Pontes de García Rodríguez As - TAXA POR LICENCIA DE APERTURA

Publicación provisional: 18/11/2003 BOP Nº: 265
Publicación definitiva: 31/12/2003 BOP Nº: 299
Aplicable dende: 31/12/2003

Artigo 1.º .-Fundamento e réxime

En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 144 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, este Concello establece a "taxa por licencia de apertura de establecementos" que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, e as súas normas atenden ó prevido no artigo 58 da citada Lei 39/1988.

Artigo 2.º .-Feito impoñible

Constitúe o feito impoñible da taxa a actividade municipal, tanto técnica como administrativa, tendente a verificar se os establecementos industriais e mercantís reúnen as condicións de tranquilidade, sanidade e salubridade e calquera outras esixidas polas correspondentes ordenanzas e regulamentos municipais ou xerais para o seu normal funcionamento, como presuposto necesario e previo para o outorgamento por este Concello da licencia de apertura a que se refire o artigo 22 do Réxime de servicios das corporacións locais.

A tal efecto, terán a consideración de apertura:

a) A instalación por primeira vez do establecemento para dar comenzo as súas actividades.

b) A variación ou ampliación da actividade desenvolvida no establecemento aínda que continúe o mesmo titular.

c) A ampliación do establecemento e calquera alteración que se leve a cabo en este e que afecte as condicións sinaladas no número 1 deste artigo, esixindo nova verificación destas.

Entenderase por establecemento industrial ou mercantil toda edificación habitable, estea ou non aberta ó público, que non se destine exclusivamente a vivenda, e que:

a) Se dedique o exercicio de algunha actividade empresarial fabril, artesá, da construcción, comercial e de servicios que estea suxeita ó imposto sobre actividades económicas.

b) Aínda sen desenvolverse aquelas actividades se serven de auxilio ou complemento para estas, ou teñan relación con elas en forma que lles proporcionen beneficios ou aproveitamento, como por exemplo, sedes sociais, axencias, delegacións ou sucursais de entidades xurídicas, escritorios, oficinas, despacho ou estudios.

Artigo 3.º .-Suxeito pasivo

Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas e xurídicas e as entidades as que se refire o artigo 33 da Lei xeral tributaria, titulares da actividade que se pretende desenvolver ou, no seu caso, se desenvolva en calquera establecemento industrial ou mercantil.

Artigo 4.º .-Responsables

Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas ás que se refire o artigo 38.1 e 39 da Lei xeral tributaria.

Serán responsables subsidiarios os Administradores das sociedades e os sindicatos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei xeral tributaria.

Artigo 5.º .-Base impoñible

Constitúe a base impoñible da presente taxa a cota de tarifa do imposto sobre actividades económicas.

Artigo 6.º .-Cota tributaria

1.-Con carácter xeral, a cota tributaria resultará de aplicar á base impoñible (BI) a seguinte fórmula de cálculo:

- [(BI) x 2] para establecementos nos que as actividades se consideren molestas, insalubres e perigosas.

- [(BI) x 1] para os demais establecementos mercantís, industriais e comerciais, non comprendidos no apartado anterior.

2.-Cando nun establecemento se exerzan varias actividades, liquidarase a cota íntegra que corresponda a actividade que resulta máis alta e, ademais, o 30 por cento das restantes.

Artigo 7.º .-Exencións e bonificacións

Non se concederán exención nin bonificación ningunha na exacción da taxa.

Artigo 8.º .-Devengo

Devéngase a taxa e nace a obrigación de contribuír, cando se inicie a actividade municipal que constitúe o feito impoñible. A estes efectos entenderase iniciada a dita actividade na data da presentación da oportuna solicitude da licencia de apertura, se o suxeito pasivo formúlase expresamente esta.

Cando a apertura tivese lugar sen ter obtido a oportuna licencia, a taxa devengarase cando se inicie efectivamente a actividade municipal conducente a determinar se o establecemento reúne ou non as condicións esixibles, con independencia da iniciación do expediente administrativo que poida instruírse para autorizar a apertura do establecemento ou decretar o seu cerre, se non fora autorizable a dita apertura.

A obrigación de contribuír, unha vez nacida, non se verá afectada, en modo ningún, pola denegación da licencia solicitada ou pola concesión desta condicionada a modificación das condicións do establecemento, nin pola renuncia ou desestimento do solicitante unha vez concedida a licencia.

Artigo 9.º .-Declaración

1.-As persoas interesadas na obtención dunha licencia de apertura de establecemento industrial ou mercantil presentarán previamente, no Rexistro Xeral, a oportuna solicitude, con especificación da actividade ou actividades a desenvolver no local, acompañada do contrato de alugueiro ou título de adquisición deste.

2.-Se despois de formulada solicitude de licencia de apertura se variase ou ampliase a actividade do local ou se alterasen as condicións proxectadas por tal establecemento ou ben se ampliase o local inicialmente previsto, estas modificacións terán que poñerse en coñecemento da Administración municipal co mesmo detalle e alcance que se esixen na declaración prevista no número anterior

Artigo 10.º .-Liquidación e ingreso

1.-Finalizada a actividade municipal e unha vez dictada a resolución municipal que proceda sobre a licencia de apertura, practicarase a liquidación correspondente pola taxa, que será notificada o suxeito pasivo para o seu ingreso directo nas arcas municipais utilizando os medios de pagamento e os prazos que sinala o Regulamento de recadación.

2.-Os servicios técnicos comprobarán e investigarán as declaracións formuladas polos interesados, concedéndose as autorizacións de non atopar diferencias cos pedimentos das licencias.

3.-Se se desen diferencias, notificaranse estas ós interesados e efectuaranse de ser o caso, as liquidacións complementarias que procedan, concedéndose as autorizacións unha vez que os interesados corrixan as diferencias e realicen os ingresos complementarios que procedan.

Artigo 11.º .-Infraccións e sancións

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que a estas correspondan en cada caso, estarase ó disposto nos artigos 77 e seguintes da Lei xeral tributaria.

Disposición derradeira

A presente ordenanza fiscal, unha vez aprobada definitivamente polo Pleno do Concello e publicada integramente no Boletín Oficial da Provincia, comezará a rexer a partir da súa publicación, e continuará vixente mentres non se acorde a súa modificación ou derrogación.