Índice

Santa Comba - Ordenanza reguladora da venda ambulante no concello de Santa Comba

Publicación provisional: 11/11/2006 BOP Nº: 259
Publicación definitiva: 13/02/2007 BOP Nº: 36
Aplicable dende: 29/02/2008

TÍTULO I

DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1.- Obxecto.

Constitúe o obxecto desta Ordenanza a regulación da venda ambulante dentro do termo municipal de Santa Comba , de conformidade co previsto na Lei 10/1988, do 20 de xullo, de ordenación do comercio interior de Galicia, no Decreto 194/2001, do 26 de xullo, de ordenación da venda ambulante, e demais normativa aplicable.

Artigo 2.- Marco normativo.

A venda ambulante rexerase, ademais do disposto na presente ordenanza, polo establecido no decreto da Consellería de Industria e Comercio 194/2001, de 26 de xullo de ordenación da Venda Ambulante, na Lei 10/1988, de 20 de xullo, de Ordenación do Comercio Interior de Galicia, RD 1010/1985, polo que se aproba o Regulamento de venda ambulante polo que se regula o exercicio de determinadas modalidades de venda fóra de establecemento comercial permanente e polas normas sectoriais reguladoras da venda e comercialización de cada produto concreto en especial os regulamentos técnicos e sanitarios aplicables a producción e comercialización de cada produto.

Artigo 3.- Concepto de venda ambulante.

A venda ambulante ou non sedentaria é unha modalidade especial de venda, calificándose coma tal a realizada de xeito habitual, periódico, ocasional ou continuado, por comerciantes fóra dun establecemento comercial permanente e na vía pública ou en solares, espacios libres, en postos ou instalacións desmontables ou transportables, nos lugares ou perímetros debidamente autorizados, ou en vehículos, incluíndo os camións-tenda, ou sen a utilización de postos, mediante o acarrexo persoal das mercadorías por parte dos vendedores, transitando polas vías públicas locais.

Non terán a consideración de venda ambulante a realizada dentro dos locais ou recintos ocupados por un certame feiral.

Artigo 4.- Modalidades de venda ambulante.

A venda ambulante tan só se poderá levar a cabo baixo algunha das seguintes modalidades:

a) Venda ambulante en mercados periódicos: aquela autorizada no mercados sito no lugar determinados por este Municipio nesta Ordenanza, cunha periodicidade habitual establecida.

b) Venda ambulante en mercados fixos: aquela autorizada en lugares anexos ós mercados municipais ou de abastos, con instalacións permanentes, na actualidade inexistente neste Concello.

c) Venda ambulante en postos instalados na vía pública: aquela que se autorice para un número de postos, situación e período determinado

d) Venda ambulante en mercados ocasionais: aquela autorizada en mercados esporádicos, que teñan lugar con motivo de festas, feiras ou acontecementos populares. Terán esta consideración as actividades de venda ambulante realizadas nas festas populares e romarías realizadas no termo municipal.

e) Venda ambulante mediante camións ou calquera outro tipo de vehículos-tenda, que será autorizada en lugares e períodos determinados.

f) Venda ambulante mediante o reparto e oferta persoal polos propios vendedores, que acarrexen a súa mercadoría sen vehículo, a pé, percorrendo as vías públicas locais.

Quedan excluídos da presente regulación os postos autorizados na vía pública de carácter fixo e estable nos que se desenvolva actividades comerciais de xeito habitual e permanente mediante a oportuna concesión administrativa, rexerán polas súas normativas específicas, tales coma quioscos e similares.

Artigo 5.- Suxeitos da venda.

A venda ambulante poderaa exercer toda persoa física que se dedique profesionalmente á actividade de comercio polo miúdo e reúna os requisitos establecidos na presente ordenanza demais normativa que fose de aplicación.

Artigo 6.- Competencias municipais.

Segundo o previsto no art. 54 da Lei estatal 7/1996, do 15 de xaneiro, de Ordenación do Comercio Minorista, no artigo 24 da Lei autonómica 10/1988, do 20 de xullo, de Ordenación do comercio interior de Galicia, e no artigo 14 do Decreto autonómico 194/2001, do 26 de xullo, de Ordenación da Venda Ambulante de Galicia, modificado polo Decreto 171/2002, do 25 de abril, corresponde ó Concello de Santa Comba, sen prexuízo das competencias concurrentes doutras administracións públicas, concede-la autorización para o exercicio da venda ambulante no seu termo municipal, así como a ordenación, execución, vixilancia e control das medidas necesarias para o desenvolvemento satisfactorio das actividades de venda ambulante no termo municipal de Santa Comba.

Artigo 7.- Ámbito de aplicación.

O ámbito territorial de aplicación desta ordenanza está constituído polo termo municipal de Santa Comba, especialmente o perímetro do seu núcleo urbano e rurais

Dentro do termo municipal de Santa Comba, a venda ambulante só se poderá efectuar de acordo coas condicións e nos termos que estableza a presente Ordenanza.

TÍTULO II

RÉXIME DE FUNCIONAMENTO DA VENDA AMBULANTE.

Artigo 8.- Emprazamento da venda ambulante.

1.- Corresponde a Xunta de Goberno Local ou órgano en quen delegue, determinar o emprazamento ou localización da venda ambulante. Cando se realice fóra dos recintos, delimitados físicamente ou non, nos que se celebren as Feiras e Mercados organizados e periódicos, correspóndelle o establecemento dos días, horario, frecuencia e rutas para os que se autoriza o seu exercicio, así como as dimensións e as características que deberán reuni-los postos ou vehículos-tenda.

2.- Tódolos postos serán desmontables e proporcionados polo propio vendedor. En caso de vehículo ou camión-tenda, contabilizarase a tódolos efectos o espacio ocupado por todo o turismo e os elementos auxiliares que se lle anexen.

3.- Está prohibida a venda ambulante de mercadorías acarrexadas polo propio vendedor, en tránsito a pé, nos recintos das feiras e mercados organizados .

4.- Está prohibida a venda ambulante definida polo artigo 4 desta ordenanza en horario nocturno ( de 23:00 pm horas a 6: 30 am horas)

Artigo 9.- Venda de produtos perecedoiros.

A venda de produtos perecedoiros axustarase en todo momento ás condicións e esixencias hixiénico-sanitarias establecidas pola normativa vixente, podendo ser retirada a mercadoría, de acordo co establecido coa dita normativa, sen dereito a indemnización no caso de infracción a tal normativa.

Artigo 10.- Réxime de funcionamento.

1.- Os postos, que serán numerados, deberán situarse no lugar indicado polo Municipio. baixo ningún concepto poderán ser colocados de forma que interrompan o paso dos peóns, o acceso ós locais comerciais ou industriais. Así mesmo, tampouco poderán situarse diante dos accesos ou das fachadas dos edificios públicos.

2.- Os vendedores, na súa actividade, deberán evitar producir molestias e incomodidades que perturben a orde pública. Para tal fin, cumprirán puntual e exactamente as ordes que lles transmitan os axentes da autoridade ou persoal municipal encargado a tal efecto, sobre horarios, montaxe e desmontaxe, ruídos, publicidade, distribución ou calquera outro tema que afecte ó seu desempeño.

3.- Os ocupantes dos postos deberán manter estes ordenados e en perfectas condicións hixiénicas e de seguridade. Así mesmo, deberán cumpri-las instrucións que se dicten pola autoridade ou os seus axentes sobre limpeza, etc., debendo recoller nun recipiente os refugallos producidos durante a actividade feiral, de sorte que, unha vez esta remate, os ditos refugallos sexan depositados nos correspondentes contedores instalados polo Municipio para tal efecto, debendo queda-lo espacio ocupado polo seu posto en perfectas condicións hixiénicas.

4.- En ningún caso poderán exhibirse os produtos directamente enriba do chan, debendo estar en cestas ou mesas para garantir unhas condicións mínimas de hixiene e sanidade.

5.- Os toldos dos postos deberán colocarse de forma que non causen molestias ós veciños, especialmente os días de choiva.

O xénero colocado nos saíntes non deberán sobrepasar a liña dos mostradores.

6.- Queda prohibida a participación de menores de 16 anos nas actividades de venda ambulante.

Artigo 11.- Normativa hixiénico-sanitaria.

Os vendedores das feiras e mercados organizados estarán obrigados ao cumprimento da normativa hixiénico-sanitaria aplicable segundo os xéneros que comercialicen.

Artigo 12.- Taxas.

Tódalas taxas que dimanen da venda ambulante serán reguladas pola correspondente ordenanza fiscal.

 

TÍTULO III

CONDICIÓNS ESPECÍFICAS DE DETERMINADAS MODALIDADES DE VENDA AMBULANTE

Capitulo I

VENDA NAS FEIRAS E MERCADOS DE SANTA COMBA.

Artigo 13.- Feiras e Mercados periódicos organizados.

No Concello de Santa Comba existe unha Feria ou Mercado de carácter periódico e organizado, celebrada tódolos sábados anteriores a o primeiro domingo de mes e o luns seguinte ao segundo e terceiro domingo de mes de todo o ano no campo da feira e no mercado comarcal de gando e explanadas anexas a estas, ou no lugar que designe, con carácter provisional, a Alcaldía, nos casos en que, por motivos accidentais, se precise ditas rúas para a realización de calquera tipo de actividade ou por motivo de obras, que impidan a concorrencia da feira no mesmo espacio.

Artigo 14.- Medidas e distribución dos postos de venda.

1.- Os postos de venda terán como medidas 2, 4, 6 ou 8 m de frente, por un máximo de 4 m de fondo según as zonas. Non podendo a parte máis saínte sobrepasar este fondo máximo. Poderase instalar o vehículo si colle dentro da parcela.

2.- A instalación de postos de medidas superiores ás anteriormente ditas requirirá autorización municipal previa e expresa, debendo fundamentarse na solicitude os motivos que fan necesario unha ocupación superior.

3.- Para a distribución dos postos elaborarase un plano de ubicación no que aparecerán identificadas as zonas nas que poden situarse os postos. Os interesados nun posto de venda sinalarán na súa solicitude a orde de preferencia das zonas establecidas.

Cando as solicitudes para unha determinada zona superen as que poidan ser autorizadas no mesmo lugar concederanse mediante sorteo público ante o secretario/a da corporación.

Artigo 15.- Horario de instalación, funcionamento e recollida das Feiras e Mercados.

O horario das feiras e mercados será o seguinte:

- De instalación: de 7:00 a 9:00 horas.

- De funcionamento: de 9:00 a 14:00 horas.

- De recollida: de 14:00 a 16:00 horas.

Artigo 16.- Estacionamento de vehículos dos vendedores ambulantes nas rúas das Feiras e Mercados.

Cando o uso do vehículo sexa imprescindible durante toda a xornada de mercado, debido ás especiais características das mercadorías ofertadas, deberá sinalarse na solicitude de autorización municipal, e esta circunstancia deberá ser reflexada no documento en que conste a autorización.

Capítulo II

VENDA EN VEHÍCULOS DE CARÁCTER ITINERANTE

Artigo 17.- Réxime de funcionamento

Esta modalidade de venda só se poderá exercer dende vehículo-tenda e sen posto fixo, axustándose ás seguintes características e nos supostos contemplados no art. 4.e).

1.- Os vehículos deberán dispor de cámara frigorífica en debidas condicións, cando os artigos obxecto de venda autorizados requiran determinadas condicións de frío ou refrixeración.

2.- A venda limitarase ó ámbito xeográfico ou perímetro municipal que sinale o respectivo permiso. O seu incumprimento motivará a retirada do permiso, con prohibición de exercer a venda ambulante.

TÍTULO IV

DAS AUTORIZACIÓNS MUNICIPAIS

Capítulo I

DO OUTORGAMENTO DE AUTORIZACIÓNS

Artigo 18.- Características das autorizacións.

1.- Para a instalación dun posto de venda ambulante no municipio, ou para a realización da venda ambulante sen posto, mediante o acarrexo persoal polo vendedor das mercadorías, a pé, en tránsito polas vías públicas locais, será preciso a obtención da correspondente autorización municipal, conforme ó procedemento que se especifica na presente ordenanza.

2.- A autorización para a instalación dun posto de venda ambulante no municipio dará dereito a un só posto de venda e só poderá solicitarse unha por cada epígrafe da CNAE que determina a suxeición ao IAE.

3.- A autorización concederase ás persoas físicas ou xurídicas e terá carácter persoal e intransferible. En ningún caso poderanse proceder ó traspaso de postos polos titulares de autorizacións municipais. Non obstante, á petición do interesado, a autorización habilitará, ademais do seu titular, ó cónxuxe e ós seus ascendentes ou descendentes directos maiores de 16 anos e ás persoas vinculadas a el mediante contrato laboral. Non poderá ser cedida ou alugada a terceiros. Nos casos de Cooperativas de traballo asociado, as autorización outorgaranse, en todo caso a nome da Cooperativa, que deberá de cumprir tódolos requisitos esixidos nesta Ordenanza.

4.- A autorización terá inicialmente un período de vixencia de UN ANO natural, caducando polo tanto o 31 de decembro. A autorización entenderase caducada automáticamente, sen que sexa preciso notificación. Non caberá a prórroga da autorización, sendo preciso a tramitación dunha nova para cada ano, debendo, en caso de desexar non interrompe-la actividade de venda, ser solicitada como mínimo antes do 30 de novembro do ano natural de remate da anterior autorización.

5.- A autorización para o exercicio da venda non dará dereito ó seu titular a realizar ningunha ocupación superficial e só autoriza a estacionarse o tempo necesario para realiza-las operacións ou transaccións propias da industria ou oficio obxecto da autorización.

6.- As autorizacións entenderanse concedidas con carácter provisional e en precario. Poderán ser revogadas polo Xunta de Goberno Local ou órgano en quen delegue, cando se considere convinte, en atención á desaparición das circunstancias que a motivaron, sen que tal feito dea orixe a indemnización ou compensación ningunha. Igualmente, o alcalde ou órgano en quen delegue, previo acordo motivado, que será comunicado ós interesados, poderá dispor dos terreos que veñan ocupando os postos de venda ambulante para realizar algún evento especial, sen que isto dea dereito a ningunha indemnización.

7.- A asignación da localización correspondente a cada autorización é competencia do Xunta de Goberno Local ou órgano en quen delegue.

Artigo 19.- Solicitude de autorización de exercicio da actividade de venda ambulante en Santa Comba.

1.- As solicitudes de autorización deberán formularse no modelo normalizado que se proporcionará nas oficinas municipais, ó que se achegará a seguinte documentación:

- Empresario individual: fotocopia compulsada do DNI, pasaporte ou documento que o substitúa.

- Persoas xurídicas: fotocopia compulsada do CIF, da escritura de constitución ou modificación, no seu caso, inscrita no Rexistro Mercantil, cando este requisito fose esixible conforme á lexislación mercantil que lle fose aplicable. Se non o fose, deberá achegar escritura ou acta fundacional, nas que constaren as normas polas que se regula a súa actividade, inscritas, no seu caso, no correspondente rexistro oficial.

- Poderes: cando o solicitante non actúe en nome propio ou se trate de sociedade ou persoa xurídica, deberá adxuntarse fotocopia compulsada do poder notarial para representar á persoa ou entidade en nome do que concorre ante a Administración, así como fotocopia do DNI do apoderado.

- Dous retratos actuais do solicitante tamaño carné.

- De se-lo caso, nome e apelidos do cónxuxe e dos seus descendentes directos maiores de 16 anos e das persoas vinculadas a el mediante contrato laboral, que desexa que queden habilitadas para venda ambulante.

- De se-lo caso, fotocopias compulsadas do DNI do cónxuxe, dos seus ascendentes ou descendentes directos maiores de 16 anos e dos traballadores que desexa habilitar coa súa autorización e, neste último caso, do/os correspondente/es contrato/os laboral/ais.

- No caso de Cooperativas de Traballo asociado, deberase achegar relación de tódolos seus asociados, xunto con copias dos seus DNI.

- Fotocopia compulsada do último recibo acreditativo do pagamento do imposto de actividades económicas correspondente, con indicación do epígrafe ou epígrafes fiscais correspondentes e clase (municipal, provincial ou nacional). De se atopar exento do pagamento do dito imposto, certificación do Municipio no que se atope de alta de non estar suxeito ó pagamento. Esta certificación non será precisa se o vendedor se atopa de alta no Municipio de Santa Comba.

- Certificación expedida pola Xunta de Galicia acreditativa da súa inscrición no Rexistro de Comerciantes Ambulantes de Galicia.

- Acreditar, se é o caso, a titulación e colexiación oficial, así como a prestación das fianzas e aquelas garantías que sexan esixidas pola lexislación vixente para a venda de determinados produtos ou prestación de determinados servizos. No suposto de non estar obrigado a acredita-los extremos antes expresados, presentarase declaración xurada na que se faga constar este pormenor.

- Certificación administrativa expedida polo órgano competente acreditativa de estar ó día no cumprimento das súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

- Declaración de quen vai se-la persoa que exercerá a venda no posto solicitado. No suposto de que esta sexa un traballador dependente do solicitante, este presentará fotocopia compulsada do documento que acredite a alta daquel na Seguridade Social.

- Declaración expresa na que o peticionario manifeste coñece-las normas ás que debe axustarse a súa actividade e o compromiso de observalas.

- Fotocopia compulsada do carné de manipulador de alimentos en vigor, no seu caso, se se van vender produtos alimenticios.

- Copia compulsada de póliza contratada en vigor sobre seguro de responsabilidade civil que cubra os riscos que puidesen derivarse do exercicio da actividade.

- Permisos de residencia e traballo, segundo a normativa específica vixente, no caso de que o solicitante sexa estranxeiro pertencente a un país non comunitario, ou tarxeta de residencia, no caso de que proceda de país comunitario.

Toda esta documentación deberá presentarse tan só a primeira vez que se solicite a autorización, pero non no caso de renovación desta, agás a correspondente ó IAE e á Seguridade Social (xustificantes de pagamento dos últimos tres recibos de cotizacións), que terá que ser presentada xunto coa nova solicitude de autorización.

2.- O modelo ou impreso normalizado que facilite ó Municipio conterá, como mínimo, os seguintes datos:

a) Nome e apelidos, domicilio para os efectos das notificacións, número do DNI ou, de se-lo caso, do pasaporte en vigor.

b) Emprazamento no que se pretende exerce-la actividade.

c) Mercadorías ou artigos que se pretendan vender. Calquera cambio deberá ser comunicado ó Municipio previamente.

d) Tempo polo que se solicita a autorización.

e) Indicación se a venda se pretende facer en posto desmontable ou dende o vehículo.

f) Número de conta bancaria, cos 20 díxitos, onde realiza-los cargos dos tributos que correspondan, no seu caso.

Artigo 20.- Outorgamento, anulación, suspensión ou modificación das autorizacións.

1.- Corresponde o Xunta de Goberno Local ou órgano en quen delegue a concesión, anulación, suspensión ou modificación das autorizacións para o exercicio da venda ambulante en Santa Comba coas previsións contidas nesta ordenanza e demais normativa vixente.

2.- O prazo máximo para dictar resolución expresa e notificala ós interesados será de tres meses, contados a partir da presentación da solicitude ou do derradeiro documento requirido. O vencemento deste prazo sen que se notifique a resolución expresa lexitimará ós interesados para entender desestimada a súa petición por silencio administrativo.

Artigo 21.- Tarxeta ou documento acreditativo.

1.- O Municipio expedirá unha tarxeta ou documento acreditativo da autorización para o exercicio da venda ambulante no que constarán os datos establecidos no artigo 14.1 do Decreto 194/2001, do 26 de xullo, de ordenación da venda ambulante. Na súa parte posterior este documento levará un resume dos aspectos máis importantes desta ordenanza, como o carácter provisional e en precario da autorización e o relativo ás faltas e ás sancións.

2.- O vendedor está obrigado a expoñe-lo dito documento en lugar ben visible do seu posto de venda e a exhibilo ás autoridades ou axentes municipais ou de calquera natureza cando estas llo pidan. Os vendedores en tránsito a pé deberán levar sempre consigo o documento, e estarán obrigados a exhibilo a requirimento das autoridades e axentes municipais.

3.- Os servizos municipais levarán un libro rexistro das autorizacións.

Artigo 22.- Rexistro municipal de vendedores ambulantes.

Crearase un Rexistro municipal de vendedores ambulantes, que será xestionado pola secretaria da corporación, no que se inscribirán todos aqueles comerciantes que conten coa preceptiva autorización para o exercicio da actividade de venda ambulante, as condicións fixadas para o seu desenvolvemento, así como calquera modificación.

Artigo 23.- Adxudicación de postos vacantes.

Cando quede vacante un posto de venda ambulante, poderán optar a él polo seguinte orde:

1.- Os autorizados de postos lindantes, que poderán ampliar ata un máximo de 8,00 m. Se queren ampliar ambos lindantes, previa solicitude dos interesados, repartirase o posto por partes iguais.

2.- O vendedor ambulante autorizado que queira cambiar a súa ubicación, previa solicitude do interesado.

3.- O vendedor o que se lle denegou a autorización por non existir postos libres.

No suposto de ser varios os interesados, atendendo á orde anterior, resolverase por antigüidade e no seu defecto por sorteo.

 

Capítulo II

EXTINCIÓN E REVOGACIÓN DAS AUTORIZACIÓNS

Artigo 24.- Extinción.

1.- Sen prexuízo do disposto noutros preceptos desta ordenanza, as autorizacións extinguiranse polas seguintes causas:

a) Transcurso do tempo polo que se outorgaron.

b) Renuncia expresa e escrita do titular.

c) Quebra do titular declarada por resolución xudicial firme.

d) Causas sobrevidas de interese público antes do remate do prazo polo que se outorgou.

e) Morte do titular, agás os casos de habilitación previstos no artigo 15.3.

f) Disolución da sociedade.

g) Subalugueiro ou cesión do posto a un terceiro, agás transferencia a prol de cónxuxe ou fillo maior de 18 anos.

h) Perda dalgún dos requisitos establecidos no artigo 16.

i) Non ocuparse ou permanece-lo posto pechado por espacio de máis de tres feiras consecutivos ou máis de seis feiras non consecutivas ó longo do ano, agás causa xustificada a criterio do órgano que outorgou a autorización.

l) Falta de pagamento das exaccións correspondentes dentro do prazo fixado na correspondente ordenanza fiscal.

m) Falta de pagamento das sancións municipais que se impoñan.

2.- Agás os supostos de extinción por transcurso do prazo, que operará automaticamente, os expedientes de extinción poderán iniciarse de oficio ou a instancia de parte, correspondendo a súa resolución a Xunta de Goberno Local.

3.- O expediente de extinción será sometido a información pública durante 20 días mediante notificación persoal ó interesado e anuncio que se publicará no taboleiro de edictos do Concello e no lugar de emprazamento do posto en cuestión.

Artigo 25.- Revogación.

As autorizacións quedarán sen efecto e poderán ser revogadas, ademais dos casos previstos no artigo anterior, cando se incumpran as condicións en que foron outorgadas ou o disposto na presente ordenanza e demais normativa aplicable.

TÍTULO V

INFRACCIÓNS E SANCIÓNS

Artigo 26.- Infraccións.

1.- Constitúen infraccións unicamente as conductas tipificadas como tales neste artigo.

2.- O incumprimento das normas establecidas na presente ordenanza, así como as determinadas na normativa reguladora da defensa dos consumidores e usuarios e demais normativa de aplicación dará lugar á incoación do correspondente procedemento sancionador. As faltas clasificaranse en leves, graves e moi graves.

3.- Serán faltas leves:

a) As pequenas discusións.

b) A producción de ruídos, berros ou música que incumpran a normativa de ruídos e vibracións.

c) O levantamento do posto antes da hora prevista, sen causa xustificada e a debida autorización municipal.

d) A non retirada do posto dentro do horario establecido.

e) Non expoñer en lugar visible a tarxeta de autorización municipal.

f) Non comunicar ó Concello os cambios de enderezo do titular da autorización.

g) A ocupación do dominio público con vehículos cando non estea expresamente autorizada na tarxeta.

h) Calquera outra infracción ó disposto nesta ordenanza que non estea cualificada como falta grave ou moi grave.

4.- Serán faltas graves:

a) As discusións que produzan escándalo.

b) Non cumpri-las normas de seguridade das instalacións e dos seus elementos.

c) A falta de ornato ou limpeza das instalacións e da súa zona circundante.

d) O desacato ou desobediencia ás disposicións, mandatos ou ordes do Concello por medio de calquera dos seus membros, axentes ou funcionarios competentes nesta materia.

e) As modificacións na estructura ou na instalación dos postos, sen autorización ou incumprindo as normas ditadas ó respecto polo Concello.

f) Causar dolosa ou neglixentemente danos ós edificios, postos, instalacións ou bens de dominio público.

g) As defraudacións na cantidade e cualidade dos xéneros vendidos.

h) Non acreditar con factura ou albarán xustificativo a correspondente procedencia da mercadoría á venda para a súa posible comprobación e control.

i) A venda de artigos distintos ós autorizados por licencia municipal.

j) Non estar en posesión do carné de manipulador de alimentos cando a actividade que desenvolva así o requira.

k) Non instala-lo posto no lugar indicado ou asignado para tal efecto.

l) Tirar ou deixar no dominio público o lixo ou refugallos da actividade.

m) A reiteración de calquera falta leve no transcurso dun ano dende a comisión da primeira.

5.- Serán faltas moi graves:

a) Os altercados ou alteracións da orde pública.

b) O exercicio da actividade por persoa diferente da autorizada ou do seu suplente.

c) O exercicio por conta propia do comercio ambulante baixo o paraugas ficticio de ser membro dunha Cooperativa de Traballo Asociado, ó se tratar dun falseamento grave das condicións que regulan a venda ambulante e supor unha competencia desleal moi grave ós demais vendedores.

d) A instalación dos postos sen autorización ou a realización de venda en tránsito a pé sen dispór da autorización municipal.

e) O non estar inscrito no imposto de actividades económicas ou non estar ó día no pagamento das obrigas tributarias respecto da actividade que se exerza.

f) Non estar dado de alta no réxime correspondente da Seguridade Social, así como ó corrente no pagamento das obrigas coa Seguridade Social.

g) A venda de produtos en estado tal que poidan causar dano para a saúde.

h) A venda de produtos que vulneren as leis de propiedade intelectual.

i) Incumprimento das disposicións sanitarias aplicables ás instalacións ou produtos que se vendan.

j) A reiteración de dúas faltas graves dentro do ano.

6.- A aquelas infraccións da presente ordenanza que sexan concordantes coas establecidas na Lei 26/1984, do 19 de xullo, xeral para a defensa dos consumidores e usuarios, seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no devandito texto legal, así como nas normas que o desenvolven.

Artigo 27.- Sancións.

As sancións que se aplicarán serán as que seguen:

1.- Por faltas leves:

a) Apercibimento.

b) Multa de ata 300,00 euros.

2.- Por faltas graves:

a) Multa de ata 500,00 euros.

b) Suspensión temporal da autorización de 15 a 30 días hábiles.

3.- Por faltas moi graves:

a) Multa de ata 750,00 euros.

b) Suspensión temporal da autorización de 30 días hábiles a 6 meses.

c) Revogación da autorización sen dereito a indemnización, ata coa posibilidade de chegar a decomisa-la mercadoría nos casos de venda de produtos non autorizados e nos casos legalmente establecidos.

Ademais, no caso de infracción moi grave, poderá impoñerse a sanción de prohibición para o exercicio da actividade en todo o municipio por período de ata 3 anos. Esta sanción aplicarase acumulándoa á contemplada na letra c).

4.- Todo vendedor sancionado economicamente non poderá exerce-la venda en tanto non aboe a contía da sanción.

5.- Correspóndelle a Xunta de Goberno Local a imposición de multas e demais sancións, agás as moi graves, que serán competencia do Pleno.

Artigo 28.- Procedemento.

Para a determinación das infraccións e a imposición das sancións previstas nesta ordenanza será de aplicación o procedemento administrativo sancionador regulado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora con carácter xeral; a Lei 30/1992, do 26 de novembro, reguladora do réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, o Título XI da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e demais normas concordantes.

Artigo 29.- Retirada ou comiso de mercadorías.

No caso de reiterada pretensión dalgún vendedor de exerce-la actividade sen a correspondente licenza, poderá serlle retirada a mercadoría sen dereito a indemnización.

Esta medida terá carácter cautelar, e garantirá a efectividade do cobro das sancións que correspondan.

Igualmente, cando se atopen á venda produtos que vulneren a normativa sobre propiedade industrial ou intelectual, poderá procederse ó comiso das mercadorías, procedendo á formalización da denuncia ante a autoridade competente, e á aseguranza da mercadoría como proba da infracción cometida.

Disposición transitoria.

Os comerciantes ambulantes que veñen exercendo este tipo de venda no momento de entrada en vigor desta norma, e que reúnan os requisitos nela establecidos, conservarán o sitio no que se veñen instalando, debendo obter a preceptiva licencia municipal no prazo de un mes a contar dende a súa publicación no BOP, asemade respectarase a antigüidade das solicitudes de postos vacantes que reúnan os demais requisitos establecidos nesta ordenanza e demais normativa aplicable.

Disposición derradeira.

A presente ordenanza entrara en vigor unha vez sexa publicado integramente o seu texto no BOP e transcorra o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril.