Cerdido - ORDENANZA FISCALREGULADORA DA TAXA POLO OUTORGAMENTO DE LICENZAS DE APERTURA DE ESTABLECEMENTOS

Publicación provisional: 27/11/2006 BOP Nº: 272
Publicación definitiva: 27/11/2006 BOP Nº: 272
Aplicable dende: 25/10/2011

Artigo 1º. Fundamento e natureza.

En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, en relación cos artigos 149 e seguintes, 137 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 20 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, este Concello establece a "taxa por licenzas de apertura de establecementos", que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, as normas da cal atenden ó prevenido no artigo 57 do citado Real Decreto Lexislativo.

Artigo 2º. Feito impoñible.

O primeiro paragrafo queda redactado do seguinte xeito: 1. Constitúe o feito impoñible da taxa a actividade municipal, tanto técnica como administrativa, tendente a verificar se os establecementos industriais e mercantís reúnen as condicións de tranquilidade, sanidade, salubridade e calquera outras esixidas polas correspondentes ordenanzas e regulamentos municipais ou xerais para o seu normal funcionamento, nos supostos da tramitación da licenza de apertura ou nos supostos de comunicación previa ou declaración responsable.

Artigo 3º. Suxeito pasivo.

Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas e xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35.4 e seguintes da Lei 58/2003, de 17 de decembro, xeral tributaria, titulares da actividade que se pretende desenrolar ou, no seu caso, se desenrole en calquera establecemento industrial ou mercantil.

Artigo 4º. Responsables.

1. Responden solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas a que se refiren os artigos 41 e 42 da Lei xeral tributaria.

2. Serán responsables subsidiriarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de crebas, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 43 da Lei xeral tributaria.

Artigo 5º. Cota tributaria.

1. A cota tributaria determinarase por unha cantidade fixa sinalada segundo a natureza do expediente a tramitar, de acordo coa tarifa que contén o artigo seguinte.

2. A cota de tarifa corresponde á tramitación completa do expediente de que se trate, dende a súa iniciación ata a súa resolución final, incluída a certificación e notificación ó interesado do acordo recaído.

Artigo 6º. Tarifa.

1. As cotas tributarias determinaranse de acordo coa seguinte tarifa:

a) Licenzas de tramitación ordinaria para establecementos de ata 200 m2 construídos: 175,00 euros.

b) Licenzas de tramitación ordinaria para establecementos de máis de 200 m2 construídos: 250,00 euros.

c) Licenzas para actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas e outras de tramitación especial en establecementos de ata 200 m2 construídos: 500,00 euros.

d) Licenzas para actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas e outras de tramitación especial en establecementos de máis de 200 m2 construídos: 975,00 euros.

e) Cambios de titularidade ou calquera outro suposto de tramitación equivalente que non requira informes técnicos: 60,00 euros.

f) O custo das publicacións de edictos nos boletíns oficiais, para aquelas actividades que o necesiten, serán por conta do interesado e cobraranse coa liquidación da taxa correspondente.

3. Cando nun establecemento ou local que pertenza a un só titular se vaia exercer máis dunha actividade industrial ou mercantil e, polo tanto, sexa necesaria a obtención de varias licenzas e o conseguinte pagamento de distintas taxas de apertura, a cota a satisfacer será a maior que corresponda, aplicándolle un recargo do 50 por cento.

4. No caso de desestimento formulado polo interesado con anterioridade á concesión da licenza, sempre que a actividade municipal xa se tivese iniciado, as cotas a liquidar serán:

- Do 20 por cento, se se produce no prazo dun (1) mes desde a solicitude.

- Do 50 por cento, se se produce con posterioridade

Artigo 7º. Exencións e bonificacións.

Non se concederán outras exencións ou bonificacións que as expresamente previstas nas leis ou as derivadas da aplicación de tratados ou acordos internacionais.

No obstante estarán exentos de licenza de apertura de establecemento, así como de licenza de actividades clasificadas, aquelas que esten destinadas á agricultura.

Artigo 8º. Devengo.

Queda redactado o seu paragrafo primeiro do seguinte xeito: Devéngase a taxa e nace a obriga de contribuír, cando se inicie a actividade municipal que constitúe o feito impoñible. Para os efectos, entenderase iniciada dita actividade na data de presentación da oportuna solicitude da licenza de apertura ou presentación da comunicación previa ou declaración responsable, se o suxeito pasivo formulase expresamente esta.

Artigo 9º. Normas de Xestión.

Queda redactado do seguinte xeito: 1. As persoas interesadas na obtención dunha licenza de apertura de establecementos industrial ou mercantil presentarán, previamente, no rexistro xeral a oportuna solicitude ou comunicación previa ou declaración responsable, con especificación da actividade ou actividades a desenvolver no local, achegando o proxecto ou documentos esixidos para cada clase de actividade polas disposicións vixentes, ademais da seguinte documentación, dependendo do concepto: a) Licenza para actividades clasificadas: proxecto por triplicado. b) Licenza de apertura: bosquexo de distribución do local. 2. Se despois de formulada a solicitude de licenza de apertura ou comunicación previa ou declaración responsable, se variase ou ampliase a actividade a desenvolver no establecemento, ou se alterasen as condicións proxectadas por tal establecemento ou ben se ampliase o local inicialmente previsto, estas modificacións terán que poñerse en coñecemento da Administración Municipal co mesmo detalle ou alcance que se esixe na declaración prevista no número anterior.

Artigo 10º. Réxime de ingreso.

Queda redactado do seguinte xeito: A tenor da facultade que confire o artigo 26 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, esixirase o depósito previo do importe da taxa regulada nesta Ordenanza, a cuxo fin, o solicitante da licenza procederá a autoliquidar o seu importe e ingresar a cantidade resultante. O depósito será aplicado á satisfacción da cota tributaria no momento de outorgarse a licenza, practicándose a correspondente liquidación provisional, con reintegro do seu importe ao interesado se por causas non imputables a este non chegase a prestarse o servizo. Se da liquidación practicada resultase unha cota superior ou inferior ó depósito constituído, procederase a requirir o ingreso da diferenza antes de expedir a licenza, no primeiro caso, é á devolución do exceso no segundo. Xuntamente co depósito previo ingresarase o importe estimado dos anuncios que sexa necesario publicar e outros gastos análogos que sexan de conta do interesado. Nos supostos de presentación de comunicación previa ou declaración responsable, os obrigados tributarios virán obrigados a presentar ante o Concello a autoliquidación segundo o modelo determinado pola Administración Municipal e simultaneamente procederá a ingresar en fondos municipais a cota que resulte. No devandito documento o declarante fará constar todos os elementos da relación tributaria que sexan necesarios para efectuar a liquidación

Artigo 11º. Caducidade.

1. Consideraranse caducadas as licenzas e taxas satisfeitas por estas se, despois de notificada a súa concesión de xeito legal, non se tivese procedido á apertura do establecemento, por calquera causa, no prazo de tres meses, ou se os interesados non se fixesen cargo da documentación nas oficinas municipais dentro do devandito prazo.

2. Excepcionalmente poderá concederse unha prórroga, sempre que se solicite dentro do prazo anterior e se estivese ó corrente o pagamento das obrigas económicas, que será por outros tres meses. Transcorrido un e outro prazo xorde novamente a obriga de solicitar a licenza.

3. Tamén se producirá a caducidade da licenza se despois de abertos os establecementos pechasen e/ou estivesen dados de baixa polo prazo dun ano, salvo que isto obedeza a unha causa que xustifique adecuadamente o peche, a cal será apreciada polo órgano competente.

Artigo 12º. Infraccións e sancións.

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como nas sancións que ás mesmas corresponden en cada caso, estarase ó disposto nos artigos 181 e seguintes da Lei xeral tributaria.

Disposición adicional única

As modificacións que se introduzan na regulación do establecido nesta ordenanza pola Lei de orzamentos xerais do Estado ou por calquera outra lei ou disposición, e que resulten de aplicación directa, producirán, no seu caso, a correspondente modificación tácita da presente ordenanza fiscal.

Disposición final

A presente ordenanza fiscal foi aprobada polo Pleno da Corporación na sesión que tivo lugar o día 27 de setembro de 2006 e entrará en vigor unha vez publicada definitivamente no Boletín Oficial da Provincia e de conformidade co artigo 107 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de Réxime Local, comenzará a aplicarse a partir do día 1 de xaneiro de 2007, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derogación expresa. No caso de modificación parcial desta ordenanza fiscal os artigos non modificados continuarán vixentes.