Val do Dubra - ORDENANZA FISCAL Nº 24, REGULADORA DO PREZO PÚBLICO POLA UTILIZACIÓN DE SERVIZOS INFORMÁTICOS E A IMPARTICIÓN DE CURSOS DE INFORMÁTICA NA AULA DE INFORMÁTICA, NA CASA DE CULTURA E NOUTRAS INSTALACIÓNS MUNICIPAIS DO CONCELLO DE VAL DO DUBRA.
Artigo 1º . Concepto
De conformidade co disposto no artigo 2.1.e), en relación co artigo 41, ámbolos dous do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da lei reguladora das facendas locais, este Concello establece o prezo público por utilización dos servizos da Aula de Informática do Concello de Val do Dubra, pola impartición de cursos de informática e outras actividades informáticas que organice o Concello no exercicio das súas competencias educativas ou culturais na Casa de Cultura do Concello e outras instalacións municipais, nas que se establezan dereitos de matrícula.
Poderán ser usuarios da Aula de Informática e outras instalacións municipais tódalas persoas físicas ou xurídicas que soliciten a utilización do servizo e as entidades que desenvolvan actividades de interese municipal ou de clara relevancia cultural.
Poderán asistir ás clases e actividades de informática impartidas na Casa de Cultura do Concello e outras instalacións municipais organizados polo propio Concello, tódalas persoas físicas que así o soliciten.
Artigo 2º . Suxeitos obrigados ó pagamento
Son suxeitos obrigados ó pagamento as persoas físicas ou xurídicas que soliciten a utilización do servizo da aula de informática, ou as que resulten beneficiadas por este, así como as persoas físicas que asistan ás clases e actividades informáticas organizadas polo Concello, nos diferentes edificios municipais, nas que se establezan dereitos de matrícula ós alumnos que se matriculen neles.
Artigo 3º . Actividades gravadas
1. Constitúen servizo ou actividade gravada por este prezo público a prestación de servizos da Aula de Informática do Concello de Val do Dubra, consistente en:
Cursos ou actividades de informática programados polo Concello e impartidos por profesores que impliquen conexión á rede telefónica (Internet, correo electrónico), ou non impliquen conexión á rede telefónica (ofimática, xogos..)
Cesión temporal da aula de informática e as súas instalacións ás persoas físicas ou xurídicas, asociacións...para a realización de cursos ou actividades informáticas, non organizadas polo propio Concello.
Impresión de documentos polos usuarios da Aula informática en réxime de Aula aberta
Artigo 4º . Contía das actividades gravadas
1. O importe do prezo público fixado cubrirá, como mínimo, o custo do servizo prestado, podendo así fixarse un prezo público por debaixo do custo cando existan razóns sociais, benéficas, culturais ou de interese público que así o aconsellen, especialmente nos casos enunciados no artigo sexto da presente ordenanza.
2. A contía do prezo público determinarase aplicando as tarifas seguintes:
Tarifa primeira: cursos ou actividades programadas de informática, así como outros cursos e actividades socioculturais organizadas polo Concello, na Aula de Informática, na Casa de Cultura do Concello ou noutros edificios/instalacións municipais, que orixinen dereitos de matrícula:
A tarifa máxima aplicable será a que resulte de dividir os custos directos da actividade ou programa entre o número máximo de inscricións admisibles. Os custos directos xustificaranse diante da Intervención municipal e o órgano competente para a fixación da tarifa aplicable a cada curso ou actividade será a Xunta de Goberno Local, de acordo co criterio anterior e previo estudo económico emitido polos servizos técnicos.
Cando existan razóns sociais ou benéficas, culturais ou de interese público que así o aconsellen a Xunta de Goberno Local poderá fixar a tarifa por debaixo do importe previsto no apartado anterior.
Tarifa segunda: utilización persoal dos ordenadores en réxime de Aula Aberta.
Pola impresión de documentos: 0,05 euros por páxina.
Tarifa terceira: cesión da Aula de Informática da Casa de Cultura ou outras instalacións municipais para realizar cursos ou actividades informáticas non organizadas polo Concello:
- Para entidades con ánimo de lucro que cobren ós usuarios individuais a prestación do servizo: 21,32 euros/hora.
- Para entidades con ánimo de lucro que presten gratuitamente o servizo ós usuarios individuais: 10,66 euros/hora.
- Para entidades sen ánimo de lucro: 5,33 euros/hora.
Estas tarifas sufrirán un incremento anual automático igual ó IPC oficial correspondente ó ano natural anterior.
3. Sobre as anteriores tarifas establécense as seguintes reducións:
a) cursos ou actividades informáticas programadas polo Concello para determinados colectivos considerados desfavorecidos, previo informe da área de Servizos Sociais, e/ou que sexa necesaria para a súa formación nese campo, previo informe da área de Muller, Familia e Emprego, de carácter gratuíto ou cunha redución de ata unha porcentaxe 50%, de acordo coa proposta dos informes emitidos.
b) persoas que acrediten formar parte dunha familia numerosa, para cursos ou actividades programadas, a contía verase reducida un 50%.
c) cando se inscriban en cursos ou actividades programadas máis dun irmán dunha unidade familiar, que non forme familia numerosa, ó primeiro cobraráselle o 100%, e ó seguinte o 50% da cota.
d) as persoas perceptoras de pensións non contributivas estarán exentas do pagamento das tarifas previstas nesta ordenanza.
As reducións previstas nestes apartados non son acumulables entre si.
Artigo 5º . Obriga de pagamento
A obriga de pagamento do prezo público regulado neste ordenanza nace coa formalización das correspondentes matrículas para o curso ou actividade da que se trate ou dende que se inicia a prestación do servizo.
Cando por causas non imputables ó obrigado ó pagamento do prezo público, o servizo non se preste, procederá a devolución do importe correspondente.
Artigo 6º . Normas de xestión e pagamento
As solicitudes para admisión en cursos ou actividades programados polo Concello na Aula de Informática do Concello ou para a utilización por cesión da Aula de Informática e as súas instalacións dirixiranse ó alcalde do Concello de Val do Dubra, sendo informadas e tramitadas polo servizo responsable da Aula informática do Concello. As autorizacións para a utilización por cesión da Aula de Informática e instalacións, así como a admisión ós cursos ou actividades de informática serán concedidas polo alcalde do Concello e notificadas ós interesados.
Dende a data de admisión ós cursos ou de cesión da aula informática, os importes dos prezos públicos faranse efectivos por ingreso directo nas entidades colaboradoras do Concello e con antelación ó inicio dos servizos.
No caso das cotas que se devenguen por impresión de documentos , os prezos aboaranse directamente á persoa responsable da aula informática, que expedirá ós usuarios os correspondentes "tickets" xustificativos do número de copias impresas e os importes que , para tal efecto, correspondan.
As débedas non satisfeitas nos termos deste artigo esixiranse pola vía de constrinximento de acordo co que dispón o Regulamento Xeral de Recadación.
Artigo 7º . Outras obrigas
Os solicitantes para a admisión en cursos ou actividades de informáticos programados polo Concello na Aula de Informática e outras instalación municipais, para a utilización por cesión da Aula de Informática e as súas instalacións ou para o uso persoal dos ordenadores deberán estar ó corrente do pagamento das débedas contraídas co Concello de Val do Dubra por calquera concepto.
Os solicitantes dos referidos servizos deberán tratar o material da aula ou de calquera outra instalación municipal debidamente, sen causar danos nel. No caso de que existiran no Concello antecedentes de maltrato ou danos causados no referido material, poderase denegar, previo informe do servizo correspondente, a referida solicitude.
O Concello de Val do Dubra, por medio do órgano encargado da administración deste prezo público, no caso de cesión da Aula de Informática, poderá esixir un depósito previo para responder, se é o caso, dos desperfectos que poidan producirse nos ordenadores ou calquera outro material por facer mal uso do referido material. O depósito previo poderá constituírse en metálico ou aval bancario, ou substituírse por unha póliza de seguros que cubra o referido risco.
Devolverase o seu importe, previo informe do Servizo de responsable da Aula informática, no que conste que non se causaron danos ou que estes foron reparados.
Artigo 8º . Delegación na Xunta de Goberno Local
No suposto de que o servizo ou actividade de informática a desenvolver na Aula de Informática ou noutras instalacións do Concello, previa autorización, non se encontre tarifada na presente ordenanza ou resulte necesaria a modificación ou actualización das contías, delégase na Xunta de Goberno Local, conforme ós artigos 48 da Lei 39/88, de 28 de decembro, e 23.2 b) da Lei 7/85, do 2 de abril, o establecemento da tarifa ou a actualización desta, a proposta do servizo técnico correspondente co previo informe do interventor municipal.
Disposición Final
A presente ordenanza entrará en vigor unha vez transcorra o prazo de quince días hábiles dende a publicación deste anuncio no Boletín Oficial da Coruña, a que se refire o artigo 70 número 2, en relación co artigo 65 número 2, da Lei 7/1985, do 2 de abril , e comezará a aplicarse a partir do día seguinte, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derogación expresa.