Cerceda - ORDENANZA FISCAL Nº 23, REGULADORA DA TAXA PARA A CONCESIÓN DE LICENCIAS DE APERTURA DE ESTABLECEMENTOS.

Publicación provisional: 02/11/2001 BOP Nº: 251
Publicación definitiva: 02/11/2001 BOP Nº: 251
Aplicable dende: 03/11/2008

Artigo 1. Fundamento e réxime

Por medio desta ordenanza, o Concello de Cerceda establece e regula a taxa para conceder licenzas de apertura de establecementos, unha ordenanza que está fundamentada nas disposicións legais seguintes:
- o artigo 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local
- o artigo 20.4.i do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei de facendas locais

Artigo 2. Feito impoñible

1. Constitúe o feito impoñible deste tributo prestar a actividade municipal, tanto técnica como administrativa, que tende a verificar se os establecementos industriais e mercantís reúnen as condicións de tranquilidade, de sanidade, de salubridade e calquera outra que esixan as ordenanzas municipais ou as normas xerais para o seu funcionamento normal, como presuposto necesario e previo para que este concello conceda a licenza de apertura que corresponder.
2. Para os efectos deste tributo, considérase apertura:
a) Instalar por vez primeira un establecemento.
b) Trasladar locais.
c) Variar ou ampliar a actividade que se desenvolve nun establecemento, aínda que continúe o mesmo titular.
d) Ampliar un establecemento e calquera alteración que se leve a cabo neste e que afecte as condicións sinaladas no parágrafo 1 deste artigo, para o que se esixira unha nova verificación.
e) Traspasar ou cambiar de titularidade un establecementos por calquera causa, agás os cambios de denominación social.
3. Entenderase por establecemento industrial ou mercantil toda edificación habitable, aberta ou non ao público, que non se destine exclusivamente a vivenda ademais dos seguintes:
a) Os locais dedicados ao exercicio habitual do comercio. Presumirase esta habitualidade nos casos a que se refire a lexislación mercantil e fiscal e, especificamente, cando a realización da actividade estea suxeita á tributación polo imposto sobre actividades económicas.
b) Os locais en que se desenvolva unha actividade económica de carácter comercial, industrial, de servizos, fabril, artesá, de construción profesional ou artística.
c) Aquel local que complemente as actividades anteriores, aínda que non se dedique ao seu exercicio, ou que teña relación con elas de forma que lle proporcionaren beneficios ou aproveitamento, como no caso de delegacións ou sucursais.
d) Toda edificación habitable cuxo destino principal non sexa a vivenda e que se dedique ás actividades seguintes:
- Os casinos ou círculos dedicados ao esparexemento ou recreo dos seus compoñentes ou asociados. As distintas dependencias que, dentro dos locais do casino, sociedade ou círculo, sexan destinadas a explotacións económicas suxeitas a tributación polo imposto sobre actividades económicas serán obxecto de apertura diferente á principal que se refire ao obxecto social de carácter non lucrativo.
- O depósito ou o almacén, aínda que estean pechados ao público.
- As actividades que, tiveren ou non fin lucrativo, impliquen a presenza habitual de persoas no local.
- Os locais en que se fagan usos e actuacións que recolle o Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas.
- Os locais e os recintos en que se fagan espectáculos públicos.
- As oficinas, os despachos, os bufetes, os escritorios, os consultorios ou os estudios abertos ao público, onde se exerzan actividades artísticas, profesionais ou de ensino con fin lucrativo e suxeitas a tributación polo imposto sobre actividades económicas.

Artigo 3. Suxeitos pasivos

Son suxeitos pasivos desta taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas, así como as herdanzas xacentes, as comunidades de bens e as demais entidades que, ao careceren de personalidade xurídica, constitúan unha unidade económica ou un patrimonio separado susceptible de imposición, titulares da actividade que se pretenda desenvolver ou que de feito desenvolvan, en calquera local ou establecemento industrial ou mercantil.

Artigo 4. Responsables

En materia de responsabilidade aplicaranse os artigos 42 e seguintes da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

Artigo 5. Devengo

1. A obriga de contribuír nacerá no momento de se iniciar a actividade municipal que constitúe o feito impoñible. Para estes efectos, entenderase iniciada a devandita actividade na data en que se presente a solicitude de licenza de apertura.
2. Caso de se facer a apertura sen licenza previa, o devengo producirase no momento de se iniciar a actividade municipal para determinar se a actividade en cuestión é ou non autorizable, todo o anterior con independencia de que se instrúa o procedemento administrativo sancionador correspondente e tamén con independencia do resultado do procedemento para autorizar a apertura ou resolver o peche do local.
3. A obriga de contribuír non se verá afectada por se denegar ou por se conceder a licenza, e estará condicionada por modificar as características do establecemento.
4. Caso de o solicitante renunciar ou desistir con anterioridade a que se conceda a licenza, as cotas que se teñen que liquidar, e sempre que a actividade municipal se iniciase efectivamente, serán as seguintes:
a. O 25% das establecidas se se renuncia ou se se desiste no prazo dun mes a partir da solicitude.
b. O 50 por cento se se renuncia ou se se desiste posteriormente a este mes.
Considerarase que se iniciou a actividade municipal no momento en que se expida algún dos informes técnicos necesarios.

Artigo 6. Tarifas

A) Novas licenzas:
1. As actividades que estean excluídas do procedemento de avaliación de incidencia ambiental, segundo o anexo III do Decreto 133/2008, do 12 de xuño, polo que se regula a avaliación de incidencia ambiental (inocuas): 200,00 €
2. As actividades sometidas ao procedemento de avaliación de incidencia ambiental (clasificadas), segundo a seguinte clasificación:
- molestas ou asimilables: 400,00 €
- insalubres ou asimilables: 600,00 €
- nocivas ou asimilables: 800,00 €
- perigosas ou asimilables: 1000,00 €
No suposto de que unha actividades estivese comprendida en máis dun apartado dos anteriores, tomarase sempre o valor máis alto.
3. As actividades que estean sometidas ao procedemento de avaliación de efectos ambientais: 1.500,00 €.
4. As actividades que estean sometidas ao procedemento de avaliación de impacto ambiental: 2.500,00 €.
5. As actividades sometidas ao procedemento de autorización ambiental integrada: 3.000,00 €
No caso de que nun local se pretenda realizar dúas ou máis actividades, deberase liquidar cada actividade de forma independente, segundo a clasificación da presente epígrafe.
B) Cambiar a titularidade: 100,00 euros.
C) Modificar ou ampliar actividades cunha licenza anterior:
O estipulado na epígrafe do apartado A en que se clasifique a actividade.
D) Outros:
- Antenas de telefonía móbil e similares: 6.000,00 €
- Paneis publicitarios con soporte ou estrutura: 1.000,00 €
- Actividades recreativas ou espectáculos temporais ao aire libre: 100,00 €
- Depósitos de combustible agás os depósitos de vivendas sen uso industrial: 500,00 €
Os conceptos deste apartado engadiranse aos que lle corresponda segundo o apartado A deste artigo

Artigo 7. Exencións e bonificacións

Non se recoñece ningunha exención nin bonificación agás as que estiveren expresamente previstas en normas con rango de lei e as que se derivaren da aplicación de tratados internacionais.

Artigo 8. Declaración

1. As persoas interesadas en obter unha licenza de apertura de establecementos deberán presentar no Rexistro Xeral deste concello a solicitude correspondente, en que se especificará as actividades que se pretendan desenvolver no local, a que se deberá xuntar o proxecto técnico e os demais documentos que esixen as disposicións vixentes.
2. Se despois de se solicitar a licenza de apertura se varía ou amplía a actividade que se vai desenvolver no establecemento ou se alterasen as características do local, deberase informar a Administración Municipal destas modificacións.
3. Consideraranse caducadas as licenzas se despois de se concederen transcorren máis de tres meses sen se producir a apertura dos locais sen causa motivada, ou se despois de abriren se pechasen por un período superior a seis meses consecutivos sen causa motivada.
4. Os servizos técnicos do concello, como inspectores e os membros da Policía Local deste concello, poderán esixir en calquera momento o documento que acredite a concesión da licenza de apertura definitiva.
5. Cando a Administración tributaria local coñeza que se produciu unha alta no imposto sobre actividades económicas nunha actividade que estea suxeita a esta licenza sen terse solicitado, iniciará de oficio e de xeito automático o procedemento de inspección tributaria correspondente.

Artigo 9. Normas de xestión e de liquidación

A taxa pola concesión de licenza esixirase en réxime de autoliquidación. O suxeito pasivo deberá acreditar no momento de presentar a correspondente solicitude que ingresou o importe total estimado da cota tributaria, a conta da liquidación definitiva que resulte no momento da concesión da licenza.
Se da liquidación definitiva a taxa resulta unha cota superior ou inferior a que se deriva da autoliquidación, requirirase, no primeiro caso, o ingreso da diferenza antes de expedir a licenza, ou devolverase, no segundo, o seu exceso.
Cando por causas no imputables ao suxeito pasivo a actividade administrativa que constitúe o feito impoñible da taxa non se preste ou non se desenvolva, devolverase o importe da cota correspondente.
Non se tramitará o expediente correspondente se non se acredita a autoliquidación e que se pagou a presente taxa.

Artigo 10. Infraccións e sancións

A cualificación das infraccións tributarias e as correspondentes sancións rexeranse polos os artigos 183 e seguintes da Lei xeral tributaria.

Disposición adicional

As cotas tributarias fixadas no artigo 6 desta ordenanza modificaranse anualmente de acordo coa variación do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) que sinale o Instituto Nacional de Estatística. O resultado da aplicación deste índice redondearase sempre por exceso ou por defecto á centena superior ou inferior.

Disposición derradeira

Esta ordenanza, despois de a aprobar o Pleno da corporación, entrará en vigor o mesmo día de se publicar no Boletín Oficial Provincial.