Boimorto - REGULADORA DA TAXA POR EXPEDICIÓN DE DOCUMENTOS
Artigo 1.º .-Fundamento legal.
En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 en relación co 20 da Lei 39/88, de 28 de decembro, reguladora das facendas locais, modificada pola Lei 25/98, do 13 de xullo, de modificación do réxime legal das taxas estatais e locais e de reordenación das prestacións patrimoniais de carácter público, este Concello establece a taxa por expedición de documentos, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal.
Artigo 2.º .-Feito imponible
1.-Constitúe o feito imponible a taxa da actividade administrativa de tramitación, a instancia de parte, de toda clase de documentos que expida e expedientes dos que entenda a administración ou as autoridades municipais.
2.-Entenderase tramitada a instancia de parte calquera documentación administrativa que sexa provocada por un particular ou redunde no seu beneficio, aínda que non medie solicitude expresa do interesado.
3.-Non estará suxeita a esta taxa a tramitación de documentos e expedientes necesarios para o cumprimento de obrigas fiscais así como as consultas tributarias. Os expedientes de ingresos indebidos, os recursos administrativos contra resolucións municipais de calquera clase e os relativos á prestación de servicios ou realización e a utilización privativa ou o aproveitamento especial de bens do dominio público municipal, que estean gravados por outra taxa municipal.
Artigo 3.º .-Suxeito pasivo.
Son suxeitos pasivos en concepto de contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 33 da Lei Xeral Tributaria que soliciten, provoquen ou teñan interese na tramitación do documento ou expediente de que se trate.
Artigo 4.º .-Responsables.
1.-Responderán solidariamente das obrigacións tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas a que se refiren os artigos 38.1 e 39 da Lei Xeral Tributaria.
2.-Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei Xeral Tributaria.
Artigo 5.º .-Exencións subxectivas.
Estarán exentos da presente taxa os contribuíntes nos que concorra algunha das seguintes circunstancias:
- Que soliciten documentos administrativos para aportar ós servicios de asistencia social.
- Que obtiveran beneficio de xustiza gratuíta, no que respecta ós documentos administrativos que estean directamente relacionados co procedemento xudicial no que se declare o dereito.
Artigo 6.º .-Cota tributaria.
1.-A cota tributaria determinarase por unha cantidade fixa, sinalada segundo a natureza do documento ou expediente a tramitar de acordo coa tarifa contida no artigo seguinte.
2.-A cota de tarifa corresponde á tramitación completa, en cada instancia, do documento ou expediente de que se trate, desde a súa iniciación ata a súa resolución final, incluída a certificación e notificación ó interesado.
3.-As cotas resultantes por aplicación da tarifa incrementaranse nun 50 por 100 cando os interesados soliciten con carácter urxente a tramitación dos expedientes que motiven a retribución.
Artigo 7.º .-Tarifa.
A tarifa á que se refire o artigo anterior estructurase nos seguintes epígrafes:
1.-Certificacións e informes expedidos pola Secretaría ou Alcaldía:
- Sobre datos relativos a padróns e expedientes vixentes: 200 pesetas.
- Sobre datos relativos a expedientes concluídos e padróns anteriores ó vixente: 500 pesetas.
- Sobre datos relativos a expedientes con máis de 5 anos de antigüidade: 1.000 pesetas.
2.-Certificacións ou informes urbanísticos:
- Se non requiren desprazamento do técnico municipal: 1.000 pesetas.
- Se requiren desprazamento do técnico municipal: 5.000 pesetas.
3.-Outros documentos:
- Fotocopias de folio A-4: 20 pesetas.
- Fotocopias de folio A-3: 30 pesetas.
- Dilixencia de compulsa: 100 pesetas.
- Por cada expediente de celebración de festexos: 500 pesetas.
- Por cada comparecencia ante a Alcaldía para calquera finalidade, con constancia por escrito, solicitada polo interesado: 500 pesetas.
4.-Para outros expedientes ou documentos non especificados na tarifa aplicaráselle os epígrafes da mesma que resulten análogos.
Artigo 8.º .-Bonificacións da cota.
Non se concederá bonificación ningunha dos importes das cotas tributarias sinaladas na tarifa desta taxa.
Artigo 9.º .-Retribución.
1.-Retribúese a taxa e nace a obrigación de contribuír cando se presente a solicitude que inicia a tramitación dos documentos e expedientes suxeitos ó tributo.
2.-Nos casos a que se refire o número 2 do artigo 2.º , a retribución prodúcese cando teña lugar as circunstancias que provean a actuación municipal de oficio ou cando esta se inicie sen previa solicitude do interesado pero redunde no seu beneficio.
Artigo 10.º .-Declaración e ingreso.
1.-A taxa esixirase en réxime de autoliquidación.
2.-Os escritos recibidos que non veñan debidamente reintegrados, serán admitidos provisionalmente, pero non poderán dárselles curso sen que emende a deficiencia, a tal fin requirirase ó interesado para que, no prazo de dez días abone as cotas correspondentes co apercibimento de que, transcorrido dito prazo sen efectualo, teranse os escritos por non presentados e será arquivada a solicitude.
3.-As certificacións ou documentos que expida a administración municipal en virtude de oficio de Xulgado ou Tribunais para toda clase preitos, non se entregarán nin remitirán sen que previamente se satisfaga a correspondente cota tributaria.
Artigo 11.º .-Infraccións e sancións.
En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que ás mesmas correspondan en cada caso, estarase ó disposto nos artigos 77 e seguintes da Lei Xeral Tributaria.
Disposición final.
A presente ordenanza fiscal, aprobada polo Pleno da corporación en sesión extraordinaria celebrada o día vinteseis de outubro de mil novecentos noventa e oito entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, e será de aplicación a partir do 1 de xaneiro de 1999, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.