Miño - Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola ocupación da vía pública con postos para a feira semanal no Concello de Miño.
Artigo 1. Fundamento e natureza
En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 141 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 da Lei 39/88, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, este Concello establece a taxa pola ocupación da vía pública con postos para a feira semanal no Concello de Miño, que se rexerá pola presente Ordenanza Fiscal, atendendo as súas normas ao disposto no artigo 38 da citada Lei 39/88.
Artigo 2. Feito impoñible
Constitúe o feito impoñible da presente taxa a ocupación da vía pública con barracas e postos con motivo da celebración da Feira semanal no Concello de Miño.
Están exentos os postos de alimentos perecedeiros, como froitas e hortalizas dos veciños da comarca.
Artigo 3. Suxeito pasivo
Son suxeitos pasivos, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas, xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 33 da Lei xeral tributaria e 23 da Lei 39/88, do 28 de decembro, a favor de quen se outorguen as autorizacións para realizar a utilización privativa ou aproveitamento especial ou quen se beneficie ou realice os aproveitamentos, se se procedeu sen a oportuna autorización.
Artigo 4. Responsables
- Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo todas as persoas que sexan causantes ou colaboren na realización dunha infracción tributaria, así como os copartícipes ou cotitulares das Entidades recollidas no artigo 33 da Lei xeral tributaria, que responderán solidariamente en proporción ás súas respectivas participacións das obrigas tributarias da entidade.
- Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de crebas, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei xeral tributaria.
Artigo 5. Base impoñible
Tomarase como base para determinar a cota tributaria da presente taxa, a superficie da ocupación expresada en metros lineais.
Artigo 6. Cota tributaria
A cota tributaria establécese en 1 euro semanais por cada metro lineal.
Artigo 7. Período impositivo e dereito de percepción
O período impositivo coincidirá, para os postos con autorización, coa semana natural, tendo dereito a percibir a taxa o primeiro día do período impositivo, sendo as cotas irreductibles polo período impositivo.
Artigo 8. Normas de xestión
- As licencias serán de carácter anual e renovables automaticamente, agás nos casos de extinción destas ou de petición formulada polo interesado sobre tal extremo, que en todo caso deberá ser realizada con un mes de antelación.
- As condicións dos titulares das licencias e a transmisión destas regularase segundo o disposto no Regulamento da Feira.
- Coas solicitudes de licencia achegarase a documentación esixida no Regulamento da Feira , quen , logo do seu exame, resolverá, notificando a resolución ó peticionario desta. A denegación das licencias deberá ser sempre motivada.
- O pagamento da taxa farase, para os postos con licencia municipal, mensualmente, segundo o correspondente Padrón, confeccionado a tal fin, na derradeira feira do mes. Para os postos sen licencia, o pagamento farase semanalmente, o día da feira, no momento da ocupación do dominio público local.
- A efecto do pagamento desta taxa, polo Concello Pleno nomearase a un ou varios cobradores habilitados, que efectuaran o cobro segundo recibos ou billetes confeccionados para o efecto, debendo os mesmos render contas ao tesoureiro municipal no seguinte día hábil posterior á celebración da feira.
Artigo 9. Infraccións e sancións
En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que a estas correspondan en cada caso, estarase ó disposto nos artigos 77 e seguintes da Lei xeral tributaria.
Disposición adicional
Disposición final
A presente ordenanza foi aprobada polo Concello Pleno en sesión celebrada o 18 de novembro de 2003, entrando en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia. Permanecerá en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresas.