Cambre - Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola tenencia de animais de compañía e animais potencialmente perigosos

Publicación provisional: 05/03/2003 BOP Nº: 52
Publicación definitiva: 24/04/2003 BOP Nº: 93
Aplicable dende: 25/04/2003

Artigo 1º .-Obxecto.

En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e o artigo 106 da Lei 7/1985 de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, e de conformidade co disposto nos Artigos 15 ó 19 en relación co artigo 20 da Lei 39/88 de 28 de decembro, Reguladora das Facendas Locais, establécese a taxa por prestación de servicios especiais de expedición de licencia para a tenencia de animais potencialmente perigosos, o seu rexistro e modificacións, así como por inscrición no censo de animais de compañía, que se rexerán pola presente Ordenanza fiscal.

Artigo 2º .-Feito impoñible

Constitúe o feito impoñible da taxa a actividade municipal conducente á verificación do cumprimento das condicións esixidas polo ordenamento xurídico para a concesión da licencia indicada, renovación, tramitación, control e custodia da mesma e aqueles outros servicios que se recollen no artigo 6 desta Ordenanza.

Artigo 3º .-Suxeito pasivo

1.-Son suxeitos pasivos da taxa as persoas físicas ou xurídicas que soliciten:

a) a obtención ou renovación da licencia para a tenencia de animais potencialmente perigosos.

b) a inscrición no rexistro municipal correspondente ou ben a modificación ou cancelación da dita inscrición.

c) a inscrición no censo de animais de compañía.

2.-En particular serán suxeitos pasivos os titulares dos establecementos ou asociacións que alberguen animais potencialmente perigosos e se dediquen a súa explotación, cría, comercialización ou adestramento, incluídos os centros de adestramento, criadeiros, centro de recollidas, residencias, centros recreativos e establecementos de venda emprazados neste municipio, cando soliciten os extremos indicados no número anterior.

Artigo 4º .-Responsables

1.-Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas a que se refiren os artigos 38.1 e 39 da Lei Xeral Tributaria.

2.-Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedade e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei Xeral Tributaria.

Artigo 5º .-Devengo

1.-O devengo da taxa producirase coa solicitude de calquera dos actos ós que se refire o feito impoñible.

2.-A non concesión da licencia, cando non sexa debido a incumprimentos formais do suxeito pasivo, dará lugar á devolución das cantidades autoliquidadas.

Artigo 6º .-Tarifas

 

1.-Licencia de animais potencialmente perigosos9 euros
2.-Ficha identificativa individual6 euros
3.-Renovación de licencias5 euros
4.-Inscrición no rexistro A.P.P.4 euros
5.-Inscrición no censo de animais de compañía3 euros
6.-Modificacións rexistrais2 euros
7.-Cancelación rexistral2 euros

 

Os actos ós que se refiren os epígrafes 1, 3, 4 e 7, cando se soliciten polos suxeitos pasivos a que se refire o número 2 do artigo 3, terán un recargo do 25 por cento.

Artigo 7º .-Ingreso da taxa

O ingreso da taxa efectuarase en réxime de autoliquidación e con carácter previo ó acto que o motiva.

Artigo 8º .-Infraccións e sancións

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que as mesmas corresponden en cada caso, estarase ó disposto nos artigos 77 e seguintes da Lei Xeral Tributaria.

Disposición final

A presente Ordenanza fiscal comezará a aplicarse a partir do día seguinte da súa publicación definitiva no Boletín Oficial da Provincia, e manterase vixente ata a súa modificación ou derrogación expresa."