Boqueixón - REGULAMENTO DE UTILIZACIÓN DAS INSTALACIÓNS DO XIMNASIO MUNICIPAL

Publicación provisional: 30/12/2000 BOP Nº: 298
Publicación definitiva: 30/12/2000 BOP Nº: 298
Aplicable dende: 11/02/2012

Introdución.

Co fin de promocionar o feito deportivo e a actividade física entre os veciños do Concello, faise necesario regula-lo uso da instalación deportiva do ximnasio xestionada directamente polo Concello. Búscase unha mellora no uso e goce desta instalación, polo que se establecen unha serie de normas de utilización, que terán que cumprirse polos usuarios sempre que se acollan á práctica de actividades neste recinto.

Normas xerais de uso.

Artigo 1.

É obxecto destas normas a instalación deportiva do ximnasio municipal, propiedade do Concello de Boqueixón.

Artigo 2.

Como norma xeral esta instalación destinarase á práctica de actividades deportivas, competicións, espectáculos de natureza deportiva ou recreativa, sen prexuízo de usala nalgunha ocasión para outras manifestacións artísticas ou culturais, e tamén naquelas que sexan de interese para a comunidade. Neste último caso será necesaria unha autorización específica da Alcaldía, do concelleiro de Cultura ou do técnico que corresponda.

Artigo 3.

Nesta instalación deportiva municipal poderanse practicar, preferentemente, aqueles deportes ós que especificamente estea destinada. Tamén se poderán practicar outros deportes ou actividades sempre que sexa tecnicamente posible e previa autorización do Concello.

Artigo 4.

Durante o horario lectivo do curso escolar, terán acceso preferente á instalación os centros docentes sen instalacións deportivas para imparti-la materia de educación física.

Artigo 5.

Fora do horario lectivo, terán preferencia no uso do ximnasio municipal tódolos programas de promoción de actividades deportivas levadas a cabo polo Concello.

Artigo 6.

O Real decreto 1992/1988, do 4 de marzo, ten prohibido fumar nos recintos deportivos (exceptuando as zonas autorizadas), e tampouco se poderá acceder con botes e/ou recipientes de vidro nos espazos deportivos.

Dereitos e deberes dos usuarios.

Artigo 7.

Esta instalación deportiva municipal estará aberta a tódolos cidadáns en condicións de igualdade ou segundo os principios democráticos de convivencia e as normas aquí establecidas, así como ás instrucións de execución das autoridades municipais e dos técnicos encargados do servizo.

Artigo 8.

Os usuarios deberán axustarse ós horarios e características do concepto de reserva da instalación.

Artigo 9.

Para unha correcta utilización do ximnasio municipal e imprescindible e obrigado o uso de calzado e vestimenta adecuada para tódolos participantes (adestradores, xogadores, delegados, árbitros, etcétera).

Non se pode acceder co calzado da rúa nas salas ou na pista de pádel.

Artigo 10.

As avarías, danos e desperfectos que se ocasionen no material ou na instalación por unha actuación neglixente ou impropia darán lugar á responsabilidade por parte do seu autor/es, que lle poderá ser reclamada polo Concello de conformidade co disposto no ordenamento xurídico vixente. Os sancionados poderán dirixir ó Concello o prego de alegacións pertinente.

O incumprimento da normativa pode con levar a expulsión da instalación.

Artigo 11.

O Concello de Boqueixón non se fai responsable dos accidentes ou lesións que se produzan, por unha actuación neglixente ou na práctica deportiva, así como os distintos roubos que sucedan na instalación.

Artigo 12.

O Concello de Boqueixón recomenda a tódalas persoas que fan algún deporte a realización de recoñecementos médicos de forma periódica.

Artigo 13.

As normas a cumprir na sala de musculación son as seguintes:

a) Non poderán acceder á instalación os menores de 16 anos.

b) Os rapaces con idades comprendidas entre 16 e 17 anos poderán acceder a esta sala con autorización paterna por escrito.

c) Non cuspir dentro da instalación.

d) Respectar ós usuarios.

e) Colocar no seu sitio o que se use.

f) Non deixar caer de golpe os aparatos.

g) Coida-lo material da instalación.

h) Cando se encontre, ó entrar ou saír da instalación, con algún desperfecto deberá poñelo en coñecemento dos encargados.

Todo o que non cumpra estas normas será sancionado segundo o regulamento aplicable.

Clubs, asociacións, entidades deportivas ou culturais.

Artigo 14.

Os clubs, entidades ou asociacións deportivas e culturais son responsables solidarias cos seus membros polos danos e prexuízos que se causen na instalación.

Artigo 15.

Cada equipo usará o vestiario que se lle asigne. Os equipos escolares irán acompañados polos mestres ou adestradores que lles correspondan.

Artigo 16.

O uso da instalación durante unha hora determinada ó longo dunha tempada non presupón a adquisición de dereitos de uso para a seguinte.

Artigo 17.

Os clubs, asociacións ou entidades que colaboren na realización de programas municipais terán preferencia no uso da instalación. Esta preferencia será avaliada e determinada polo propio Concello.

Autorizacións e horarios.

Artigo 18.

O horario de utilización da instalación deportiva será elaborado polo persoal do Concello e dado a coñecer ó público en xeral.

O horario de apertura establécese desde as 16.00 ata as 22.00 horas, de luns a venres.

Artigo 19.

O Concello poderá introducir modificacións nos horarios establecidos, cando razóns urxentes de interese público, así o recomenden. Estas modificacións serán notificadas ós afectados.

Artigo 20.

Ningún particular, equipo ou entidade poderá cede-los seus dereitos de utilización a terceiros, excepto coa autorización expresa do Concello.

Disposicións adicionais.

Artigo 21.

O Concello resérvase o dereito de admisión e a modificación da presente normativa.

Artigo 22.

O Concello contestará a tódalas reclamacións debidamente presentadas e rexistradas nas súas oficinas.

Artigo 23.

No previsto nesta normativa, rexerá a lexislación de réxime local.

Disposición final.

Este regulamento entrará en vigor unha vez publicado no Boletín Oficial da Provincia, e comezará a aplicarse a partir do día seguinte ao da citada publicación, permanecendo vixente ata que se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.