corporación, previo informe dos servizos técnicos.
Artigo 5.º SUXEITOS PASIVOS E SUBSTITUTOS DO CONTRIBUÍNTE.
5.1.-Son suxeitos pasivos deste imposto a título de contribuínte as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, que sexan donos das construcións, instalacións ou obras, sexan ou non propietarios do inmoble sobre o que se realicen aquelas.
Aos efectos deste punto terán a consideración de donos das construcións, instalacións ou obras quen soporte os gastos ou custos que comporten a súa realización.
5.2.-Teñen a consideración de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte, no caso de que a construción, instalación ou obra non sexa realizada polo suxeito pasivo contribuínte, quen solicite a correspondente licenza ou presente a correspondente declaración responsable ou comunicación previa ou realice as construcións, instalacións ou obras.
Para a aplicación deste apartado considérase substituto de primeiro grado ao solicitante da licenza ou persoa que presente a declaración responsable/comunicación previa e contra este obrigado exercitarase a acción administrativa dirixida ao cobro do imposto. Cando non exista solicitude de licenza nin presentación de declaración responsable/comunicación previa, esixirase a presentación da declaración e o ingreso á empresa que realice a construción, instalación ou obra.
5.3.-O substituto poderá esixir ao contribuínte o importe da cota tributaria satisfeita.
Artigo 6.º BASE IMPOÑIBLE.
A base impoñible do imposto está constituída polo custo real e efectivo da construción, instalación ou obra; e se entende por tal a estes efectos, o custo de execución material de aquela.
Non formarán parte de dita base o imposto sobre o valor engadido e demais impostos análogos propios de réximes especiais, as taxas, prezos públicos e demais prestacións patrimoniais de carácter público local relacionadas, no seu caso, coa construción, instalación ou obra, nin os honorarios profesionais, o beneficio empresarial do contratista nin calquera outro concepto que integre o custo de execución material.
Artigo 7.º TIPO DE GRAVAME E COTA TRIBUTARIA.
7.1.-A cota íntegra do imposto será o resultado de aplicar á base impoñible os seguintes tipos de gravame:
a) Construcións, instalacións e obras cun presuposto de execución material inferior a 600.000,00 €: 2,50 %.
b) Construcións, instalacións e obras cun presuposto de execución material igual ou superior a 600.000,00 €: 4 %.
7.2.-A cota líquida do imposto será, no seu caso, o resultado de aplicar á cota as bonificacións que se establecen no artigo 9.º desta ordenanza.
Artigo 8.º VINDICACIÓN DO IMPOSTO.
8.1.-A obriga de contribuír nace no momento de comezar construción, instalación ou obra, mesmo nos casos en que se comece sen ter obtido a licenza que proceda ou sen ter presentado a declaración responsable ou comunicación previa.
8.2.-Aos efectos deste imposto, entenderanse iniciadas as construcións, instalacións ou obras, salvo proba en contrario, cando fora concedida a perceptiva licenza municipal; no momento que sexa retirada a devandita licenza polo interesado ou o seu representante, ou noutro caso, ao mes da data do Decreto ou do acordo da Xunta de Goberno Local. No caso das comunicacións previas ou declaracións responsables, aos 15 días da súa presentación no rexistro do Concello.
Artigo 9.º BONIFICACIÓNS.
9.1.-Establécese unha bonificación fiscal de até o 95% para as construcións, instalacións ou obras que, a solicitude do suxeito pasivo, sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais de fomento do emprego, que xustifiquen tal declaración.
A gradación da porcentaxe de bonificación aplicarase do seguinte xeito:
95% | Creación de máis de 20 postos de traballo |
75% | Creación de entre 11 e 20 postos de traballo |
50% | Creación de até 10 postos de traballo |
Esta bonificación será de aplicación unicamente a aquelas construcións, instalacións ou obras destinadas á implantación dunha nova actividade económica ou empresarial; así como a aquelas outras que consistan na ampliación das instalacións dunha actividade económica ou empresarial xa existente, sempre e cando impliquen creación de emprego.
A concesión do beneficio fiscal, así coma a declaración de especial interese ou utilidade municipal, corresponderá ao Pleno da Corporación, por maioría simple dos seus membros.
Á presente bonificación resúltanlle de aplicacións as seguintes normas:
a) Non se entenderá que concorre o requisito da nova actividade, nos seguintes supostos:
a. Cando a actividade económica fose realizada anteriormente por outras persoas ou entidades relacionadas no sentido do artigo 18 da Lei 27/2014, do 27 de novembro, reguladora do Imposto sobre sociedades e transmitida, por calquera título xurídico, á entidade de nova creación.
b. Cando a actividade económica fose realizada, durante o ano anterior á constitución da entidade, por unha persoa física que ostente unha participación, directa ou indirecta, no capital ou nos fondos propios da entidade de nova creación, superior ao 50%
c. Non terán a consideración de entidades de nova creación aquelas que formen parte dun grupo nos termos establecidos no artigo 42 do Código de Comercio.
d. Non se entenderá que existe nova actividade cando no mesmo local para o que se solicita a bonificación se viñera desenvolvendo calquera outra actividade, polo mesmo titular, baixo outro epígrafe do Imposto de Actividades Económicas.
b) Entenderase por ampliación das instalacións, a apertura dun novo centro de traballo, sempre e cando se manteña a apertura dos centros nos que xa viña desenvolvendo habitualmente a actividade.
c) Requisitos relativos á creación de emprego:
a. Computaranse unicamente os novos empregos directos e de carácter indefinido, tanto a xornada completa como reducida. Neste último caso, os empregos computaranse en proporción á duración da xornada.
b. Os contratos haberán de manterse, xunto coa media de traballadores da empresa, por un período mínimo de tres anos, contados dende o inicio da actividade ou ampliación da mesma.
c. Non darán dereito á bonificación as contratacións de traballadores que procedan de traslados ou diminucións de plantillas ou postos de traballo doutros centros do suxeito pasivo ou do seu grupo. En caso de fusión, absorción, cambio de denominación ou similares, non darán dereito á bonificación as contratacións de traballadores que xa dispuxeran de contrato laboral nunha empresa afectada por este tipo de procesos.
d. Os traballadores deberán ter como destino principal ou lugar no que desempeñan a totalidade ou a meirande parte do seu traballo, o local obxecto da obra bonificada.
e. Os contratos de traballo deberán formalizarse non prazo máximo de tres anos desde a concesión da licenza de obras correspondente, ou da prórroga que se conceda no seu caso para a execución da obra ou da presentación da comunicación previa, de ser este o procedemento adecuado.
d) No momento da solicitude da bonificación, achegarase unha Memoria Explicativa da iniciativa económica proxectada ou da ampliación da dita iniciativa económica, pormenorizando aqueles aspectos relacionados coa creación de novos postos de traballo. O interesado, achegará a seguinte documentación:
1. Memoria explicativa, integrada por unha descrición da actividade a desenvolver no local obxecto da obra, e que comprenderá unha análise da súa viabilidade.
2. Declaración dos empregos a crear, detallando o seu número e modalidade da xornada.
3. Declaración dos empregos preexistentes, detallando o seu número e modalidade da xornada, e última relación nominal de traballadores remitida á Tesourería Xeral da Seguridade Social.
e) A fin de acreditar a creación e mantemento dos empregos creados, durante o mes de decembro do primeiro, segundo e terceiro exercicios posteriores ao remate das obras o interesado deberá aportar a seguinte documentación:
1. Copia dos novos contratos formalizados (unicamente no primeiro exercicio posterior ao inicio da actividade).
2. Última relación nominal de traballadores remitida pola empresa á Tesourería Xeral da Seguridade Social, da que se desprenda o mantemento do emprego por parte da empresa.
f) A comisión de calquera infracción urbanística na execución do investimento obxecto de bonificación, ou o incumprimento do prazo mínimo (de tres anos) de mantemento do emprego, dará lugar á perda automática do beneficio fiscal outorgado, debendo reintegrarse na Tesourería Municipal o importe da bonificación.
9.2.-Establécese unha bonificación fiscal do 95% da cota para construcións, instalacións e obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais ou histórico-artísticas que xustifiquen tal declaración. Acordarase previa solicitude do suxeito pasivo acompañada de memoria na que se motive o especial interese ou utilidade municipal.
Neste caso, a concesión do beneficio fiscal, así coma a declaración de especial interese ou utilidade municipal, corresponderá ao Pleno da Corporación, por maioría simple dos seus membros.
9.3.-Establécese unha bonificación fiscal do 25% a favor das construcións, instalacións ou obras nas que se incorporen sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar para o autoconsumo. A aplicación desta bonificación estará condicionada a que as instalacións para a produción de calor inclúan colectores que dispoñan da correspondente homologación da Administración competente.
A bonificación establécese no 25% dos gastos de execución material dos sistemas de aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía, a deducir da cota íntegra do imposto.
O suxeito pasivo deberá aportar xunto coa solicitude de licenza, o proxecto técnico visado polo Colexio Oficial correspondente, acreditativo da incorporación á construción, instalación ou obra de instalacións de enerxía solar térmica ou enerxía solar fotovoltaica para o autoconsumo, así como da homologación dos colectores empregados para a produción de calor.
9.4.-Establécese unha bonificación fiscal do 30% a favor das construcións, instalacións ou obras referentes a actuacións protexidas en materia de vivenda, de conformidade co disposto no Decreto da Xunta de Galicia 199/2002, do 6 de xuño e demais normativa estatal e autonómica na materia.
Para o goce da mesma o suxeito pasivo, deberá aportar no momento previo á retirada da licenza, a cédula de cualificación provisional como VPO emitida polo Instituto Galego de Vivenda e Solo ou declaración ou visado emitido polo mesmo Instituto considerando protexida a actuación en que consiste a construción, instalación ou obra.
9.5.-Establécese unha bonificación fiscal do 90% a favor das construcións, instalación e obras que, en edificacións e instalacións xa existentes, favorezan as condicións de acceso e habitabilidade dos discapacitados. A bonificación establecese no 90% dos gastos de execución material das obras que favorezan as condicións de acceso e habitabilidade dos discapacitados a deducir da cota íntegra do imposto.
9.6.-As bonificacións reguladas nos parágrafos 9.2, 9.3, 9.4 e 9.5 deste artigo esixirán:
a) Solicitude do interesado, que deberá presentarse coincidindo coa solicitude da correspondente licenza, declaración responsable ou comunicación previa.
b) Informe dos servizos municipais correspondentes (Urbanismo, Cultura, Medio Ambiente, Servizos Sociais).
c) Acordo do Pleno da corporación.
As bonificacións aplicaranse sobre a cota íntegra do imposto.
9.7.-Como regra xeral, as bonificacións fiscais non serán aplicables simultaneamente; agás as contempladas no parágrafo 9.3 e 9.4, que poderán solicitarse de xeito simultáneo. Os interesados, no momento de formular a súa solicitude, identificaran que bonificación pretenden que se aplique.
Artigo 10.º NORMAS DE XESTIÓN.
10.1.-Os suxeitos pasivos virán obrigados a presentar solicitude de licenza urbanística, comunicación previa ou declaración responsable, acompañada dos correspondentes orzamentos, nos casos que sinala a normativa aplicable ao solo e a edificación, tanto estatal, coma autonómica ou local. A solicitude de licenza urbanística, presentación da comunicación previa ou declaración responsable terá o valor de declaración tributaria, por canto dos orzamentos que acompañan a aquela deducirase a base impoñible do imposto. De non mediar solicitude de licenza ou presentación de comunicación previa ou de declaración responsable antes do inicio das obras, a conduta, sen prexuízo das súas repercusións urbanísticas, constituirá unha infracción tributaria, segundo o disposto no artigo 11 desta ordenanza.
10.2.-Concedida a licenza, presentada a comunicación previa ou declaración responsable e, en todo caso, no prazo máximo dun mes a partir do momento no que se inicia a construción, instalación ou obra, incluso cando non fose presentada a comunicación previa ou declaración responsable, ou non solicitada, concedida ou denegada aínda a devandita licenza, o suxeito pasivo estará obrigado a aboar a liquidación pertinente nos prazos establecidos no artigo 62.2 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria, sen que o pagamento comporte ningún acto declarativo de dereito a prol daqueles.
A base impoñible para esta liquidación determinarase en función do orzamento presentado polos interesados, sempre que o mesmo estivera visado polo Colexio Oficial correspondente cando isto constitúa requisito perceptivo. Noutro caso, a base impoñible será determinada pola oficina técnica municipal.
10.3.-O pagamento da liquidación practicada terá carácter provisorio e será da conta da liquidación definitiva que se practique unha vez rematadas as construcións, instalacións ou obras.
10.4.-Tendo en conta a obra realizada e o seu custo real e efectivo, o Concello, poderá modificar a base impoñible á que se refiren os apartados anteriores, facendo a correspondente liquidación definitiva, e esixindo ou reintegrando o suxeito pasivo a cantidade que resulte.
Para estes efectos e no caso que se modificara o proxecto inicial das construcións, instalacións ou obras e se incrementara o orzamento, unha vez aceptada a modificación pola Administración municipal, os suxeitos pasivos, están obrigados a facer o ingreso da liquidación complementaria pola diferenza entre o orzamento inicial e o modificado co suxeición os prazos, requisitos e efectos indicados nos apartados anteriores.
10.5.-No caso de que non se executen as construcións, instalacións ou obras, o interesado terá dereito á devolución do ingresado, unha vez que formule a renuncia expresa á licenza para a realización das obras ou caducara a licenza ou formule renuncia expresa a realizar as obras comunicadas previamente.
10.6.-No suposto de licencias concedidas en virtude da aplicación das normas sobre silencio administrativo, o pagamento do imposto deberá de realizarse antes de dar comezo as obras.
No suposto de comunicación previa ou declaración responsable o pagamento do imposto deberá de realizarse antes de dar comezo as obras, sen prexuízo da posterior liquidación por parte do Concello.
Artigo 11.º INFRACCIÓNS E SANCIÓNS.
En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias e a imposición das sancións correspondentes, estarase ó disposto nos artigos 178 e seguintes da Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria.
DISPOSICIÓN DERRADEIRA
A presente ordenanza comezará a rexer a partires da publicación do seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia e continuará vixente mentres no se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.
ANEXO
CADRO DE MÓDULOS PARA O CÁLCULO DE ORZAMENTOS DE OBRA A EFECTOS DE LIQUIDACIÓN DO IMPOSTO.
SANEAMENTO:
Ud. Filtro biolóxico compacto, fosas estancas e pozos estancos con instalación de bombeo á rede de augas fecais municipais: 1.200,00 €
ABASTECEMENTO:
Ud. Pozo de barrena / artesiano con instalación completa de bombeo de auga: 1.600,00 €
REFORMAS INTERIORES:
M2. Reforma interior completa de cuarto de baño ou cociña: 450,00 €
M2. Reforma interior completa do resto de estancias adicadas a uso vivenda: 350.00 €
M2. Reforma interior completa de espazos adicadas a uso garaxe ou almacén: 300.00 €
PECHES:
ML. Cimentación de peche, incluso escavación e zapata lixeira: 40,00 €
M2. Peche bloque ou ladrillo, incluso acabado e pintado: 50,00 €
M2. Peche de formigón, incluso acabado e pintado: 60,00 €
M2. Peche de malla metálica forrada sustentada con postes: 35,00 €
M2. Peche de pedra, perpiaño ou cachotaría: 90,00 €
M2. Muro de contención de formigón, incluso acabado e pintado: 80,00 €
REVESTIMENTOS:
M2. Pintura exterior: 8,00 €
M2. Enfuscados ou revestimentos de paramentos: 11,00 €
M2. Encintado de pedra en fachada: 20,00 €
M2. SATE en fachada: 60,00 €
M2. Chapados de pedra serrada, cachote ou laxas: 70,00 €
CONDUTOS E CANALIZACIÓNS:
Ml. Cheminea ó exterior: 150,00 €
Ml. Canlóns e baixantes: 22,00 €
Ml. Pasos de formigón diámetro 40 cm incluso escavación: 25,00 €
Ml. Pasos de formigón diámetro 50 cm incluso escavación: 30,00 €
Ml. Pasos de formigón diámetro 60 cm incluso escavación: 35,00 €
Ml. Mangueira para traída de auga incluso escavación: 10,00 €
Ml. Reposición de pavimento en formigón, regos asfálticos ou aglomerado: 15,00 €
CARPINTERÍA
M2. Carpintería exterior con apertura de ocos: 400,00 €
M2. Carpintería exterior: 300,00 €
TELLADOS
M2. Reposición ou instalación de tella nova en cuberta: 20,00 €
M2. Reposición de cuberta con fibrocemento e tella: 50,00 €
M2. Reposición de cuberta con chapa illada imitación a tella en edific. auxiliares: 50,00 €
M2. Reposición de cuberta con viguetas, fibrocemento e tella: 65,00 €
VARIOS
M3. Desmontes e recheos: 7,00 €
M2. Beirarrúas, pavimentacións exteriores, ramplas de acceso en formigón: 20,00 €
M2. Piscina de altura inferior a 1,50 m de alto: 600,00 €
Para o caso de que o suposto presentado non se axuste estritamente ós módulos deste cadro, actuarase, ben por similitude ou no seu defecto a base impoñible será determinada polo técnico municipal, de acordo co custe estimado da construción, instalación ou obra