Ordes - ORDENANZA FISCAL Nº 22, REGULADORA DA TAXA POR LICENCIA DE APERTURA DE ESTABLECEMENTOS.

Publicación provisional: 05/11/2007 BOP Nº: 255
Publicación definitiva: 21/12/2007 BOP Nº: 293
Aplicable dende: 01/01/2008

Artigo 1º. Fundamento e natureza.

En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 e 20.4 i) do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, este Concello establece a taxa por licencia de apertura de establecementos, que se regula pola presente Ordenanza Fiscal segundo o previsto no artigo 57 do devandito Real decreto.

Artigo 2º. Feito impoñible.

1. Constitúe o feito impoñible da taxa a actividade municipal, tanto técnica como administrativa, tendente a verificar se os establecementos industriais e mercantís reúnen as condicións de tranquilidade, sanidade e salubridade, e calquera outra esixida polas correspondentes ordenanzas e regulamentos municipais e xerais para o seu normal funcionamento.
2. Para tal efecto considerarase apertura:
a) A instalación por primeira vez do establecemento para dar comezo ás súas actividades.
b) A variación ou ampliación da actividade desenvolvida no establecemento.
c) A ampliación do establecemento e calquera ampliación que se leve a cabo neste e que afecte as condicións sinaladas no nº 1 deste artigo, esixindo nova verificación das mesmas.
3. Entenderase por establecemento industrial ou mercantil toda edificación habitable, estea ou non aberta ao público, que non se destine exclusivamente a vivenda, e que:
a) Se dedique ao exercicio dalgunha actividade empresarial, fabril, artesá, de construción, comercial e de servizos que estea suxeita ao Imposto sobre Actividades Económicas.
b) Aínda sen desenvolver as ditas actividades, que sirvan de auxilio ou complemento para as mesmas, ou teñan relación con elas de xeito que lles proporcionen beneficios ou aproveitamento como, por exemplo, sedes sociais, axencias, delegacións ou sucursais de entidades xurídicas, escritorios, oficinas, despachos ou estudios.

Artigo 3º. Suxeito pasivo

Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas e/ou xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria, titulares da actividade que se pretende desenvolver ou, de ser o caso, desenvolvida en calquera establecemento industrial ou mercantil.

Artigo 4º. Responsables.

1- Responderán solidariamente das débedas tributarias as persoas ou entidades ás que se refire o artigo 42 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria.
2- Serán responsables subsidiarios as persoas ou entidades ás que se refire o artigo 43 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria.

Artigo 5º. Base impoñible.

Constitúe a base impoñible da taxa o valor do metro cadrado do local a ocupar coa actividade, que de seguido se indican: 3,15 €/m²

Artigo 6º. Cota tributaria.

1- A Cota tributaria determinarase multiplicando a superficie do local polo prezo unitario fixado no artigo anterior.
Dada a maior complexidade, e conseguintemente o maior custo da tramitación, incrementarase nun 50% a cota resultante no caso de licencias de apertura referida a actividades molestas, insalubres e perigosas, instaladas en solo urbano e en solo non urbanizable que esixa trámite de excepción, e as nocivas e perigosas en calquera clase de solo.
3- A cota tributaria esixirase por unidade de local.
A efectos de determinar a superficie computable do local aplicaranse as regras do Anexo II do Real Decreto Lexislativo 1175/1990 de 28 de setembro polo que se aproban as tarifas e a instrución do Imposto de Actividades Económicas.
4- Nos casos de variación ou ampliación de actividade a desenvolver no establecemento suxeito, da cota que resulte por aplicación dos apartados anteriores deste artigo, deducirase o devengado por este concepto tributario con ocasión da primeira apertura e de ulteriores variacións ou ampliación da actividade, así como da ampliación do local. A cantidade a ingresar será a diferenza resultante.
5- No caso de desistimento formulado polo solicitante con anterioridade á concesión da licencia, as cotas a liquidar será o 25% das sinaladas no número anterior, sempre que a actividade municipal se tivera iniciado efectivamente.

Artigo 7º. Exencións e bonificacións.

Non se concederá exención nin bonificación ningunha na exacción da taxa, salvo os expresamente previstos por normas con rango de Lei ou os derivados da aplicación dos tratados internacionais.

Artigo 8º. Devengo.

1- A taxa devéngase e nace a obriga de contribuír, cando se inicie a actividade municipal que constitúe o feito impoñible. A estes efectos, entenderase iniciada a dita actividade na data de presentación da oportuna solicitude da licencia de apertura, se o suxeito pasivo formulase expresamente esta.
2- Cando a apertura xa tivera lugar sen ter obtido a oportuna licencia, a taxa devengarase cando se inicie efectivamente a actividade municipal conducente a determinar se o establecemento reúne ou non as condicións esixibles, con independencia da iniciación do expediente administrativo que poda instruírse para autorizar a apertura do establecemento ou decretar o seu peche, se non fora autorizable a dita apertura.
3- A obriga de contribuír, unha vez nacida, non se verá afectada en modo algún pola denegación da licencia solicitada ou pola concesión desta condicionada á modificación das condicións do establecemento, nin pola renuncia ou desistimento do solicitante unha vez concedida a licencia.

Artigo 9º. Declaración.

1- As persoas interesadas na obtención dunha licencia de apertura de establecemento presentarán previamente, no rexistro xeral, a oportuna solicitude, con especificación da actividade ou actividades a desenvolver no local, acompañada da declaración de superficie do local.
2- Se despois de formulada a solicitude de licencia de apertura se variase ou ampliase a actividade a desenvolver no establecemento, ou se alterasen as condicións proxectadas por tal establecemento, ou ben se ampliase o local inicialmente previsto, estas modificacións deberán de poñerse en coñecemento da administración municipal co mesmo detalle e alcance esixidos na declaración prevista no número anterior.

Artigo 10º. Liquidación e ingreso.

Finalizada a actividade municipal, e unha vez ditada a resolución municipal que proceda sobre a licencia de apertura, practicarase a liquidación correspondente pola taxa, que será notificada ao suxeito pasivo para o seu ingreso directo nas arcas municipais utilizando os medios de pago e os prazos que sinala a Lei Xeral Tributaria.

Artigo 11º. Infraccións e sancións.

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias e imposición de sancións correspondentes rexerá o disposto no artigo 178 e seguintes da Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria.

Disposición derradeira.

A presente ordenanza fiscal, aprobada definitivamente polo Pleno do Concello de Ordes en sesión celebrada o 29 de outubro de 2007 entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, e será de aplicación partires do 1 de xaneiro de 2008, permanecendo en vigor ate a súa modificación ou derrogación expresa.