Abegondo - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DO SERVICIO DA REDE DE SUMIDOIROS E DEPURACIÓN.
Art. 1º .-Fundamento legal.
No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, e ó abeiro do disposto no artigo 58 da Lei 39/88. Do 28 de decembro, reguladora das Facendas Locais, establece a Taxa por servicios da rede de sumidoiros e depuración, que se regulará pola presenta Ordenanza, redactada conforme ó disposto nos artigos 20 a 27 da Lei 39/88.
Art. 2º .-Feito impoñible.
1.-Constitúe o feito impoñible da Taxa a prestación do servicio de evacuación de excretos, augas negras, residuais e pluviais mediante a utilización da rede de sumidoiros municipais, e a conseguinte depuración das devanditas augas.
2.-O servicio de evacuación de excreto, augas negras, residuais e pluviais será de recepción obrigatoria, polo que en consecuencia tódolos inmobles situados a distancia menor de vintecinco metros dalgunha arteria da rede de sumidoiros deberán estar dotadas do servicio, sempre que a pendente do terreo o permita, devengándose a taxa aínda cando os suxeitos pasivos non realicen a acometida da finca á rede xeral.
Art. 3º .-Suxeitos pasivos.
Son suxeitos pasivos desta taxa, na condición de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas, así como as entidades ás que se refire o artigo 33 da Lei Xeral Tributaria, que soliciten ou resulten beneficiados ou afectados pola actividade administrativa ou servicio que constitúe o feito impoñible desta taxa.
Así mesmo, terá a consideración de substituto do contribuínte os propietarios dos inmobles, os cales poderán repercutir, no seu caso, as cotas abonadas sobres os respectivos beneficiarios.
Art. 4º .-Responsables.
1.-Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas que son causantes ou colaboran na realización da infracción tributaria, as que se refiren os artigos 38 e 39 da Lei Xeral Tributaria.
2.-Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades, ou liquidadores de quebras , concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei Xeral Tributaria.
Art. 5º .-Execcións, reducción e bonificacións.
De conformidade co disposto do artigo 18 da Lei 8/89, do 13 de abril, non se recoñece beneficio tributario algún, agás o propio Concello.
Art. 6º .-Base impoñible.
1.-Para abonados con servicio de abastecemento de auga, constará dunha cota fixa máis unha cantidade por m3 de auga facturada.
2.-Para abonados sen servicio de abastecemento de auga, constará dunha cota fixa o trimestre.
Art. 7º .-Cota tributaria.
A cota tributaria referida á presente taxa é a seguinte:
A.-Servicio de saneamento e depuración.
A.1.-Para abonados con servicio de abastecemento de auga.
Cota fixa: 200 pesetas abonado e mes.
Por m3 facturados en abastecemento de auga: 20 ptas m3.
A.2.- Para abonados sen servicio de abastecemento de auga.
Doméstico e Comercial: 1.750 ptas ó trimestre.
Industrial e obras: 3.000 ptas ó trimestre.
A.3.- Cota de mantemento.
A cota de mantemento das acometidas de saneamento será de 40 ptas por mes e abonado.
As tarifas do artigo 7º -A incrementaranse co IVE vixente en cada momento.
As tarifas do artigo 7º -A incrementaranse anualmente co IPC correspondente.
B.-Realización de acometidas e enganches.
B.1.-Acometidas:
1.-Ata unha lonxitude máxima de 5 metros, dende a rede do sumidoiro ata o límite da parcela, a tarifa é a seguinte:
Para o intervalo de anos 2001 a 2004 ambos inclusive:
a.-Gabia de terra: 40.600 pesetas.
b.-Gabia de asfalto: 46.400 pesetas.
c.-Gabia en beirarrúa: 52.200 pesetas.
d.-Gabia en roca: segundo presuposto.
2.-Para os tramos que pasen dos 5 metros, dende a rede do sumidoiro ata o límite da parcela, os prezos antes reseñados veranse incrementados por metro, segundo o seguinte detalle, ata un máximo de 10 metros, entre os dous tramos, a partir desta distancia farase un presuposto para cada caso, resultando o custe inferior o prezo unitario por metro.
Para o intervalo de anos 2001 a 2004 ambos inclusive:
a.-Gabia en terra: 3.020 pesetas/metro.
b.-Gabia en asfalto: 5.200 pesetas/metro.
c.-Gabia en beirarrúa: 6.150 pesetas/metro.
d.-Gabia en roca: Presuposto para cada caso.
As tarifas reseñadas en B.1 para o ano 2005 e posteriores incrementaranse co IPC correspondente.
As tarifas reseñadas en B.1 teñen o IVE incluído.
3.-Para a realización das acometidas, no suposto de licencia ou autorización para acometida á rede de sumidoiros, coincidirá exactamente co importe do presuposto material da obra, presupostado pola empresa concesionaria do servicio e aprobado polo órgano municipal competente.
Para a realización das acometidas á rede xeral de sumidoiros o material empregado será PVC, reforzado para 4 Atm, apto para sistemas de evacuación de 160 mm Tódalas acometidas irán dende unha arqueta situada ó límite da propiedade do usuario, ata un pozo de rexistro da rede xeral.
No caso de ter que realizar, unha acometida de diámetro superior, terase que facer un presuposto exclusivo para esa acometida.
Por cada vivenda unifamiliar só se realizará unha única acometida.
No caso de vivendas de baixo e pranta, consideraranse dous abonados sempre que o baixo sexa usado como vivenda independente ou se realicen actividades industriais.
En edificios con varias vivendas, a petición do promotor, poderase facer unha acometida por portal.
Os talleres ou industrias, que empreguen hidrocarburos ou sustancias consideradas altamente contaminantes, deberán ter, de acordo coa normativa vixente, un sistema de depuración previa ou tanque separador de aceites e graxas, estando totalmente prohibido verter directamente á rede de saneamento calquera destes productos.
B.2.-Enganches.
Para o intervalo 2001 a 2004 por vivenda ou local 10.000 pesetas.
A partir do ano 2005 estes prezos veranse incrementados con IPC anual correspondente.
B.3.-Cambios de titular e taxas.
As seguintes tarifas son para o intervalo de anos 2001 a 2004.
1.-Por cada cambio de titular, previa autorización do concello 6.000 pesetas.
2.-Por taxas administrativas por tódolos conceptos 5.000 pesetas por contrato.
A partir do ano 2005 estes prezos veranse incrementado co IPC anual correspondente.
Art 8º .-Devengo.
O devengo da presente taxa terá lugar cando naza a obriga de contribuír, segundo no establecido no artigo 2º .
A cota tributaria pola evacuación de excretos, augas negras, residuais e pluviais mediante a utilización da rede de sumidoiros municipais e súa depuración, devéngase o primeiro día de cada trimestre natural. Nos casos de alta nace a obriga de contribuír igualmente no primeiro día do trimestre en que sexa realizada á acometida e o enganche.
Art. 9º .-Liquidación e recadación.
1.-As liquidacións pola evacuación de excretos, augas negras, residuais e pluviais serán aprobadas polo órgano competente do Concello o remate de cada trimestre natural, unha vez confeccinado o padrón correspondente polo concesionario do servicio; as liquidacións serán expostas ó público por un período mínimo de quince días hábiles. Non será necesaria a notificación das cotas sucesivas que se deriven da súa declaración de alta, sen prexuízo da remisión do correspondente recibo con detalle da facturación.
O cobro dos recibos poderá ser:
a. Directamente das oficinas do concesionario do servicio.
b. Ou mediante xestión bancaria.
2.-A liquidación da cota tributaria pola acometida, será aprobada polo órgano competente do Concello simultaneamente ó outorgamento da licencia de enganche, baseándose do presuposto presentado pola empresa concesionaria do servicio, acorde cos prezos aprobados nesta ordenanza.
A recadación levarase a cabo pola empresa concesionario do servicio ó abeiro do disposto no artigo 124 da Lei Xeral Tributaria. O prazo para o ingreso en voluntaria será o previsto no Regulamento Xeral de Recadación, artigo 20.
Dada a unidade de xestión e mantemento do servicio da auga e rede de sumidoiros e depuración, poderase expedir un único recibo que incorpore a facturación trimestral de ámbalas taxas.
Art. 10º Infraccións e sancións
En materia de infracción e as súas correspondentes sancións estarase ó disposto da Lei Xeral Tributaria, artigos 77 e seguintes, e demais normativa aplicable.
Disposición final.
A presente ordenanza foi aprobada polo Pleno da Corporación na sesión celebrada o día 29 de decembro do 2000; entrará en vigor unha vez sexa publicada no Boletín Oficial da Provincia e comenzará a aplicarse có primeiro trimestre do ano 2001; permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.
Disposición derrogatoria.
A presente ordenanza derroga a aprobada polo Pleno en sesión celebrada o 9 de novembro de 1999.