Neda - ORDENANZA REGULADORA DA TAXA POLAS ENTRADAS DE VEHÍCULOS A TRAVÉS DAS BEIRARRÚAS E OUTROS TERREOS DE USO PUBLICO E RESERVA DA VÍA PÚBLICA PARA APARCAMENTO, CARGA E DESCARGA DE MERCADORÍAS DE CALQUERA CLASE
Artigo 1.-Fundamento e natureza
En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 141 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 da Lei 39/88, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, este Concello establece a taxa por entrada de vehículos a través das beirarrúas e reservas da vía pública para aparcamento exclusivo, parada de vehículos, carga e descarga de mercadorías de calquera clase, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, atendendo as súas normas ó disposto no artigo 38 da citada Lei 39/98.
Artigo 2.-Feito impoñible
Constitúe o feito impoñible da presente taxa a autorización administrativa así como a verificación técnica e administrativa dos actos de aproveitamento especial do dominio público local, e en particular os seguintes:
- Entradas de vehículos en edificios, solares, fábricas, talleres e, en xeral, en inmobles de calquera destino, feita a través de terreos destinados ó uso público.
- Reservas permanentes para actividades distintas do acceso a inmobles.
- Reservas de carácter temporal para diversas actividades de comercio, construcción, servicios e subministros.
- A reposición de sinais obrigatorios indicadores do aproveitamento.
Artigo 3.-Suxeitos pasivos
Son suxeitos pasivos desta taxa, a título de contribuínte, as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 33 da Lei xeral tributaria e 23 da Lei 39/88, do 28 de decembro, reguladora das facendas Locais, a prol das que se outorguen as licencias, ou os que se beneficien do dito aproveitamento, se se procedeu sen a oportuna licencia.
Terán a condición de substitutos do contribuínte, os propietarios dos terreos e locais a que dean acceso as ditas entradas de vehículos, os que poderán repercutir, no seu caso, as cotas sobre os respectivos beneficiarios.
Artigo 4.-Exencións
Non estarán obrigados ó pagamento desta taxa, as administracións públicas polos aproveitamentos inherentes ós servicios públicos de comunicacións que exploten directamente e por tódolos que inmediatamente interesen a seguridade cidadá ou a defensa nacional.
Así mesmo están exentos os taxis, autobuses públicos, ambulancias e vehículos do concello.
Artigo 5.-Cota tributaria
A cota tributaria será a fixada nas tarifas seguintes:
- Almacéns o por maior e fábricas.-108,42 euros/ano.
- Exposición e venda automóbiles.-81,32 euros/ano.
- Talleres mecánicos, reparación, pintura, lavados ou similares.-54,21 euros/ano.
- Garaxes particulares de menos de 10 vehículos, ata 2 m lineais de reserva.-27,11 euros/ano.
- Por cada metro ou fracción que exceda dos 2 m. a cantidade de 6,78 euros/metro/ano.
- Sinal.-10 euros.
Artigo 6.-Normas de xestión
1.-As cantidades esixibles de acordo coas tarifas liquidaranse por cada aproveitamento solicitado ou realizado e serán irreductibles polos períodos naturais de tempo sinalados nos respectivos epígrafes. Nos supostos de alta ou baixa no uso do servicio o período impositivo axustarase a esta circunstancia co correspondente rateo da cota resultante por trimestres naturais.
2.-As persoas ou entidades interesadas no concesión de aproveitamentos regulados nesta ordenanza deberán solicitar con anterioridade a correspondente licencia, acompañando un plano detallado no que se sinale a extensión do aproveitamento e a súa situación dentro do municipio.
3.-Os servicios técnicos deste concello comprobarán e investigarán as declaracións formuladas polos interesado, concedéndose as autorizacións de non atopar diferencias coas petición da licencia; se se deran, estas noficaranse ós interesados e xiraranse, no seu caso, as liquidacións complementarias que procedan, concedéndose as autorizacións unha vez emendadadas as diferencias e, efectuados os ingresos complementarios que procedan.
4.-Os aproveitamentos autorízanse sempre discrecionalmente e sen prexuízo de terceiros.
5.-As obras de construcción, reforma ou supresión do aproveitamento serán realizadas polo titular deste baixo a inspección técnica do concello. O mantemento e conservación serán igualmente a costa do titular.
6.-Os titulares das licencias deberán adquirir, á súa costa, as placas oficiais de "pasaxe permanente" que teñan establecidas neste concello, que serán colocadas polos interesados en lugar visible e de forma permanente, e nas que se fará consta-lo número de autorización.
7.-No caso de denegarse as autorizacións, os interesados poderán solicitar deste concello a devolución do importe ingresado.
8.-Unha vez autorizada a ocupación, entenderase prorrogada mentres non se presente declaración de baixa polo interesado. Non obstante, se o interese xeral esixise a supresión do aproveitamento, a Administración municipal revogará a licencia concedida, requirindo o titular para que suprima, á súa costa, o aproveitamento.
9.-As licencias anularanse:
- Por non uso ou uso indebido.
- Por cambia-las circunstancias en base ás que se concedeu esta.
- Por non conservar en perfecto estado a placa oficial de "pasaxe permanente", a canle ou beirarrúa e, en xeral, por incumprimento de calquera das obrigas impostas nesta ordenanza ou na licencia da autorización.
10.-Para a tramitación das baixas no padrón, deberá retirarse previamente toda sinalización que determine a existencia do "pasaxe permanente".
11.-Cando a utilización privativa ou aproveitamento especial leva aparellada a destrucción ou deterioro do dominio público local, o beneficiario, sen prexuízo do pagamento da taxa a que houber lugar, estará obrigado o reintegro do custo total dos respectivos gastos de reconstrucción ou reparación e depósito previo do seu importe.
Si os danos fosen irreparables, a entidade será indemnizada en contía igual ó valor dos bens destruídos ou do importe do deterioro dos danados.
Artigo 7.-Devengo e cobramento
1.-A obriga do pagamento da taxa regulada nesta ordenanza nace:
a) Tratándose de concesións de novos aproveitamentos da vía pública, no momento de solicitala correspondente licencia.
b) Tratándose de concesións de aproveitamentos xa autorizados ou prorrogados, o día primeiro de cada ano natural.
2.-O pagamento da taxa realizarase:
a) Tratándose de concesións de novos aproveitamentos, por ingreso directo na Depositaría municipal ou onde estableza o concello, unha vez se lle notifique por este o importe, pero sempre antes de retira-la correspondente licencia.
b) Tratándose de concesións de aproveitamentos xa autorizados e prorrogados, unha vez incluídos os contribuíntes no padrón desta taxa, na oficina da Recadación municipal ou lugar onde indique o concello, durante o período de tempo que no seu momento se sinale.
c) Polo que respecta a inclusión dos contribuíntes no padrón desta taxa, anualmente formarase este, que será aprobado pola comisión municipal de goberno e exposto o publico no Boletín Oficial da Provincia e taboleiro de nuncios, polo prazo de quince días, para os efectos de reclamacións. No dito anuncio notificarase o período de cobranza e cando quedan incursas as cotas non satisfeitas en constrinximento. Non obstante e no caso de ser poucos os contribuíntes por este concepto, o cobramento poderá facerse tamén por notificación individual, nas condicións establecidas pola lexislación vixente.
Artigo 8.-Infracción e sancións
En todo o relativo a cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que a estas correspondan en cada caso, estarase ó disposto nos artigos 77 e seguintes da Lei xeral tributaria.