Pontedeume - ORDENANZA REGULADORA DA TAXA POR ENTRADA DE VEHÍCULOS A TRAVÉS DE BEIRARRÚAS E AS RESERVAS DE VÍA PÚBLICA PARA APARCAMENTO, CARGA E DESCARGA DE MERCADORÍAS DE CALQUERA CLASE

Publicación provisional: 19/12/1998 BOP Nº: 290
Publicación definitiva: 19/12/1998 BOP Nº: 290
Aplicable dende: 01/01/1999

Artigo 1.º .-Fundamento e natureza.

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 da Lei 39/88, de 28 de decembro, reguladora das Facendas Locais, este Concello establece a taxa por entradas de vehículos a través de beirarrúas e as reservas de vía pública para aparcamento, carga e descarga de mercadorías de calquera clase, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, na que as súas normas atenden ó prevido no artigo 58 da citada Lei 39/88.

Artigo 2.º .-Feito impoñible.

Constitúe o feito impoñible desta taxa:

a) A entrada ou paso de vehículos ou carruaxes a un edificio ou o acceso ó mesmo.

b) As depresións nas beirarrúas.

c) A reserva de espacios na vía pública para aparcamento exclusivo de vehículos destinados a carga e descarga.

Artigo 3.º .-Suxeito pasivo.

1.-Están obrigados ó pago da taxa en concepto de suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades, a que se refire o artigo 33 da Lei Xeral Tributaria, seguintes:

As persoas ou entidades a favor das cales se outorguen as licencias ou quen se beneficie dos aproveitamentos, se se procedeu sen a oportuna autorización.

2.-Terán a condición de substitutos do contribuínte:

Os propietarios das fincas e locais a que dean acceso as devanditas entradas de vehículos, os cales poderán repercutir, no seu caso, as cotas sobre os respectivos beneficiarios.

Artigo 4.º .-Responsables.

1.-Responderán solidariamente das obrigas tributarías do suxeito pasivo as persoas físicas ou xurídicas a que se refiren os artigos 38.1 e 39 da Lei Xeral Tributaria.

2.-Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de crebas, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei Xeral Tributaria.

Artigo 5.º .-Categorías das rúas ou polígonos.

1.-Para os efectos previstos para a aplicación dalgúns epígrafes das tarifas da línea 2 do artigo 6.º seguinte, as vías públicas deste municipio clasifícanse nunha única categoría.

Artigo 6.º .-Cota tributaría.

1.-A cota tributaria da taxa regulada nesta ordenanza consistirá na cantidade resultante de aplica-las tarifas sinaladas na línea seguinte.

2.-As tarifas da taxa serán as seguintes:

.-Contía anual/ metro lineal

a) Por cada lugar de entrada de carruaxes ou vehículos a un edificio ou acceso ó mesmo, para un só vehículo.-2.500 ptas.

A tarifa anterior incrementarase nun 20 % por cada novo vehículo segundo a capacidade do garaxe.

b) Por cada depresión na beirarrúa.-6.250 ptas.

A tarifa anterior incrementarase nun 20% por cada novo vehículo segundo a capacidade do garaxe, de conformidade coa tarifa da línea a).

d) Por cada reserva de vía pública para aparcamento exclusivo, carga ou descarga.-2.500 ptas.

3.-A cota tributaría da taxa pola venda das placas oficiais de pasaxe permanente polo Concello consistirá nunha contía fixa de 1.600 ptas./placa.

4.-Normas de aplicación das tarifas:

a) As cantidades esixibles de acordo coas tarifas, liquidaranse por cada aproveitamento solicitado ou realizado e serán irreductibles polo período de tempo sinalado nos respectivos epígrafes, con excepción dos casos de declaracións de altas e baixas as cales se prorratearán por trimestres naturais.

b) As persoas interesadas na concesión de aproveitamentos regulados nesta Ordenanza, deberán de solicitar previamente a correspondente licencia e realiza-lo depósito previo a que se refire o artigo 26.1 a) da LRFL, segundo a súa nova redacción dada pola Lei 25/1998, do 13 de xullo.

c) Os servicios técnicos deste Concello comprobarán e investigarán as declaracións formuladas polos interesados, concedéndose as autorizacións de non encontrar diferencias coas peticións de licencias. Se se desen diferencias notificarán as mesmas ós interesados e xiraranse, non seu caso, as liquidacións complementarias que procedan, concedéndose as autorizacións unha vez emendadas as diferencias polos interesados e, no seu caso, realizados os ingresos complementarios que procedan.

d) En caso de denegarse as autorizacións, os interesados poderán solicitar a este Concello a devolución do importe ingresado.

e) Unha vez autorizada a ocupación entenderase prorrogada mentres o interesado non presente a declaración de baixa.

f) A presentación da baixa producirá efectos a partir do día primeiro do trimestre natural seguinte ó da súa presentación. A non presentación da baixa determinará a obriga de continuar aboando a taxa.

Artigo 7.º .-Exencións e bonificacións.

Non se concederá exención ou bonificación ningunha no pago da taxa.

Artigo 8.º .-Obriga de contribuír.

1.-Devéngase a taxa e nace a obriga de contribuír, que orixina o dereito de cobro:

a) Tratándose de concesións de novos aproveitamentos de vía pública, cando se inicie o uso privativo ou o aproveitamento especial, anque poderá esixirse o depósito previo do seu importe total ou parcial, tal e como sinala o artigo 26.1 a) da LRFL, na súa nova redacción dada pola Lei 25/1998, do 13 de xullo.

b) Tratándose de concesións de aproveitamentos xa autorizados e prorrogados, o día 1 de xaneiro de cada ano e o período impositivo comprenderá o ano natural, salvo nos supostos de inicio ou cese na utilización privativa ou aproveitamento especial, caso no que o período impositivo se axustará a esa circunstancia co conseguinte prorrateo na cota por trimestres naturais.

Artigo 9.º .-Declaración de ingreso.

1.-As utilizacións privativas e aproveitamentos especiais derivados de entradas de vehículos a través de beirarrúas e as reservas de vía pública para aparcamento, carga e descarga de mercadorías de calquera clase suxeitas a esta taxa levaranse ó cabo a instancia de parte.

2.-O pagamento desta taxa realizarase:

a) Tratándose de concesións de novo aproveitamento ou aproveitamento con duración limitada, as cotas serán obxecto de liquidación por ingreso directo, unha vez concedidas as correspondentes licencias, na Tesourería municipal ou onde establecese o Concello, pero sempre antes de retira-la correspondente licencia.

Este ingreso terá carácter de depósito previo, de conformidade co disposto no artigo 26.1 a) da Lei 39/1988, do 28 de decembro, quedando elevado a definitivo ó concederse a licencia correspondente.

b) Tratándose de concesión de aproveitamentos xa autorizados e prorrogados sen duración limitada, unha vez incluídas nos padróns ou matrículas desta taxa, as cotas serán obxecto de liquidación de ingreso por recibo, nas oficinas da Recadación municipal ou entidades colaboradoras sinaladas ó efecto e durante o prazo establecido polo Concello no seu calendario fiscal.

Artigo 10.º .-Infraccións e sancións.

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sanción que ás mesmas correspondan en cada caso, estarase ó disposto nos artigos 77 e seguintes da Lei Xeral Tributaria.

Disposición final

A presente ordenanza fiscal, aprobada polo Pleno do Concello en sesión do día 24 de setembro de 1998, entrará en vigor unha vez publicada no Boletín Oficial da Provincia e comezará a aplicarse a partir do día un de xaneiro de mil novecentos noventa e nove, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa

Disposición derrogatoria.

A presente ordenanza derroga a ordenanza n.º 6, reguladora do prezo público por entradas de vehículos a través de beirarrúas e as reservas de vía pública para aparcamento, carga e descarga de mercadorías de calquera clase.