Índice
Arzúa - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE VEHÍCULOS DE TRACCIÓN MECÁNICA
Publicación provisional:
07/11/2007
BOP Nº:
257
Publicación definitiva:
22/12/2007
BOP Nº:
294
Aplicable dende:
01/01/2008
Artigo 1.º. FUNDAMENTO E NATURALEZA.
De conformidade co previsto no artigo 56, en relación cos seus artigos 92 a 99, do texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, RDL 2/2004; o imposto sobre vehículos de tracción mecánica, é un tributo directo, de carácter obrigatorio.
Artigo 2.º. FEITO IMPOÑIBLE.
1.-O imposto sobre vehículos de tracción mecánica é un tributo directo que grava a titularidade dos vehículos desta natureza, aptos para circular polas vías públicas, calquera que sexa a súa clase e categoría.
2.-Considérase vehículo apto para a circulación o que fose matriculado nos rexistros públicos correspondentes e mentres non tivese causado baixa nestes. Para os efectos deste imposto tamén se considerarán aptos os vehículos provistos de permisos temporais e matricula turística.
3.-Non están suxeitos a este imposto:
a) Os vehículos que sendo dados de baixa nos rexistros por antigüidades do seu modelo, poidan ser autorizados para circular excepcionalmente con ocasión de exhibicións, certames ou carreiras limitadas ós desta natureza.
b) Os remolques e semirremolques arrastrados por vehículos de tracción mecánica de carga útil non superior a 750 quilogramos.
Artigo 3.º.-SUXEITO PASIVO.
Son suxeitos pasivos deste imposto as persoas físicas ou xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 33 da Lei xeral tributaria, aquelas que no permiso de circulación teñen o vehículo o seu nome.
Artigo 4.º. EXENCIÓNS.
Estarán exentos do imposto os vehículos incluídos no artigo 93.1 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora de Facendas Locais.
Artigo 5.º. BONIFICACIÓNS.
Gozarán dunha bonificación do 100% na cota os vehículos históricos, ou aqueles que teñan unha antigüidade mínima de vintecinco anos contados a partir da data da súa fabricación, tomándose como tal, se esta non se coñecera, a da súa primeira matriculación ou, no seu defecto, a data na que o correspondente tipo ou variante se deixou de fabricar.
Para poder gozar da bonificación, os interesados deberán instar a súa concesión indicando as características do vehículo, a súa matrícula e a antigüidade. Para estes efectos deberán acompañar á solicitude de bonificación os documentos que acrediten o cumprimento dos requisitos para gozar da mesma, ben por medio de copia compulsada da ficha técnica, o permiso de circulación do vehículo ou o certificado do fabricante ou de Industria respecto da data na que deixou de fabricarse o modelo en cuestión. No caso de vehículos históricos acreditarase aportando a catalogación como tal polo órgano competente da Comunidade Autónoma.
Os interesados deberán presentar a solicitude antes da data do devengo do imposto. En caso contrario a bonificación aplicarase desde o exercicio seguinte ao da solicitude. Declarada a bonificación pola Administración tributaria local, expedirase un documento que acredite a súa concesión.
Artigo 6.º. CUOTA TRIBUTARIA.
A cota será o resultado de aplicar ó cadro de tarifas do artigo 95.1 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora de Facendas Locais.
Potencia e clase de vehículo | Coeficiente |
A) Turismos: | |
De menos de oito cabalos fiscais | 1,30 |
De 8 ata 11,99 cabalos fiscais | 1,30 |
De 12 ata 15,99 cabalos fiscais | 1,30 |
De 16 ata 19,99 cabalos fiscais | 1,30 |
De 20 cabalos fiscais en adiante | 1,30 |
B) Autobuses: | |
De menos de 21 plazas | 1,30 |
De 21 a 50 plazas | 1,30 |
De máis de 50 plazas | 1,30 |
C) Camións: | |
De menos de 1.000 kilogramos de carga útil | 1,30 |
De 1.000 a 2.999 kilogramos de carga útil | 1,30 |
De máis de 2.999 a 9.999 kilogramos de carga útil | 1,30 |
De máis de 9.999 kilogramos de carga útil | 1,30 |
D) Tractores: | |
De menos de 16 cabalos fiscais | 1,30 |
De 16 a 25 cabalos fiscais | 1,30 |
De máis de 25 cabalos fiscais | 1,30 |
E) Remolques e semirremolques arrastrados por vehículos de tracción mecánica: | |
De menos de 1.000 e máis de 750 kilogramos de carga útil | 1,30 |
De 1.000 a 2.999 kilogramos de carga útil | 1,30 |
De máis de 2.999 kilogramos de carga útil | 1,30 |
F) Vehículos: | |
Ciclomotores | 1,30 |
Motocicletas ata 125 centímetros cúbicos | 1,30 |
Motocicletas de máis de 125 ata 250 centímetros cúbicos | 1,30 |
Motocicletas de máis de 250 ata 500 centímetros cúbicos | 1,30 |
Motocicletas de máis de 500 ata 1.000 centímetros cúbicos | 1,30 |
Motocicletas de máis de 1.000 centímetros cúbicos | 1,30 |
Artigo 7.º. PERÍODO IMPOSITIVO E OBRIGA DE CONTRIBUIR.
1.-O período impositivo coincide co ano natural, agás no caso de primeira adquisición dos vehículos. Neste caso, o período impositivo principiará o día en que se produza a dita adquisición.
2.-A data de esixibilidade do imposto é o primeiro día do período impositivo.
3.-O importe da cota do imposto prorratearase por trimestres naturais nos casos de primeira adquisición ou baixa do vehículo.
Tamén procederá o rateo da cota nos mesmos termos nos supostos de baixa temporal por subtracción ou roubo do vehículo, e dende o momento no que se produza a devandita baixa temporal no rexistro público correspondente.
Nos supostos de baixa definitiva ou baixa temporal por subtracción ou roubo do vehículo e para efectos do rateo, os contribuíntes deberán solicitar no seu caso a devolución proporcional das cotas ingresadas.
4.-No suposto de transferencia ou cambio de domicilio con transcendencia tributaria, a cota será irreductible e o obrigado ó pago de imposto será o que figure como titular do vehículo no permiso de circulación no día primeiro de xaneiro.
Artigo 8.º. NORMAS DE XESTIÓN.
1.-A xestión liquidación e inspección e a revisión dos actos administrativos dictados na vía de xestión tributaria corresponden o concello do domicilio no que conste o Permiso de circulación do vehículo.
No caso de primeira adquisición do vehículo ou reforma que altere a súa clasificación para os efectos do presente imposto, o suxeito pasivo estará obrigado a practicar no impreso habilitado para tal efecto pola Deputación Provincial, a correspondente declaración-liquidación e a realizar o ingreso das débedas tributarias resultantes nas oficinas dos Servicios da Recadación da Deputación Provincial debidamente autorizadas. Acompañarase a documentación acreditativa da súa compra ou modificación, o certificado das características técnicas e o documento nacional de identidade ou código de identificación fiscal.
Esta declaración deberá efectuarse no prazo de trinta días seguintes á adquisición ou reforma devanditas.
2.-No caso de vehículos xa matriculados ou declarados aptos para a circulación, a recadación das correspondentes cotas realizarase mediante o sistema de padrón anual no que figurarán tódolos vehículos suxeitos o imposto que se atopen inscritos no correspondente rexistro público a nome de persoas ou entidades domiciliadas neste termo municipal.
3.-O Padrón do imposto exporase ó público anualmente para que os lexítimos interesados poidan examinalo e, no seu caso, formular as reclamacións oportunas: a exposición ó público anunciarase no Boletín Oficial da Provincia e producirá os efectos de notificación da liquidación a cada un dos suxeitos pasivos.
Artigo 9.º. INFRACCIÓNS E SANCIÓNS.
Para todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias e a imposición das sancións correspondentes, rexerá o disposto nos artigos 77 e seguintes da LXT.
DISPOSICIÓN ADICIONAL ÚNICA.
No non expresamente previsto na presente ordenanza, rexerán os preceptos contidos na subsección 4.ª, da sección 3.ª, do capítulo II, do título II da citada Lei 39/1988, concordantes e complementarias desta, e nas demais leis do Estado reguladoras da materia, así como nas disposicións dictadas para o seu desenvolvemento.
DISPOSICIÓNS DERROGATORIA.
A partir da entrada en vigor desta ordenanza queda derrogada a anterior reguladora do imposto sobre vehículos de tracción mecánica.
DISPOSICIÓN DERRADEIRA.
A presente ordenanza fiscal foi aprobada polo Pleno da Corporación en sesión celebrada o 30 de outubro de 2007 entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no BOP e será de aplicación a partir do día 1 de xaneiro de 2008, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresas.