Curtis - ORDENANZA REGULADORA DO PREZO PÚBLICO POLA PRESTACIÓN DE SERVIZOS CULTURAIS, EDUCATIVOS, SOCIAIS, DEPORTIVOS E ANÁLOGOS POLO CONCELLO DE CURTIS

Publicación provisional: 03/11/2010 BOP Nº: 209
Publicación definitiva: 23/12/2010 BOP Nº: 243
Aplicable dende: 24/12/2010

ARTIGO 1.º.-FUNDAMENTO E NATUREZA.

En virtude do disposto no artigo 142 da Constitución Española, e nos artigos 4 e 49 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, e de conformidade co disposto nos artigos 41 a 47 do Real decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, este Concello establece o prezo público pola prestación de servizos culturais, educativos, sociais, deportivos e análogos polo Concello.

ARTIGO 2.º.-FEITO IMPOÑIBLE.

Constitúe o feito impoñible do prezo público pola prestación de servizos deportivos, educativos, sociais, culturais e análogos polo Concello de Curtis.

ARTIGO 3.º.-SUXEITOS PASIVOS.

Terán a consideración de suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas e xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 33 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria que de beneficien dos servizos ou actividades mencionados no artigo anterior.

ARTIGO 4.º.-RESPONSABLES.

1.-Responderán solidariamente das obrigas tributarias adquiridas polo suxeito pasivo todas as persoas físicas que sexan causantes ou colaboren na comisión dunha infracción tributaria.

2.-Os copartícipes ou cotitulares das entidades xurídicas ou económicas a que se refire o artigo 33 da mencionada Lei Xeral Tributaria responderán solidariamente en proporción ás súas respectivas participacións das obrigas tributarias adquiridas por ditas entidades.

3.-Os administradores de persoas xurídicas que non realizaran os actos da súa incumbencia para dar cumprimento ás obrigas tributarias adquiridas por aquelas responderán subsidiariamente das débedas seguintes:

a) Cando se cometeu unha infracción tributaria simple, do importe da sanción.

b) Cando se cometeu unha infracción tributaria grave, da totalidade da débeda esixible.

c) En supostos de cese de actividades da sociedade, do importe das obrigas pendentes de cumprimento na data de cese.

4.-As responsabilidades enunciadas neste artigo esixiranse en todo caso nos termos e con arranxo ó procedemento previsto na Lei Xeral Tributaria.

ARTIGO 5.º.-PREZO.

O prezo ven determinado pola cantidade resultante de aplicar as seguintes tarifas:

1.-Actividades deportivas, sociais, culturais, lúdicas ou educativas organizadas e xestionadas polo concello: 8 euros/mes.

O importe virá determinado en función do número das actividades escollidas polos distintos membros da familia, segundo a táboa seguinte:

1.ª actividade: 8 euros/mes.

2.ª actividade: 16 euros/mes.

3.ª actividade: 24 euros/mes.

4.ª actividade: 28 euros/mes.

5.ª actividade: 32 euros/mes.

6.ª actividade: 36 euros/mes.

7.ª actividade: gratuíta.

2.-Cursos formativos: 1,30 euros/hora lectiva.

Cando existan subvencións públicas ou privadas concedidas ó concello para o financiamento dos cursos establecerase un prezo específico, mediante acordo adoptado pola xunta de goberno local, en función da porcentaxe de financiamento externo sobre o custo total do curso.

3.-Excursións, viaxes e actividades puntuais:

a) Excursións de mais de 1 día: o prezo será o 70% do custo real.

b) Excursións de 1 día: o prezo será de 12 euros.

Cando existan subvencións públicas ou privadas concedidas ó concello para o financiamento das excursións de duración superior a 1 día procederase do seguinte xeito: detraerase da contía a pagar polo usuario a mesma porcentaxe que supoña a achega concedida sobre o custo real da excursión. En ningún caso o usuario pagará menos do 30% do custo real da excursión.

4.-Actividades periódicas: o prezo será do 100% do custo real da actividade. Poderá existir unha bonificación de ata o 70% do custo, a cal será estimada para cada actividade por resolución da alcaldía ou acordo adoptado pola xunta de goberno local.

No caso de inscribirse mais de un membro da unidade familiar na actividade, teranse en conta as seguintes bonificacións:

2 membros: 10%.

3 membros: 20%.

4 membros: 30%.

5 ou mais membros: 50%.

As persoas ou entidades que pretendan a aplicación dunha exención ou dunha bonificación sobre a taxa correspondente deberán solicitalo cando menos con dúas semanas de antelación ó día en que vaia ter lugar a realización do feito impoñible, debendo acreditar as circunstancias que xustifiquen tal aplicación.

ARTIGO 6.º.-NORMAS DE XESTIÓN.

1.-O prezo público esixirase en réxime de autoliquidación.

2.-A obriga do pagamento do prezo público xurde desde que se inicia a prestación do servizo. Sen embargo, o concello, de conformidade ca habilitación prevista no artigo 46 do RDLex. 2/2004, de 5 de marzo, esixirá o depósito previo do seu importe total, polo que os interesados na prestación do servizo de que se trate deberá presentar a solicitude de matrícula nos prazos que se fixen cada ano na correspondente convocatoria, que será aprobada por Decreto da alcaldía e nese momento será abonado o importe do prezo público, en concepto de depósito previo, mediante transferencia realizada a unha conta das que o Concello ten abertas en calquera das entidades bancarias do municipio. As listas de admitidos, que determinarán dun xeito definitivo os obrigados ó pago, serán aprobadas pola Alcaldía, previo informe do técnico da área correspondente.

3.-Non se prestará o servizo solicitado sen a presentación do xustificante de ter ingresado o correspondente prezo público.

4.-Cando por causas non imputables ao obrigado ao pagamento do prezo, non se preste o servizo, procederá a devolución do importe correspondente.

5.-No caso de existir varias solicitudes coincidentes darase preferencia no caso dos particulares ós empadroados no Concello de Curtis e no caso de entidades ás que teñan a súa sede social no Concello.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA.

A presente ordenanza regula a ordenanza fiscal reguladora do prezo público por prestación de servicios e utilización de instalacións culturais, educativas, sociais, deportivas e análogas de titularidade municipal vixente ata o de agora no Concello de Curtis.

DISPOSICIÓN DERRADEIRA.

A presente ordenanza, unha vez aprobada definitivamente, entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia da Coruña