Ponteceso - AXUDAS PARA A INSERCIÓN SOCIAL-EMERXENCIAS SOCIAIS

Publicación provisional: 24/03/2006 BOP Nº: 69
Publicación definitiva: 24/03/2006 BOP Nº: 69
Aplicable dende: 13/04/2006

Artigo 1º O concepto das axudas para a inserción social-emerxencias sociais

As axudas para a inserción social-emerxencias sociais son as disposicións non pecuniarias que cumpran os requisitos que sinala o artigo 2.1 da Lei xeral de subvencións e que realice o Concello de Ponteceso a favor de persoas físicas para paliar situacións carenciais transitorias e imprevistas ou excepcionais, así como para previr o seu agravamento.

Artigo 2º O ámbito subxectivo de aplicación (beneficiarios)

1 A presente normativa regula a xestión das axudas para a inserción social-emerxencia social que lle conceda o Concello de Ponteceso ás persoas físicas que cumpran os seguintes requisitos:

- ter a residencia acreditada no Concello de Ponteceso cunha antigüidade mínima de 6 meses

- ser maior de idade ou menor emancipado con cargas familiares

- percibir uns ingresos anuais inferiores ao salario mínimo interprofesional vixente no momento de solicitar a subvención

Excepcionalmente, tamén lle poderá conceder axudas aos transeúntes, para sufragar os gastos de aloxamento e manutención durante un día, como máximo.

2 Posibles beneficiarios das axudas de inserción social-emerxencia social:

a) Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas que se indicaron máis arriba, consideradas individualmente ou como membros dunha unidade familiar. Para os efectos desta ordenanza, enténdese como unidade familiar o núcleo de convivencia que estea composto por dúas ou máis persoas vinculadas por matrimonio ou por outra forma de relación estable análoga á conxugal, por parentesco de consanguinidade ata o segundo grao e por afinidade ata o terceiro grao.

b) No caso de que o Concello lle conceda a a axuda á unidade familiar, os seus membros integrantes non poderán beneficiarse de axudas de inserción social-emerxencia social consideradas individualmente. No caso de que queiran optar individualmente a estas axudas, deberán formular por escrito a declaración de exclusión da unidade familiar.

Artigo 3º A finalidade das axudas (ámbito obxectivo)

As axudas de inserción social-emerxencia social teñen como finalidade paliar situacións carenciais transitorias e imprevistas ou excepcionais, así como prever seu agravamento. En particular, estas axudas tenderán a cubir o financiamento total ou parcial dos gastos derivados das seguintes situacións:

a) Situacións de ingresos insuficientes, que provocan unha situación temporal de insuficiencia de recursos económicos para cubir as necesidades primarias.

b) Situacións de necesidade provocadas por catástrofes, epidemias, intoxicacións e outras análogas de carácter excepcional que provoquen dificultades para satisfacer as necesidades primarias.

Artigo 4º As clases e as contías máximas das axudas

A) Dentro dos termos do artigo anterior establécense as seguintes clases de axudas:

1 Manutención: Durante tres meses consecutivos ou ben unha vez cada dous meses ao longo do ano, ata o tope máximo anual de 400,00 euros por unidade familiar.

Enténdes incluido dentro do concepto de manutención o leite maternizado.

2 Vestiario básico: Contía máxima por unidade familiar: 150,00 euros ao ano.

3 Medicación: Durante tres meses consecutivos ou ben unha vez cada dous meses ao longo do ano ata un tope máximo anual de 300,00 euros

Enténdese incluído dentro deste concepto o mateiral oftalmolóxico e buco-dental.

4 Gastos de vivenda: Contía máxima anual por unidade familiar: 250,00 euros

5 Impago de subministracións: Contía máxima anual por unidade familiar: 150,00 euros

6 Condicións de habitabilidade: Contía máxima anual por unidade familiar: 900,00 euros

7 Barreiras arquitectónicas: Contía máxima anual por unidade familiar: 900,00 euros

8 Gastos de transporte para asistir a tratamentos rehabilitadores de toxicomanías: Contía máxima anual por unidade familiar: 150,00 euros

9 Pago de actividades socio-culturais que sexan precisas para a integración social: ata un tope de 50,00 euros ao ano.

10 Becas para libros e material escolar: Contía máxima anual por unidade familiar:

Educación infantil: 180,00 euros

Educación primaria: 300,00 euros

Educación secundaria: 300,00 euros

No caso de que a axuda de inserción social-emerxencia social se conceda a unha persoa física, para os únicos efectos de determinar as contías máximas do apartado anterior deste artigo así como para a determinar as contías concretas segundo o artigo seguinte, o Concello entenderá que a persoa física beneficiaria constitúe unha unidade familiar integrada por un único membro.

A cantidade global percibida por todos os conceptos anteriores non poderá superar no cómputo anual os 1.000,00 euros.

11 Aloxamento e manutención de transeúntes:

a Manutención por unha comida diaria, que non poderá superar o custo de 9,00 euros.

b Aloxamento únicamente por un día e sempre que concorran motivos de enfermidade ou forza maior, que non poderá superar os 30,00 euros.

B) O Concello poderá condecer a axuda se hai unha situación de emerxencia social que faga preciso un tipo de axuda distinta das incluídas no apartado anterior deste artigo, sempre que concorran as circunstancias do artigo 3 desta ordenanza e sempre que a persoa que solicita a axuda xustifique a necesidade mediante un informe do Departamento de Servizos Sociais. A contía máxima da axuda será aquela que corresponda á axuda sinalada no apartado anterior coa que teña unha maior similitude.

Artículo 5º Os coeficientes de ponderación da contía total

1 O Concello modulará en cada caso as cantidades máximas determinadas no artigo anterior aplicando os coeficientes que figuran no apartado seguinte deste artigo e que atenden a:

a) A porcentaxe que representan os ingresos per cápita da unidade familiar sobre o salario mínimo interprofesional vixente en cada momento

b) O número de membros da unidade familiar que se benefician directamente da axuda

2 Coeficientes:

a) Coeficiente de ingresos anuais da unidade familiar: (CI)

 

% de ingresos anuais per cápita da unidade familiar sobre o SMI CI
Entre 80 e 100 0,4
Entre 60 e 80 0,55
Entre 40 e 60 0,7
Entre 20 e 40 0,85
Entre 0 e 20 1

 

b) Coeficiente dos membros da unidade que se benefician da axuda (CB): Este coeficiente coincirá coa porcentaxe que representan os membros da unidade familiar que se benefician da axuda con respecto ao número total de membros da unidade familiar

Artigo 6º O cómputo dos ingresos

Para os efectos do previsto no artigo 5, o cómputo dos ingresos das posibles persoas beneficiarias da axuda de inserción social-emerxencia social, o Concello terá en conta a base impoñible da derradeira declaración do IRPF, minorado no mínimo persoal e familiar do imposto. No caso de que a persoa que solicita a axuda non estea obrigada a presentar a declaración do IRPF, acreditará os ingresos anuais a través das nóminas, dos certificados do INEM, dos certificados da Seguridade Social sobre a vida laboral ou das percepcións de subvencións, das certificacións de xuros bancarios ou dos derradeiros movementos bancarios e/ou de calquera outra forma que o Concello considere necesaria para acreditar os ingresos.

Artigo 7º As obrigas dos beneficiarios

As persoas beneficiarias das axudas de inserción social-emerxencia social que outorgue o Concello de Ponteceso quedarán sometidas ás obrigas xerais reguladas no artigo 14 da Lei 38/2003, xeral de subvencións, ás que poida recoller a Ordenanza xeral de subvencións que aprobe o Concello de Ponteceso, así como ás seguintes obrigas específicas:

a Ao cumprimento das condicións que o Concello poida establecer no acordo da concesión da axuda, e que vaian destinadas a que poidan superar a situación de emerxencia social que motivou a concesión da subvención

b Á escolarización dos menores que se atopen en idade de ensino obrigatorio

Artigo 8º A tramitación

A tramitación das axudas de inserción social-emerxencia social axustarase ao seguinte procedemento:

1 Inicio: O procedemento iniciarase mediante unha solicitude do interesado en obter a axuda de inserción social-emerxencia social. O interesado dirixirá a solicitude ao alcalde do Concello de Ponteceso. Coa solicitude achegará a documentación que acredite a situación carencial.

2 Instrucción: O alcalde trasladará a solicitude ao Departamento de Servios Sociais. O técnico ou a técnica dese departamento emitirá o correspondente informe-proposta, no que valorará debidamente a situación que o interesado acreditou documentalmente e cuantifica. Ademais no informe o técnico ou a técnica do Departamento de Servizos Sociais cuantificará o importe da axuda.

Unha vez que estea completo o expediente, o Departamento de Servizos Sociais remitirallo ao interventor municipal ou á interventora municipal para a súa fiscalización previa.

3 Resolución: Logo de que o interventor municipal ou a interventora municipal realice a fiscalización previa, remitiralle o expediente ao alcalde (ou ao órgano que nese momento teña delegada a competencia), para que dite a correspondente resolución administrativa.

Sen prexuízo do que dispoñen os parágrafos anteriores, o técnico ou a técnica de servizos sociais, logo de emitir o correspondente informe-proposta, poderá pagarlle a axuda inmediatamente ao interesado utilizando as cantidades percibidas en concepto de anticipo da caixa fixa. Para que poida realizar esta posibilidade, antes haberá que constituír para o efecto o correspondente anticipo de caixa fixa seguindo as normas reguladoras contidas na Base 22 de execución do orzamento para o ano 2005.

Asimesmo, poderanse aboar directamente o importe das axudas comtempladas nesta ordenanza á empresa subministradora dos bens ou servizos para a adquisición dos cales se teña outorgado a subvención. Neste caso será preceptivo o informe favorable da Traballadora Social do Concello de Ponteceso no cal debe quedar suficentemente acreditado que as circunstancias personais e familiares do beneficiario non permiten un pago directo ao mesm

Disposición final

De conformidade co que dispón o artigo 70.2 da Lei 7/85, reguladora das bases do réxime local, esta ordenanza entrará en vigor unha vez que o Concello publique o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia e logo de que transcorra o prazo de quince días hábiles ao que se refire o artigo 65.2 desa lei.