Bergondo - ORDENANZA REGULADORA DO PREZO PÚBLICO POLA PRESTACIÓN DE ACTIVIDADES CULTURAIS E DEPORTIVAS

Publicación provisional: 16/11/2002 BOP Nº: 263
Publicación definitiva: 16/11/2002 BOP Nº: 263
Aplicable dende: 03/07/2005

Artigo primeiro.-Concepto.

A) De acordo co disposto no artigo 129, en relación co artigo 41, ámbolos dous da Lei 39/88, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, na súa nova redacción dada pola Lei 25/1998, do 13 de xullo, de modificación do réxime legal das taxas estatais e locais e de reordenación da prestacións patrimoniais de carácter público, este Concello establece o prezo público pola prestación de actividades culturais e deportivas, que se rexerá polo que dispón esta ordenanza.

B) Poderán ser usuarios de tales actividades culturais ou deportivas tódalas persoas físicas que soliciten do Servicio a súa participación nestas.

Artigo segundo.-Suxeitos obrigados ó pagamento.

Son suxeitos obrigados ó pagamento as persoas físicas que, tendo solicitado a súa participación nas actividades culturais ou deportivas organizadas, sexan admitidas polo servicio correspondente.

Non estarán obrigados ó pagamento as persoas físicas cando participen en actividades patrocinadas polo Concello de Bergondo.

Artigo terceiro.-Actividades gravadas.

Constitúe servicio ou actividade gravada por este prezo público a prestación de actividades culturais consistentes en:

1.-Actividades musicais: solfexo, guitarra e outras análogas.

2.-Actividades manuais: manualidades, pintura, encaixe de bolillos e outras análogas.

3.-Actividades formativas: animación á lectura e psicomotricidade, obradoiro de contos, obradoiro de idiomas e outras análogas.

4.-Visitas de carácter cultural, xeográfico e etnográfico: excursións para o coñecemento do contorno na Comunidade Autónoma ou fóra dela, sendeirismo, visitas a exposicións ou museos e outras análogas.

Así mesmo,constitúe servicio ou actividade gravada por este prezo público a prestación de actividades deportivas consistentes en:

1.-Escolas deportivas municipais: ximnasia de mantemento, ximnasia de mantemento para a terceira idade, musculación, iudo, fútbol-sala, baloncesto, tenis e outras de natureza análoga.

2.-Actividades deportivas de verán: actividades náuticas como vela, piragüismo, "wind surf" e outras análogas.

3.-Actividades acuáticas en piscina climatizada: natación (distintos niveis).

4.-Actividades de relaxación: tai-chi, ioga e análogas.

Artigo cuarto.-Contías das actividades gravadas.

1.-O importe do prezo público fixado cubrirá, como mínimo, o custo das actividades prestadas, podendo así fixarse un prezo público por debaixo do custo cando existan razóns sociais benéficas, culturais ou de interese público que así o aconsellen. Especialmente nos casos enunciados no apartado 3 deste artigo.

2.-A contía do prezo público determinarase aplicando as tarifas seguintes e en función do número de horas prestadas en cada actividade:

Tarifa primeira: actividades culturais programadas.

1.-Actividades musicais: solfexo, guitarra e outras análogas: 2,40 euros/hora.

2.-Actividades manuais: manualidades, pintura, encaixe de bolillos e outras análogas: 1,20 euros/hora.

3.-Actividades formativas: animación á lectura e psicomotricidade, obradoiro de contos, obradoiro de idiomas e outras análogas: 1,20 euros/hora.

4.-Visitas de carácter cultural, xeográfico e etnográfico: excursións para o coñecemento do contorno na Comunidade Autónoma ou fóra da Comunidade Autónoma, sendeirismo, visitas a exposicións ou museos e outras análogas:

- Dentro da Comunidade Autónoma:

- Con comida incluída: 15,00 euros/día.

- Sen comida incluída: 6,00 euros/día.

5.-Campamento xuvenil "A Devesa", en Ribadeo (do 1 ó 15 de agosto): 100,00 euros

Tarifa segunda: actividades deportivas programadas.

1.-Escolas deportivas municipais:

- Ximnasia de mantemento, ximnasia de mantemento para a terceira idade e musculación: 0,90 euros/hora.

- Liga de fútbol-sala: cota de 240,40 euros.

- Baloncesto, fútbol-sala, judo e outros: 0,90 euros/hora.

- Ximnasia de relaxación: tai-chi, ioga...: 1,50 euros/hora.

- Baile moderno-jazz: 1,50 euros /hora.

2.-Actividades deportivas de verán: actividades náuticas como vela, piragüismo, "wind surf" e outras análogas:

- Tenis e outras análogas: 3,30 euros/hora.

- Actividades náuticas: 1,05 euros/hora.

3.-Actividades acuáticas en piscina climatizada: natación (distintos niveis): 1,05 euros/hora.

- O Concello de Bergondo resérvase o dereito de programar cursos ou actividades de carácter gratuíto ou cunha reducción de contías de ata un porcentaxe do 50% para determinados colectivos que se consideren desfavorecidos, previo informe da Área de Servicios Sociais, e/ou que sexa necesaria a súa formación neste campo, previo informe da Área de Educación.

Para persoas que acrediten formar parte de familia numerosa, para cursos ou actividades, a contía verase reducida nun 50%.

- Cando se inscriban nun mesmo curso ou actividade programada, isto é, de duración superior a un trimestre, mais dun membro dunha unidade familiar, que non formen familia numerosa, ó primeiro cobraráselle o 100%, e os seguintes o 50% da cota. En todo caso, o desconto aplicarase sempre ás contías menores.

4.-O establecido no apartado anterior non será de aplicación ás actividades gravadas no artigo cuarto, punto dous, tarifa primeira subapartado catro.

Artigo quinto.-Obriga de pagamento.

- A obriga de pagamento nace dende que se inicia a prestación da actividade cultural ou deportiva, se ben este Concello poderá esixir o depósito previo no momento da inscrición.

Artigo sexto.-Normas de xestión: pagamento.

- Unha vez que exista o número mínimo de persoas preinscritas que faga posible e viable a realización da actividade cultural ou deportiva anteriormente regulamentada, os interesados en participar, e sempre por rigorosa orde de preinscrición, deberán presentar para a súa inscrición definitiva a documentación esixida xunto co documento acreditativo do pagamento do prezo público correspondente, regulado na presente ordenanza. A non presentación en prazo da citada documentación supoñerá a non inscrición na actividade.

- O pagamento do prezo público farase no momento da inscrición, en calquera entidade colaboradora do Concello. Non obstante, cando a actividade teña unha duración superior a un trimestre, poderá aboarase por trimestres naturais anticipados, aboando o primeiro no momento da inscrición. Cando a actividade non se desenvolva por trimestres naturais completos aboarase ó inicio do trimestre a parte correspondente ó período de actividade realizada durante este.

- As débedas non satisfeitas nos termos deste artigo esixiranse por vía de constrinximento de acordo co que dispón o Regulamento xeral de recadación.

Artigo sétimo.-Outras obrigas.

Os solicitantes das actividades deberán estar ó corrente do pagamento das débedas contraídas co Concello de Bergondo.

Nos supostos en que a actividade a desenvolver, previa autorización, non se encontre tarifada na presente ordenanza ou resulte necesaria a modificación ou actualización das contías, delégase na Comisión de Goberno, conforme o artigo 23.2 b) da Lei 7/85, do 2 de abril, o establecemento da tarifa a proposta do Servicio Técnico co previo informe da Intervención municipal.

Disposición final.

A presente ordenanza entrará en vigor e comenzará a aplicarse ó día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, permanecendo vixente ata que se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.

Dilixencia.

A precedente ordenanza foi aprobada polo Concello en pleno o día 27 de xullo de 2001, e modificada polo Concello en pleno de data 12 de setembro de 2002.

Faise constar igualmente que contra o acto de aprobación definitiva, que pon fin á vía administrativa os interesados poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo competente por razón do territorio, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da publicación deste acordo e do texto integro da ordenanza no Boletín Oficial da Provincia (segundo o artigo 46.1 da Lei 29/98, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa).