Pontedeume - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POR POSTOS, BARRACAS, CASETAS DE VENDA, ESPECTÁCULOS E ATRACCIÓNS SITAS EN TERREOS DE USO PÚBLICO E INDUSTRIAS DE RÚA E AMBULANTES E RODAXE CINEMATOGRÁFICA.

Publicación provisional: 19/12/1998 BOP Nº: 290
Publicación definitiva: 19/12/1998 BOP Nº: 290
Aplicable dende: 01/01/1999

Artigo 1.º .-Fundamento e natureza.

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases do Réxime Local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 da Lei 39/88, do 28 de decembro, reguladora das Facendas Locais, este Concello establece a taxa por postos, barracas, casetas de venda, espectáculos e atraccións situadas en terreos de uso público e industrias de rúa e ambulantes e rodaxe cinematográfica, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, na que as súas normas atenden ó prevido no artigo 58 da citada Lei 39/88.

Artigo 2.º .-Feito impoñible.

Constitúe o feito impoñible desta taxa as utilizacións privativas ou aproveitamentos especiais do dominio público local derivados da ocupación da vía pública ou terreos de uso público local con postos, barracas, casetas de venda, espectáculos, atraccións ou recreo, así como industrias de rúa e ambulantes e rodaxe cinematográfica.

Artigo 3.º .-Suxeito pasivo.

Están obrigados ó pago da taxa en concepto de suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades, a que se refire o artigo 33 da Lei Xeral Tributaria, seguintes:

1.-As persoas ou entidades a favor das cales se outorguen as licencias ou quen se beneficie dos aproveitamentos, se se produciu sen a oportuna autorización.

Artigo 4.º .-Responsabilidades.

1.-Responderán solidariamente das obrigas tributarías do suxeito pasivo as persoas físicas ou xurídicas a que se refiren os artigos 38.1 e 39 da Lei Xeral Tributaria.

2.-Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de crebas, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei Xeral Tributaría.

Artigo 5.º .-Cota tributaria.

1.-A cota tributaría determinarase pola aplicación da seguinte tarifa de 138 ptas./día, por cada metro cadrado ou fracción.

2.-O Concello poderá establecer, para determinada tempada, os terreos municipais de uso público, nos que permitirá a instalación de teatros, cinematógrafos, circos ou outros espectáculos e adxudica-los ditos terreos mediante licitación, conforme coas vixentes normas de contratación municipal.

3.-As adxudicacións faranse por tempada concreta, con expresión de data a data e, se a ocupación continuara pasado o último día, liquidaranse os días de prórroga proporcionalmente ó prezo ó que tivese sido adxudicada.

4.-Os dereitos fixados na tarifa anterior, así como o importe da adxudicación mediante subhasta, enténdese pola concesión da ocupación, independentemente de que a actividade se leve ou non ó cabo, polo que non poderá concederse bonificación ningunha por causa de chuvias, restriccións no subministro de enerxía eléctrica ou calquera outra forza maior.

Artigo 6.º .-Exencións e bonificacións.

Non se concederá exención ou bonificación ningunha no pago da taxa.

Artigo 7.º .-Obriga de contribuír.

1.-Devéngase a taxa e nace a obriga de contribuír, que orixina o dereito de cobro:

a) Tratándose de concesións de ncívos aproveitamentos de vía pública, no momento no que se inicie o uso privativo ou aproveitamento especial, anque poderá esixirse o depósito previo do seu importe total ou parcial, tal e como sinala o artigo 26.1 a) da LRFL, na súa nova redacción dada pola Lei 25/1998, do 13 de xullo.

b) Tratándose de concesións de aproveitamentos xa autorizados e prorrogados, o un de xaneiro de cada ano e o período impositivo comprenderá o ano natural, salvo nos supostos de inicio ou cese na utilización privativa ou aproveitamento especial, caso no que o período impositivo se axustará a esa circunstancia co conseguinte prorrateo da cota por trimestres naturais.

Artigo 8.º .-Normas de xestión.

1.-As cantidades esixibles de acordo coa tarifa, liquidaranse por cada aproveitamento solicitado ou realizado.

2.-a) As localizacións, instalacións, postos, etc. poderán sacarse a licitación pública e o tipo de licitación en concepto de taxa mínima que servirá de base, será a contía fixada na tarifa desta ordenanza.

b) Procederase, con antelación á subhasta, á formación dun plano dos terreos dispoñibles para ser subhastados, numerando as parcelas que teñan que ser obxecto de licitación e indicando a súa superficie. Así mesmo, indicaranse as parcelas que poidan adicarse a coches de choque, circos, teatros, bares, restaurantes, polbería, quincallerías, etc.

3.-a) As persoas ou entidades interesadas na concesión de aproveitamento regulados nesta ordenanza e non sacados a licitación pública deberán solicitar, previamente á correspondente licencia, realiza-lo depósito previo a que se refire o artigo 7.1 a) desta ordenanza e formular declaración na que conste a superficie que se pretende ocupar e a súa situación dentro do municipio.

b) Os servicios técnicos deste Concello comprobarán e investigarán as declaracións formuladas polos interesados, concedéndose as autorizacións de non encontrar diferencias coas peticións de licencias; se se desen diferencias, notificaranse as mesmas ós interesados e xiraranse, no seu caso, as liquidacións complementarias que procedan, concedéndose as autorizacións unha vez emendadas as diferencias polos interesados e, no seu caso, realizados os ingresos complementarios que procedan.

c) En caso de denegarse as autorizacións, os interesados poderán solicitar a este Concello a devolución do importe ingresado.

4.-Non se consentirá ningunha ocupación da vía pública ata que se teña aboado e obtido polos interesados a licencia correspondente, de conformidade co estipulado no artigo 26.1 a) da LRFL.

5.-As autorizacións terán o carácter de persoal e non poderán ser cedidas ou subarrendadas a terceiros. O incumprimento deste mandato dará lugar á anulación da licencia, sen prexuízo das contías que correspondan aboar ós interesados.

Artigo 9.º .-Declaración de ingreso.

1.-As utilizacións privativas e aproveitamentos especiais derivados da ocupación da vía pública ou terreos de uso público con postos, barracas, casetas de venda, espectáculos ou atraccións, industrias de rúa e ambulantes e rodaxe cinematográfica suxeitas a esta taxa levaranse ó cabo a instancia de parte.

2.-O pagamento desta taxa realizarase:

a) Tratándose de concesións de novo aproveitamento, as cotas serán obxecto de liquidación de ingreso directo, unha vez concedidas as correspondentes licencias, na Tesourería municipal ou onde establecese o Concello, pero sempre antes de retira-la correspondente licencia.

Este ingreso terá carácter de depósito previo de conformidade co disposto no artigo 26.1 a) da Lei 39/1988, do 28 de decembro.

b) Tratándose de concesión de aproveitamentos xa autorizados e prorrogados, unha vez incluídas nos padróns ou matrículas desta taxa, as cotas serán obxecto de liquidación de ingreso por recibo, nas oficinas da Recadación municipal ou entidades colaboradoras sinaladas para o efecto e durante o prazo establecido polo Concello no seu calendario fiscal.

Artigo 10.º .-Infraccións e sancións.

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sanción que ás mesmas correspondan en cada caso, estarase ó disposto nos artigos 77 e seguintes da Lei Xeral Tributaria.

Disposición final.

A presente ordenanza fiscal aprobada polo Pleno do Concello, en sesión ordinaria do 24 de setembro de 1998, entrará en vigor o día da súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia, e comenzará a aplicarse a partir do día un de xaneiro de mil novecentos noventa e nove, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.